Portal:Cultura castrexa/Artigo destacado/1
A sauna castrexa (ou monumento con forno) é unha construción megalítica propia da cultura castrexa (territorio da antiga Gallaecia: Galicia, occidente de Asturias e Norte de Portugal) que consistía nunha sauna de uso ritual (rituais do baño de vapor).
Nun principio pensouse que a orixe destas saunas galaicas era romana, porén hoxe sábese que xa existían nos castros varios séculos antes. Comezan a construírse a fins do século V a.C. ou comezos do século IV a.C.. Algunhas saunas continuaron a ser empregadas en tempos romanos, polo que sufriron reformas e engadidos na súa estrutura para se adaptaren a novos usos termais. Son edificios rectangulares diferentes ás outras construcións dos castros, cunha gran pedra decorada no medio do edificio (pedra formosa) que facía de separación e cun buraco na parte baixa coma porta de acceso á cámara da terma e evitaba a perda do vapor e da calor.
Téñense identificado oito saunas castrexas en Asturias e Galicia, existen ademais outros casos de discutible identificación.