Provincia de Chiriquí
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Panamá | ||||
Capital | David | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 416.873 (2010) (64,22 hab./km²) | ||||
Lingua usada | Lingua guaymí Lingua teribe | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 6.490,9 km² | ||||
Creación | 1849 | ||||
ISO 3166-2 | PA-4 | ||||
Chiriquí é unha provincia de Panamá. A súa capital é San José de David. A provincia de Chiriquí atópase situada no sector occidental da República de Panamá, tendo como límites ao norte a provincia de Bocas do Toro e a comarca Ngäbe-Buglé, ao oeste a provincia de Puntarenas (na República de Costa Rica), ao leste a provincia de Veraguas e ao sur o océano Pacífico.
Toponimia
[editar | editar a fonte]Chiriquí significa «val da Lúa» para os indíxenas ngäbe-buglé.[1] Segundo Phillip Young, o nome do pobo guaymí, aparece mencionado por primeira vez nas Crónicas de Fernando Colón, quen relata a cuarta viaxe de Cristovo Colón polas costas caribeñas do istmo, en 1502. Segundo os cronistas españois, os aborixes chamaban a esta rexión Chiriquí ou Cheriqué, vocábulo que significa «val da Lúa».
Historia
[editar | editar a fonte]Época colonial
[editar | editar a fonte]O español Gaspar de Espinosa foi o descubridor, explorador e conquistador da rexión chiricana, en 1519. Segundo o historiador Ernesto J. Castillero, a primeira vez que se menciona Chiriquí nun documento é a Relación de Gil González Dávila, quen en 1522 percorreu a pé a costa panameña do Pacífico.
Época departamental
[editar | editar a fonte]No ano 1822, despois da súa incorporación á Gran Colombia, Panamá foi chamada polo goberno colombiano “Departamento do Istmo”. En 1824, este foi dividido en dúas provincias: Panamá e Veraguas. Esta última incluía o que é hoxe Bocas del Toro e Chiriquí.
Tras a disolución da Gran Colombia, Panamá incorpórase no ano 1831 á República de Nova Granada. O 26 de maio de 1849, grazas aos esforzos de José de Obaldía, a provincia de Veraguas foi dividida por un decreto do Congreso de Nova Granada en dúas provincias: Veraguas e Chiriquí. A nova entidade administrativa estendíase até Bocas del Toro, que pasou a ser, a partir de 1850, cantón de Chiriquí. O primeiro gobernador da nova provincia foi Pablo Arosemena de la Barrera.
Época republicana
[editar | editar a fonte]De 1916 a 1949, un elemento de comunicación de vital importancia en Chiriquí foi o Ferrocarril Nacional de Chiriquí, concibido polo estadista Belisario Porras para acelerar a explotación e comercialización dos produtos agrícolas das rexións. Esta vía férrea estendíase a través de 165 quilómetros, unindo Pedregal, David, Potrerillos, Boquete, La Concepción, San Andrés, Progreso e Puerto Armuelles.
Tamén era relevante para a comunicación, a navegación aérea. Para iso, instaláronse aeroportos en David, Divalá, Volcán, Puerto Armuelles e San Félix, desde os cales pequenas avionetas trasladaban produtos e pasaxeiros, ante a falta de vías terrestres adecuadas. A estrada nacional tamén xogou o seu papel desde 1930 até 1967, cando se inaugurou a estrada Interamericana.
Chiriquí foi tamén lugar dun movemento de curta duración de guerrillas a favor da democracia a finais dos anos 1960 e principios dos anos 1970. O goberno do xeneral Omar Torrijos Herrera foi coñecido polas súas políticas de redistribución de terras, cun beneficio para os campesiños chiricanos que impulsaron unha importante actividade agrícola.
Despois do goberno do tamén xeneral Manuel Antonio Noriega entre 1983 e 1989, Guillermo Endara converteuse en presidente de Panamá e deulle o cargo de gobernador de Chiriquí a Edgar de Puy. A provincia comezou unha nova apertura para a gandaría, a pesca, a agricultura e o turismo. A produción de carne, café, banana, cítricos e produtos lácteos alcanzaron fama de calidade internacional que situou a Chiriquí como a provincia agro-industrial máis importante do país.
Desde 1996, a provincia conta co seu himno propio, o Himno provincial de Chiriquí, creado por Humberto Bonilla.
