Proclo
Nome orixinal | (grc) Πρόκλος ὁ Διάδοχος |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (grc) Πρόκλος 7 de febreiro de 412 ↔ 8 de febreiro de 412 Constantinopla (Imperio Bizantino) |
Morte | 17 de abril de 485 (73 anos) Atenas (Imperio Bizantino) |
Escolarca da Academia de Atenas | |
437 – 485 ← Siriano de Alexandría – Marino de Neápolis → | |
Datos persoais | |
Residencia | Proclus's House (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Filosofía e teoloxía |
Ocupación | filósofo, mitógrafo, matemático, escritor |
Movemento | Neoplatonismo |
Profesores | Siriano de Alexandría, Olimpiodoro, o Velho (pt) , Plutarco de Atenas, Asclepigénia de Atenas (pt) e Heron (en) |
Alumnos | Zenódoto de Atenas (pt) , Marino de Neápolis, Isidoro de Alexandria (pt) , Agápio de Atenas (pt) e Hegias (pt) |
Influencias | |
Obra | |
Obras destacables | |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Biblioteca dixital BEIC Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru |
Proclo, tamén coñecido como Proclo o sucesor (en grego antigo: Πρόκλος ὁ Διάδοχος), nado o 8 de febreiro de 412 e finado o 17 de abril de 485, foi un filósofo grego neoplatónico, un dos últimos grandes pensadores da antigüidade tardía. Desenvolveu un dos máis elaborados e completos sistemas do neoplatonismo e, a través de intérpretes e tradutores posteriores, influenciou a filosofía bizantina, a filosofía islámica, a escolástica e mais o idealismo alemán, especialmente a G. W. F. Hegel, quen consideraba que a Teoloxía platónica de Proclo era "o auténtico punto de inflexión ou transición entre a antigüidade e os tempos modernos, da filosofía antiga ao cristianismo".[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A fonte principal sobre a vida de Proclo é a elexía Proclo, escrita tras o seu pasamento por Marino (c. 440-?), un dos seus discípulos.[2] Esta biografía tentaba demostrar que Proclo acadara o cumio da virtude e a eudaimonía.[2] Consérvanse tamén algúns detalles sobre o seu tempo na Vida de Isidoro do filósofo Damascio (c.458-c. 538), composta no século seguinte.[2]
Segundo Marino, Proclo naceu en 412 na cidade de Constantinopla, no seo dunha familia da alta sociedade de Licia, polo que foi criado na capital desta rexión, Xanthos.[3] Proclo estudou retórica, filosofía e matemáticas en Alexandría, coa intención de obter un posto de xuíz como o seu pai. Antes de rematar os seus estudos, regresou a Constantinopla a causa do seu principal instrutor (un tal Leonas), que tiña negocios que atender alí.[4] Porén, a práctica do dereito fíxolle decatarse de que realmente prefería a filosofía. Xa que logo, volveu a Alexandría e principiou a análise da obra de Aristóteles (384 a.C.-322 a.C.) xunto con Olimpiodoro o Vello (s. V). Tamén continuou a aprender matemáticas cun profesor chamado Herón (sen relación con Herón de Alexandría (s. I ou II), un célebre matemático e enxeñeiro alexandrino).
Proclo foi un discente destacado, polo que pronto acabou insatisfeito co nivel da súa instrución filosófica en Alexandría; en consecuencia, en 431 decidiu trasladarse a Atenas, o principal centro filosófico da súa época, para ingresar na Academia nova, onde foi tutelado por Plutarco de Atenas (c. 350-430), Siriano (?-c. 437) e Asclepixenia (c. 430-485). Proclo sucedeu a Siriano como director da Academia en 437 (o propio Marino de Neápolis herdaría o cargo tras Proclo).
Agás un ano de exilio, continuou a vivir en Atenas até o seu pasamento, sen casar. Mantivo unha dieta vexetariana, foi próspero e xeneroso cos amigos e logrou escapar da presión das autoridades cristiás.[2] Segundo Marino, escribía unhas setecentas liñas cada día.
