Puijila
Puijila Rango fósil: 24 Ma-21 Ma Oligoceno tardío - Mioceno temperán | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Restored skeleton | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||
|
Puijila darwini é unha especie extinta de foca que viviu no Mioceno, hai uns 21 a 24 millóns de anos. Medía aproximadamente 1 metro de lonxitude e o animal posuía só adpatacións físicas mínimas para a natación. A diferenza dos pinnípedes modernos, non tiña aletas e a súa forma global era similar á dunha londra, aínda que máis especializada; o seu cranio e dentes son as características que mellor indican que é unha foca.[1]
É considerado o membro máis primitivo da familia das focas atopado ata agora. O nome do xénero é unha palabra inuktitut que significa foca xove; o nome da especie honra o naturalista inglés Charles Darwin.[2] O holotipo e único espécime coñecido é un esqueleto fosilizado case completo, e única especie do xénero Puijila. Consérvase no Museo Canadense da Natureza en Otava, Ontario.
Características
[editar | editar a fonte]Puijila darwini era un carnívoro semiacuático que supón unha ligazón morfolóxica na evolución temperán dos pinnípedes. Os seus restos fósiles demostran a presenza de pés agrandados e probablemente palmados,[3] patas anteriores robustas e unha cola non especializada. Isto suxire que Puijila nadaba coas catro patas usando os seus pés anteriores e posteriores palmados para propulsarse. Os estudos filoxenéticos realizados, incluíndo probas moleculares, indican unha relación como ramas irmás entre os pinnípedes (focas) e os ursoides (osos), así como os musteloides (denosiñas e londras). Asúmese popularmente que os animais mamíferos que vivían en terra en determinado momento experimentaron unha transición a unha existencia máis mariña, en esencia "retornando ao mar" para conseguir certas vantaxes para a súa supervivencia. Porén, as evidencias fósiles desta transición foron ás veces no pasado febles ou discutibles. Neste sentido, o descubrimento de Puijila é importante, xa que representa unha ligazón morfolóxica na evolución temperán dos pinnípedes, que parece preceder morfoloxicamente ao xénero máis familiarmente estruturado Enaliarctos, malia ser un xénero aparentemente máis xove. Noutras palabras, Puijila é un fósil transicional, que proporciona información de como a familia das focas se adaptou ao mar, de xeito similar a como Archaeopteryx ilumina a orixe das aves modernas.
Descubrimento
[editar | editar a fonte]Esta nova especie foi descuberta en 2007 por Natalia Rybczynski e o seu equipo usando recollida de superficie e cribado nun depósito lagunar do Mioceno temperán da Formación Haughton da illa de Devon en Nunavut, Canadá.[4] O rexistro paleobotánico suxire que o palaeoambiente arredor do lago comprende unha comunidade de bosque transicional entre un bosque boreal e un bosque de coníferas, nun clima costeiro temperado frío con invernos moderados. Puijila darwini é o primeiro mamífero carnívoro atopado nos depósitos lagunares de Haughton. Isto tamén indica que toda a familia dos pinnípedes puido terse orixinado no Ártico.[1]
O descubrimento inicial dos primeiros restos atribúese á axudante de campo Elizabeth Ross, e foi en gran medida cuestión de sorte. Ross quedou inesperadamente parada ao quedar sen combustible o vehículo todo terreo do equipo a varios quilómetros do campamento. Descubriuse a caixa cranial do fósil un ano despois, o día primeiro da expedición de campo de 2008 de Martin Lipman, o fotógrafo do equipo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Ed Yong (2009-04-22). "Puijila, the walking seal – a beautiful transitional fossil". Not Exactly Rocket Science. Discover Magazine. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2012. Consultado o 2014-10-07.
- ↑ "Puijila: A prehistoric walking seal". Puijila: A prehistoric walking seal. Canadian Museum of Nature. Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2015. Consultado o 2014-10-07.
- ↑ "'Missing link' fossil seal walked" (Nota de prensa). BBC News. 2009-04-22. Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2014. Consultado o 2014-10-07.
- ↑ Rybczynski, N., Dawson, M.R., Tedford, R.H. (2009). "A semi-aquatic Arctic mammalian carnivore from the Miocene epoch and origin of Pinnipedia". Nature 458 (7241): 1021–24. PMID 19396145. doi:10.1038/nature07985.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Natalia Rybczynski at the Canadian Museum of Nature
- Brian Switek, Puijila darwini: A Significant Seal.
- Robert Boessenecker, Puijila, a very basal 'pinnipedimorph'.
- Ed Yong, Puijila, a foca andante, un fermoso fósil transicional Arquivado 03 de novembro de 2012 en Wayback Machine..
- "Fossil seal had the feet of an otter" de Bob Holmes, New Scientist, 25 de abril de 2009, p. 10.