Rally Illas Canarias (1973-1992)
Nome oficial | Rally Islas Canarias Rally Ciudad de Santa Cruz |
---|---|
Tipo | competición deportiva |
Localización e Datas | |
País | España |
Vixencia | 1973 – |
Intervalo de tempo | – 1992 – 1992 |
O Rally Illas Canarias foi unha proba de rally que se celebrou de 1973 a 1992 nas illas de Gran Canaria e Tenerife. Chamado inicialmente Rally Illas Canarias, celebrouse como Rally Ciudad de Santa Cruz de 1979 a 1985 e en 1986 recuperou o nome orixinal ata 1992, o seu último ano. Foi puntuable para o Campionato de España de Rallys na maioría das súas edicións.
Historia
[editar | editar a fonte]Primeira época
[editar | editar a fonte]A comezos dos anos 70 as competicións de motor en Canarias estaban paralizadas debido a un accidente ocorrido a finais dos anos sesenta nunha carreira de resistencia disputada nun circuíto. En 1972, a Escudería Drago xunto coa federación local decidiron realizar unha proba de rally co fin de que puntuase para o Campionato de España. Na súa primeira edición disputouse en dúas etapas, unha en Gran Canaria e outra en Tenerife. A lista de inscritos foi curta, de só 26 equipos, todos eles canarios. A orde de saída realizouse por sorteo e o formato contaba con saída o domingo 22 de xullo cun itinerario de 453 km que percorría o suroeste da Illa. Só quince coches remataron esa primeira etapa para afrontar a segunda cun trazado de 802 km e 13 tramos cronometrados, algúns deles en terra. O gañador da primeira edición do rally foi o equipo composto por José Manuel Ucha e Jesús Segura a bordo dun Fiat 128 Rally.[1] O ano seguinte as federacións de Tenerife e As Palmas organizaron a segunda edición, esta vez comezando en Tenerife e rematando en Gran Canaria. O gañador desa edición foi o piloto de SEAT, Antonio Zanini a bordo dun SEAT 1430-1800 acompañado no podio polo seu compañeiro de equipo Salvador Cañellas. Esa sería a última edición na que ambas federacións traballaron xuntas xa que en anos posteriores alternáronse na organización da proba. En 1975 o itinerario tiña 11 tramos cronometrados sobre un total de 411 km dos cales 204 estaban eran sobre terra. A lista de inscricións mellorou significativamente e apareceron na illa cincuenta equipos. A proba foi igual de dura que en anos anteriores e só once pilotos cruzaron a liña de meta, sendo o gañador Manuel de Aguilar cun Toyota Celica . A cuarta edición, celebrada en 1976, presentou unha lista de inscritos máis pobre e só tres pilotos de renome: Fernando Lezama, Eugenio Ortiz e Ricardo Muñoz. A proba perdeu protagonismo fronte ao Rally Maspalomas, que o superaba con creces en canto a premios en metálico. De 42 equipos, só trece remataron a carreira, sendo o gañador Miguel Ángel Domínguez, coa peculiaridade de que os tres pilotos do podio pilotaban tres Mitsubishi Lancer 1600 GSR procedentes do Campionato do Mundo. O Rally Costa de Marfil, que ese ano estaba no calendario mundial, foi suspendido e os Lancer destinados a competir en dita proba desembarcaron no porto das Palmas e posteriormente foron adquiridos polos pilotos locais.[2]
En 1977 a proba non se celebrou debido ao mal entendemento entre as federacións, polo que os organizadores do Rally Maspalomas, para non perder unha proba do campionato nacional, organizaron unha edición baixo o nome de IV Rallye Maspalomas - V Rallye Islas Canarias.[3]
Segunda época
