Plan Xeral de Ordenación Municipal
O Plan Xeral de Ordenación Municipal (abreviado PXOM) é o instrumento de planeamento urbanístico básico a nivel local en Galicia. É o instrumento polo que se planifica unha ordenación integral do territorio ou de diversos municipios. De acordo coa lexislación do Estado español e das súas respectivas comunidades autónomas, ten por obxecto o establecemento da ordenación do territorio planeado, definindo o modelo de utilización do solo a longo termo (modelo de cidade)[1] que resulta da ponderación cualitativa e cuantitativa dos datos e conclusións dos estudos previos realizados para o efecto e das diferentes alternativas de planeamento formuladas.
A ordenación integral do territorio dun ou varios concello comprende obrigatoriamente:[2]
- A clasificación do solo que vincula todo o do territorio planeado cun destino urbanístico básico así coma o correspondente réxime xurídico.
- A definición dos elementos fundamentais da estrutura xeral da ordenación urbanística do territorio planeado, isto é as vías de comunicación principais, os equipamentos e servizos comunitarios máis relevantes e as zonas verdes ou de lecer.
- A fixación do programa para o desenvolvemento e execución das correspondentes previsións, así coma o período mínimo de vixencia do propio plan.
No ano 2010, só un 40% dos concellos galegos dispoñían dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (128 de 315 concellos).[3]
Plans de ordenación urbanística en España
[editar | editar a fonte]Actualmente, e após a Sentenza do Tribunal Constitucional 61/1997, de 20 de marzo, as competencias urbanísticas están atribuídas en exclusiva ás Comunidades Autónomas:
- En Andalucía e Castela e León denomínase Plan General de Ordenación Urbanística.
- En Castela-A Mancha, coñécese coma POM, Plan de Ordenación Municipal.
- En Estremadura, denomínase PGM, Plan General Municipal.
- En Cataluña, é o POUM, Pla d'Ordenació Urbana Municipal.
- En Galicia, coñécese coma PXOM, Plan Xeral de Ordenación Municipal.
- Na Rexión de Murcia, denomínase PGMO, Plan General Municipal de Ordenación.
- En Euskadi coñécese coma HAPO, Hiri Antolamendurako Plan Orokorra (en galego, Plan Xeral de Ordenación Urbana).
- No Principado de Asturias é coñecido coma PGO, Plan General de Ordenación.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Artigos 14 e 15 do «Reglamento de Planeamiento para el desarrollo y aplicacíon de la Ley sobre Régimen del Suelo y Ordenación Urbana»[1] (RD 2159/1978, de 23 de xuño.).
- ↑ Lecciones de Derecho Urbanístico. Eduardo García de Enterría e Luciano Parejo Alonso. Editorial Civitas, S.A. Madrid 1981. ISBN 978-84-7398-152-1. Cap. V, pax.: 259.
- ↑ El Progreso (ed.). "Só un 40% dos concellos dispón de planeamento urbanístico integral". Consultado o 1 de febreiro de 2014.