Saltar ao contido

Peiwen yunfu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato do emperador Kangxi (1654-1722), quen ordenou a compilación do Peiwen yunfu (1711)
Retrato do emperador Kangxi (1654-1722), quen ordenou a compilación do Peiwen yunfu (1711)

O Peiwen yunfu (chinés tradicional: 佩文韻府; chinés simplificado: 佩文韵府; pinyin: Pèiwén yùnfǔ; Wade-Giles: P'ei4-wen2 yün4-fu3) é un dicionario de rimas chinés publicado en 1711.[1] Contén alusións literarias e fórmulas poéticas, que se poden consultar por ton e por rima.[2] O dicionario servía para axudar na composición de poesía.[2][3]

Do mesmo xeito ca o Kangxi zidian 康熙字典 ("Dicionario Kangxi", 1716), o Peiwen yunfu foi compilado baixo o mecenado do emperador Kangxi, cuxa biblioteca recibía o nome de Peiwen (lit. "escrita estimada ou admirada").[1][3] Está inspirado en dicionarios previos, coma o Yunfu qunyu 韻府群玉 da dinastía Yuan ou o Wuche yunrui 五車韻瑞 da dinastía Ming.[1][3] Uns vinte editores, entre os que se atopaban Zhang Yushu 張玉書 (1642-1711) e Chen Tingjing 陳廷敬 (1638-1712), comezaron a súa redacción no 1704, e remataron no 1711.[1][2][3][4]

No 1716, o emperador ordenou a creación dun suplemento, o Yunfu shiyi 韻府拾遺, que se completou no 1720.[1] Foi elaborado por Zhang Tingyu 張廷玉 (1642-1711).[1]

Características

[editar | editar a fonte]

O Peiwen yunfu é un dicionario voluminoso, con 444 fascículos ou juan 卷, que conteñen información sobre refráns ou frases de dous, tres ou catro sinogramas.[1][3] Conta con 10.258 entradas, ordenadas baixo 106 grupos de rimas.[1][2] As alusións e frases clásicas están clasificadas pola rima do seu último carácter, e van acompañadas de numerosas citas a modo de exemplo.[1][3]

O seu suplemento, o Yunfu shiyi, engade outros 112 fascículos á obra orixinal.[1] Cada entrada inclúe información omitida no Peiwen yunfu, así como explicacións adicionais.[1]

A pesar de que o Peiwen yunfu ten menos sona que o célebre Kangxi zidian, é moi útil para pescudar usos literarios.[5] Aínda na actualidade, pode empregarse para consultar nomes ou oracións en chinés clásico.[5][3] Porén, non ofrece referencias precisas dos textos que cita, e contén erros de compilación.[3][4]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Theobald, Ulrich. "Peiwen yunfu 佩文韻府 (www.chinaknowledge.de)". chinaknowledge.de (en inglés). Consultado o 2024-02-01. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "佩文韵府_张英_在线阅读_中华典藏". www.zhonghuadiancang.com. Consultado o 2024-02-01. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 "佩文韵府". 百度百科. Consultado o 2024-02-01. 
  4. 4,0 4,1 "佩文韵府 – 书格". www.shuge.org. Consultado o 2024-02-01. 
  5. 5,0 5,1 An Annotated Bibliography of Selected Chinese Reference Works (en inglés). Harvard University Press. 1950. ISBN 978-0-674-03851-6. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]