Raíña Vermella de Palenque
Coñécese como a Raíña Vermella á osamenta atopada no Templo XIII das ruínas arqueolóxicas de Palenque. Aínda que a súa identidade aínda non foi confirmada, as investigacións suxiren que podería tratarse de Tz'akbu Ajaw, tamén coñecida como Ahpo-Hel, quen era esposa do ahau Pakal “o Grande”.[1]
Achado
[editar | editar a fonte]O 11 de abril de 1994, cando realizaba prácticas de escavación, a nova arqueóloga Fanny López Jiménez descubriu no Templo XIII de Palenque unha subestrutura, unha porta e un corredor que a levou a atopar tres recámaras, nunha das cales estaba o sartego da Raíña Vermella.[2] O achado foi reportado a Arnoldo González Cruz, director do proxecto arqueolóxico da zona, quen puxo en marcha os traballos de rescate. O 18 de abril foi descuberta a tumba e o 16 de maio foi descuberto o sartego monolítico. O 31 de maio, Fanny, Arnoldo e o equipo de arqueólogos lograron entrar na cámara funeraria.[3] O 1 de xuño, a lápida, que selara o sartego por máis de mil trescentos anos, foi removida do seu lugar.
Sartego e osamenta
[editar | editar a fonte]O sarctego mide 2,40 m de longo por 1,18 m de ancho, a cámara funeraria é un apousento abovedado que mide 3,80 m por 2,50 m.[4] Sobre a lápida atopábanse un incensario e un malacate de óso, e ós lados do sarcófago os restos óseos dun neno no lado oeste e dunha muller no lado leste. De acordo ós rituais maias, tanto o neno como a muller corresponden a acompañantes ou vítimas sacrificadas para escoltar a un nobre na súa viaxe ó inframundo.[5]
Debido a que o sarcófago non conta con inscricións, a identidade da osamenta non puido ser estabelecida, mais polas características e localización da tumba pódese concluír que se trata dunha persoa da máis alta xerarquía na sociedade maia. A osamenta foi cuberta con cinabrio, mineral composto de mercurio e xofre de cor vermella, que era utilizado para preservar os restos humanos. Precisamente pola pigmentación que adquiriron os restos mortais polo cinabrio, e porque pertenceu a unha muller, tal e como o confirmou o doutor Arturo Romano Pacheco ó observar os ósos da pelve, a osamenta foi bautizada como a Raíña Vermella.[6]
Primeiras investigacións
[editar | editar a fonte]O esqueleto foi trasladado á Cidade de México para a súa análise. O doutor Romano estimou que a Raíña Vermella tiña unha altura de 1,58 m e unha idade de trinta e oito a corenta anos no momento da súa morte. De acordo coa tradición do período Clásico da nobreza maia, o seu cranio fora deformado, dende que era pequena, a unha forma tabular oblicua mediante tabliñas e vendas atadas á testa.[7] Na súa tibia esquerda atopouse a pupa dunha larva de avespa que nunca alcanzou o seu estado adulto.[8] O neno acompañante tería entre oito e once anos no momento da súa morte, a cal ocorreu por decapitación, por outra banda, a muller acompañante tería entre vinte e cinco e trinta e cinco anos de idade, unha altura aproximada de 1.55 m e morrería por extracción de corazón.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cortina Campero, Cecilia (2006). Historia de México: época prehistórica-época prehispánica (en castelán). México: Panorama. ISBN 968-38-1251-1. Consultado o 21 de decembro de 2012.
- Malvido, Adriana (2009). La Reina Roja: el secreto de los mayas en Palenque (en castelán). México: Debolsillo. ISBN 978-607-429-400-2.
- Tiesler, Vera; Cucina, Andrea (2004). Janaab' Pakal de Palenque: vida y muerte de un gobernante maya (en castelán). México: Universidade Nacional Autónoma de México. ISBN 970-32-1489-4. Consultado o 17 de decembro de 2012.