Pedrafita de Rebordiño
Pedrafita de Rebordiño | |
Tipo | Menhir / Pedrafita |
Data | Idade de Bronce |
Características | |
Lonxitude | 0,40 m |
Anchura | 0,76 m |
Altura | 1,88 m |
Materiais | Granito |
Descuberta | |
Localización | Soutelo Verde, Laza, Galicia Castro dos Mouros |
Coordenadas | |
Descubridor/a | Bruno Rúa |
Data | 2015 |
A pedrafita de Rebordiño é un menhir do tipo «forma cabeza», posiblemente da Idade de Bronce, atopado en Soutelo Verde (O Castro de Laza, Laza).[1][2]
Descrición
[editar | editar a fonte]Trátase dunha pedra de granito de 1,88 m de altura, 0,76 m de anchura e 0,40 m de espesor. Presenta unha protuberancia na parte superior que se interpretou como unha cabeza. A un terzo da altura presenta dúas escotaduras que buscan a forma antorpomorfa que se pode ver noutras estatuas-menhir deste tipo.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]O megálito deuno a coñecer en 2015 o etnógrafo Bruno Rúa.[2][1] Non forma parte de ningunha linde entre aldeas ou parroquias. Un pastor local de Carraxo conservaba unha lenda que di que o menhir é un home que se atreveu a tratar de roubar a clave de ouro que sostiña a bóveda que había debaixo do Castro dos Mouros. Como castigo, o rei mouro converteuno en pedra.[2] Outra lenda conta que cando as mozas ían levar o gando aos prados da Escaceira, a moura que vivía no Pozo da Moura, que nunca secaba, a carón do menhir, insistía en peitealas.[3]
Localización
[editar | editar a fonte]Atópase preto de Carraxo, alén da estrada OU-113, nunha ladeira de difícil acceso do val do río Támega, nos contrafortes occidentais da serra de Meda, unha prolongación da serra de San Mamede.[2]
O lugar é unha fieiteira preto dos restos do poboado fortificado da cultura castrexa de Castro dos Mouros, e podería estar relacionado con el.[2][3] Do poboado non se conservan restos de muralla ou construcións e foi moi alterado polas actividades forestais.[4]
Na zona atopáronse tamén até 78 petróglifos,[1] entre en Soutelo Verde o das Ferraduras, formado por catro ou cinco coviñas e un signo en forma de ferradura.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Martínez, Sindo (11 de abril de 2015). "Descubren una estatua menhir de hace 4.000 años en un monte de Laza". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 6 de xaneiro de 2016.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Pedrafita de Rebordiño na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- ↑ 3,0 3,1 Castro dos Mouros na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- ↑ 4,0 4,1 "Catálogo de planeamiento arqueolóxico" (PDF). Xunta de Galicia. 26 de febreiro de 2008. Consultado o 6 de xaneiro de 2015.