Saltar ao contido

O curioso incidente do can á medianoite

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O curioso incidente do can á medianoite
Título orixinalThe Curious Incident of the Dog in the Night-Time
Autor/aMark Haddon
CubertaMark Haddon
OrixeInglaterra
Linguainglés
Tema(s)Síndrome de Asperger, Autismo, sen etiquetar e adolescencia
Xénero(s)Novela
Editorial Jonathan Cape
Galicia Rinoceronte Editora
Data de pub. 2003
Galicia 2008
Páxinas284
ISBN 9780099450259
Galicia ISBN 978-84-936101-7-3
TraduciónMoisés Barcia
editar datos en Wikidata ]

O curioso incidente do can á medianoite[1] (en inglés: The Curious Incident of the Dog in the Night-Time) é unha novela do escritor inglés Mark Haddon, escrita orixinalmente en lingua inglesa. A obra recibiu en 2003 o premio Libro do Ano Whitbread, en 2005 o premio ao Mellor primeiro libro para novos lectores e lectoras, e en 2004 o Premio para Escritores da Commonwealth como mellor primeiro libro. O título da novela é unha cita a un comentario feito polo detective de ficción Sherlock Holmes no conto Silver Blaze, de Arthur Conan Doyle. A novela foi traducida ao galego por Moisés Barcia e publicada en 2008 por Rinoceronte Editora[2]

A historia está escrita en primeira persoa por Christopher John Francis Boone, un mozo de 15 anos cun trastorno do espectro autista que vive en Swindon (Wiltshire). O trastorno de Christopher dentro do espectro do autismo non se determina de forma explícita, se ben a propaganda do libro indica que podería ser a síndrome de Asperger[3], o autismo de alto funcionamento ou a síndrome do savant.

Christopher vive co seu pai en Swindon. Unha noite descobre o cadáver de Wellington, o can da súa veciña, atravesado por unha forca no xardín. A señora Shears, dona do can, chama á policía, que comeza a interrogar ao mozo. Christopher empeza a sentirse axitado por tantas preguntas, e un dos oficiais tenta agarralo dun brazo, o que provoca que o mozo lle golpee e lévano á comisaría ata que o seu pai o recolle. Christopher decide investigar o caso para resolver o misterio da morte de Wellington. Con todo, a súa investigación vese gravemente limitada polos seus temores e dificultades á hora de interpretar o mundo que o rodea. Durante a súa investigación, Christopher vese forzado a entrar en contacto con xente con quen nunca se relacionou, a pesar de que viven na súa mesma rúa.

Christopher leva un rexistro das súas experiencias nun libro, titulado O curioso incidente do can á media noite. Ed, o seu pai, descobre o libro e preocupado porque se poida meter en máis leas, confíscallo despois dunha breve pelexa entre os dous. O seu pai explicáralle a ausencia da súa nai dicindo que tivo un accidente e que no hospital faleceu por un ataque ao corazón que Christopher asume que é unha embolia. Porén, á procura do libro escondido Christopher descobre unha chea de cartas da súa nai dirixidas a el mesmo no armario do seu pai, datadas despois de que ela morrese. A xulgar polas cartas, Christopher chega á conclusión de que a súa nai está aínda viva e que o seu pai lle mentiu. Queda tan profundamente conmocionado por este feito que é incapaz de moverse, treme e axítase sobre a cama, vomita e xeme durante varias horas ata que o seu pai volve a casa. Ed dáse conta de que Christopher leu as cartas, e confésalle que mentiu acerca da morte de Judy, a súa nai, e tamén que foi el quen matou o can, deixándose levar pola súa ira despois dunha acalorada discusión coa señora Shears, xa que Ed lle pedira que vivisen xuntos e a Señora Shears rexeitouno.

Christopher, que perdeu toda a confianza no seu pai, e temendo que tamén poida tratar de matalo a el dado que xa matara antes a Wellington, decide escapar de casa e vivir coa súa nai. Guiado polo enderezo das cartas da súa nai, embárcase nunha viaxe de aventura a Londres coa súa mascota, a rata Toby, metida no peto. Tras unha longa e confusa viaxe, eludindo os policías que o estaban a buscar despois de que Ed chamase á policía denunciando a súa desaparición, e sentíndose enfermar pola inmensa información que recibe das multitudes e os carteis nos trens, Christopher finalmente atopa o camiño para atopar o domicilio da súa nai e o señor Shears, e queda fóra esperando ata que chegan a casa.

