Real Audiencia
A Real Audiencia foi un órgano xudicial creado poa Coroa de Castela[1] que perdurou até a caída do Antigo Réxime.
Historia
[editar | editar a fonte]Formalmente, a primeira audiencia foi establecida en Valladolid o ano 1371.
A Real Audiencia de Galicia estableceuse en 1480 polos Reis Católicos. Até 1578 non tivo sede fixa, senón que se desprazaba aos lugares onde había problemas que resolver, e nese ano instálase definitivamente na Coruña.
En 1494, Isabel a Católica dividiu dita audiencia en dúas: a Audiencia de Valladolid, con competencia a norte do río Texo; e a de Cidade Real, con competencia ao sur do mesmo río. En 1500 decidiuse trasladar esta última a Granada, o que se verificou en 1505.[2]
Carlos I instalou en 1528 a Audiencia de Aragón en Zaragoza. O seu fillo Filipe II creou numerosas audiencias en España: a de Sevilla en 1525, a das Canarias (1526), a de Las Palmas en 1568 e a de Mallorca en 1571, así como noutros lugares de Europa, entre outras, a de Sardeña en 1564 e a de Sicilia en 1569.
En América instálase por primeira vez unha audiencia en Santo Domingo, capital da illa A Española, en 1511, durante a gobernación de Diego Colón, pero ao pouco tempo foi suprimida, sendo restablecida en 1526.
Baixo Carlos I e Filipe II, entre 1526 e 1583, estendéronse as audiencias por América e as Filipinas.
En 1717 establécese a audiencia de Asturias; en 1790, a de Estremadura en 1834, a de Albacete.
As Reais Audiencias na península
[editar | editar a fonte]Na Coroa de Castela
[editar | editar a fonte]- Real Audiencia e Chancelaría de Valladolid (1371).
- Real Audiencia e Chancelaría de Cidade Real (1494).
- Real Chancelaría de Granada (1505).
As demais audiencias xurdidas, unha anterior e as demais posteriormente, non contaron co título de chancelaría, e o seu nivel competencial era menor:
- Real Audiencia de Galicia (1480), creada a partir da Gobernación de Galicia.
- Real Audiencia dos Graos de Sevilla (1525).
- Real Audiencia das Canarias (1526).
- Real Audiencia de Asturias (1717).
- Real Audiencia de Estremadura (1790).
- Real Audiencia de Albacete (1834).
No Reino de Navarra
[editar | editar a fonte]No Reino de Navarra non había audiencia, e as funcións xudiciais ostentábaas o Consello Real de Navarra.
Na Coroa de Aragón
[editar | editar a fonte]A Coroa de Aragón mantiña audiencias reais en cada un dos seus reinos desde o século XV:
Tras os Decretos de Nova Planta, desde 1707 acomodouse ao modelo competencial de chancelaría para as dúas primeiras (Aragón e Valencia), e desde 1715 para as dúas últimas (Cataluña e Mallorca); nestes casos, coa innovación dun sistema de presidencia militar, que máis tarde foi aplicado tamén ás castelás.[3]
As Reais Audiencia nas Indias
[editar | editar a fonte]En América creouse por primeira vez unha audiencia en Santo Domingo (illa de A Española) en 1511,[4] durante a gobernación de Diego Colón, pero ao pouco tempo foi suprimida, sendo restablecida en 1526.
Baixo Carlos I e Filipe II estendéronse as audiencias por América e as Filipinas, poñéndose definitivamente en funcionamento a Audiencia de Santo Domingo e creándose nove máis:
- Real Audiencia de Santo Domingo en 1526.
- Real Audiencia de México (Nova España) en 1527.
- Real Audiencia de Panamá en 1538.
- Real Audiencia de Guatemala ou dos Confíns en 1543.
- Real Audiencia de Lima (Perú) en 1543.
- Real Audiencia de Guadalajara (Nova Galicia) en 1548.
- Real Audiencia de Santafé de Bogotá (Nova Granada) en 1548.
- Real Audiencia de Charcas (Alto Perú) en 1559.
- Real Audiencia de Quito (Ecuador) en 1563.
- Real Audiencia de Concepción (Chile) en 1565 (até 1575).
No século XVII repúxose a Audiencia de Chile, en Santiago, e créase a primeira en Buenos Aires:
- Real Audiencia de Santiago en 1605.
- Real Audiencia de Buenos Aires (Río da Prata) en 1661 (até 1671).
Finalmente, no século XVIII reinstálase a Audiencia de Buenos Aires, e créanse as dúas últimas audiencias indianas:
- Real Audiencia de Buenos Aires en 1783.
- Real Audiencia de Caracas en 1786.
- Real Audiencia de Cuzco en 1787.
Na América hispana baixo o dominio da coroa española, a real audiencia adquiriu unha crecente importancia, velando polo cumprimento do dereito, a protección dos gobernados e pola aplicación da xustiza no continente. Así mesmo, chegaron todas a seren tamén reais chancelarías, sendo depositarias do selo real (real selo), polo que as consideraban representantes da persoa do monarca nos seus respectivos territorios.
Composición das Reais Audiencias
[editar | editar a fonte]As Reais Audiencias estaban compostas por un presidente, que era polo xeral o respectivo vicerrei ou o gobernador, e por un número variábel de oidores (xuíces), máis algúns alcaldes do crime (en España, México e Lima). Ademais, formaban parte deste tribunal un fiscal e "outros oficiais subalternos", entre eles un alguacil maior, un relator, un escribán de cámara e un porteiro.
En España, as de Valladolid e Granada contaron tamén con outras figuras como o alcalde de los hijosdalgo (alcalde dos fidalgos), reservado para os preitos deste estado (a fidalguía).
