Saltar ao contido

O cruceiro na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A seguir recóllese a pegada que se xerou ó redor dos cruceiros na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral (cantigas, contos, lendas), así como rituais e supersticións relacionados con estes monumentos.

Os cruceiros son moito máis que unha manifestación de arte relixiosa, por máis que esa fose a razón orixinal da súa construción. Cumpren, efectivamente, unha función relixiosa, sacralizadora, dun determinado lugar, sexa certo ou non que alí se celebraran cultos pagáns, pero chegan moito máis aló. Tamén son moito máis que un simple fito xeográfico que marca un lugar ou un linde entre parroquias. Son sinais de identidade da aldea ou da parroquia, lugares de encontro e de referencia na vida diaria da xente da aldea. Os cruceiros son obxectos sagrados e, por extensión, tamén o é lugar onde se levantan. Ante os cruceiros rezábase polas ánimas dos mortos, pero tamén pedindo axuda a Deus: lémbrese a lámina de Castelao no caderno Nós: "Non me fan xustiza, Señor".[1]

Ó redor dos cruceiros xurdiron ó longo dos séculos crenzas e supersticións, case sempre relacionadas coa morte de alguén -normalmente, violenta-, e buscouse neles protección contra o sobrenatural, especialmente contra a Santa Compaña[2], as meigas e a morte (quizais aí estea a razón da presenza de tantos cruceiros nas encrucilladas e nos camiños ó cemiterio). Erguéronse na praza da aldea para protección da xente e no campo da feira para a protección do gando.

O feito de erguelos naqueles puntos nos que tivo lugar unha morte violenta busca dar descanso á alma da vítima, propiciar que Deus a acolla e evitar que ande vagando polo lugar e poida producir algún dano ós viandantes.

Cruceiro da Armada, en Cee.

Nalgúns cruceiros existiu o costume de soterrar ó seu pé os nenos mortos sen bautizar, como mostran as letras iniciais ou pequenas cruces gravadas na base do cruceiro.

Ó redor dos cruceiros naceron tamén tradicións, como o bautismo no ventre da nai, ritual profiláctico testemuñado nos cruceiros situados nas pontes[3]) e outras prácticas máxicas para curar o tangaraño (raquitismo) ou para buscar un embarazo; outra práctica neste sentido consistía en levar os meniños que tardaban en andar, ou que tatexaban, onda un cruceiro e dar voltas ó redor con cativo da man dos pais.[4] Así, estes cruceiros identificarían, deste xeito, lugares de curación máxica.

En Cambados, cando os barcos non pescaban o suficiente, as mulleres dos mariñeiros ían vestidas de branco onda certos cruceiros e botábanlle sal, ou deixaban ó pé olas, flores, borralla, etc.

Xa mencionamos que algúns cruceiros posuían unha pequena mesa ó pé. Nesta mesa pousaban o cadaleito no camiño ó cemiterio mentres rezaban un responso. Tamén, noutros sitios, as procesións celebradas con ocasión da festa do lugar aproveitaban esta mesa para pousar o Santo e rezar, ou ben os participantes daban unha volta ó redor do cruceiro.

Aínda hoxe poden verse nalgún caso cirios colocados nos banzos da base, ou ofrendas de froitos, espigas de millo[5], flores, exvotos, que non son outra cousa que anónimos xestos de piedade. Estas manifestacións da devoción popular son máis frecuentes nos petos de ánimas.

Cantigueiro

[editar | editar a fonte]
Ponte dos Padriños, en Ponte Arnelas (Ribadumia). O cruceiro que, segundo a cantiga, estaba no medio, agora está desplazado e descabezado
  • A chorar mollei un pano,/ a chorar mollei un lenzo,/ dende o cruceiro do Gaio/ ao campo de San Lourenzo.[6][7]
  • Á oliveira do adro/ non lle bóte-lo machado,/ que alumea toda a noite/ a Cristo crucificado.[8]
  • A ponte de Pontearnelas/ ten un cruceiro no medio/ para despedir as mozas/ aos mozos de Tremoedo.[6][9]
  • Adiós, calle de Carral, do cruceiro para arriba./ Adiós, casa da Rapela/ onde m'eu adivertía.[6][10]
  • Adiós, sagrado cruceiro,/ campiño da miña terra,/ andar de noite á ruada/ ó lado da miña prenda.[6]
  • Indo para San Andrés, no camiño da romaxe,/ vexo o Cristo dos Carrís/ coidando a miña viaxe.[6][11]
  • Miña nai: naquel cruceiro/ deprendíchesme a rezar;/ ¡se ti souberas que un home/ deprendeume alí a chorar![6]
  • O cruceiro de Pasales/ ten un faroliño/ que o abanea o aire/ cando fai ventiño.[6][12]
  • O cruceiro de Xesteira/ ten dúas pedras de asento;/ unha é de marmurar, outra de pasar o tempo.[6][13]
  • O Santo Cristo da praza/ vai na nosa compañía./ A Virxe da Soedade/ faino nas portas da vila.[6][14]
  • Oe misa onde te vexan, e reza diante os cruceiros; que, anque mates e anque esfoles,/ has de ter terra e máis cedo.[6]
  • Os probes non o ten/ i os ricos non o dan;/ quen queira sentar plaza/ saia ao Cruceiro de Erbán.[15][6]
  • Pasei a Cruz do Fiouco/ cando ía raiar o día./ Levaba de compañeira/ a quen tan ben eu quería.[6][16]
  • Santa Eufemia milagrosa/ ten o cruceiro de pedra,/ ben o pudera ter de ouro,/ ou de prata, si quixera.[6]
  • Se te volvo ver, Rosiña,/ de noite xunto ó cruceiro,/ ou has de velar comigo/ ou durmir co compañeiro.
  • Xunto á Cruz da Gañidoira/ saíronme un día os lobos./ Brilaban os ollos deles/ como brilan os teus ollos.[6][17]

Fermín Bouza-Brey [18] recolle a seguinte lenda en torno ó cruceiro da Gándara, no lugar da Cerqueira (Santa Cristina de Vea, A Estrada).

