Punta Balea
Tipo | cabo | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Darbo, España | |||
| ||||
Características | ||||
Superficie | 15 ha | |||
Punta Balea é un enclave natural no concello de Cangas situado en solo protexido. Este espazo abrangue diversos ecosistemas e caracterízase pola súa elevada diversidade biolóxica e ambiental.[1]
Xeografía
[editar | editar a fonte]O espazo natural de Punta Balea comprende unhas 15 ha de extensión de terreo costeiro na parroquia de Darbo, e abrangue dende as abandonadas instalacións baleeiras de Massó (o nome do sitio fai referencia a este cetáceo) ata a chamada Punta do Niño do Corvo.
En Punta Balea destaca a alta densidade de diversos hábitats[1]: Hai espazos de praia con zonas dunares en Areamilla, espazos intermareais e supamareais nas zonas rochosas, e unha pequena zona de leiras hoxe en día na súa maior parte non cultivadas, onde avanzaron diferentes especies de matogueiras (especialmente silvas, toxos e xestas). Esta zona, valiosa dende o punto ecolóxico por servires de lugar de refuxio á fauna e tamén de aniñamento -no caso das aves-, vese presionada polas rozas periódicas.
A maiores hai un pequeno bosque poboado por salgueiros, loureiros, sabugueiros etc.
Lagoa da Congorza
[editar | editar a fonte]O lugar máis emblemático deste espazo natural é a lagoa da Congorza (coñecida popularmente como Lagoa de Massó), unha das escasas masas de auga doce de certa entidade na península do Morrazo.
Fauna
[editar | editar a fonte]Nela destaca fundamentalmente a riqueza da avifauna, variable segundo o momento do ano e con estancias ocasionais de variadas especies que se encontren realizando os pasos.
Algunhas das aves que se poden avistar son o lavanco, a garzota, a garza real, a cerceta (común), a cerceta albela, o pato branco, o picapeixes, o pato rabilongo, a galiña de río e a galiñola negra, o asubiador, o cullerete, o pato frisado... Tamén se achegan dende a costa diferentes especies de gaivota como a patiamarela, a chorona, a cabecinegra, e a escura [1].
Non é estraño topar, dependendo tamén da época, rapaces coma a tartaraña das xunqueiras, azores ou lagarteiros e miñatos, xa sexa nas inmediacións da lagoa.
No tocante aos mamíferos, tense constatado a presenza da aguaneira, e tamén do invasor visón americano, que se pode achegar aos niños para depredar ovos ou os polos da roladas.
Repecto dos peixes, tense constatado a presenza da anguía. Os meixóns acceden á lagoa a través dun sumidoiro artificial, que conecta o mar coa propia masa de auga doce. Posteriormente, voltarán ao mar para realizar a desova.
Finalmente, topamos diferentes anfibios (sapo común, ra verde, antigamente a estroza) e réptiles como a cobra de colar e -tamén especie invasora- o sapoconcho americano.
Flora
[editar | editar a fonte]Ademais da zona arborada que rodea a lagoa (salgueiros, loureiros, sabugueiros), atopamos a presenza da espadana (cun importante papel ecolóxico en canto que serve de acubillo para a cría de lavancos e galiñolas), o lirio amarelo e o xunco, entre outras moitas especies.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Fernández Cordeiro, Antonio; Álvarez Graña, David; Dasairas Bouzada, Alba; Rial Pousa, Simón; Pastoriza Barreiro, Alberto; Piñeiro Lemos, Pepe (2006). O espazo natural de Punta Balea. Xunta de Galicia. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. ISBN 84-690-3137-6.
- ↑ https://fitopasion.com/2021/06/patos-y-lentejas-en-punta-balea.html