Saltar ao contido

Pediculose da cabeza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pediculose da cabeza
Clasificación e recursos externos
Picaduras de piollos na parte de artás do pescozo.
ICD-10B85.0
DiseasesDB9725
MedlinePlus000840
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A pediculose da cabeza (chamada oficialmente no CIE10 pediculose debida a Pediculus humanus capitis[1] e infestación da cabeza debida a piollos), tamén chamada pediculosis capitis,[2] é a infestación dos cabelos e coiro cabeludo polo piollo da cabeza (Pediculus humanus capitis).[3] O seu síntoma máis común é o proído debido ás picaduras que fai o piollo para alimentarse de sangue humano.[4] Durante a primeira infección dunha persoa, o proído pode tardar en aparecer ata seis semanas.[4] Se a persoa é infestada de novo, os síntomas empezan moito máis rapidamente.[4] O proído pode causar problemas para durmir.[5] Porén, xeralmente esta pediculose non é un problema grave.[6] O piollo da cabeza, a diferenza do piollo do corpo, non transmite outras doenzas, polo menos en Europa.[3][5]

O piollo da cabeza transmítese por contacto directo co cabelo doutra persoa infectada.[5] A causa das infestacións polo piollo da cabeza non está relacionada coa falta de hixiene.[4] Outros animais, como cans e gatos non interveñen na transmisión.[5] O piollo da cabeza aliméntase só de sangue humano e só pode sobrevivir no cabelo humano.[3][4] Cando chegan a adultos miden 2 ou 3 mm de longo.[7] Cando non está adherido ao cabelo humano, só pode sobrevifir uns dous ou tres días.[4] Os humanos tamén poden ser infectados polo piollo do corpo e o piollo pato, que orixinan outras variedades de pediculose. Para facer a diagnose , deben encontrarse piollos vivos no pelo.[4] O uso dun peite especial é de grande axuda para a detección.[4] A presenza de ovos (lendias) baleiras non é suficiente para diagnosticar esta pediculose.[4]

Entre os posibles tratamentos están: peitear o pelo frecuentemente cun peite de dentes finos ou afeitar a cabeza completamente, usar varios medicamentos tópicos, como malatión, ivermectina, e dimeticona.[6] A dimeticona, que é un aceite de silicona, ten un baixo risco de efectos secundarios.[6] Os piretroides como a permetrina tamén se teñen usado moito; porén, fixéronse menos efectivos debido á aparición de resistencias.[6] Hai poucas probas sobre a efectividade de medicinas alternativas.[8]

As infestacións polo piollo da cabeza son comúns, especialmente en nenos.[4] En Europa, segundo algunhas estimacións afectan do 1 ao 20% de diferentes grupos de persoas estudados.[3] Nos Estados Unidos entre 6 e 12 millóns de nenos inféstanse cada ano.[5] É máis común en nenas.[4] Suxeriuse que historicamente, a infestación polo piollo da cabeza podía ser beneficiosa, xa que protexía contra o máis perigoso piollo do corpo.[9] Ás veces, as infestacións poden estigmatizar á persoa afectada, sen unha razón lóxica.[4]

Signos e síntomas

[editar | editar a fonte]
Macho adulto (esquerda) e femia (dereita) de piollo da cabeza.

A infestación por piollos da cabeza é xeralmente desagradable, pero tipicamente non constitúe unha condición grave.[6] Os síntomas máis comúns son proído na cabeza, que empeora ao avanzar a infestación. A reacción ás picaduras é moi suave, e é moi difícil velas entre os cabelos (poden verse as picaduras na zona da caluga se se apartan os cabelos de persoas con pelo longo, como se ve na foto). É raro que se produza inchamento dos ganglios linfáticos e febre. Rañarse pode causar feridas na pel e infeccións bacterianas.[6]

Transmisión

[editar | editar a fonte]

Os piollo non voan (non teñen ás) e non poden saltar. Andan moi mal sobre superficies planas, pero gabean con rapidez polos pelos. Tampouco nadan nin se enterran na pel.[10] A causa da infestación non está relacionada coa hixiene ou limpeza do cabelo.[4][11] Tampouco está relacionado con ter o cabelo longo nin coa frecuencia con que se cepilla.[12] A forma máis común de transmisión, con gran diferenza, é o contacto directo entre as cabezas, e é máis raro que se produza por contacto con roupas ou obxectos.[13] Pódense resumir as causas de transmisión así:

