Saltar ao contido

Oceanía insular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía físicaOceanía insular
Imaxe
Tiporexión xeográfica
subcontinente (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Parte deOceanía Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativasen valor Editar o valor en Wikidata
Editar o valor en Wikidata Mapa
 20°S 170°L / -20, 170
Composto por
Características
Superficie1.260.000 km² Editar o valor en Wikidata

A Oceanía insular é a parte de Oceanía que non está en Australasia (Australia, Nova Guinea e Nova Zelandia), é dicir, está formada polas illas comprendidas en Micronesia, Melanesia e Polinesia. Coñécese tamén coma Illas do Pacífico.

Adoitase incluír a illa de Nova Guinea en Melanesia, e as illas de Nova Zelandia en Polinesia. Segundo este criterio, a Oceanía insular comprende todo o continente de Oceanía, agás Australia.

Os primeiros poboadores

[editar | editar a fonte]

Melanesia

[editar | editar a fonte]

As illas do Pacífico foron colonizadas por vagas de migracións procedentes do sueste asiático. As primeiras vagas tiveron lugar durante o Paleolítico aproveitando o baixo nivel das augas mariñas durante este período, o que permitiu aos migrantes alcanzar facilmente Melanesia e Australia[1], chegando a ocupar máis ao leste as principais illas do arquipélago de Salomón, incluída Makira, e posiblemente as illas máis pequenas ao leste destas[2]. Estes primeiros poboadores, que son probablemente os devanceiros dos actuais pobos de fala papúa, entraron en contacto con migrantes austronesios hai máis de 3 000 anos, principalmente na costa norte de Nova Guinea e as illas ao norte e leste desta. A finais do século XX, algúns estudosos teorizaron sobre un longo período de interacción que provocou moitos e complexos cambios en xenética, linguas e cultura entre estas xentes[3].

Posteriores vagas, ocorridas na antigüidade, colonizaron Micronesia e Polinesia[1].

Cronoloxía do espallamento dos pobos austronesios a través do océano Pacífico (por Bellwood en Chambers, 2008).

Micronesia

[editar | editar a fonte]

Micronesia comezou a ser habitada hai algúns milleiros de anos, aínda que existen diversas teorías acerca da orixe e chegada dos primeiros colonos. Debido aos numerosos problemas existentes coas escavacións arqueolóxicas (tamaño, patróns de asentamento, danos provocados polas tormentas...), a maioría das evidencias están baseadas en análises lingüísticos[4].

As primeiras trazas arqueolóxicas de civilización acháronse na illa de Saipan. Os devanceiros dos micronesios establecéronse alí hai uns 4 000 anos. Un sistema descentralizado baseado na figura do xefe evolucionou finalmente cara a unha cultura económica e relixiosa máis centralizada, coas illas de Yap e Pohnpei coma centros. En calquera caso, a prehistoria destas illas aínda non se coñece ben[5].

As illas Marianas do Norte foron descubertas nalgún período entre o 4 000 e o 2 000 a. C. por un pobo procedente do sueste de Asia, que chegou a ser coñecido co nome de Chamorro. A súa lingua foi nomeada posteriormente co mesmo nome. Os antigos chamorros deixaron un considerable número de ruínas megalíticas, incluíndo pedras latte. Os Refaluwash, ou pobo das illas Carolinas, chegou das illas Marianas durante o segundo milenio antes de Cristo, facendo posible a navegación interinsular o uso de cartas de navegación tradicionais feitas con paus[6].

Polinesia

[editar | editar a fonte]

A colonización de Polinesia é aínda un tema de debate hoxe en día. De entre unha ampla variedade de diferentes modelos de movementos de poboación, dous son os máis xeralmente aceptados: os chamados modelos "Express Train" e "Slow Boat"[7][8][9].

O modelo "Express Train" sostén que hai 4 000 ou 5 000 anos houbo unha rápida migración cara ao leste comezando no sueste asiático ou en Taiwán, espallando a lingua austronesia e a cultura Lapita asociada a través das illas do Pacífico, alcanzando Melanesia cara ao 1450 a.C. e a Polinesia occidental cara ao 950 a.C. Este modelo é avaliado por achados arqueolóxicos e estudos lingüísticos que mostran a íntima relación das linguas polinesias entre si e a súa pertenza á familia de linguas austronesias, habendo un consenso xeral en situar a orixe destas linguas arredor do 3000 a.C. no sueste asiático ou en Taiwán. Este modelo tamén está avaliado por estudos xenéticos que mostran unha orixe predominantemente asiática do ADN mitocondrial dos polinesios.

