Onicofaxia
Onicofaxia | |
---|---|
Especialidade | Dermatoloxía e eventualmente saúde mental (neuroloxía, psicoloxía, psiquiatría) |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A onicofaxia é o hábito crónico de roer ou morder as uñas ou unllas.[1][2] Os mordedores de uñas adoitan roer fragmentos das cutículas ou irregularidades das uñas, polo que as estas permanecen regulares e suaves, aínda que nas formas graves do trastorno pode levar a unha destrución significativa das uñas.[3]
Segundo a Clasificación Internacional de Doenzas, décima revisión (CIE-10), a onicofaxia clasifícase na sección "Outros trastornos emocionais e do comportamento que adoitan comezar na infancia e na adolescencia" (código F98.8).
Prevalencia
[editar | editar a fonte]Adoita comezar na infancia, na adolescencia ou ao comezo da idade adulta.[4] Calcúlase que entre o 28% e o 33% dos nenos de entre 7 e 10 anos, e ao redor do 45% dos adolescentes morden as unllas, polo menos ocasionalmente.[5] Aos 18 anos, a frecuencia deste comportamento diminúe; con todo, pode persistir ata a idade adulta nalgúns individuos.
Causas
[editar | editar a fonte]O roer as uñas pode acontecer para calmarse en momentos de estrés ou ansiedade.[6] Nalgúns casos, vai precedido dunha sensación de tensión, e pode aumentar ao tentar resistir ese impulso, de xeito similar ao que ocorre noutras condutas compulsivas. Considérase que a onicofaxia, polo menos en parte, está relacionada con trastornos emocionais e de ansiedade, con trastornos obsesivo-compulsivos ou en asociación coa ansiedade como trazo de personalidade.[7] [8]
Morder as uñas tamén ten sido descrito como unha forma de autoestimulación cando a persoa se morde as uñas mentres está aburrida ou inactiva.[3]
Para algunhas persoas, morderse as uñas e eponiquios é un comportamento automático que se realiza sen pensar niso, especialmente cando se dedican a outras actividades como ler ou ver televisión. Para outros individuos, a onicofaxia é unha actividade consciente e intencionada, ás veces coa intención de ter unhas perfectas e regulares.[3] Algunhas persoas tentan morder calquera irregularidade das uñas e continúan con este comportamento sen importar o mal que se vexan as uñas despois.
Complicacións
[editar | editar a fonte]Máis aló da destrución ou malformación das propias uñas, a onicofaxia pode levar a outras complicacións físicas como infeccións fúnxicas ou bacterianas da placa ungueal e da pel circundante (paroniquia), problemas dentais (erosión dos dentes, maloclusión, reabsorción das raíces dos dentes e destrución alveolar) e dor e disfunción das articulacións temporomandibulares.[9] [10]
Tamén pode levar a consecuencias psicosociais por vergoña, sufrimento emocional ou interferencia social.[10]
Tratamento
[editar | editar a fonte]O tratamento da onicofaxia depende da gravidade do hábito. Non é necesario un tratamento específico para a onicofaxia leve, xa que un neno adoita superar o hábito de forma espontánea. Recoméndase manter as uñas curtas e ben recortadas e coidadadas, ou cubertas para minimizar a tentación de mordelas. A aplicación de compostos de sabor amargo ás uñas para disuadir a morderse é controvertida e ineficaz.[10]
En casos graves, pódese indicar un tratamento psicolóxico da modificación da conduta, ou a aplicación de órteses dentais.[11]
Cando a onicofaxia é unha manifestación dun trastorno psiquiátrico, o tratamento debe dirixirse á causa subxacente.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Diccionario galego de termos médicos (PDF). Dirección Xeral de Política Lingüística. p. 528. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de novembro de 2021. Consultado o 5 de xaneiro de 2022.
- ↑ "onicofaxia". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2024-03-01.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Tanaka, Orlando Motohiro; Vitral, Robert Willer Farinazzo; Tanaka, Giulia Yuriko; Guerrero, Ariana Pulido; Camargo, Elisa Souza (2008-08). "Nailbiting, or onychophagia: A special habit". American Journal of Orthodontics and Dentofacial Orthopedics 134 (2): 305–308. ISSN 0889-5406. doi:10.1016/j.ajodo.2006.06.023.
- ↑ de Berker, David (2006-07-01). "Childhood Nail Diseases". Dermatologic Clinics. Nail Disorders and their Management 24 (3): 355–363. ISSN 0733-8635. doi:10.1016/j.det.2006.03.003.
- ↑ Leung, Alexander K.C.; Robson, Lane M. (1990-12). "Nailbiting". Clinical Pediatrics (en inglés) 29 (12): 690–692. ISSN 0009-9228. doi:10.1177/000992289002901201.
- ↑ Tanaka, Orlando Motohiro; Vitral, Robert Willer Farinazzo; Tanaka, Giulia Yuriko; Guerrero, Ariana Pulido; Camargo, Elisa Souza (2008-08). "Nailbiting, or onychophagia: A special habit". American Journal of Orthodontics and Dentofacial Orthopedics 134 (2): 305–308. ISSN 0889-5406. doi:10.1016/j.ajodo.2006.06.023.
- ↑ Grant, Jon E.; Odlaug, Brian L. (2009-08-01). "Update on pathological skin picking". Current Psychiatry Reports (en inglés) 11 (4): 283–288. ISSN 1535-1645. doi:10.1007/s11920-009-0041-x.
- ↑ Pacan, Przemysław; Grzesiak, Magdalena; Reich, Adam; Szepietowski, Jacek C. (2009-03-19). "Onychophagia as a Spectrum of Obsessive-compulsive Disorder". Acta Dermato-Venereologica (en inglés) 89 (3): 278–280. ISSN 1651-2057. doi:10.2340/00015555-0646.
- ↑ Halteh, Pierre; Scher, Richard K.; Lipner, Shari R. (2017-02-17). "Onychophagia: A nail-biting conundrum for physicians". Journal of Dermatological Treatment (en inglés) 28 (2): 166–172. ISSN 0954-6634. doi:10.1080/09546634.2016.1200711.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 Siddiqui, Javed Ather; Quershi, Shazia Farheen (2020-02-15). "Onychophagia (Nail Biting): an overview". Indian Journal of Mental Health 7 (2): 97. ISSN 2394-6652. doi:10.30877/ijmh.7.2.2020.97-104.
- ↑ Marouane, O.; Ghorbel, M.; Nahdi, M.; Necibi, A.; Douki, N. (2016-11-23). "New Approach to Managing Onychophagia". Case Reports in Dentistry (en inglés) 2016: e5475462. ISSN 2090-6447. PMC 5141299. PMID 27994890. doi:10.1155/2016/5475462.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Onicofaxia |