Saltar ao contido

Pioneer 10

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pioneer 10 / Pioneer F
Representación artística de Pioneer 10 no Sistema Solar exerior.
TipoCientífico
OrganizaciónNASA
Destino actualFóra de servizo en traxectoria interestelar.[1]
Data de lanzamento3 de marzo de 1972, 1:49 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorAtlas-Centaur[2][5]
Sitio de lanzamentoBase espacial de Cabo Cañaveral, rampla LC-36A[2][6]
Obxectivo da misiónEstudo de Xúpiter e do Sistema Solar exterior.[2][6]
NSSDC ID1972-012A
Masa258 kg[5]
Potencia165 vatios[2]

Pioneer 10, tamén coñecida como Pioneer F, foi unha sonda espacial lanzada o 3 de marzo de 1972 mediante un foguete Atlas-Centaur desde a base espacial de Cabo Cañaveral cara Xúpiter e o Sistema Solar exterior, converténdose na primeira nave en visitar o xigante gaseoso e no primeiro obxecto humano que saíu fora do Sistema Solar cara ao espazo interestelar.[2][5][6]

Características

[editar | editar a fonte]

Pioneer 10 chegou a Xúpiter 21 meses despois do lanzamento e pasou a unha distancia mínima duns 200.000 km do planeta o 4 de decembro de 1973, obtendo as primeiras imaxes de Xúpiter desde as súas proximidades. A sonda continuou o seu camiño, alcanzando a velocidade de escape do Sistema Solar e dirixíndose cara ao espazo interestelar a unha velocidade de 2,6 Unidades astronómicas por ano e nunha dirección que apunta á estrela Aldebarán, a cuxas proximidades chegará dentro duns dous millóns de anos. Pioneer 10 tomou un rumbo que a leva pola cola da heliomagnetosfera ao contrario que outras sondas interestelares posteriores, como a Pioneer 11 e as Voyager 1 e 2, que se dirixen cara a fronte de choque entre a heliomagnetosfera e o gas do espazo interestelar.[2][5][6]

Os obxectivos da Pioneer 10 foron, en Xúpiter, estudar a súa atmosfera, campo magnético, lúas e aneis, e na súa viaxe interplanetaria, facer medicións do campo magnético do Sistema Solar, do po interplanetario, do vento solar e dos raios cósmicos.[2][5][6]

Diagrama da Pioneer 10 cos seus instrumentos.

A nave estaba formada por un corpo principal hexagonal de 36 cm de altura e con lados de 71 cm de lonxitude formado por tubos de aluminio e boro con epoxy situado baixo unha antena parabólica de alta ganancia de 2,74 m de diámetro co alimentador da antena a 1,2 m de altura sobre o cal, á súa vez, ía montada a antena de media ganancia. Dun lado do hexágono saía un compartimento coa instrumentación científica, mentres que antena de baixa ganancia colgaba do corpo principal a uns 76 cm en dirección oposta á antena principal. A enerxía para a nave era producida por catro xeradores termoeléctricos de radioisótopos (RTG polas súas siglas en inglés) modelo SNAP-19 situados a pares a 3 m do corpo principal e separados 120 graos entre si. Os RTG producían 155 vatios de potencia ao inicio da misión e 140 vatios no momento do achegamento a Xúpiter. Do compartimento de instrumentación estendíase un mastro de 6,6 metros de lonxitude que levaba no seu extremo un magnetómetro, situado a esa distancia para que o corpo metálico da nave non interferira nas medicións. A nave orientábase mediante tres sensores de referencia, entre eles un sensor estelar que apuntaba á estrela Canopus e que fallou pouco despois do encontro con Xúpiter. Pioneer 10 estabilizábase mediante xiro, controlado por tres pares de propulsores alimentados por hidracina, a unha velocidad nominal de 5 revolucións por minuto. O período de rotación da nave cara ao final da misión era de 14,1 segundos.[2][5][6]

Acaroada ao corpo da nave atópase unha placa destinada a posibles civilizacións extraterrestres con diagramas e debuxos representando unha parella humana e a situación da Terra e o Sol na nosa galaxia.[2][5][6]

Xúpiter visto por Pioneer 10.

As comunicacións entre nave e Terra tiñan lugar en banda S mediante as diversas antenas conectadas a un par de receptores a 2110 MHz e dous transmisores que producían ata 8 vatios de potencia para transmisións a 2292 MHz que eran recibidas na Rede do Espazo Profundo (DSN) da NASA a velocidades que chegaron aos 2048 bps nas proximidades de Xúpiter e que eran de só 16 bps ao final da misión.[2][5][6]

Despois do paso por Xúpiter a nave seguiu facendo medicións do espazo interplanetario ata que os instrumentos foron fallando ou a potencia dos RTG non foi suficiente para mantelos todos acendidos co que había que turnalos para facelos funcionar.[2][5][6]

As operacións de recollida de datos e seguimento rutineiros finalizaron o 31 de marzo de 1997 por motivos presupostarios. Posteriormente se fixeron contactos ocasionais baixo o apoio do proxecto Lunar Prospector, recollendo datos dos instrumentos de partículas e de radio. As últimas sesións de recollida de datos da Pioneer 10 tiveron lugar o 3 de marzo de 2002 (o 30º aniversario do lanzamento da sonda) e o 27 de abril dese mesmo ano. O sinal da nave escoitouse por última vez o 23 de xaneiro de 2003. Intentos posteriores realizados entre o 6 e o 7 de febreiro non conseguiron detectar máis sinais, polo que o contacto non volveu a intentarse máis veces.[2][5][6]

Instrumentos

[editar | editar a fonte]
Representación da placa a bordo da Pioneer 10.

Pioneer 10 levaba a bordo os seguintes instrumentos científicos:[2][5][6]

  1. 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "PIONEER 10" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2016. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 NASA (12 de febreiro de 2016). "Pioneer 10" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2016. 
  3. "Letter dated 28 August 1972 from the Deputy Permanent Representative of the United States of America to the United Nations addressed to the Secretary-General" (PDF) (72-16910). 30 de agosto de 1972: 2. Consultado o 29 de marzo de 2016. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Pioneer 10" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2012. Consultado o 29 de marzo de 2016. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 Gunter Dirk Krebs (2016). Gunter's Space Page, ed. "Pioneer 10, 11, H" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2016. 
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 Mark Wade (2011). "Pioneer 10-11" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2010. Consultado o 29 de marzo de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]