Saltar ao contido

Ramón Troncoso Fernández

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRamón Troncoso Fernández
Biografía
Nacemento28 de agosto de 1897 Editar o valor en Wikidata
Covelo, España Editar o valor en Wikidata
Morte26 de novembro de 1971 Editar o valor en Wikidata (74 anos)
Cidade de México Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Socialista Obrero Español Editar o valor en Wikidata

Nomes e Voces: 843

Ramón Troncoso Fernández, coñecido como Piel Roja, nado en Covelo o 28 de agosto de 1897 e finado e Cidade de México o 26 de novembro de 1971, foi un comerciante e político galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Foi xerente do comercio de tecidos e xastrería do seu pai Casa Antonio Troncoso Bugaín en Ponteareas. Sindicalista da UGT de Ponteareas dende 1921 e afiliado ao PSOE dende 1923. Na Segunda República foi presidente da Agrupación Socialista, concelleiro de Ponteareas, tenente alcalde e deputado provincial por A Cañiza-Ponteareas. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 agochouse en Gondomar na casa duns parentes e logrou pasar a zona leal. Reclamado polo xuíz militar de Vigo mediante requisitoria o 12 de decembro de 1936 xunto con Victoriano Martínez Martínez,[1] foi xulgado en Vigo por rebelión e declarado en rebeldía. Instalouse en Barcelona, ingresou no Grupo Socialista Gallego de Refugiados, foi un dos fundadores de El Socialista Gallego e funcionario da Caja General de Reparaciones do Ministerio de Facenda; incorporouse ao exército republicano formando parte da 1ª Compañía do 39 Batallón de Carabineiros.

Coa caída da República pasou a Francia cruzando a fronteira por La Jonquera o 5 de febreiro de 1939. Residiu en París desde onde escribiu á Embaixada de México en Francia solicitando axuda para trasladarse a ese país o 7 de marzo. Recibiu axudas do Centro Renovación de Ponteareas de Buenos Aires para poder sobrevivir. Despois ingresou no campo de concentración de Saint-Cyprien desde o que volveu a escribir á Embaixada o 4 de abril. Ao saír do campo estivo en Lagny-sur-Marne (Sena e Marne) ata que o 16 de maio embarcou no Flandre no porto de Saint-Nazaire rumbo a México arribando ao porto de Veracruz o 1 de xuño de 1939. En México traballou como comerciante e fundou, xunto con outros exiliados, a Alianza Nazonal Galega en 1943, da que foi o secretario de solidariedade e finanzas e director do periódico Galicia que editaba esa institución.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou en Ponteareas con Carmen Estévez Galindo o 28 de novembro de 1927.[2]

  1. El Pueblo Gallego, 12-12-1936, p. 3.
  2. El Tea, 13-12-1927, p. 3.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]