A súa nai, Judy, sente feliz pola súa chegada e trata de mantelo con ela, non pode crer que o seu exmarido lle dixese ao rapaz que morrera, e decide permitir a Christopher que viva con ela e o Sr. Shears no seu pequeno apartamento, o que orixina un problema co Sr. Shears, que non quere que o raparigo viva con eles. Ademais, ao pouco de instalarse Christopher quere volver a Swindon para poder presentarse ao exame para facer o Bacharelato de matemáticas. A súa nai finalmente abandona o señor Shears, xa que a súa relación con el xa estaba aparentemente rota e cando chega Chistopher empeora, e múdase de volta a Swindon, onde aluga unha habitación. Despois dunha discusión co seu exmarido, chegan ao acordo de permitir que el se reúna con Christopher a diario uns minutos.

Christopher segue tendo terror cara ao seu pai, e espera que sexa encarcerado polo asasinato de Wellington. A historia termina con Ed regalándolle a Christopher un can como mascota, xa que Toby, a súa rata, morrera, e prometéndolle que vai conseguir restablecer a confianza con Christopher aos poucos. Christopher aproba o seu exame coa máxima nota, e decide presentarse aos seguintes niveis, e ir á universidade, porque quere ser científico.

E sei que o podo facer porque fun a Londres eu só e porque resolvín o misterio de Quen matou a Wellington? e atopei a miña nai e fun valente e escribín un libro e iso significa que podo facer calquera cousa.

Protagonista

[editar | editar a fonte]

Christopher Boone ten 15 anos e vai a unha escola para estudantes con necesidades especiais, un eufemismo que non lle gusta. Adora as matemáticas (sabe de memoria os números primos até o 7507), ten memoria fotográfica, é extremadamente observador e é patoloxicamente incapaz de dicir mentiras. Con todo ten dificultades para entender o comportamento humano, as expresións e as relacións.

Christopher ten moitos trazos que o diferencian dos demais debido á súa percepción da vida. É incapaz de recoñecer e comprender as expresións faciais, á parte das de felicidade e tristura porque llas explicaron, e ten dificultades para entender as metáforas e os chistes. Gústanlle as informacións concretas, as listas e os feitos, ten medo dos estraños e dos lugares descoñecidos, e o seu soño favorito é aquel no que toda a xente "normal" (aqueles que non son como el) están mortos e el ten liberdade de ser como é sen xente que o moleste. Ademais disto, é moi sensible á información e aos estímulos. Por esta razón grita e reacciona con violencia cando a xente o toca. Para protexerse do exceso de ruído e de información fai un nobelo e rosma. Ten unha relación agradable con Siobhan, a terapeuta do seu colexio.

Christopher odia a cor amarela e o marrón, mentres que lle encanta o vermello. Isto lévao a utilizar colorantes vermellos para a comida marrón e amarela. Tampouco pode comer dous tipos diferentes de comida se se tocan no prato e ademais considera que ver 3, 4 ou 5 coches vermellos seguidos augura que terá un día bo, moi bo, ou súper bo. En cambio se ve 4 coches amarelos significa que terá un día negro, e entón non come o seu xantar e non fala con ninguén. Non lle gusta consumir comida de sitios estraños nin que se cambien de posición os mobles.

Narración

[editar | editar a fonte]

A obra está escrita en primeira persoa. O texto está acompañado de planos, smileys ou mesmo problemas matemáticos. A acción desenvólvese en Swindon, unha vila do suroeste de Inglaterra.

  1. O curioso incidente do can á media noite. Traducido por Moisés Barcia (1ª ed.). Cangas: Rinoceronte Editora. 2008. ISBN 978-84-936101-7-3 – vía Biblioteca da Tradución Galega. 
  2. Ficha do libro Arquivado 02 de xaneiro de 2018 en Wayback Machine. na web da editorial.
  3. Guía de lectura de Rinoceronte Editora.