Polichinela
Polichinela ou Polichinelo (en italiano Pulcinella) é un personaxe da Commedia dell'arte. Dentro do grupo dos zanni (servos ou criados) é, con "Coviello", un dos principais personaxes da trama no modelo napolitano.
Retrato, máscara e orixe
[editar | editar a fonte]"Pulcinella", popular alcahuete e filósofo (fisicamente socrático e resignado senequista), é un «zanno» cunha especial capacidade de adaptación e unha grande experiencia en mallar e ser mallado.[1] Amolado, barrigudo e de enorme nariz ganchuda (atributos físicos do seu aspecto encorvado e a súa media máscara negra con profundas engurras), é con todo un excelente orador e un singular cantor. É o único que conservou o traxe branco orixinal, común aos «zanni».
Orixe do nome
[editar | editar a fonte]Unha hipótese é que o nome procede de Paolo Cinelli, comediante napolitano do século XVI. Outra tese, igual de lendaria, asegura que o nome lle vén de Puccio d'Aniello, campesiño napolitano que tras pelexarse cuns cómicos acabou uníndose á compañía. Unha terceira posibilidade outórgalle o bautismo oficial a Silvio Fiorillo, actor capuano do Cinquecento. A tradición popular faino derivar de «pullicinello» (pitiño), de aí —ou quizais por mor diso— que Polichinela se mova coma un pito barrigón cacarexante e paticurto.[2]
Como figura teatral, foi relacionadi como síntese de varios personaxes da farsa atelana, o "Maccus", o "Dossennus" chepudo, o "Papus" comellón e o torpe "Bucco".[nota 1][3] O etruscólogo Alain Hus, partindo dunha pintura na Tumba de Augúrelos de Tarquinia, propuxo a orixe de Polichinela a partir do «Pannuceatus» da comedia atelana.[nota 2][4]
Evolución do personaxe
[editar | editar a fonte]No século XVIII, a Polichinela creceulle a barba e o bigote, e un alto chapeu de ás levantadas (continuando o simbolismo das galiñas). Na versión francesa, Polichinela evolucionou cara ao anano malvado que primeiro cambiou o seu tocado por un pano ou lazo como o de Pierrot, e finalmente recuperou o chapeu, agora con dúas plumas de galo. No espazo escénico dos teatros de monicreques do Lión obreiro do século XVIII, "polichinela" (sucedáneo de marioneta) converteuse en "Monsieur Guignol", que daría nome a outro abano de teatro de bonecos.[5]
Principais intérpretes
[editar | editar a fonte]Antonio Petito
[editar | editar a fonte]Alcumado Il re dei Pulcinella, foi o máis coñecido Polichinela do século XIX, inventor do seu traxe moderno e autor de numerosas comedias dedicadas a esta máscara, a miúdo inspiradas en temas de actualidade da sociedade napolitana da época.[6]
Eduardo de Filippo
[editar | editar a fonte]Actor, dramaturgo e director de escena, cómico dunha familia de grandes 'comediantes' e considerado máximo representante da Commedia dell'Arte no século XX, foi o gran continuador da máscara de "Pulcinella".[7] Nado fillo natural de Eduardo Scarpetta, en 1981 foi nomeado senador vitalicio da República Italiana.
En Galiza e Portugal
[editar | editar a fonte]Os personaxes da Commedia dell'Arte foran levados para o teatro de monicreques, como foi o caso de Polichinela, que, en Portugal, tamén tivo o nome de Dom Roberto.
Polichinela foi un dos seudónimos cos que asinaba Vicente Risco a principios do século XX. Neses mesmos anos, Barriga Verde, estremeño de orixe, asentouse en Galiza despois do seu paso polo Porto, sendo un dos pioneiros desas representacións no país. O Museo do Prado conserva un cadro, non exposto, chamado El gallego de los muñecos polichinelas.[8]
No Museu da Marioneta en Portugal, referido á historia dos monicreques:
Podemos, sem grande margem de erro, afirmar que na Europa, o século XVII vê o teatro de marionetas expandir-se, tornando-se um espectáculo de grande aceitação popular. Tornadas marionetas, as personagens da Commedia dell'Arte obtém enorme aprovação popular e, ainda que concebidos em locais e momentos diferentes, mantiveram, até aos nossos dias, a sua existência e identidade de base. É a história do Pulcinella italiano que se tornou Polichinelo e Guignol (França), Punch e Judy (Inglaterra), Polichinelo, Kasperl (Alemanha e Áustria) que substitui o Tradicional Hanswurst "João Salsicha", Petrouchka (Rússia), Kasparek (Praga), Don Cristobal (Espanha) e D. Roberto (Portugal)... Estas representações de marionetas de luva, essencialmente dedicadas a um público popular, conseguiam, com frequência, escapar à dura censura a que eram sujeitos, ao recorrerem a diálogos improvisados, dificilmente submetidos a controle prévio.[9]
Aínda hoxe se usa en portugués a expresión "un Roberto" para designar "un boneco". A personaxe feminina da Commedia dell'Arte, Colombina, era logo asociada a Don Cristobal, o Polichinelo español, directamente ligado a Cristovo Colón. Porén, Barriga Verde puña en escena o Don Roberto nas súas representacións, algunhas delas de xoldras entre galegos e portugueses.
