Saltar ao contido

Ponte de Oresund

(Redirección desde «Ponte de Öresund»)
Ponte de Oresund
Localización
Coordenadas55°34′35″N 12°49′18″L / 55.576444444444, 12.821638888889
Características
Construciónxullo de 2000
Lonxitude7845 m
Ancho23,5 m
TipoAlintelado / tirante
MaterialFormigón armado / aceiro

A ponte de Oresund, (oficialmente Øresundsbron, nome híbrido dinamarqués/sueco), Øresundsbroen e Öresundsbron respectivamente nesas dúas linguas, liga ambas as dúas áreas metropolitanas da rexión de Oresund: a capital dinamarquesa, Copenhaguen, e mais a vila sueca de Malmö.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

Foi inaugurada en 1999. A ponte posúe un dos meirandes vans centrais para pontes atirantadas do mundo, con 490 m. O piar máis alto mide 204 m. A lonxitude total da ponte é de 7.845 m, que vén sendo arredor da metade da distancia entre as ribeiras de Suecia e Dinamarca; o seu peso é de 82.000 toneladas. O resto da distancia cóbrese coa illa artificial de Peberholm (literalmente, illote da pementa) (4.055 m), chamado así en contraposición ao xa existente Saltholm (illote do sal) e despois un túnel (3.510 m) na ribeira dinamarquesa. A ponte ten unha altura libre de 57 metros para o paso de embarcacións. Porén, a maior parte dos paquebotes que circulan por Oresund fano a través do estreito de Drogden (onde se atopa o túnel).

Aproveitamento

[editar | editar a fonte]

Dispón de dúas liñas ferroviarias e sobre eles seis carrís de autoestrada. É a ponte combinada tren-estrada máis longa de Europa. A ruta internacional europea E20 pasa por ela. O transporte ferroviario é operado de xeito conxunto pola empresa sueca Statens Järnvägar (SJ) e a compañía dinamarquesa Danske Statsbaner (DSB). A frecuencia dos trens Malmö-Copenhaguen é de intervalos de 20 minutos, e o prezo é moito máis baixo cá peaxe cando se trata dun único viaxeiro, o que propicia que a xente que viaxa por negocios se decanten polo tren, que cruza o Oresund en 25 minutos.

No primeiro semestre de 2007, a media de tráfico roldou os 17.000 vehículos por xornada, o cal supuxo un incremento do 19% ao se comparar co ano anterior, 2006. O número de pasaxeiros de trens medrou neste mesmo período até nun 25%, e acadou os 4.3 millóns de usuarios.

Velaquí unha táboa explicativa cos datos entre 2001 e 2014[1]:

Ano Motocicletas Vehículos particulares Vehículos 6-9 metros Autocares Camións Total
2001 24.330 2.660.807 74.505 37.745 153.485 2.950.872
2002 25.868 3.106.318 73.942 41.433 180.803 3.428.364
2003 26.881 3.418.382 86.477 41.294 208.402 3.781.436
2004 33.615 3.908.014 94.232 58.270 230.546 4.324.677
2005 29.878 4.499.640 109.631 56.480 269.164 4.964.793
2006 32.387 5.203.178 143.609 55.510 307.909 5.742.593
2007 38.376 5.674.513 161.807 52.339 314.590 6.745.968
2008 35.012 6.502.882 161.386 47.979 341.106 7.088.365
2009 33.845 6.565.023 164.025 42.742 298.071 7.103.706
2010 31.254 6.499.956 172.573 44.523 328.295 7.076.601
2011 29.672 6.375.075 180.655 44.651 358.104 6.988.157
2012 27.187 6.148.107 180.037 41.564 368.921 6.765.816
2013 32.438 6.028.040 182.605 40.935 401.389 6.685.407
2014 34.087 6.217.111 194.495 50.362 422.222 6.918.277

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Oeresundsbron.dk". Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2008. Consultado o 10 de febreiro de 2009.