[editar | editar a fonte]En 1979 a proba recuperouse pero baixo o nome de Rally Ciudad de Santa Cruz. Tres anos despois, volveu acadar puntuación para o Campionato de España con coeficiente 3. Celebráronse sete edicións con este nome e os gañadores deses anos foron, entre outros, Carlos Alonso-Lamberti (1981), Medardo Pérez (1982), José Luis Rivero (1983) e Carlos Sainz (1985). En 1986, a Escudería Anaga rexistrou o nome de Rally Illas Canarias, o que marcou o comezo da segunda etapa do evento, recuperando tanto o nome como as edicións. O gañador desa primeira edición (1986) foi Antonio Zanini a bordo dun Ford RS 200 co que sumou a súa segunda vitoria na proba. En 1987 Carlos Sainz venceu de novo, aos mandos do Ford Sierra RS Cosworth. Máis tarde, Salvador Serviá gañou en 1988 e Jesús Puras en 1990 ambos con Lancia Delta Integrale, Luis Monzón en 1991 cun Ford Sierra RS Cosworth 4x4 e Ricardo Avero co Mitsubishi Galant VR4 en 1992. Ese foi o último ano da proba, aínda que anos despois o Rally El Corte Inglés, que tamén se celebrba nas illas e puntuaba para o Campionato de España, recuperou o nome de Rally Illas Canarias.[3]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Ano | Edición | Piloto | Copiloto | Vehículo | Cto |
---|---|---|---|---|---|
1973 | 1º Rally Islas Canarias[4] | José Manuel Ucha | Jesús Segura Gil | Fiat 128 Rally | España |
1974 | 2º Rally Islas Canarias | Antonio Zanini | Eduardo Martínez Adam | Seat 1430-1800 | España |
1975 | 3º Rally Islas Canarias | Manuel de Aguilar | Juan Manuel Sarmiento | Toyota Celica GT | España |
1976 | 4º Rally Islas Canarias | Miguel Ángel Domínguez | Juan J. Blanco | Mitsubishi Colt Lancer 1600 GSR | España |
1977 | 5º Rally Islas Canarias | Ángel Dávila | José Ortega | BMW 2002 Ti Alpina | España |
1979 | 1º Rally Ciudad de Santa Cruz | Juan Manuel Gimeno | Miguel Mascareño | Lancia Beta 2000 Coupé | |
1980 | 2º Rally Ciudad de Santa Cruz | Medardo Pérez | Juan José Alonso Prieto | BMW 320 | |
1981 | 3º Rally Ciudad de Santa Cruz | Carlos Alonso-Lamberti | Víctor Rodríguez | Opel Ascona 2.0 | |
1982 | 4º Rally Ciudad de Santa Cruz | Medardo Pérez[5] | Medina | BMW 323i | España |
1983 | 5º Rally Ciudad de Santa Cruz | José Luis Rivero | Juan Cruz | BMW 323i | |
1984 | 6º Rally Ciudad de Santa Cruz | Carlos Alonso-Lamberti | José Sarmiento | Opel Ascona 400 | Copa |
1985 | 7º Rally Ciudad de Santa Cruz | Carlos Sainz[6] | Antonio Boto | Renault 5 Maxi Turbo | España |
1986 | 5º Rally Islas Canarias | Antonio Zanini | Josep Autet | Ford RS 200 | España |
1987 | 6º Rally Islas Canarias | Carlos Sainz | Antonio Boto | Ford Sierra RS Cosworth | España |
1988 | 7º Rally Islas Canarias | Salvador Serviá | Jordi Sabater | Lancia Delta Integrale | España |
1990 | 8º Rally Islas Canarias | Jesús Puras | José Arrarte | Lancia Delta Integrale | España |
1991 | 9º Rally Islas Canarias | Luis Monzón | Jose M. Rodríguez | Ford Sierra RS Cosworth | España |
1992 | 10º Rally Islas Canarias | Ricardo Avero | Nazer Ghuneim | Mitsubishi Galant VR4 | España |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Alonso, Juan J. "I Rallye Islas Canarias: 23-25 de julio de 1973 (Retromotor Extra)". motor2000.net (en castelán). Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ Alonso, Juan J. (20 de abril de 2010). "I Rallye Islas Canarias: 23-25 de julio de 1973 (Retromotor Extra) - Tres ediciones más...". motor2000.net (en castelán). Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 Alonso, Juan J. (20 de abril de 2010). "I Rallye Islas Canarias: 23-25 de julio de 1973 (Retromotor Extra) - Rallye Islas Canarias, segunda época". motor2000.net. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ "Historico clasificacións 1971" (PDF). RFEDA (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ "El año del calendario interminable.". khrallyteam.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ "El debut como piloto oficial de Renault". Scalextric, Carlos Sainz Limited Edition. Altaya. 2005. p. 20.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Rally Illas Canarias en ewrc-results.com (en inglés).