En contraste, recentes estudos mostran unha orixe melanesia dos cromosomas Y dos polinesios, que favorecen o modelo "Slow Boat", o cal asume a mesma orixe que o modelo anterior dos primeiros polinesios, pero con complexos nexos de interaccións cos xa asentados indíxenas melanesios, antes de continuar a colonización cara ó leste.

As Exploracións europeas

[editar | editar a fonte]

Século XVI

[editar | editar a fonte]

Españois e portugueses inician a exploración das illas do Pacífico desde as primeiras décadas do século XVI. Os portugueses seguían a rota do leste onde xa tiñan diversas colonias pola costa asiática, mentres que os españois fixérono pola rota do oeste, ben dobrando o estreito de Magalhães desde o seu descubrimento, ou ben partindo da costa occidental de Nova España. Había un motivo para estas rotas, o Tratado de Tordesillas, polo que España e Portugal se repartían as zonas de navegación e conquista do Novo Mundo. Os portugueses adentrábanse cada vez máis cara ao leste, partindo de Malaca. O navegante portugués António de Abreu foi o primeiro en arribar ás Molucas, a Timor e ás illas Banda en 1512, levando como segundo a Francisco Serrão quen ficou en Ternate como conselleiro do sultán[10]. Gomes de Sequeira chegou ás illas Carolinas en 1525[11], e Jorge de Menezes a Nova Guinea en 1526[11].

O 10 de agosto de 1519 parte de Sevilla unha expedición de cinco barcos finaciada polo monarca español Carlos I e liderada polo portugués Fernão de Magalhães. Navegaron ao longo da costa leste de América do Sur, achando e atravesando o estreito que leva o seu nome, e o 28 de novembro de 1520 entraban no océano que Magalhães nomearía "Pacífico". Os tres barcos que continuaban na expedición navegaron cara ó norte ata coller os favorables ventos alisios que os levarían a través do Pacífico ata as Filipinas, onde foi matado Magalhães por tribos locais. Só quedaban dous barcos: un deles, o Trinidad colleu rumbo norte coa esperanza de encontrar os ventos do oeste que os levarían a México, pero tiveron que regresar, sendo apresados por unha frota portuguesa (na viaxe de regreso avistaron unha illa do arquipélago de Palau á que nomearon "San Juan"[12]). O outro barco, o Victoria, capitaneado por Juan Sebastián Elcano, retornou a España polo oeste a través do océano Índico, evitando as rutas frecuentadas polos portugueses para non seren apresados por estes. O 8 de setembro de 1522 chegaron a Sevilla, completando así a primeira circunnavegación da Terra, tendo alcanzando, entre outras illas de Oceanía, Filipinas e as Marianas.[13]

En 1525 partía da Coruña unha frota de sete naves con destino ás illas Molucas. Estaba ao mando García Jofre de Loaísa, levando a Elcano como segundo. En xuño de 1526 desapareceu durante unha tormenta unha das naves, a "San Lesmes", que se cre foi a primeira en alcanzar as illas Marquesas[14]. Logo das sucesivas mortes de García Jofre e Elcano, Alonso de Salazar asumiu o mano da única nave que quedaba, descubrindo en agosto de 1526 as illas Marshall[15][16].

Hernán Cortés equipou en 1527 unha frota de tres naves que partiu de Nova España ao mando Álvaro de Saavedra cos obxectivos de descubrir novas terras e tratar de achar a desaparecida nave "Trinidad" da expedición de Magalhães. Algúns historiadores sosteñen que esta expedición foi a primeira en avistar Hawai, dous séculos antes ca James Cook: durante a viaxe de ida, avistaron terra ao norte, aproximadamente na lonxitude de Hawai; pouco despois despareceron as naves "Santiago" e "Espíritu Santo", que poderían ter chegado a Hawai[17][18]. Cando trataba de retornar a Nova España na única nave que lle quedaba, Álvaro de Saavedra descubriu as illas do Almirantado no verán de 1528[19][20].

