Raboalzado americano
Raboalzado americano | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Reprodutores Residentes De paso Non reprodutores Introducidos (residentes) Probablemente extinto
| |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
Erismatura jamaicensis |
O raboalzado americano[2] (Oxyura jamaicensis) é un pato, que é unha das seis especies dentro do xénero Oxyura. Vive en hábitats con moita vexetación de América do Norte e tamén nas Illas Británicas, Francia e España (antes considerábase que tiña unha subespecie en América do Sur, pero xa non). Este pato foi introducido no Reino Unido na década de 1940, onde estableceu unha crecente poboación. Fóra de América, é considerada unha especie altamente invasora, o que fixo que moitos países iniciasen proxectos para a súa erradicación e protección dos ecosistemas locais.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]O raboalzado americano foi descrito formalmente en 1789 polo naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin na súa edición revisada e ampliada da obra de Carl Linné Systema Naturae. Situouno, xunto con outros patos, gansos e cisnes no xénero Anas e acuñou para el o nome binomial Anas jamaicensis.[3] Gmelin baseou a súa descrición no "cullerete de Jamaica" (Jamaica shoveler) que fora descrito en 1785 polo ornitólogo inglés John Latham a partir dun espécime que lle enviaran procedente de Xamaica.[4] O raboalzado americano é situado agora, xunto con outras cinco especies, no xénero Oxyura, que foi introducido en 1828 polo naturalista francés Charles Lucien Bonaparte.[5][6] O nome do xénero deriva do antigo grego oxus, que significa 'agudo, afiado', e oura, que significa 'rabo, cola'. O epíteto específico jamaicensis significa 'de Xamaica'.[7] O Oxyura ferruginea foi anteriormente considerado como conespecífico co raboalzado americano, pero ao quedaren finalmente separados na clasificación en dúas especies distintas, o raboalzado americano é monotípico, é dicir, sen subespecies recoñecidas.[6]
Descrición
[editar | editar a fonte]Son patos de corpo robusto compacto, de bico con forma de culler ou pa, e colas (rabos) longas e ríxidas que a miúdo levan alzadas. Teñen cabezas lixeiramente bicudas e pescozos grosos e bastante curtos. Os machos de raboalzado americano teñen píleos anegrados que contrastan coas súas meixelas brancas moi claras. No verán teñen corpos moi castaños con bicos azuis vivos. En inverno, son pola parte dorsal marróns agrisados apagados e máis claros pola parte ventral con bicos cincentos apagados. As femias e machos do primeiro ano son amarronados, similares aos machos en inverno pero cunha banda borrosa a través da mancha clara da meixela. En voo, os raboalzados americanos mostran partes superiores das ás totalmente escuras.[8] Como media, as femias son máis pequenas e de menos peso que os machos.
Teñen un bico curto e robusto con forma de culler deseñado para buscar alimento baixo a auga. Coa súa curta estatura, son considerados bos nadadores, pero cóstalles máis traballo engalar.[9] En comparación con outros patos, o raboalzado americano raramente voa, pero cando o fai, faino cun batido de ás moi rápido e preto da tona da auga. [10]
Unha característica física interesante na taxonomía deste pato son os sacos inflables da traquea e da cola ríxida e esófagos que usan nas exhibicións. [11] O rabo ou cola deste pato normalmente está alzado. [12]
Medidas estándar[13][14] | |
---|---|
Lonxitude total do corpo | 340-430 mm |
Peso | 560 g |
Envergadura alar | 470 mm |
Ás | 133-147,5 mm |
Cola | 67-79 mm |
Culme do bico | 38,5-41 mm |
Tarso | 33-38 mm |
Vocalizacións
[editar | editar a fonte]Nin o macho nin a femia do raboalzado americano son moi vocais durante a maior parte do ano, aínda que son máis vocais cando cortexan e crían os fillos.[11] Os machos producen unha curta chamada de tipo "aa-anh" e outros ruídos e explosións curtas. As femias teñen unha chamada moito máis aguda, a miúdo emiten un son "raanh" cando se comunican coas crías, chíos cando son perseguidas polos machos, e sopridos e sons nasais cara aos intrusos.[15]
Comportamento e ecoloxía
[editar | editar a fonte]Reprodución e hábitos
[editar | editar a fonte]A diferenza doutros cortexos de anátidos migratorios, nos que os emparellamentos ocorren nos terreos de invernada, este pato empeza o seu cortexo nos terreos de reprodución. O macho e a femia interaccionan agresivamente, mais malia a iso, as parellas poden estar tranquilas inmediatamente despois ou poucos minutos máis tarde.[16] O seu hábitat de reprodución son os lagos con marisma e lagoas.