  1. Contacto directo entre as cabezas dunha persoa e doutra persoa infestada.[4] Os piollos poden moverse rapidamente polos cabelos e pasan dunha cabeza a outra. Esta é a forma normal de transmisión. Para que haxa transmisión debe haber piollos vivos. As lendias non transmiten a infestación dunha persoa a outra, xa que se unha lendia se despega do pelo, xa non pode volver a pegarse a outro pelo, porque non ten o pegamento que segrega a femia no momento da posta (aínda que a presenza de lendias viables adheridas nunha persoa indica nesa persoa unha infestación; pero non se transmite por lendias). Os contactos entre cabezas son frecuentes entre nenos durante os seus xogos e relacións sociais, ou tamén entre familiares e nenos pequenos durante o seu coidado, xogos, apertas etc.
  2. Poñerse roupa infestada, como sombreiros, gorras, bufandas, abrigos, uniformes deportivos, fitas para o cabelo etc. Pero, como se dixo, estas deben conter piollos vivos. É unha forma de transmisión pouco común comparada co contacto directo cabeza con cabeza.
  3. Utilizar peites ou toallas infestados. Os peites, cepillos ou toallas que conteñan piollos vivos poden transmitir a pediculose. Pouco común.
  4. Utilizar unha cama, na que están infestados con piollos vivos o colchón, sabas, almofada. Tamén un peluxe ou alfombras que estivesen recentemente en contacto cunha persoa infestada. Tamén compartir armario. Pouco común.

En Etiopía detectouse en certos casos que o piollo da cabeza contiña bacterias causantes do tifo exantemático e da febre das trincheiras, pero non quedou demostrado que o piollo da cabeza as transmitise (o piollo do corpo si pode).[3] En Europa non se detectaron casos similares.[3]

Peite especial para piollos usado para o diagnóstico e tratamento, aplicado no cabelo húmido e con acondicionador. Na escuma que arrastra o peite poden verse os piollos que poida haber.

Esta condición diagnostícase cando se encontran piollos vivos no cabelo. Non é suficiente para o diagnóstico atopar ovos baleiros.[4] É útil utilizar unha lupa para examinar os cabelos e o coiro cabeludo ou usar un peite especial para peitear os cabelos. Con frecuencia esta condición é sobrediagnosticada, xa que as manifestacións xa extintas poden tomarse por erro como activas. Como resultado, utilízanse con certa frecuencia tratamentos para matar piollos en nenos non infestados.[14] O uso dun peite especial de dentes finos é a forma máis efectiva de detectar os piollos.[15] Debe prestarse especial atención no exame da área da caluga e preto das orellas. O peite pode despois ser examinado a simple vista ou cunha lupa. Os piollos miden xeralmente 2 ou 3 mm.

A presenza só de lendias, pero non de piollos vivos non é un indicador adecuado dunha infestación activa de piollos. Xeralmente, poden atoparse ovos brancos ou baleiros, cando, en realidade, só os ovos (lendias) pardos conteñen larvas viables. Unha forma de determinar o tipo de lendia é aplastalo entre dúas uñas dos dedos e ver se produce un son característico cando o ovo explota. Os nenos nos que se detectan lendias no seu cabelo teñen unha probabilidade do 35–40% de estar infestados con lendias vivas; o resto teñen lendias non viables.[15][16] Se se detectan piollos nun neno, tamén debería revisarse toda a familia usando o peite, e só os que teñan piollos vivos deberíasn ser tratados. En caso de non se detectaren piollos vivos, o neno debe considerarse negativo para a infestación, o que evita tratamentos innecesarios.[17]

Prevención

[editar | editar a fonte]

O exame da cabeza dos nenos en intervalos regulares usando un peite para piollos permite a diagnose de infestación por piollos en etapas temperás. O diagnóstico temperán fai que o tratamento sexa máis doado e reduce a posibilidade de infestar a outros. Son necesarios exames adicionais se o neno estivo en contacto con individuos infestados ou se se raña con frecuencia na cabeza.

