Saltar ao contido

Palmeira das Canarias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Phoenix canariensis»)

A palmeira das Canarias (Phoenix canariensis) é unha especie de palmeira endémica das Illas Canarias. Grazas á súa beleza, facilidade de adaptación e resistencia ao frío é unha das palmeiras que máis se usa en xardinaría, sendo moi común nos xardíns urbanos de Galicia, especialmente preto da costa. É unha especie protexida nas illas de orixe. A palmeira das Canarias considérase, segundo unha lei do Goberno das Canarias, o símbolo natural do arquipélago, xunto co canario (Serinus canaria).[1]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Palmeira de gran tamaño (10-30 metros de altura), co toro (estípite) groso e moi coriáceo, as súas follas (palmas) en mestos penachos palmados, poden medir entre 2 e 3 metros de longo. As flores dispóñense en mestos acios alaranxados. Froitos máis miúdos que os dátiles.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Medra nas zonas baixas das Illas Canarias, tipicamente entre 10 e 500 metros sobre o nivel do mar, sendo parte da formación chamada Bosque Termófilo. Coas raíces aproveita as bolsas de auga subterráneas, sobrevive a curtos períodos de enchentes, fixa tenazmente o substrato e pode se ancorar nos máis inestábeis fondos de cavorcos. É unha especie moi lonxeva, tanto que os exemplares máis altos superan os dous e quizabes tres séculos de idade.

En Galicia utilízase coma árbore ornamental principalmente en prazas e parques costeiros; e se planta en vilas principalmente das Rías Baixas, incluso en zonas de clima temperado do norte do país. Tamén é común en xardíns privados das Rías Baixas.

En 2013 apareceron os primeiros síntomas en Galicia de palmeiras afectadas polo escaravello vermello (Rhynchophorus ferrugineus), un escaravello bicudo cuxas larvas se alimentan do talo da palmeira até a matar.

En España apareceu o primeiro foco en Granada en 1995, de aí pasou ao País Valenciano en 2004, Cataluña e Murcia (2005), Illas Baleares e Illas Canarias (2006), Aragón (2009). En xaneiro de 2013 detéctase o primeiro caso en Galicia, no concello de Gondomar (Pontevedra). En 2015 xa se olla por Baiona, Vigo, Gondomar, Tomiño e Nigrán.

As larvas do escaravello son as que producen os danos no interior da palmeira, que non manifesta os síntomas até meses despois da colonización, normalmente cando se atopa nun estado avanzado de infestación. Os síntomas que se ollan son as follas centrais máis novas pouco desenvolvidas, con parte dos folíolos comidos e falla de fertilidade. As follas afectadas do centro amarelecen e murchan até se desprender; a palmeira vai perdendo a coroa. Na base das follas óllanse galerías realizadas polas larvas ou presenza de casulos, individuos adultos e restos de fibra esmagados.

Esta praga afecta a gran variedade de palmeiras; mais é a palmeira canaria a máis común en Galicia. As medidas trala infección son a protección e illamento da zona; a eliminación de todas as follas con motoserras. Tanto o que fique de palmeira (coroa e estípite) coma os restos vexetais deben pulverizarse cun tratamento fitosanitario autorizado a tal fin. A coroa da palmeira envolverase nun plástico dun espesor superior a 200 galgas, para impedir a saída de adultos de escaravello vermello ou a caída dos casulos. Despois é recomendábel cortar o pé (estípite) a rentes do chan e selar con mástic e, se for posíbel, decepar (arrincar a cachopa ou toco). Por último limar a zona e pulverizar todo, incluíndo os restos a eliminar e desinfección das ferramentas. Tamén se pode soterrar a palmeira a polo menos 2 metros de fondo, aplicando o tratamento fitosanitario.[2]

Nas Canarias existe unha multitude de aproveitamentos das distintas partes da palmeira, hoxe parcialmente en desuso. Na illa de La Gomera, extráese o zume chamada guarapo para producir o mel de palma.

Produce froitos comestíbeis chamados támaras semellantes aos dátiles da datileira (Phoenix dactylifera), pero máis miúdos e de menor calidade para o padal. As follas empréganse coma vasoiras, é común ver os varredores das illas utilizalas coma ferramenta de traballo.

Árbores senlleiras en Galiza

[editar | editar a fonte]

O palmeiral dos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña ten o código 13F entre as formacións incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Ley 7/1991, de 30 de abril, de símbolos de la naturaleza para las Islas Canarias". Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2011. Consultado o 04 de novembro de 2012. 
  2. Consellería do Medio Rural, Xunta de Galicia, ed. (febreiro 2021). O CONTROL DO PICUDO VERMELLO DAS PALMEIRAS (PDF) (Informe). pp. 7–8. Arquivado (PDF) dende o orixinal o 25 de abril de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]