O arquipélago de Palau, se ben xa fora avistado pola "Trinidad" en 1522, foi descuberto en 1543 pola expedición de Ruy López de Villalobos[21] ás illas que el mesmo nomeou coma Filipinas, na honra de Filipe II, formada por cinco naves. Unha destas naves estaba pilotada por Juan de Gaytán (ou Gaetano), un portugués ao servizo do rei de España. Segundo a versión de autores non españois, o barco que pilotaba Gaytán separouse do resto das naves e foi parar a unhas illas que coinciden coa situación das Hawai. Porén, as crónicas españolas aseguran (sen que se mencione en que expedición ía integrado o piloto) que o descubrimento das Hawai debeuse, efectivamente, ao mesmo mariño, pero no ano 1555, é dicir 223 anos antes que o capitán Cook recoñecese estas illas[22][17][18].

O 21 de novembro de 1564 parte de Nova España unha nova expedición a Filipinas coa intención de colonizala. Estaba comandada por Miguel López de Legazpi, escribano e alcalde ordinario de México. Durante a singradura avistaron novas illas das Marshall, Carolinas e Palau. Legazpi permanecería en Filipinas como Capitán Xeneral, fundando a cidade de Manila en 1571. O regreso de Filipinas a Nova España marcou un fito na historia da navegación polo descubrimento da tornaviaxe, unha ruta de regreso a Nova España que sería aproveitada polo galeón de Manila durante 250 anos. Foi realizada por dúas naves, o patache "San Lucas", dirixido por Alonso de Arellano, que se separou en decembro de 1564 por mor dunha tempestade, e a "San Pedro", capitaneada por Felipe de Salcedo, neto de Legazpi, coa dirección técnica de Andrés de Urdaneta. Todos chegaron a Nova España con meses de diferenza, o primeiro en facelo foi Alonso de Arellano, quen chegou a Puerto de Navidad (actualmente Barra de Navidad) en agosto de 1565. Case dous meses despois, o 1 de outubro, arribaría a Acapulco Urdaneta, quen daría nome á ruta a pesar de non ter sido o primeiro en chegar[21][23].

O vicerrei do Perú, García Hurtado de Mendoza, patrocinou unha expedición aos mares do sur para dar saída a moitos buscadores de fortuna que percorrían o Perú, e tamén para descubrir a veracidade de certas lendas incas. O encargado de comandala foi Álvaro de Mendaña quen, en compañía do cosmógrafo Pedro Sarmiento de Gamboa, descubriu entre 1567 e 1569 o arquipélago das Ellice (hoxe Tuvalu) e varias illas do arquipélago das illas Salomón, entre elas Guadalcanal. Nunha nova singradura (1595-1596), Mendaña avistou a illa de Pukapuka que chamou San Bernardo, nas illas Cook[24], e os arquipélagos das Marquesas e Santa Cruz. Nesta última illa morreu o capitán, pasando os seus títulos de gobernador e adiantado á súa dona Isabel de Barreto[21].

