Palmyre Ros
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1942 (81/82 anos) Rennes, Francia |
Actividade | |
Ocupación | mestra, feminista |
Empregador | Alianza Francesa |
Partido político | Xuventude Comunista |
Palmyre Ros Ramos, nada en Rennes en 1942, é unha profesora e feminista francesa, creadora dunha publicación feminista pioneira en Galicia.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Rennes en 1942, durante a ocupación nazi de Francia, nunha familia de exiliados españois de orixe proletaria e laica.[1][3] A súa nai era republicana libertaria e o seu pai, Germinal Ros, un militante comunista.[3]
Militou nas Xuventudes Comunistas de España en París.[1] En 1963 foi enviada polo Partido Comunista a Vigo para loitar contra o franquismo.[1][4] Entre 1963 e 1966 foi profesora da Alianza francesa nesta cidade.[1][4] En Vigo, relacionouse coa educadora Antía Cal e o militante comunista Carlos Núñez, ademais de distribuír libros clandestinos e propaganda, ademais de propiciar ideas alí entón novas sobre a liberación da muller que divulgaba entre a mocidade estudante.[1][3] En 1966, creou xunto con outras mulleres a publicación clandestina Alborada, un proxecto pioneiro de prensa clandestina e feminista.[4][5]
Foi detida aos 24 anos pola policía franquista por posuír propaganda ilegal, entre a que se atopaban varios exemplares da revista comunista Mundo Obrero, así como tres copias do poema de Antonio Machado El crimen fue en Granada, sobre o asasinato de Federico García Lorca.[4] Isto fixo que só chegasen a se publicar dous números da revista Alborada.[6] Foi condenada a tres anos de prisión polo Tribunal de Orde Pública.[1]
Pasou tres días en prisión ata que lle foi concedida a liberdade provisional.[4] Mentres esta a espera do xuízo, conseguiu fuxir a París con axuda de amigos.[4] Foi declarada en rebeldía pola xustiza española.[4] En 1967, foi sentenciada a un ano de prisión menor e dez mil pesetas de multa, debendo asumir ademais custas procesuais.[4]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 2020, o sindicato Comisións Obreiras outorgoulle en Santiago de Compostela a Palmyre Ros, Berta Trigo e Plácido Cal co Premio 10 de Marzo, que recoñece a traxectoria solidaria e polas liberdades democráticas de persoas traballadoras e sindicalistas.[1]
Ese mesmo ano, a súa vida foi recompilada no libro da ensaísta e profesora María Lopo Palmyre Ros e a revista Alborada (Vigo,1966) un proxecto pioneiro da prensa clandestina de mulleres, que foi presentado en Vigo pola autora e a propia Ros, xunto a Ramón Sarmiento, Amelia Pérez e Ricardo Gurriarán.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 SL, POMBAPRESS. "Palmyre Ros, Berta Trigo y Plácido Cal reciben los premios 10 de marzo como "un referente" para los jóvenes gallegos" (en castelán). Consultado o 2024-06-01.
- ↑ "Día da Clase Obreira con Alcoa, As Pontes y Ence amenazadas" (en castelán). Consultado o 2024-06-02.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Rodríguez Fer 2021.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 "La doble vida de una pionera feminista en Vigo". Faro de Vigo (en castelán). 2020-03-24. Consultado o 2024-06-02.
- ↑ Fernández Reguera, Raquel. "O movemento feminista organizado en Galicia (1975-1983)" (PDF). Consultado o 2024-06-07.
- ↑ Daniel Salgado (17 de xullo de 2020). "'Alborada', el rescate de una publicación clandestina pionera del feminismo antifranquista en Galicia". elDiario.es.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Rodríguez Fer, Claudio (2021). "Palmyre Ros, unha filla de exiliados, pionera en Galicia da prensa clandestina de mulleres baixo o franquismo" (PDF). Evohé: revista cultural do Campus de Lugo (32): 60–67. PMID 60. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xuño de 2024. Consultado o 06 de xuño de 2024.
- Redondo Aval, Francisco Xabier (2017). Arelas de liberdade na Galiza. Galegos perante o Tribunal de Orde Pública (TOPGAL, 1964-1976). Laiovento.