Coa creación da comarca indíxena Ngäbe-Buglé en 1997 por decreto presidencial, Chiriquí e outras provincias próximas perderon territorio.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Chiriquí ten unha superficie de 6547,7 km². Ten algúns ríos como o Palo Alto, Caldera, Chiriquí, Chiriquí Viejo, Los Vales, Cochea, Colgá, Papayal, Agua Blanca, Piedra, David, Fonseca, San Félix, Tabasará. Limita ao norte con Bocas del Toro e a comarca Ngäbe Buglé, ao oeste con Costa Rica, ao leste con Veraguas e ao sur co océano Pacífico.
Ao norte desta provincia atópase a Cordilleira de Talamanca onde nacen numerosos ríos que desembocan no Pacífico, e onde se atopa a elevación máis alta do país, o volcán Barú (ou volcán de Chiriquí) con 3 475 m s. n. m.. Tamén destacan elevacións como o cerro Horqueta, o cerro Picacho (2874 m s. n. m.) e o cerro Pando (2468 m s. n. m.) entre outros.
A provincia de Chiriquí posúe un exclave no extremo oriente, o correxemento de Justo Fidel Palacios no distrito de Tolé, que está separado do resto da provincia pola comarca Ngäbe-Buglé (distrito de Müna). Á súa vez dentro do distrito de Tolé atópanse dous enclaves que pertencen á comarca Ngäbe-Buglé.
Flora e fauna
[editar | editar a fonte]A provincia de Chiriquí é unha das máis biodiversas do país. Xunto á fronteira con Costa Rica localízanse as terras altas do macizo montañoso centroamericano (cordilleira de Talamanca). En Chiriquí hai diversas especies de plantas, entre elas cacahuate, caoba, cedro, ceiba, ciprés, carballo, freixo, guácimo, guapaque, loureiro, mangleiro, mezquite, pradaría, piñeiro, quebracho e cuachalalate.
Así mesmo existe unha gran variedade de vida animal, especialmente aves e réptiles. Entre a fauna hai aves acuáticas, boas, crocodilos (incluíndo o crocodilo de pantano, unha especie endémica), xabarís, ocelotes, monos, porcos espiños, sarahuatos, tepezcuintles, tlacuaches, tartarugas, veados de cola branca, iguanas, tucanos de pescozo amarelo e o xaguar, que é o felino máis grande de América e o terceiro no mundo.
Goberno e política
[editar | editar a fonte]A máxima autoridade da provincia de Chiriquí é o gobernador. A sede da gobernación, así como o poder xudicial localízanse na capital da provincia, en David. O gobernador é designado polo Presidente de Panamá, aínda que no novo paquete de reformas á constitución establécese que a partir das eleccións de 2014, o gobernador será elixido por voto popular para un período de 5 anos.
División administrativa
[editar | editar a fonte]A provincia de Chiriquí divídese en 14 distritos e 106 correxementos.[2]
Distritos | Correxementos | Cabeceira de distrito |
---|---|---|
Alanje | Alanje, Divalá, El Tejar, Guarumal, Palo Grande, Querévalo, Santo Tomás, Canta Gallo, Nuevo México | Alanje |
Barú | Puerto Armuelles, Limones, Progreso, Baco, Rodolfo Aguilar Delgado, El Palmar, Manaca | Puerto Armuelles |
Boquerón | Boquerón, Bágala, Cordillera, Guabal, Guayabal, Paraíso, Pedregal, Tijeras | Boquerón |
Boquete | Bajo Boquete, Caldera, Palmira, Alto Boquete, Jaramillo, Los Naranjos | Bajo Boquete |
Bugaba | La Concepción, Aserrío de Gariché, Bugaba, Gómez, La Estrella, San Andrés, Santa Marta, Santa Rosa, Santo Domingo, Sortová, El Bongo, Solano, San Isidro | La Concepción |
David | David, Bijagual, Cochea, Chiriquí, Guacá, Las Lomas, Pedregal, San Carlos, San Pablo Novo, San Pablo Viejo, David Este, David Sur | David |
Dolega | Dolega, Dos Ríos, Los Anastacios, Potrerillos, Potrerillos Abajo, Rovira, Tinajas, Los Algarrobos | Dolega |
Gualaca | Gualaca, Hornito, Los Ángeles, Paja de Sombrero, Rincón | Gualaca |
Remedios | Remedios, El Nancito, El Porvenir, El Puerto, Santa Lucía | Remedios |
