Pedro Martul Rey
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de xullo de 1909 Santa Baia de Camba, España |
Morte | 18 de maio de 1982 (72 anos) Santiago de Compostela, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | catedrático |
Familia | |
Cónxuxe | María Tobío |
Fillos | Luis Martul Tobío |
Pedro Martul Rey, nado en Santa Baia de Camba (Rodeiro) o 3 de xullo de 1909 e finado en Santiago de Compostela o 18 de maio de 1982, foi un profesor e escritor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Realizou estudos universitarios en Santiago de Compostela. Casou con María de los Ángeles Tobío Fernández en 1931 e trasládanse a Madrid, onde traballou durante un tempo no Centro de Estudios Históricos. Gañou as oposicións a catedrático de ensino medio e trasladouse a Monforte de Lemos. Durante ese tempo tivo algunha actividade política participando en mitins. O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 colleuno en Madrid. Permaneceu uns meses na cidade, e despois trasladouse a Valencia e finalmente a Orihuela, onde foi profesor de ensino medio. En 1938 foi destinado á Escola de Xefes e Oficiais de Carabineiros de Caldes de Montbui. Dende alí cruzou os Pireneos por Le Perthus coa súa muller e o seu primeiro fillo, Pedro, en xaneiro de 1939.
Despois de pasar varios meses nos campos de refuxiados de Montpellier e Argelès sur Mer, reuniuse coa súa muller en Monte Limar e deciden marchar a América. Dende Bordeos embarcaron no Ipanema rumbo a México, chegando a Veracruz en xullo de 1939. En México foi director, fundador e profesor do Instituto Hispano-Mexicano Ruiz de Alarcón, establecendo tamén unha forte amizade co presidente mexicano Lázaro Cárdenas. Relacionouse ademais con outros intelectuais vinculados a institucións culturais, como Ventura Castro Leal, Silvia Herzog, Vicente Leñero, Espinosa Meireles ou outros de distinta significación como Lombardo Toledano ou Alfonso Reyes. Asistiu con frecuencia ás reunións que se organizaban na casa de Indalecio Prieto. Co peche do Instituto ao redor do ano 1943 pasou a ser profesor da Escola Superior de Guerra en México D.F.. Nos últimos anos do exilio comezou a dedicarse ao negocio dos seguros, actividade coa que seguiu cando regresou a Galicia en 1948.
Residiu na Coruña até 1955, ano no que se trasladou a Santiago de Compostela. Dende 1949 traballou na empresa de seguros Galicia S.A., ata que se reincorporou como profesor de Ensino Secundario no Instituto Xelmírez de Santiago en 1961. Neses anos publicou artigos nos xornais La Voz de Galicia, El Correo Gallego e La Región.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Foi pai de Luís Martul Tobío.