Por real decreto de 11 de marzo de 1776 mandouse que as 10 audiencias indianas entón existentes estivesen presididas por un rexente, o cal foi comunicado por real célula do 6 de abril de 1776 e as súas funcións fixadas pola real instrución do 20 de xuño de 1776. Dispúxose tamén agregar 2 oidores e un alcalde do crime ás audiencias de México e Lima; 2 oidores ás de Guadalajara, Santo Domingo e Quito; e un oidor ás de Manila, Guatemala, Charcas e Santafé.[5]
Funcións
[editar | editar a fonte]As reais audiencias eran quizais os únicos órganos da época que tiñan unha función máis marcada: a administración de xustiza.
Na América hispana foron os máis altos tribunais de xustiza. Contra o século XVIII, principalmente por evolución espontánea, máis que por reformas legais, convertéronse esencialmente en tribunais de apelación.
- Trataban os xuízos civís e criminais, excepto os de foro eclesiástico, militar ou mercantil.
- Os seus veredictos podían apelarse perante o Consello de Indias (sempre que se tratase de asuntos de máis de 6 000 pesos de ouro).
- Trataban os recurso de forza, é dicir, a reclamación dos agraviados polos xuíces eclesiásticos, que procedía en caso de incompetencia destes para coñecer das causas, inobservancia das normas que rexían os xuízos eclesiásticos e nas negativas de apelación que eran procedentes.
- Trataban as contendas de competencia entre xuíces laicos e eclesiásticos.
- Trataban algúns xuízos eclesiásticos e os xuízos de encomendas.
- Os agraviados polas resolucións do vicerrei ou do gobernador podían "apelar" ante elas.
- Podían ditar autos acordados, para unha adecuada administración da xustiza, e podían suplir con eles os baleiros normativos en canto aos procedementos ou para interpretar as normas procedementais vixentes.
En caso de vacancia do vicerrei ou do gobernador, podía substituílos interinamente o oidor máis antigo (chamado oidor decano). Así mesmo, eran órganos consultivos dos vicerreis e gobernadores en materia de goberno e facenda pública.
Debían facer cumprir as reais ordes e, eventualmente, podían suplicar unha lei (cando presentaba un vicio) e representala ao Consello de Indias. Ademais, debían examinar as ordenanzas, os regulamentos e decretos do respectivo vicerrei ou gobernador. En caso de que estes se extralimitasen nas súas facultades e atribucións, podían presentarlles dita situación, e, en caso de non ser oída, dar conta ao soberano.
Igualmente, debían preocuparse polo bo tratamento dos indíxenas, podían prohibir a circulación ou comisar determinados libros. Ademais, preocupábanse de informar ao rei sobre a conduta dos sacerdotes dentro do seu territorio xurisdicional, podían deter as bulas que considerasen atentatorias ao Padroádego rexio.
Clasificación
[editar | editar a fonte]As reais audiencias tiveron unha clasificación, de acordo coa súa xerarquía:
- Audiencias vicerreinais: estaban presididas por un vicerrei e localizábanse na sede vicerreinal. Foron deste tipo, no século XVI, a Real Audiencia de Santo Domingo (1511-1526), a de México (desde 1535) e a de Lima (desde 1543) e, no século XVIII, as de Santafé de Bogotá (1718-1723 e desde 1740), a de Charcas (1776-1785) e a Buenos Aires (desde 1785).
- Audiencias pretoriais: estaban presididas por un presidente-gobernador e non estaban subordinadas a un vicerrei, polo cal podían establecer contacto directo co rei e o Consello de Indias. Foron deste tipo as de de Santo Domingo (desde 1527), a de México (1527-1535), a de Panamá (1539-1614), a de Guatemala (1543-1565 e desde 1570), a de Manila (desde 1584), a e Santiago de Chile (desde 1609), a de Buenos Aires (1663-1672), a de Santafé de Bogotá (1550-1717 e 1723-1740) e a de Caracas (desde 1787).
- Audiencias subordinadas: estaban presididas por un presidente letrado e dependían do vicerrei nos asuntos relativos ao goberno civil, eclesiástico, guerra e, eventualmente, facenda. Foron deste tipo as de Compostela ou de Guadalajara (desde 1548), a de Charcas (1561-1776 e desde 1785), a de Quito (desde 1564), a de Concepción (1565-1575), a de Panamá (desde 1614) e a do Cuzco (desde 1788).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pontificia Universidad Católica de Chile (1996). "El territorio americano y sus principales instituciones: Las Reales Audiencias". La América española y colonial: siglos XVI, XVII y XVIII. Consultado o 12 de abril de 2018.
- ↑ oronas González, Santos M. (1981): "La Audiencia y Chancilleria de Ciudad Real (1494-1505)" en Cuadernos de Estudios Manchegos, 11, pp. 47-139.
- ↑ Artola, Miguel (1991): Enciclopedia de Historia de España. (V. Diccionario Temático). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-5294-6.
- ↑ Real cédula de Fernando V, creando una audiencia en Santo Domingo, incluida na Colección de documentos inéditos para la historia de España, vol. II, pp. 285-293.
- ↑ Antecedentes Coloniales. Por José Luis Soberanes Fernández. Páx. 33.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dougnac Rodríguez, Antonio (1994). Manual de Historia del Derecho Indiano. México: Universidad Nacional Autónoma de México. ISBN 96-83641-47-4.
- Sánchez Bella, Ismael; De la Hera, Alberto; y Díaz Rementeria, Carlos (1992). Historia del Derecho Indiano. Madrid: MAPFRE. ISBN 84-7100-512-3.
- Suárez García, Santiago Gerardo (1989). Las reales audiencias indianas: Fuentes y bibliografía. Madrid: Real Academia le la Historia. ISBN 978-9-8022-2464-7.