Olga Ladyzhenskaya
Olga Aleksándrovna Ladýzhenskaya (en ruso: Óльга Алексáндровн Лады́женская), nada en Kologriv (RSFS de Rusia) o 7 de marzo de 1922 e finada en San Petersburgo (Rusia), o 12 de xaneiro de 2004, foi unha matemática rusa coñecida polo seu traballo en ecuacións diferenciais parciais (especialmente no décimo noveno problema de Hilbert) e dinámica de fluídos.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ladýzhenskaya naceu en Kologriv, Gobernación de Kostromá, onde o seu pai, Aleksandr Ivánovich Ladýzhenski, era profesor de matemáticas. Pertencentes a unha familia da baixa nobreza rural, Aleksandr Ladýzhenski foi deportado e arrestado polo réxime de Stalin en 1937; en xuízo sumarísimo, foi declarado «inimigo do pobo» e condenado á morte.[2] As dúas irmás de Olga foron expulsadas da escola, pero a Olga permitíuselle terminar os seus estudos.
A pesar diso, Olga tivo problemas para continuar coa súa formación, xa que era a filla dun «inimigo do pobo». En 1939, obtivo excelentes resultados nos exames de ingreso na Universidade de Leningrado; con todo, non foi admitida. Tras un breve período na Escola Normal de Leningrado (1939-1941), volveu á súa cidade natal, onde ensinou matemáticas na mesma escola en que ensinara o seu pai. Admitida finalmente en 1943 na Universidade de Moscova, grazas á intervención persoal da nai dunha alumna, iniciou os seus estudos de matemáticas. En 1947 casou con Andréi Alekséievich Kiseliov, matemático e historiador das matemáticas, e tamén profesor na Universidade de Leningrado.
En 1951 completara a súa tese; con todo, non puido defendela até pasada a morte de Stalin, en 1953. Finalmente, en 1954 foi nomeada profesora titular da Universidade de Leningrado e en 1961, directora do Laboratorio de Física Matemática do Departamento de San Petersburgo do Instituto de Matemáticas Steklov. Foi, así mesmo, presidenta da Sociedade Matemática de San Petersburgo e membro de número da Academia de Ciencias de Rusia.[3]
Mantivo unha estreita amizade con Aleksandr Solzhenitsyn e coa poeta Anna Akhmatova, o que lle carrexou inimizades coas autoridades soviéticas.[4]
Contribucións
[editar | editar a fonte]Olga Ladýzhenskaya escribiu máis de 250 traballos sobre matemáticas. A súa obra cobre un amplo espectro de temas, desde as ecuacións diferenciais parciais, pasando polas ecuacións hiperbólicas, até as ecuacións diferenciais xeradas por funcións simétricas dos valores propios (eigenvalues) hessianos. Tamén se interesou pola unicidade na converxencia das series de Fourier, ou solucións mediante a aproximación por diferenzas finitas. Desenvolveu o tratamento funcional analítico de problemas non lineais estacionarios mediante a teoría de graos de Leray-Schauder.
Os seus estudos sobre ecuacións diferenciais e ecuacións de Navier-Stokes, contribuíron enormemente ao desenvolvemento das investigacións noutros campos científicos, entre os que cabe destacar o dos prognósticos meteorolóxicos, a aerodinámica, a oceanografía e a medicina cardiovascular.
Obra
[editar | editar a fonte]- Ladyzhenskaya, O. A. (1969) [1963], The Mathematical Theory of Viscous Incompressible Flow, Mathematics and Its Applications 2 (Segunda edición revisada), Nova York–Londres–París–Montreux–Tokio–Melbourne: Gordon and Breach, pp. XVIII+224, MR 0254401, Zbl 0184.52603.
- Ladyženskaja, O. A.; Solonnikov, V. A.; Ural'ceva, N. N. (1968), Linear and quasi-linear equations of parabolic type, Translations of Mathematical Monographs 23, Providence, Rhode Island: American Mathematical Society, pp. XI+648, MR 0241821, Zbl 0174.15403.
- Ladyzhenskaya, Olga A.; Ural'tseva, Nina N. (1968), Linear and Quasilinear Elliptic Equations, Mathematics in Science and Engineering 46, Nova York e Londres: Academic Press, pp. XVIII+495, MR 0244627, Zbl 0164.13002.
- Ladyzhenskaya, O. A. (1985), The Boundary Value Problems of Mathematical Physics, Applied Mathematical Sciences 49, Berlín–Heidelberg–Nova York: Springer Verlag, pp. XXX+322, ISBN 0-521-39922-X, MR 0793735, Zbl 0588.35003 (Traducido por Jack Lohwater).
- Ladyzhenskaya, O. A. (1991), Attractors for Semigroups and Evolution Equations, Lezioni Lincee, Cambridge: Cambridge University Press, pp. xi+73, MR 1133627, Zbl 0755.47049
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Las ecuaciones de Olga Ladýzhenskaya - Principia" (en castelán). Consultado o 18 de marzo de 2018.
- ↑ López, Alberto (7 de marzo de 2019). "Olga Ladyzhenskaya, la investigadora que sorteó la tragedia gracias a las ecuaciones". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 7 de marzo de 2019.
- ↑ Olga Alexandrovna Ladyzhenskaya, 8 décembre 2010 (libro en línea Olga Ladýzhenskaya). Una biografía en Biografías de Mujeres Matemáticas Agnes Scott Archive, Agnes Scott College.
- ↑ "Olga Aleksándrovna Ladýzhenskaya: las matemáticas y la meteorología se dan la mano" (en castelán). 2019-03-07. Consultado o 2020-10-13.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Olga Ladyzhenskaya |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Olga Ladyzhenskaya y Olga Oleinik: dos grandes matemáticas del siglo XX no blog Mujeres con ciencia