As roupas e obxectos de aseo que estiveron en contacto cun individuo infestado, poden ser desinfectados deixándoos no exterior polo menos dúas semanas ou lavándoos a 60 °C durante 30 minutos.[18] Os piollos adultos poden sobrevivir só uns dous días sen comer sangue e dependen moito da calor corporal humana.[19] Non é necesario tratar con insecticidas a casa ou os mobles.

Tratamento

[editar | editar a fonte]

Hai varios tratamentos efectivos para a pediculose da cabeza. Entre estes métodos están o uso de peites especiais, afeitado da cabeza, pomadas médicas, e a aplicación de aire quente.[20] As pomadas medicinais normalmente requiren dous tratamentos separados unha semana.[6] Ter piollos da cabeza non é xustificación para que os nenos queden en casa sen ir á escola, xa que o risco de transmisión é baixo.[12]

Medidas mecánicas

[editar | editar a fonte]

O afeitado da cabeza pode servir para tratar eficazmente a infestación por estes piollos.[6] O peiteado dos cabelos húmidos varias veces ao día durante unhas poucas semanas pode tamén servir para librarse da infestación na metade dos casos.[6] Isto require o uso dun peite especial con dentes extrafinos.[6] Este método está recomendado en nenos pequenos e mulleres embarazadas.[6]

Aire quente

[editar | editar a fonte]

Outro tratamento é o uso de aire quente aplicado cun secador de pelo.[20]

Medicacións

[editar | editar a fonte]

Hai moitas medicacións que poden matar os piollos. A dimeticona é efectiva entre o 70 e o 97% dos casos e ten poucos efectos secundarios, e é un dos tratamentos preferidos.[6] Funciona por mecanismos físicos e non hai evidencias de resistencias.[3] A ivermectina ten unha efectividade do 80%, pero pode causar irritacións locais na pel. O malatión ten unha efectividade de arredor do 90%, pero hai a posibilidade de toxicidade.[6] Os piretroides como a permetrina, aínda que son moi usados, teñen unha efectividade baixa debido á resistencia que adquiriron os piollos,[6] e a súa efectividade varía do 10 ao 80%, dependendo da poboación estudada.[4][6] As medicacións en locións parecen funcionar mellor que en champú.[6]

Medicina alternativa

[editar | editar a fonte]

Promocionouse o aceite da árbore do té como tratamento para o piollo da cabeza; porén, hai un desacordo sobre a súa efectividade.[21][22][23] Unha "revisión" de 2012 sobre o tratamento do piollo da cabeza recomendaba non usar o aceite da árbore do té cos nenos porque podía causar irritación na pel ou reaccións alérxicas, debido a contraindicacións, e á falta de coñecemento sobre a súa seguridade e grao de efectividade.[24] Outros remedios caseiros como aplicar vinagre, alcohol isopropílico, aceite de oliva, maionesa, ou manteiga fundida baixo unha gorra de ducha, non se recomendan.[8] O CDC dos Estados Unidos afirma que nadar non ten efecto sobre os piollos, e pode facer diminuír a efectividade dalgúns tratamentos.[25]

Medidas no contorno

[editar | editar a fonte]

Despois do tratamento, recoméndase lavar todas as roupas de cama e limpar con aspiradora todas as áreas que puidesen estar en contacto coa cabeza, como cadeiras, carapuchas de abrigos, e sofás, pero isto non sempre é necesario, xa que os piollos adultos morren nuns 2 días se non poden comer sangue, e os piollos acabados de nacer morren en cuestión de minutos separados do seu hóspede.[20] Os peites e cepillos poden ser espiollados fervéndoos en auga durante 5 ou 10 minutos. Outros obxectos poden conxelarse durante 24 horas ben por debaixo de 0 °C para asegurarse de que se forman cristais de xeo nas células do piollo.[26]

Epidemioloxía

[editar | editar a fonte]
"Faltan datos fiables que describan a incidencia usual da infestación no público en xeral, na comunidade escolar media ou durante épocas específicas do ano."
Janis Hootman, 2002[27]

O número de casos de infestacións por pediculose incrementouse en todo o mundo desde mediados da década de 1960, chegando a cifras de centos de millóns de persoas infestadas ao ano.[28] En Europa estudáronse grupos en distintos países e a incidencia variaba segundo os casos entre o 1 e o 20%.[3]

