Saltar ao contido

Paseo de Sarasate

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento aos Foros de Navarra

O Paseo de Sarasate (oficialmente Paseo de Pablo Sarasate) é un emblemático paseo da cidade de Pamplona (Navarra), situado entre a Zona Vella e o Segundo Ensanche da cidade. Tamén é coñecido de forma popular como Paseo Valencia.

Adoita ser o centro das concentracións máis emblemáticas que se producen na cidade.

Durante a Idade Media, a muralla de Pamplona pasaba ao longo da actual liña de edificios dos números pares deste paseo, a máis próxima á Zona Antiga; estando a Igrexa de San Nicolás integrada na devandita muralla. O que hoxe é Paseo de Sarasate encontrábase, pois, no lado exterior da muralla; é dicir, fóra da cidade.

Isto foi así ata que no século XVI, tras a conquista de Navarra, se construíron as murallas modernas (as que hoxe coñecemos) e esta zona quedou dentro do cinto das devanditas murallas. Tratábase dun espazo arbóreo dentro da cidade, que servía de esparexemento aos seus habitantes, ao igual que o Parque da Taconera (de feito o actual paseo de Sarasate formaba parte da Taconera).

Non foi ata o século XIX cando esta zona se converteu en paseo, tal como a coñecemos actualmente. Inicialmente denominouse Paseo de Valencia (e oficiosamente, algúns sectores da poboación seguen referíndose a este así). A razón explicouna o médico e historiador José Joaquín Arazuri. Foi debido a que Prudencio Valencia tiña na veciña rúa Lindachiquía un despacho de escribán de gran prestixio na cidade e nas vilas de Navarra. Esta tarefa era necesaria para tramitar todo tipo de xestións administrativas, polo que a referencia para os que acudían na súa busca deu nome ao lugar. Non obstante, tras o falecemento de Pablo Sarasate en 1908, o Concello de Pamplona denominou ao devandito paseo co nome do artista internacional pamplonés que nacera na veciña rúa de San Nicolás. En 1974, por un breve lapso de tempo, decidiuse poñer o nome de Paseo Valencia, pero rapidamente restituíuse a denominación oficial ao célebre violinista

Edificios e monumentos

[editar | editar a fonte]

Este pazo é a sede do Goberno de Navarra, e a súa fachada principal, ao igual que o propio pazo, foi construída no século XIX (estilo neoclásico). Non obstante, foron colocados no século XX os dous reis das fornelas (que son Sancho o Maior e Sancho o Forte), e a alegoría de Navarra do frontón (cos dous tipos navarros: o montañés e o ribero). Nas columnas da dereita dos soportais aprécianse aínda as pegadas do bombardeo aéreo que sufriu Pamplona durante a Guerra Civil en 1937.

Edificio do Banco de España

[editar | editar a fonte]
O edificio do Banco de España, no extremo leste do paseo.

É o edificio enfrontado ao Palacio de Navarra no extremo oriental do paseo de Sarasate, o número 1, e tamén inicia a avenida de San Ignacio. Obra dos arquitectos José Astiz e José Yárnoz Larrosa, foi edificado entre 1925 e 1927. De estilo clásico por ser un edifico institucional (nos anos 20 imperaba as teorías novecentistas en que para as institucións se empregaba este estilo) e con proporcións equilibradas, con reflexo neoclásico do Pazo. A zona nobre esta destacada mediante catro columnas no frontis ao paseo e por pilastras na fachada da avenida. O conxunto é máis lixeiro que o pazo por empregar a orde xónica en vez da dórica do da Deputación. A mansarda de lousa o emparenta coa arquitectura burguesa francesa.

Símbolo das liberdades de Navarra, este emblemático monumento ergue aquí dende 1903. Foi construído por subscrición popular tras os acontecementos da "Gamazada", nos que o ministro de facenda Germán Gamazo intentou suprimir o réxime fiscal de Navarra desatándose unha xigantesca reacción popular en Navarra en contra da devandita supresión e en defensa dos Foros, que finalmente por outras razóns non se aplicou. No alto, unha matrona que simboliza a Navarra sostén os Foros na súa man, e, máis abaixo, cinco figuras simbolizan o traballo, a paz, a xustiza, a autonomía e a historia. Tamén hai cinco placas con inscricións alusivas á defensa dos Foros. Tres delas están escritas en castelán e dous en éuscaro (unha destas en alfabeto de caracteres ibéricos).

