Portal:Escocia/Biografía destacada/10
John Boyd Dunlop, nado en North Ayrshire o 5 de febreiro de 1840 e finado en Dublín o 23 de outubro de 1921, foi un veterinario escocés que reinventou o pneumático con cámara. Fundou a compañía que leva o seu apelido, Dunlop Tyres.
Naceu nunha granxa en Dreghorn, no norte de Ayrshire (Escocia), e licenciouse como veterinario no Edinburgh Veterinary College (agora parte da Universidade de Edimburgo) con só 19 anos. Exerceu a profesión de veterinario en Edimburgo durante oito anos. En 1867 trasladouse a Belfast.
En 1887, desenvolveu o primeiro pneumático con cámara de aire para o triciclo que o seu fillo de nove anos de idade usaba para ir á escola polas rúas bacheadas de Belfast. Para resolver o problema do traqueteo do triciclo, Dunlop inflou uns tubos de goma cunha bomba de aire para inflar balóns. Despois envolveu os tubos de goma cunha lona para protexelos e pegounos sobre as lamias das rodas do triciclo. Ata entón, a maioría das rodas tiñan lamias con goma maciza, pero os pneumáticos permitían unha marcha notablemente máis suave. Desenvolveu a idea e patentou o pneumático con cámara o 7 de decembro de 1888.