Filosofía
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Neoplatonismo.
Un dos problemas principais para determinar cales son as doutrinas específicas de Proclo é que os neoplatónicos do seu tempo non se consideraban a si mesmos innovadores, senón que crían ser transmisores da correcta interpretación do propio Platón (c.428 a.C.-347 a.C.).[2] Malia que as ideas destes pensadores difiren moito dos diálogos do ateniense, adoita ser difícil distinguilos e discernir que hai de orixinal en cada un deles.[2] No caso de Proclo, a súa obra só pode compararse coa de Plotino (c. 204-270), o único outro neoplatónico do que se conservan gran cantidade de textos.[2]
Proclo escribiu un comentario ás Enéadas de Plotino, do que só se conservan fragmentos. Do mesmo xeito que Plotino e outros neoplatónicos, Proclo aceptou a idea das tres hipóstases: o Un (hen), o Intelecto (nous) e a Alma (psyche). Porén, rexeitou algunhas das teorías plotinianas, como a do motor primeiro.[2] Tampouco pensaba que a materia fose malvada, unha noción que xeraba contradicións no sistema de Plotino.[2]
Por outra banda, é difícil distinguir as opinións de Proclo das de Siriano. Deste último, só sobrevive un comentario á Metafísica de Aristóteles, e non conservamos ningunha crítica de Proclo ao seu mestre.[2]
Obras
[editar | editar a fonte]Comentarios sobre Platón
[editar | editar a fonte]A meirande parte dos traballos de Proclo son comentarios sobre diálogos de Platón (o Alcibíades, o Crátilo, o Parménides, a República e o Timeo). Nestes traballos, Proclo presentou o seu propio sistema filosófico como unha interpretación fiel do ateniense, do mesmo xeito que outros autores neoplatónicos. Neste sentido, consideraba que ningún texto de Platón estaba escrito ao chou, xa que para el eran libros inspirados polos deuses; ademais, a súa estrutura formal imitaba á do propio universo, falando sobre as cousas baixo un veo que ocultaba a verdade aos non iniciados na filosofía.[5] Non obstante, Proclo foi un gran lector de Platón, facendo análises de grande interese.
Obras sistemáticas
[editar | editar a fonte]Ademais dos comentarios, Proclo redactou dúas obras sistemáticas: os Stoicheiōses Theologikē ("Elementos de teoloxía") e o Peri tês cata Platôna theologias ("Teoloxía platónica").[2] A primeira delas consta de 221 proposicións, seguidas de cadansúa proba, comezando pola existencia do Un (unidade divina) e rematando co descenso das almas individuais ao mundo material. A segunda é unha sistematización do material dos diálogos platónicos, derivando deles as características da orde divina, a parte do universo máis próxima ao Un.
Consérvanse outros tres ensaios en traducións latinas: De decem dubitationibus circa providentiam ("Dez dúbidas sobre a providencia"), De providentia et fato ("Sobre a providencia e o destino") e De malorum subsistentia ("Sobre a existencia dos males").[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dillon & Morrow 1992, p. 466.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 Helmig & Steel 2011.
- ↑ Guthrie 1925.
- ↑ Guthrie 1925, pp. 15-55.
- ↑ Calian 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Calian, Florin George (2013). ""Clarifications" of Obscurity: Conditions for Proclus's Allegorical Reading of Plato's Parmenides". Obscurity in Medieval Texts (en inglés): 15–31.
- Dillon, Glenn R.; Morrow, Glenn (1992). Proclus' Commentary on Plato's Parmenides (en inglés). Princeton University Press. ISBN 978-0-691-02089-1.
- Guthrie, Kenneth (1925). Marinus of Samaria: The Life of Proclus or Concerning Hapiness (en inglés).
- Helmig, Christoph; Steel, Carlos (2011). "Proclus". En Zalta, Edward N. The Stanford Encyclopedia of Philosophy (en inglés).