Cando o lugar da Cerqueira era todo unha carballeira, os lobos levaron unha meniña e os pais non foron quen de atopala, por máis que buscaron. Acudiron á Virxe de Aránzazu, na capela da Gándara, e despois de rezar volveron buscar a filla, atopándoa viva e sa, acariñando un lobo que tiña morto á beira. En sinal de agradecemento á Virxe mandaron construír o cruceiro e gravaron nel esta inscrición: “Xoán de Porto e Catalina de Ribeira, a súa muller, pagaron esta obra ano 1742. Ante este cruceiro unha salve pedimos por quen o mandou facer”.

Cóntase tamén que no lugar –hoxe deshabitado- de Fromariz, en Moncelos, Abadín (Lugo), puxeron un cruceiro porque alí se aparecían ós transeúntes estraños animais: unha vaca con sete becerros, unha cocha con oito ranchos, gatos que se enrodelaban nas pernas etc. E disque que desde que puxeron o cruceiro xa non se aparece nada.[19]

Cóntase que debaixo do cruceiro de Santeles, cara o lugar deste nome na parroquia de Santa María de Aguións, na Estrada (Pontevedra), hai unha trabe de ouro e outra de alcatrán ou de xofre. O problema é que se alguén pretende conseguir o ouro pero, ó cavar, dá coa de alcatrán, morrerá queimado.[20]

O monte Molide levántase entre as parroquias de Ancorados e Berres, tamén na Estrada. Disque na chaira que se estende no cume houbo unha batalla contra os mouros que foron derrotados polos cristiáns. Soterraron ós mouros no mesmo monte, e por iso nin medra a herba nin as árbores nesa chaira. Neste mesmo monte houbo un cruceiro que indicaba un tesouro agochado polos mouros antes de morrer. Unha noite chegou un home ó lugar dos Besteiros, en Riobó, outra parroquia do mesmo concello, pedindo pousada e preguntando cómo chegar ó cruceiro de Molide, onde tiña que resolver un importante asunto. A mesoneira deulle viño e, pouco a pouco, conseguiu sacarlle o segredo: os mouros dixéranlle que ó pé dese cruceiro había un tesouro. En canto se durmiu, a mesoneira e o seu home subiron ó monte e cacharon todo ó redor do cruceiro, atopando o tesouro e agochándoo para eles. Cando espertou o forasteiro levárono ata o cruceiro, pero quedou chafado cando viu que xa estaba todo cavado.[21]

  1. Nós, lámina 19.
  2. Porque a Santa Compaña, disque, foxe dos camiños nos que se levanta un cruceiro.
  3. Se ben, tamén se recorría co mesmo fin ó cruceiro da Basílica de Santa María, en Pontevedra.
  4. A medicina popular, Colexio Público Castrelo, Cambados, 1996, 83.
  5. Como as que aparecen nun dos cadros de Castelao do tríptico Cegos, que pintara para o balneario de Mondariz e que hoxe se expón no Museo de Pontevedra.
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 6,11 6,12 6,13 Burgoa Fernández (2005), 103-106.
  7. Burgoa non indica a localización destes lugares.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa. Fai referencia ó aceite que se quita da oliveira, que ardía nas lámpadas que alumeaban o Sagrario, os cruceiros e moitas imaxes.
  9. Ponte Arnelas é un lugar a cabalo dos concellos de Ribadumia e Vilanova de Arousa; Tremoedo é unha parroquia de Vilanova.
  10. Burgoa non indica a localización destes lugares.
  11. O Cristo dos Carrís é un cruceiro situado no Chao do Monte, chegando xa a Santo André de Teixido. Pode verse aquí.
  12. Cantiga recollida en Redondela. Aquí pode verse unha foto deste cruceiro de pasais e o farol que aínda ten no fuste.
  13. Burgoa non indica a localización destes lugares.
  14. Recollida en Muros (A Coruña).
  15. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 126. Xaquín Lorenzo di que se trata dun cruceiro preto de Quintela de Leirado (Ourense), sen dar máis datos. No Nomenclátor non se recolle ningún Erbán (nin Herbán) en toda Galicia.
  16. Recollida na Pastoriza (Lugo). A cruz do Fiouco está no alto do mesmo nome.
  17. Recollida en Muras (Lugo). Pode verse, xa sen a cruz, aquí.
  18. BOUZA BREY, F. (1932): “Lénda de lobos do cruceiro da Gándara”, en Nós 97, 15 de xaneiro de 1932, 20.
  19. Galicia encantada, O cruceiro de Fromariz.
  20. Galiciaencantada.com, tomado de Manuel Raimóndez Portela.
  21. Galiciaencantada.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Burgoa Fernández, Juan José (2005). Cruces, cruceiros e petos do Camiños Portugués en Galicia. Vigo. AGCE. ISBN 84-87904-37-8.