  1. 1,0 1,1 "History of Oceania". Essential Humanities (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2021. Consultado o 15 de setembro de 2021. 
  2. Dunn, M.; Terrill, A.; Reesink, G.; Foley, R. A.; Levinson, S. C. (setembro de 2005). "Structural phylogenetics and the reconstruction of ancient language history". Science (en inglés) 309 (5743): 2072–2075. Bibcode:2005Sci...309.2072D. ISSN 1095-9203. PMID 16179483. doi:10.1126/science.1114615. 
  3. Spriggs, M. (1997). The Island Melanesians (en inglés). Wiley-Blackwell. ISBN 978-0-631-16727-3. 
  4. Kirch, P. V. (1997). The Lapita Peoples: Ancestors of the Oceanic World (en inglés). Wiley-Blackwell. ISBN 978-1-577-18036-4. 
  5. Morgan, W. N. (1988). Prehistoric Architecture in Micronesia (en inglés). University of Texas Press. ISBN 978-0-292-76506-1. 
  6. Ratzel, F. (1896). "The Races of Oceania. The Races of the Pacific and Their Migrations. Navigation and shipbuilding: Orientation". The History of Mankind (en inglés). Londres: Macmillan. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2013. 
  7. Kayser, M.; Brauer, S.; Cordaux, R.; Casto, A.; Lao, O.; Zhivotovsky, L. A.; Moyse-Faurie, C.; Rutledge, R. B.; Schiefenhoevel, W.; Gil, D.; Lin, A. A.; Underhill, P. A.; Oefner, P. J.; Trent, R. J.; Stoneking, M (novembro de 2006). "Melanesian and Asian Origins of Polynesians: mtDNA and Y Chromosome Gradients Across the Pacific". Molecular Biology and Evolution (en inglés) 23 (11): 2234–2244. PMID 16923821. doi:10.1093/molbev/msl093. 
  8. Su, B.; Underhill, P.; Martinson, J.; Saha, N.; McGarvey, S.T.; Shriver, M.D.; Chu, J.; Oefner, P.; Chakraborty, R.; Chakraborty, R.; Deka, R. (xullo de 2000). "Polynesian origins: Insights from the Y chromosome". Proceedings of the National Academy of Sciences USA (en inglés) 97 (15): 8225–8228. Bibcode:2000PNAS...97.8225S. PMC 26928. PMID 10899994. doi:10.1073/pnas.97.15.8225. 
  9. Hage, P.; Marck, J. (decembro de 2003). "Matrilineality and Melanesian Origin of Polynesian Y Chromosomes". Current Anthropology (en inglés) 44 (S5): S121–S127. doi:10.1086/379272. 
  10. Hanna, W. A. (1978). Indonesian Banda: Colonialism and its Aftermath in the Nutmeg Islands (en inglés). Institute for the Study of Human Issues. pp. 6–8. ISBN 0-915980-91-6. 
  11. 11,0 11,1 Kratoska, P. H. (2001). South East Asia, Colonial History: Imperialism before 1800. South East Asia, Colonial History (en inglés) 1. Taylor & Francis. pp. 54–56. ISBN 0-415-21540-4. 
  12. "Foreign Ships in Micronesia: Palau". Micronesian Seminar (en inglés). Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  13. Comellas, J. L. (2019). La primera vuelta al mundo (en castelán). Rialp. ISBN 8432151025. 
  14. Moutinho, Isabel (1990). Hardy, J.; Frost, A., eds. European Voyaging towards Australia (en inglés). Australian Academy of the Humanities. ISBN 978-0909897192. 
  15. Beltrán, P. "Salazar. Hoy 21 de Agosto de 1526 el explorador español Toribio Alonso de Salazar, descubre en el Oceáno Pacífico las Islas Marshall". Efemérides (en castelán). Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  16. Hernández Hortigüela, J. (3 de abril de 2021). Universidade Complutense de Madrid, ed. "Las españolas islas Carolinas y Palaus" (en castelán). p. 2. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  17. 17,0 17,1 Travel to Paradise (ed.). "Was Captain Cook the first Western visitor to Hawaii? Ever heard of Juan Gaetano?" (en inglés). Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  18. 18,0 18,1 Kelley, D. E. (25 de agosto de 2008). USGenWeb Archives, ed. "A Study in Time, of the Hawai'ian Islands: Spaniards in Hawai'i - Part 1". Keepers of the Culture. Historical Collections Of Hawai'i (en inglés). Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  19. Brand, D. D. (1967). Friis, H. R., ed. The Pacific Basin: A History of its Geographical Explorations (en inglés). Nova York: The American Geographical Society. p. 121. 
  20. Spate, O. H. K. (2006). Australian National University, ed. The Spanish Lake [El lago español] (en castelán). I: The Pacific since Magellan [El Pacífico desde Magallanes]. Traducido por Clara Usón. Casa Asia. p. 144. ISBN 1-9209-425-6-4. 
  21. 21,0 21,1 21,2 Bernabéu Albert, S. (2014). "Tras la estela de Magallanes: tres siglos de expansión hispana en el Pacífico" (PDF). En Fundación Ramón Areces. El océano pacífico: conmemorando 500 años de su descubrimiento (en castelán). Montero Llácer, F. J. (coordinador). pp. 63–64. Consultado o 18 de setembro de 2021. 
  22. Álvarez Martínez, F. (2008). El manuscrito de Hawai. Silencio en Kalapana (en castelán). Booklane. ISBN 9788493424558. 
  23. de Miguel Bosch, J. R. (23-30 de maio de 2003). Euskonews, ed. "Andrés de Urdaneta y el tornaviaje" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2012. 
  24. El Periódico, ed. (24 de marzo de 2015). "Las Islas Cook cumplen 50 años desde su independencia" (en castelán). Consultado o 18 de setembro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]