Macho e femia son pouco vocalizadores, aínda que os machos producen un son repenicante distintivo ao bater a súa mandíbula inferior contra o peito. Este repenico fano con forza suficiente como para que aparezan remuíños de burbullas na auga. Esta exhibición coñecese como "burbulleo".[10] Nunha resposta agesiva, o macho enfronta o seu rival mentres realiza o burbulleo. No cortexo, un macho que burbullea orienta o seu corpo lateralmente á femia. Nun grupo de aves que están cortexando no que hai máis dun macho, os machos adoitan realizan formas rapidamente alternantes de burbulleo de acordo coas respostas agresivas e sexuais que cambian constante e repentinamente.[16] Nas expresións de cortexo, as femias na maior parte dos casos responden ás insinuacións do macho.[10]
Nidifican en zonas de densa vexetación de marisma preto da auga. A femia constrúe o niño con herba, situándoo en sitios de vexetación alta para agochalo dos predadores. Unha rolada típica consta de 5 a 15 parruliños.[17] As parellas fórmanse cada ano. Aínda que esta especie pode ter grandes roladas de pitos, o macho normalmente non toma parte na crianza.[16] A femia incuba os ovos por 23–26 días mentres é protexida polo seu compañeiro.[15] Unha vez que fan eclosión os ovos, os pitos tardan só un mes ou dous en estar totalmente listos para voar, pero como se fan independentes tan rápido, a miúdo acaban perdéndose do resto da rolada. As femias coidan das crías, pero nunca durante o período enteiro de emplumado.[10]
As femias observáronse realizando parasitismo de posta. Non se identificou un factor claro que inflúa en que as femias poñan ovos noutros niños. Aínda que se observou que era máis probable que os ovos parasitos fosen de embrións machos que de femias.[16] Se ben hai algunhas sospeitas de que a posta parasita está directamente vinculada coa falta de axuste entre a femia e os sinais ambientais.[18]
Son migratorios e pasan o inverno en baías costeiras e lagos e lagoas non conxelados.
Alimentación
[editar | editar a fonte]O raboalzado americano aliméntase principalmente de gran cantidade de materia vexetal, como sementes e raíces, así como insectos acuáticos e crustáceos. Unha gran porción da materia animal consumida son larvas ou pupas.[9][19] Durante o inverno, a miúdo comen unha maior cantidade de alimento de orixe animal. O alimento búscano baixo a auga, unha actividade no que son moi expertos. Arrancan o alimento da superficie do susbstrato do fondo, movendo os seus picos aos lados mentres abren e pechan as mandíbulas. Isto permite que a comida quede nos seus bicos á vez que se filtran e desprenden as partículas de substrato.
Debido a que toda esta actividade de busca de alimento ocorre cando o substrato enturba a auga, non seleccionan as presas utilizando a vista, senón usando a localización táctil de larvas e pupas.[20] O raboalzado americano pode tamén alimentarse de pequenos moluscos e crustáceos, como bivalvos e anfípodos. Poden atopar estes organismos en augas en movemento usando a punta do bico, xa que esta ten moitas terminacións sensitivas que dirixen o pato á súa comida. A forma lixeiramente curvada da mandíbula tamén lles facilita esgazar eficientemente a materia vexetal subacuática.[10]
Cando buscan as zonas con alimentos aleatoriamente distribuídas, sondean previamente con maior frecuencia os sitios proveitosos antes de investigar outras posibles áreas. Volver a visitar os sitios de alimentación que previamente foron proveitosos pode ser importante cando se explota un recurso alimenticio caprichosamente distribuído con densidades de presas que que é probable que se volvan recuperar rapidamente despois de seren explotadas.[21]
Control como especie invasora
[editar | editar a fonte]Como resultado de escapes de coleccións de aves silvestres na década de 1950, estas aves conseguiron establecerse en Gran Bretaña, desde onde se espallaron a outras partes de Europa. O comportamento de cortexo agresivo deste pato e a súa apetencia por hibridarse con especies nativas en perigo de extinción, como o raboalzado de cabeza branca (Oxyura leucocephala), do sur de Europa, causou preocupación entre os conservacionistas españois. Debido a isto, iniciouse un programa de erradicación do raboalzado americano en Gran Bretaña, que, como é habitual, foi criticado por organizacións animalistas; houbo tamén intentos de erradicación noutros países europeos.[22]
Debido ao seu potencial colonizador e a constituír unha ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, esta especie foi incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, regulado polo Real Decreto 630/2013, do 2 de agosto, estando prohibida en España a súa introdución no medio natural, posesión, transporte, tráfico e comercio.[23] Pola ameaza que supón para o raboalzado de cabeza branca, hai un programa para erradicalo de España.
En Europa o raboalzado americano está incluído desde 2016 na lista de Especies Alleas Invasivas preocupantes para a Unión (a lista da Unión).[24] Isto implica que a especie non pode ser importada, reproducida, transportada, comercializada ou liberada intencionalmente no medio ambiente en toda a Unión Europea.[25]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2018). "Oxyura jamaicensis" 2018: e.T22727750A132178041. doi:10.2305/IUCN.UK.2018-2.RLTS.T22727750A132178041.en.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ Gmelin, Johann Friedrich (1789). Systema naturae per regna tria naturae : secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis (en latín). 1, Part 2 (13ª ed.). Lipsiae [Leipzig]: Georg. Emanuel. Beer. p. 519.