Renacimiento | Río Sereno, Breñón, Cañas Gordas, Monte Lirio, Plaza de Caisán, Santa Cruz, Dominical, Santa Clara | Río Sereno |
San Félix | Las Lajas, Juay, San Félix, Lajas Adentro, Santa Cruz | Las Lajas |
San Lorenzo | Horconcitos, Boca Chica, Boca del Monte, San Juan, San Lorenzo | Horconcitos |
Tierras Altas | Volcán, Cerro Punta, Cuesta de Piedra, Nueva California, Paso Ancho | Volcán |
Tolé | Tolé, Cerro Viejo, Potrero de Caña, Quebrada de Piedra, Bella Vista, El Cristo, Lajas de Tolé, Justo Fidel Palacios, Veladero | Tolé |
A través da lei 55 do 13 de setembro de 2013, aprobouse a creación do distrito de Tierras Altas, conformado polos correxementos de Cerro Punta, Cuesta de Piedra, Nueva California, Paso Ancho e Volcán, que pertencían ao distrito de Bugaba e tendo como cabeceira a Volcán. Tamén a través desta lei creouse o correxemento de Solano, segregado do correxemento de La Concepción (distrito de Bugaba).[3][4] O novo distrito entrou en vixencia o 1 de xullo de 2017, logo que inicialmente se dispuxese a súa data de creación o 2 de maio de 2019.[5]
Economía
[editar | editar a fonte]A economía de Chiriquí baséase principalmente na produción agrícola e gandeira. A principal actividade comercial rexístrase en David, capital da provincia e segunda poboación do país por importancia. Ademais nos últimos anos, a provincia converteuse nun dos destinos máis visitados polos turistas, o que xera millóns de dólares para a rexión; o crecemento neste sector é tan grande que as autoridades investiron na remodelación e ampliación do Aeroporto Internacional Enrique Malek para que teña a capacidade de recibir máis voos e grandes avións con procedencia internacional e a ampliación da estrada Interamericana entre Santiago de Veraguas e San José de David.
Demografía
[editar | editar a fonte]No ano 2010 rexistrouse en Chiriquí unha poboación de 409 821 persoas, das cales maioritariamente son hispano-indíxenas. O distrito de David e os seus correxementos teñen a taxa de crecemento máis acelerada da provincia, seguíndolle os distritos de Barú e Tolé.
A asimilación cultural de varios pobos indíxenas e europeos como alemáns, españois, suecos, vascos, escoceses, italianos, suízos, franceses, neerlandeses e daneses que chegaron a esta rexión a mediados do século XIX e principios do século XX do cal hoxe en día podemos destacar algúns apelidos característicos da provincia chiricana como: Cozzarelli, Küchler, Antinori, Sagel, Athanasiadis, Carrazedo, Del Cid, Gozaine, Yangüez, Vitoria, Maloff, Rangel, Fossatti, Quiel, Pitti, Frago, Fanovich, Santanach, Rovira, Sarlat, Troetsch, Franco, Araúz, Delgado entre outros que dan orixe ao cruzamento racial que a longo prazo orixina a aparición dunha poboación cuxos descendentes constitúen basicamente as raíces do actual pobo chiricano, a maioría da súa poboación é mestiza.
En anos recentes, chegaron inmigrantes procedentes de varios países, como Países Baixos, Suíza, Alemaña, Estados Unidos, Israel, Francia, Reino Unido, Rusia, Polonia Bélxica, Dinamarca, Ucraína, Letonia, Italia, Colombia, Perú e México. Hai comunidades importantes de costarriqueños, colombianos, nicaraguanos, venezolanos e mexicanos.
Relixión
[editar | editar a fonte]A relixión predominante nun 65% da poboación chiricana é cristiá católica desde tempos coloniais á actualidade. Outros cultos que se profesan é o evanxelismo, e diversas igrexas que proviñeron de Europa como luteranos, calvinistas e menonitas entre outras. Tamén co aumento da inmigración, practícase o xudaísmo, o islamismo, o confucianismo e o budismo.
Medios de transporte
[editar | editar a fonte]- Aeroporto Internacional Enrique Malek: Voos Nacionais chegan a través de Aerolínea Copa Airlines, Voos Rexionais chegan a través da Aerolínea Air Panamá.