Persistencia de Polichinela
[editar | editar a fonte]Só tres «zanni» alcanzaron a 'inmortalidade' alén aló do coñecemento erudito ou profesional do mundo do teatro e a arte. Arlequín e Colombina, que se converteron en eternos amantes nas salas de moitos museos do mundo, máscaras que desde o teatro da rúa e o ballet máis imaxinativo do século XX, saltaron á galería de tipos da historia da pintura occidental. O outro inmortal (aínda vivo no entroido napolitano), ficou nos teatros até facerse carne nunha longa lista de actores ou trapo e pasta en innumerábeis retablos titiriteiros en salóns e xardíns. Cos seus moitos nomes e rostros, o "polichinela" é orto e ocaso do mimo escénico.[10]
O Pulcinella de Stravinsky
[editar | editar a fonte]Un fermoso eco daquela inmortalidade foi o ballet Pulcinella de Igor Stravinsky, estreado na Ópera de París o 15 de maio de 1920 baixo a batuta de Ernest Ansermet. A bailarina Léonide Massine creou o libreto e a coreografía, e Pablo Picasso deseñou os traxes e decorados orixinais. O traballo foi encargado por Sergei Diaghilev. O propio Stravinsky escribiu sobre esta composición:
Pulcinella foi o meu descubrimento do pasado, a epifanía a través da cal todo o meu traballo posterior se fixo posíbel. Foi unha mirada atrás, por suposto, a primeira de moitas historias de amor nesa dirección, pero tamén unha mirada ao espello".[11]
Esta idea foi retomada e revisada por dous expertos bailaríns do New York City Ballet, George Balanchine e Jerome Robbins, que a puxeron en escena con ocasión do Festival Stravinsky de 1972, interpretando Robbins o papel protagonista.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Oliva, César y Torres Monreal, Francisco (2002). Historia básica del arte escénico. Cátedra, Madrid. p. 122. ISBN 84-376-0916-X.
- ↑ Gómez García, Manuel (1997). Diccionario del teatro. Madrid, Ediciones Akal. p. 669. ISBN 8446008270.
- ↑ Salvat, Ricard (1983). El teatro como texto, como espectáculo. Barcelona, Montesinos. p. 43. ISBN 8485859561.
- ↑ Revilla, Federico (1990). Diccionario de Iconografía. Madrid: Ediciones Cátedra. p. 303.
- ↑ Artículo en el diario ABC de 1 de agosto de 1928 Consultado en noviembre de 2013
- ↑ Tina Marasca. "Antonio Petito “Il re dei Pulcinella”". portanapoli.com (en italiano). Consultado o 12 de novembro de 2019.
- ↑ Ricard Salvat, "El teatro como texto, como espectáculo", p. 47
- ↑ "El gallego de los muñecos polichinelas o Un guiñol ambulante - Colección - Museo Nacional del Prado". www.museodelprado.es. Consultado o 2022-02-21.
- ↑ Museu da Marioneta (Marionetas/Europa). Consultado o 6 de setembro de 2015.
- ↑ Pavis, Patrice (1996). Diccionario de teatro. Barcelona, Paidós Ibérica. p. 293. ISBN 8449306361.
- ↑ Kuenning, Geoff: «Stravinsky: Pulcinella Suite» Copia arquivada en Wayback Machine notas al programa, 1995. (consultado el 30-06-2012).
Referencias
[editar | editar a fonte]- ↑ Maccus imitaba el cacareo de las aves de corral y andaba como los polluelos, de ahí que se le llamase «Pullus gallinaceus».
- ↑ Su nombre etrusco "Phersu", pasó al latín como persona, en el sentido de máscara o personaje de teatro. En su origen, el tal "Phersu" fue una especie de terrible demonio.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Polichinela |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Monicreque
- Monicreque (Internet)
- Zanni
- Teatro
- Teatro de sombras
- Barriga Verde
- Commedia dell'arte
- Comedia
- Museo Galego da Marioneta
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Luigi Serafini. "Pulcinellopedia (piccola)", Longanesi & C., Milano, 1984. ISBN 88-304-0388-1 (en italiano)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Museo di Pulcinella", en Acerra (Italia) Arquivado 11 de xaneiro de 2022 en Wayback Machine.
- "Museu da marioneta" en Lisboa