Saltar ao contido

Palacio Real de Olite

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Palacio Real de Olite
Palacio de Olite
Coordenadas42°28′54″N 1°38′58″O / 42.481731, -1.649563
editar datos en Wikidata ]

O Palacio dos Reis de Navarra, Palacio Real ou Castelo de Olite é unha construción de carácter cortesán e militar construído durante os séculos XIII e XIV na localidade de Olite, en Navarra. Foi unha das sedes da Corte do Reino de Navarra a partir do reinado de Carlos III "O Nobre".

Vista parcial da igrexa de Santa María e do Palacio de Olite.

Foi Carlos III "O Nobre" quen no século XV comezou a ampliación do anterior castelo, dando lugar ao Palacio dos Reis de Navarra. Aínda que case todos o chaman "castelo", o correcto é referirse a el como "palacio", xa que se trata dunha construción con carácter cortesán, onde os aspectos residenciais prevaleceron sobre os militares (defensa).

Un dos seus principais encantos é a aparente desorde do seu deseño. Isto débese a que a súa construción nunca se afrontou como un proxecto "de conxunto", debéndose o resultado final ás continuas obras de ampliación e reforma que se sucederon durante séculos, aínda que a maior parte das obras se realizaron entre finais do século XIV e principios do XV. O entón rei de Navarra, Carlos III "O Nobre", decidiu converter o pazo existente en sede real permanente e dotala de todo o ornamento propio destas.

Galería do Rei.

O conxunto formado polas súas estanzas, xardíns e fosos, rodeados polas altas murallas e rematados polas numerosas torres, confírenlle unha espectacular e máxica silueta. Na súa época, chegou a ser considerado como un dos máis belos de Europa. Nel poderemos diferenciar claramente dous recintos: o Palacio Vello, convertido en Parador Nacional de Turismo, e o Palacio Novo. Tras a invasión de Navarra en 1512 por parte da Coroa de Castela e a de Aragón unificadas, comezou a deterioración do pazo, xa que só foi utilizado polos vicerreis como residencia esporádica. O estado de abandono no que quedou inmerso o pazo fixo que este fose deteriorándose progresivamente. Este proceso culminou co incendio ordenado polo guerrilleiro Espoz y Mina durante a Guerra da Independencia Española (1813), ante o temor de que nel se fortificasen as tropas francesas de Napoleón.

O estado actual do edificio é froito dunha restauración tras convocatoria dun concurso en 1923 por parte da Deputación Foral de Navarra que gañaron os arquitectos José e Javier Yárnoz e que se iniciaron en 1937. Aínda esta non concluíu xa que este complexo labor trata de recuperar a estrutura orixinal do pazo, distinguindo entre o que se corresponde co edificio orixinal, e o que se debe á súa restauración. Non obstante, a riquísima decoración interior que revestía os seus muros perdeuse para sempre, ao igual que os xardíns exteriores que o rodeaban. O castelo está inspirado no estilo gótico francés, con algunhas características catalano-mallorquinas e inglesas. Actualmente perviven restos de xesarías e estucados de inspiración mudéxar, obra, ao parecer, de artesáns mouros da Ribera de Navarra.[1]

O Palacio de Olite foi elixido en 2009 como a primeira marabilla medieval de España, celebrada pola Revista Medieval, por motivo do seu cuarto aniversario, estando por diante do Mosteiro de Meira, a Catedral de Santiago de Compostela, a Alhambra de Granada, San Pedro de la Nave, San Millán de la Cogolla e o Mosteiro de Poblet.[2]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Luis Azpilicueta y José María Domench (1980). Navarra castillos y palacios. Salvat S.A. de Ediciones y Caja de Ahorros de Navarra. p. 70. ISBN 84-7137-604-0. 
  2. Elixen ao castelo de Olite mellor marabilla medieval de España

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]