Malia as melloras nos tratamentos médicos e na prevención de enfermidades humanas realizada durante o século XX, a infestación por piollos da cabeza segue sendo moi prevalente. Por exemplo, en 1997, o 80% das escolas elementais norteamericanas informaron de polo menos un gromo de piollos.[29] A infestación de piollos no mesmo período foi máis prevalente que a da varicela.[29]

Hai elevadas taxas de infectación por todo o mundo, incluídos países desenvolvidos como Dinamarca, Suecia, Reino Unido, Francia, Israel, Australia ou os Estados Unidos. Por exemplo, nos Estados Unidos estímase entre 6 e 12 millóns o número de nenos entre os 3 e os 11 anos tratados contra os piollos.[13][17][30]

As nenas teñen unha frecuencia de infestación de 2 a 4 veces maior que os nenos. Os nenos entre 4 e 13 anos son os máis frecuentemente afectados.[31] Outros dan o intervalo entre 3 e 10 anos como o máis afectado.[32] A infestación en persoas de orixe africana é menos común debido á textura do seu pelo.[32][33]

  1. CIE10. Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. B85.0 Arquivado 18 de decembro de 2015 en Wayback Machine.
  2. Rapini, Ronald P.; Bolognia, Jean L.; Jorizzo, Joseph L. (2007). Dermatology: 2-Volume Set. St. Louis: Mosby. ISBN 1-4160-2999-0. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Feldmeier, H (Sep 2012). "Pediculosis capitis: new insights into epidemiology, diagnosis and treatment.". European Journal of Clinical Microbiology & Infectious Diseases 31 (9): 2105–10. PMID 22382818. doi:10.1007/s10096-012-1575-0. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 4,13 4,14 4,15 Smith, CH; Goldman, RD (Aug 2012). "An incurable itch: head lice.". Canadian family physician Medecin de famille canadien 58 (8): 839–41. PMID 22893334. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "Parasites - Lice - Head Lice Frequently Asked Questions (FAQs)". cdc.gov. September 24, 2013. Consultado o 23 October 2014. 
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 6,11 6,12 6,13 6,14 6,15 "Head lice. Dimeticone is the pediculicide of choice.". Prescrire Int. 151 (23): 187–90. Jul 2014. PMID 25162097. 
  7. "Parasites - Lice - Head Lice". cdc.gov. September 24, 2013. Consultado o 23 October 2014. 
  8. 8,0 8,1 Takano-Lee M, Edman JD, Mullens BA, Clark JM (December 2004). "Home remedies to control head lice: assessment of home remedies to control the human head louse, Pediculus humanus capitis (Anoplura: Pediculidae)". Journal of Pediatric Nursing 19 (6): 393–8. PMID 15637580. doi:10.1016/j.pedn.2004.11.002. 
  9. Rózsa, L; Apari, P (May 2012). "Why infest the loved ones--inherent human behaviour indicates former mutualism with head lice.". Parasitology 139 (6): 696–700. PMID 22309598. doi:10.1017/S0031182012000017. 
  10. Centers for Disease Control and Prevention. "Parasites - Lice - Head Lice" (en inglés). 
  11. http://www.nhs.uk/conditions/head-lice/Pages/Introduction.aspx
  12. 12,0 12,1 Devore, C. D.; Schutze, G. E. (27 April 2015). "Head Lice". PEDIATRICS 135 (5): e1355–e1365. doi:10.1542/peds.2015-0746. 
  13. 13,0 13,1 Division of Parasitic Diseases (DPD), National Center for Zoonotic, Vector-Borne, and Enteric Diseases (ZVED) (May 16, 2008). "Head lice fact sheet". Centers for Disease Control and Prevention website. Atlanta, GA: Department of Health and Human Services, US Government. Consultado o 28 May 2010. 
  14. Pollack RJ, Kiszewski AE, Spielman A; Kiszewski; Spielman (2000). "Overdiagnosis and consequent mismanagement of head louse infestations in North America". The Pediatric Infectious Diseases Journal 19 (8): 689–93. PMID 10959734. doi:10.1097/00006454-200008000-00003. 
