Paratexto
O termo paratexto designa o conxunto de enunciados que acompañan o texto principal dunha obra literaria, como o título, subtítulos, prólogo ou o índice de materias. O paratexto está destinado a facer presente o texto, asegurar a súa presenza no mundo, a súa recepción e consumo. O paratexto establece o marco en que se presenta o texto como forma de comunicación.
Distínguense os paratextos escritos pola persoa autora da obra (o seu nome, epígrafe, prefacio, dedicatoria, notas ao pé de páxina...) dos paratextos editoriais (tapa, catálogo, copyright...). Mais esta distinción está permanentemente amenazada, especialmente no caso dos textos (literarios, filosóficos) que se consomen en períodos moi amplos e que, polo tanto, son reciclados de forma constante.
Outra división é entre o peritexto (parte do paratexto inseparable do texto, como o título ou o índice de materias) e o epitexto (parte que circula fóra do texto, xa sexa editorial como publicidade ou aparición en catálogos). Tamén se distingue entre os paratextos públicos e privados: unha entrevista radiofónica é un epitexto de autoría pública, mais un borrador ou un diario íntimo son un epitexto privado.
Título
[editar | editar a fonte]É o elemento máis externo e visible do informe. Debe referirse ao contido e resumilo, debe ser facilmente visible, e representar tanto o seu contido como a persoa autora.
Resumo
[editar | editar a fonte]É unha representación abreviada e precisa do contido do documento sen agregados de interpretación oo crítica e sen distinción de quen o escribiu. Este resumo debería ser preferentemente dun só parágrafo, aínda que resulte extenso, ou de até tres parágrafos cunha extensión máxima de media páxina.
Dedicatoria
[editar | editar a fonte]A súa función é sinalar especialmente unha ou varias persoas a quen se ofrece o esforzo e logros da persoa autora. Sitúanse na páxina que segue ao título e debe ser breve, preferentemente con liñas curtas e estar cara á dereita. As dedicatorias adoitan estar dirixidas a persoas, institucións ou a quen se estime oportuno. Non se usan nos informes de investigación, pero si se poden usar nos informes de investigación de teses ou seminarios de tese.
Unha dedicatoria famosa é a feita por Rosalía de Castro na súa obra Cantares Gallegos, dedicada a Fernán Caballero e datada no 17 de maio de 1863, o que deu pé á celebración ese día do Día das Letras Galegas.
Epígrafe
[editar | editar a fonte]É unha cita real, atribuída falsamente a unha persoa ou atribuída a unha autoría imaxinaria ou anónima. Xeralmente están na páxina seguinte á dedicatoria e anterior ao prólogo. Tamén pode haber unha epígrafe no inicio dos capítulos.
Ten varias funcións: como comentario ou anexo xustificativo do título; como comentario do texto, precisando indirectamente a significación do mesmo, ou de padrinazgo indirecto, cando o importante non é o que di a cita, senón a identidade de quen o di.
A epígrafe, xunto co título (e a tapa se existe e está ben deseñada), estimulan o lectorado para elaborar hipóteses sobre o contido do texto.
Prólogo ou prefacio
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Prólogo.
O prólogo ou prefacio é un discurso escrito pola persoa autora ou por alguén en quen delega, que fala sobre o texto que precede.
A maioría dos prólogos cumpren dúas funcións básicas: por unha banda, unha función informativa ou aclarativa, consignando datos do libro, a importancia do tema, os seus aspectos temáticos, as seccións que o compoñen ou os agradecementos a quen colaborou na súa preparación. Por outra banda, unha función persuasiva ou argumentativa, destinada a captar o lectorado e retelo, informando sobre a orixe da obra e as circunstancias da súa redacción (dificultades, facilidades...).
Un exemplo de prólogo feito por outra persoa é o que fixo Eduardo Blanco Amor no libro de Valentín Paz-Andrade La anunciación de Valle-Inclán, escrito por el logo de percorrer co autor as rutas vitais de Valle para preparar a obra.
Epílogo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Epílogo (retórica).
Adoita ser usado pola persoa autora para facer comentarios á obra, pero que requiren coñecela xa de forma íntegra, ou para indicar eventos, sucesos ou ideas que xurdiron despois de estar xa rematada a redacción da obra.
Índice
[editar | editar a fonte]O grao de detalle depende exclusivamente do interese do autor por aclarar os contidos en profundidade desde o inicio. Hai diversos estilos, e a súa numeración pode facerse con números romanos, arábigos ou letras do alfabeto. Antigamente ían ao final da obra, mais na actualidade adoitan poñerse a continuación do prólogo.
Citas
[editar | editar a fonte]As citas adoitan complementarse coas notas a pé de páxina ou ao final do texto. Xeralmente van destacadas entre aspas ou en cursiva. Teñen varios obxectivos: probar un feito ou recoñecer unha idea que contribuíu ao traballo de investigación, remitir á fonte onde se confirma o feito ou se expón a idea, ou recoñecer un antecedente de traballo.
Notas
[editar | editar a fonte]As notas son advertencias, explicacións ou comentarios. Teñen por obxecto proporcionar información adicional sen interromper a secuencia lóxica, e adoita quedar a pé de páxina, ou ao final do texto. Tamén poden ser usados para incluír algún tipo de información sobre o texto que rompería a lóxica do informe se fose incluído no texto principal.
Cando se fai referencia a un autor ou texto en xeral, pero non se está indicando unha cita en particular, a nota adoita iniciarse cos termos Confrontar... ou Ver..., seguido do título dun texto determinado, indicando que o parágrafo ou parágrafos de onde procede a nota son un resumo feito pola persoa autora da obra indicada.
Úsanse abreviaturas especiais cando alguén é citado máis dunha vez, para abreviar o número de coautores etc.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]É a lista ordenada de autores e obras referenciadas, postas en orde alfabética segundo o apelido das persoas. O modo de consignar a obra depende de se é un libro, un artigo, un capítulo dunha obra de diversas autorías... As bibliografías inclúen o nome da persoa, o título da obra (e o capítulo ou páxinas concretas, se procede), a casa editorial e o ano de publicación.
Glosario
[editar | editar a fonte]O glosario é unha lista ordenada alfabeticamente de termos técnicos ou que, por algún motivo, poden presentar dificultades á persoa que os le, acompañados da súa definición. Son termos difíciles, pouco coñecidos, ou que poden ter varias acepcións mais son usados no texto con algunha en concreto. Adoitan ir ao final do texto.
Apéndices ou anexos
[editar | editar a fonte]Neste apartado, situado ao final do texto, inclúense textos, cadros, documentos, testemuñas diversas, entrevistas en detalle, facsímiles, enquisas etc. Son un complemento do texto que, por mor da súa extensión, non poden incluírse en forma de notas, ou ben que son incluídas á parte porque no medio do texto rompería coa lóxica da explicación que se está desenvolvendo.