A Presidencia do Parlamento de Galicia é exercida polo deputado que preside o Parlamento de Galicia e ten a representación da cámara lexislativa da Xunta de Galicia. De acordo coas normas de protocolo e cerimoniais no eido da Xunta ocupa o segundo na orde de precedencia das autoridades, xusto despois do presidente da Xunta de Galicia. Alén da representación da Cámara, entre as súas funcións está a de asegurar a boa marcha dos traballos, dirixir os debates, manter a orde dos mesmos e ordenar os pagos, sen prexuízo das delegacións que poida conferir.[1]Miguel Ángel Santalices é o presidente do Parlamento de Galicia dende xaneiro de 2016.[2]
O presidente é electo pola maioría dos votos dos deputados. Cada deputado debe escribir un único nome para votar, se un candidato suma a maioría absoluta será elixido. De non ser o caso, farase unha nova votación no que os deputados e deputadas deben escoller entre os dous candidatos máis votados na anterior, sendo finalmente escollido aquel que obteña máis votos.
Na sesión constitutiva do Parlamento, efectuada a votación, o presidente electo presta xuramento e solicítallo ao os demais deputados o xuramento ou a promesa de acatar e gardar fidelidade á Constitución e o Estatuto de Autonomía. Unha vez constituído o Parlamento, correspóndelle ao seu presidente comunicalo a el-rei, ao Senado de España, o presidente do Goberno de España e ao Presidente da Xunta en funcións.
Segundo o regulamento da Cámara, o presidente representa o Parlamento ademais de asegurar o axeitado desenvolvemento das súas tarefas, dirixe os debates, mantén a orde destes e ordena os pagamentos. É membro da Mesa do Parlamento e é o encargado se presidila e coordinala. Ademais, correspóndelle presidir tanto a Xunta de Portavoces e como a Deputación Permanente, tamén pode convocar e presidir calquera das comisións parlamentarias, se ben só ten dereito de voto naquelas das que forme parte.
Dentro dos 30 días seguintes á constitución do Parlamento ou do cesamento do presidente da Xunta, o presidente do Parlamento debe reunirse cos representantes dos grupos parlamentarios coa finalidade de coñecer o deputado que conta co maior número de apoios. Unha vez feito, o presidente do Parlamento propón ao pleno un candidato, quen pronunciará un discurso ante a Cámara e solicitará a confianza da mesma. De conseguilo, o presidente do Parlamento debe comunicarllo a el-rei para o nomeamento do novo presidente da Xunta mediante un Real Decreto que conta tamén coa sinatura do presidente do Goberno de España.