  15. 15,0 15,1 Mumcuoglu KY, Friger M, Ioffe-Uspensky I, Ben-Ishai F, Miller J; Friger; Ioffe-Uspensky; Ben-Ishai; Miller (2001). "Louse comb versus direct visual examination for the diagnosis of head louse infestations". Pediatric dermatology 18 (1): 9–12. PMID 11207962. doi:10.1046/j.1525-1470.2001.018001009.x. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2019. Consultado o 15 de xullo de 2015. 
  16. Williams LK, Reichert A, MacKenzie WR, Hightower AW, Blake PA; Reichert; MacKenzie; Hightower; Blake (2001). "Lice, nits, and school policy". Pediatrics 107 (5): 1011–5. PMID 11331679. doi:10.1542/peds.107.5.1011. 
  17. 17,0 17,1 Mumcuoglu, Kosta Y.; Barker CS; Burgess IF; Combescot-Lang C; Dagleish RC; Larsen KS; Miller J; Roberts RJ; Taylan-Ozkan A. (2007). "International Guidelines for Effective Control of Head Louse Infestations". Journal of Drugs in Dermatology 6 (4): 409–14. PMID 17668538. 
  18. Kidshealth.org – Head lice, page-3
  19. University of Florida Dept of Entomology Circular 175
  20. 20,0 20,1 20,2 Goates BM, Atkin JS, Wilding KG; et al. (November 2006). "An effective nonchemical treatment for head lice: a lot of hot air". Pediatrics 118 (5): 1962–70. PMID 17079567. doi:10.1542/peds.2005-1847. 
  21. Barker SC, Altman PM (2010). "A randomised, assessor blind, parallel group comparative efficacy trial of three products for the treatment of head lice in children--melaleuca oil and lavender oil, pyrethrins and piperonyl butoxide, and a 'suffocation' product". BMC Dermatology 10: 6. PMC 2933647. PMID 20727129. doi:10.1186/1471-5945-10-6. 
  22. Jacobi, Tillmann (22 September 2011). "The Basics – The management of head lice". GP: 38. All in all, the evidence for alternative treatments, such as tea tree oil and neem seed oil, remains weak. 
  23. "Tea tree oil". Medline Plus, a service of the U.S. National Library of Medicine from the National Institutes of Health. 27 July 2012. 
  24. Eisenhower, Christine; Farrington, Elizabeth Anne (2012). "Advancements in the Treatment of Head Lice in Pediatrics". Journal of Pediatric Health Care 26 (6): 451–61; quiz 462–4. PMID 23099312. doi:10.1016/j.pedhc.2012.05.004. 
  25. "CDC – Frequently Asked Questions – Healthy Swimming & Recreational Water – Healthy Water". Cdc.gov. 2012-10-22. Consultado o 2012-11-22. 
  26. Michigan Head Lice Manual. State of Michigan. 2004. [cómpre nº de páxina]
  27. Hootman J (April 2002). "Quality improvement projects related to pediculosis management". The Journal of school nursing : the official publication of the National Association of School Nurses 18 (2): 80–6. PMID 12017250. doi:10.1177/10598405020180020401. 
  28. Norman G. Gratz (1998). "Human lice: Their prevalence, control and resistance to insecticides. A review 1985–1997" (PDF). Geneva, Switzerland: World Health Organization. Consultado o 2008-01-02. 
  29. 29,0 29,1 "A modern scourge: Parents scratch their heads over lice". Consumer Reports. February 1998. pp. 62–63. Consultado o 2008-10-10. 
  30. Burgess, Ian F. (2004-01). "H UMAN L ICE AND T HEIR C ONTROL". Annual Review of Entomology (en inglés) 49 (1): 457–481. ISSN 0066-4170. doi:10.1146/annurev.ento.49.061802.123253. Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2022. Consultado o 25 de novembro de 2022. 
  31. Mumcuoglu KY, Miller J, Gofin R; et al. (September 1990). "Epidemiological studies on head lice infestation in Israel. I. Parasitological examination of children". International Journal of Dermatology 29 (7): 502–6. PMID 2228380. doi:10.1111/j.1365-4362.1990.tb04845.x. Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2018. Consultado o 15 de july de 2015. 
  32. 32,0 32,1 Nutanson I.; et al. (2008). "Pediculus humanus capitis: an update" (PDF). Acta Dermatoven 17 (4): 147–59. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de agosto de 2011. Consultado o 15 de xullo de 2015. 
  33. James GH Dinulos (September 2008). "Lice (Pediculosis)". The Merck Manual. Merck & Co., Inc. Consultado o 2008-12-27. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]