- Estrada Interamericana: cruza desde o oriente até o occidente da provincia.
- Terminal de Buses: Utranchiri, Panachif, Terminal David-Panamá, Tracopa que viaxa desde Costa Rica a David e viceversa, e Tica Bus; a cal viaxa desde Cidade de Panamá, pasa por David cara a Costa Rica e outros países de Centroamérica.
- Porto de Pedregal.
Educación
[editar | editar a fonte]A Universidade Autónoma de Chiriquí é a terceira institución de educación superior de cinco universidades estatais. É a primeira universidade autónoma e a primeira creada na rexión occidental do país. Dedícase á xeración, recepción e transmisión do coñecemento. A partir do 1 de abril de 1995 (Lei 26 de 1994), esta universidade comeza o proceso de transición e separación da Universidade de Panamá, o cal produce unha serie de cambios e funcións, que até ese momento foran dirixidas desde a Universidade de Panamá, localizada en Cidade de Panamá, a capital do país.
O nacemento da Universidade Autónoma de Chiriquí, como centro de educación superior, culmina un esforzo de aproximadamente 45 anos. A Universidade de Panamá iniciou as súas actividades en Chiriquí en 1951, con cursos de verán celebrados en David; baixo a dirección do Octavio Méndez Pereira. Máis tarde en 1958, converteríase en extensión universitaria. Posteriormente en 1969 converteuse en Centro Rexional Universitario de Chiriquí (CRUCHI) e hoxe a Universidade Autónoma de Chiriquí (UNACHI).
A Universidade Tecnolóxica de Panamá, sede en Chiriquí, nos últimos anos converteuse na universidade máis importante da rexión, xerando egresados con capacidades e aptitudes para as competencias e desenvolvemento da provincia. En 1965, inicia baixo a extensión da facultade de Enxeñaría, coa carreira de Agrimensura. Segundo a páxina oficial da UTP (sede de Chiriquí), inicialmente a universidade comezou nun edificio de madeira de dous pisos, situado entre Avenida 4.ª Leste e Rúa A Sur.
En 1966, a administración da extensión universitaria mudouse a outro edificio e as clases eran ditadas nas aulas do Centro Escolar Antonio José de Sucre. Entre 1972 a 1974, comezan as carreiras de técnico en edificacións e técnico en electricidade, permitindo máis oportunidades aos estudantes. En 1975, chega unha nova carreira, técnico en mecánica industrial. Naquel ano, separouse da Universidade de Panamá, adoptando o nome de Instituto Politécnico.
En 1977 o Instituto Politécnico separouse do Centro Rexional Universitario, e mudouse ás aulas do Colexio Instituto David. O 24 de novembro de 1979 situouse en edificios xa propiamente da institución, localizados na urbanización Lassonde de David. Actualmente esta é a localización que ten esta universidade.
En 1992, a Universidade Tecnolóxica (sede rexional de Chiriquí), abriu a mestría en Enxeñaría Industrial, o que fai que sexa a primeira entidade de educación superior en ofrecer estudos de posgrao na provincia. Na actualidade o centro conta cunha poboación estudantil de máis de 1600 estudantes, segundo a páxina oficial da UTP.
Cultura
[editar | editar a fonte]O pobo chiricano goza das tradicións folclóricas que ten a provincia, como as cabalgatas de San Xosé, a Candelaria e San Xoán, as corridas de touros e festivais locais como o do almojabano con queixo, mono en Bijao e o paseo da vasquiña chiricana.
As patronais de San José de David é a festa máis importante da provincia, celébrase coa Feira Internacional de San José de David, a máis importante do país e o seu inicio é cada ano o venres antes do 19 de marzo e finaliza o domingo seguinte, sendo o 19 de marzo ―o Día de San Xosé― a data máis importante da feira. Outras festas importantes son a Feira das Flores e o Café en Boquete (mediados de xaneiro), as festas da Candelaria en La Concepción (finais de xaneiro principios de febreiro) e os entroidos en Dolega, Querévalos, Remedios e a Praia de Lajas.
O tambor chiricano é parte importante do folclore de Chiriquí, ten influencia indíxena que se mostra dentro dun sincretismo cos pobos europeos.
O rodeo tamén é practicado en Chiriquí e é parte da cultura popular.
Os bailes típicos de Chirirquí representan as vivencias dos campesiños e enmárcanse en todas as rexións pero principalmente en Remedios e Dos Ríos.