Igrexa de San Nicolás

[editar | editar a fonte]

A orixinal foi erixida no século XII, para atender oficios relixiosos e para servir de bastión militar e defensivo dos veciños do seu burgo, do mesmo nome, sempre enfrontado cos outros dous Burgos da cidade (Navarrería e San Saturnino). A actual data dos séculos XIII e XIV, con engadidos do século XIX. Tivo distintas torres pero a que existe na actualidade é de 1924.

Parlamento de Navarra
Unha das estatuas do paseo. Neste caso a do rei de Pamplona García Ramírez.

Situado no lado oeste do Paseo, construíuse en 1892 como Pazo de Xustiza e mantivo esa función ata o ano 1996. Actualmente, e dende o ano 2002 tras un reforma integral que só mantivo a fachada exterior, é sede do Parlamento de Navarra. O corpo principal achégase ao clasicismo con emprego exclusivo da pedra, mentres que os frontis secundarios están próximos ao Eclecticismo. Malia o novo uso, no tellado mantéñense unha alegoría da Xustiza (con balanza) e as táboas da Lei.

Estatuas de Reis

[editar | editar a fonte]

As seis estatuas de pedra branca que adornan a plataforma central do Paseo de Sarasate representan reis e foron colocadas aquí no século XIX tras ser adquiridas polo Concello, provenientes de proxecto decorativo para o Palacio Real de Madrid (Palacio de Oriente) que finalmente non se levou a cabo. Foron realizadas entre os anos 1750 e 1753. En 1972 produciuse un cambio nestas: devolvéronse a Madrid dous (que representaban Fernando VI e a súa esposa Bárbara de Braganza) a cambio doutras dúas que se trouxeron e que representan os reis de Navarra Filipe III de Navarra (esposo de Xoana II de Navarra) e García Ramírez.

Estas dúas son as únicas cuxo nome figura no pedestal. A identidade das outras catro estatuas é descoñecida.

Edificios desaparecidos

[editar | editar a fonte]
  • No soar onde se encontra o Banco de España estivo o primeiro edificio da Casa da Misericordia, a popular Meca, que naceu en 1692 para atender a mendigos e xentes necesitadas. O edificio construíuse entre 1702 e 1706.
  • Xunto á anterior no soar tamén do Banco e algunhas das casas da avenida de San Ignacio encontrábase o Mesón de los Carros importante fonda e servizos para os viaxeiros. En 1931 os Escolapios ocuparon o edificio dándolle uso académico, aínda que isto foi por pouco tempo ata o seu traslado ao Segundo Ensanche.
  • A Casa de Pastores cara a metade do paseo. Era para os que acudían á cidade por traballo e de menor categoría que o xa descrito Mesón.
  • A Casa de Baños, entre o paseo Sarasate e a actual praza del Vínculo. Edificada con pedras da demolición da igrexa de San Lorenzo danada durante as guerras Carlistas. Inaugurouse en 1854 e utilizouse ata 1922 en que pasou a ser almacén.
  • Na esquina do paseo coa rúa Ciudadela, inicialmente alí houbo unhas casas onde estiveron as Carmelitas Descalzas que se instalaron cando abandonaron o barrio da Magdalena. Foi efémero antes de ir de forma definitiva á rúa Descalzos. Nesta situación estivo anos despois o Hospital de San Juan de Dios, e despois o cuartel de San Martín sendo derruído en 1855. Dez anos despois edificouse a Casa Alzugaray que foi sede do Goberno Civil ata 1914.
  • O edificio municipal denominado El Vínculo, na metade do paseo nos números impares. Foi cedido ao Estado en 1918 para construír unha nova oficina de Correos e Telégrafos e na actualidade é onde se encontran as principais oficinas da cidade.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • José Joaquín Arazuri (1980). Pamplona, Calles y Barrios. Pamplona. ISBN 84-300-1878-6. 
  • José Joaquín Arazuri (1979 [1967]). Pamplona Antaño. Pamplona:Editorial Aranzadi (1ª ed.). Burlada, Navarra: Gráficas Castuera. ISBN 84-300-0863-2. 
  • varios autores (2005). Historia de los barrios de Navarra. Pamplona: Analecta edciones y libros SL. ISBN 84-95283-69-7.