- ↑ Latham, John (1785). A General Synopsis of Birds. 3, Part 2. Londres: Printed for Leigh and Sotheby. p. 513, No. 58.
- ↑ Bonaparte, Charles Lucien (1828). "The genera of North American birds, and a synopsis of the species found within the territory of the United States; systematically arranged in orders and families (continued)". Annals of the Lyceum of Natural History of New York 2: 293–432 [390]. doi:10.1111/j.1749-6632.1826.tb00254.x.
- ↑ 6,0 6,1 Gill, Frank; Donsker, David; Rasmussen, Pamela, eds. (xaneiro de 2022). "Screamers, ducks, geese & swans". IOC World Bird List Version 12.1. International Ornithologists' Union. Consultado o 4 de xullo de 2022.
- ↑ Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 287, 210. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ Ruddy Duck Identification, All About Birds, Cornell Lab of Ornithology
- ↑ 9,0 9,1 "Understanding Waterfowl: The Stiff-Tailed Ducks | Ducks Unlimited". www.ducks.org (en inglés). Consultado o 2024-10-14.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Johnsgard, Paul (2010). Ducks, Geese, and Swans of the World: Tribe Oxyurini (Stiff-Tailed Ducks, Geese, and Swans of the World: Tribe Oxyurini (Stiff-Tailed Ducks) Ducks).
- ↑ 11,0 11,1 Weller, Milton W. (1997). "Review of Ruddy Ducks and Other Stifftails: Their Behavior and Biology". The Journal of Wildlife Management 61 (4): 1454–1456. JSTOR 3802163. doi:10.2307/3802163.
- ↑ "Ruddy Duck Overview, All About Birds, Cornell Lab of Ornithology". www.allaboutbirds.org (en inglés). Consultado o 2024-10-14.
- ↑ Godfrey, W. Earl (1966). The Birds of Canada. Ottawa: National Museum of Canada. p. 81.
- ↑ Sibley, David Allen (2000). The Sibley Guide to Birds. New York: Knopf. p. 103. ISBN 0-679-45122-6.
- ↑ 15,0 15,1 hsotr (2023-08-15). "Ruddy Duck". Homestead on the Range (en inglés). Consultado o 2024-10-14.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 16,3 Siegfried, W. Roy (1976). "Social Organization in Ruddy and Maccoa Ducks". The Auk 93 (3): 560–570. JSTOR 4084957.
- ↑ "Ruddy Duck Fact Sheet". Lincoln Park Zoo.
- ↑ Reichart, Letitia Marie (2008). Conspecific brood parasitism in ruddy ducks (Oxyura jamaicensis) (Tese). Modelo:ProQuest.
- ↑ Siegfried, W. Roy (1976). "Breeding Biology and Parasitism in the Ruddy Duck". The Wilson Bulletin 88 (4): 566–574. JSTOR 4160826.
- ↑ Sanchez, M.I.; Green, A.J.; Dolz, J.C. (novembro de 2000). "The diets of the White-headed Duck Oxyura leucocephala, Ruddy Duck O. jamaicensis and their hybrids from Spain". Bird Study 47 (3): 275–284. Bibcode:2000BirdS..47..275S. doi:10.1080/00063650009461187. hdl:10261/45238.
- ↑ Tome, Michael W.; Wrubleski, Dale A. (febreiro de 1988). "Underwater Foraging Behavior of Canvasbacks, Lesser Scaups, and Ruddy Ducks". The Condor 90 (1): 168–172. JSTOR 1368445. doi:10.2307/1368445.
- ↑ "R.I.P. Ruddy duck". 3 de marzo de 2003.
- ↑ "Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, por el que se regula el Catálogo español de especies exóticas invasoras.". Boletín Oficial del Estado.
- ↑ "List of Invasive Alien Species of Union concern - Environment - European Commission". ec.europa.eu. Consultado o 2021-07-27.
- ↑ "REGULATION (EU) No 1143/2014 of the European parliament and of the council of 22 October 2014 on the prevention and management of the introduction and spread of invasive alien species".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Raboalzado americano |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Raboalzado americano - Ruddy Duck Species Account – Cornell Lab of Ornithology
- Ruddy Duck - Oxyura jamaicensis - USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter
- The Royal Society for the Protection of Birds (a prol da matanza desta especie invasora)
- Animal Aid (contra a matanza)
- Ruddy Duck Species Account at Massachusetts Breeding Bird Atlas
- Vídeos, fotos, e sons de Raboalzado americano na Internet Bird Collection
- Galería de fotos de Raboalzado americano en VIREO (Universidade de Drexel)