Chiriquí usa o tambor con melodías, ritmos, nomenclaturas, coreografía e intención propia, de ritmo acelerado. É unha rexión con tambores de faena os cales son moi escasos no resto do país.
A indumentaria rexional é a <i>basquiña chiricana</i> ou tamén coñecida como pollera chiricana.
Turismo
[editar | editar a fonte]O turismo está enfocado ao turismo de praia así como ao excursionismo e agroturismo.
Algúns sitios de interese:
- David: é a capital da provincia. Posúe unha poboación de 118 000 e esta cidade é a terceira en popularidade. A finais do século XIX, David tiña só seis rúas, das cales catro pertencían ao centro do pobo, o que hoxe se coñece como o Barrio Bolívar.
- Boquete: a só 45 minutos da cidade de David atópase Boquete, un lugar coñecido como “a cidade da eterna primavera” ou “a cidade das flores e o café”.
- Cerro Punta: é unha poboación situada no norte da provincia de Chiriquí que ten unha poboación aproximada de 7000 habitantes. Atópase a uns 1970 m s. n. m. cunha temperatura entre os 10 e 15 °C, o que lle dá unha característica paisaxe.
- Volcán: é unha poboación situada nas abas do volcán Barú. Desde o seu pico situado a 3475 m s. n. m., pode verse o océano Pacífico e o mar Caribe. Volcán é comunmente coñecido como “A pequena Suíza”, desde que moitos inmigrantes deste país se estableceran aquí e construíran pequenas vilas coa arquitectura típica da súa cidade de orixe.
- Parque Internacional La Amistad: tamén coñecido como PILA, consiste nun total de 207 000 hectáreas entre Chiriquí e Bocas del Toro, das cales 62.1 hectáreas pertencen a Chiriquí. Foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, dada a grande importancia que posúe para a preservación e a biodiversidade non só de Panamá senón do continente americano.
Deporte
[editar | editar a fonte]O deporte favorito dos chiricanos é o béisbol; Chiriquí ten dous equipos nas ligas provinciais de béisbol, Chiriquí e Chiriquí Occidente; Chiriquí conta con 14 títulos nacionais de béisbol maior e 9 xuvenís. Chiriquí Occidente aínda non posúe ningún título nacional en ningunha categoría (xuvenil e maior).
O estadio Kenny Serracín é un estadio de béisbol situado en David con capacidade para 9000 fanáticos e é o fogar do equipo xuvenil e maior de béisbol de Chiriquí. Pola súa banda, o Estadio Glorias Deportivas Baruenses é a casa do equipo de Chiriquí Occidente e sitúase no correxemento de Puerto Armuelles, distrito de Barú e ten capacidade para uns 2 000 fanáticos.
No fútbol destacan o Atlético Chiriquí da primeira división e Bryan F.C. equipo que participa na liga Nacional de Ascenso (Panamá).
No Baloncesto teñen o seu equipo chamado; Toros de Chiriquí que participa na liga Profesional de Baloncesto (Panamá), conta con 2 sedes na cidade de David; O Ximnasio Escolar e O Ximnasio «La Basita».
O ciclismo ten o seu espazo na rexión coa Vuelta a Chiriquí, a competencia cilística máis importante de Panamá.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Significado e historia de Chiriquí". Semanario Culturama. Consultado o 29 de maio de 2010.
- ↑ "Municipios (distritos) de Chiriquí". Editorial OX. Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2019. Consultado o 15 de novembro de 2012.
- ↑ «Presidente sanciona Ley que crea distrito de Tierras Altas en Chiriquí», artigo do 16 de setembro de 2013 na páxina web do Ministerio da Presidencia de Panamá.
- ↑ Artigo do luns 16 de setembro de 2013 na Gaceta Oficial Digital, n.º 27374.
- ↑ "Ley 22 del 9 de mayo de 2017" (PDF). 11 de maio de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Panamá en Cifras Años 2000-2004, La Dirección de Estadística y Censo de la Contraloría General de la República.
- PERALTA, Manuel María de, Costa Rica, Nicaragua y Panamá en el siglo XVI, Madrid, 1883.
- SIBAJA CHACÓN, luis Fernando, Nuestro límite con Nicaragua, San José, Instituto Don Bosco, 1a. ed., 1974.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Provincia de Chiriquí |