Saltar ao contido

Portal:A Coruña/Lugar de interese/10

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O coñecido como Xardín de San Carlos, situado na cidade vella da Coruña, foi construído coma castelo defensivo fóra das murallas no século XIV e quedaría unido á cidade no XVI. Foi declarado xardín histórico o 9 de novembro de 1944.

Pouco a pouco foi perdendo importancia coma baluarte ou "Fortaleza vella" e, tras estalar a polvoreira que contiña, foi abandonado até que xa no século XVIII é recuperado coma xardín por Don Carlos Francisco de Croix. Con todo, o aspecto actual do Xardín de San Carlos débese ao gobernador en 1834 Francisco de Mazarredo, e presenta unhas características de xardín romántico. Foi declarado Conxunto Histórico-Artístico xunto coas murallas da cidade.

O seu valor radica na súa privilexiada situación dende a que se observa, grazas ao seu miradoiro, todo o porto da Coruña, na súa vexetación, e na tumba, un sepulcro proxectado coma monumento funerario, do xeneral inglés Sir John Moore, morto na Batalla de Elviña en 1809. No xardín atópase tamén o Arquivo do Reino de Galicia.