Resolución de Desculpa
A Lei Pública 103-150 dos Estados Unidos "Resolución conxunta para recoñecer o 100 aniversario do derrocamento do Reino de Hawai o 17 de xaneiro de 1893, e para ofrecer desculpas aos nativos hawaianos en nome dos Estados Unidos polo derrocamento do Reino de Hawai", informalmente coñecida como Resolución de Desculpa, é unha Resolución conxunta do Congreso dos Estados Unidos de América adoptada en 1993 que "recoñece que o derrocamento do Reino de Hawai aconteceu coa participación activa de axentes e cidadáns dos Estados Unidos, recoñecendo ademais que o pobo nativo de Hawai xamais abdicou nos Estados Unidos as súas pretensións de soberanía inherente como pobo sobre os seus territorios nacionais, fose mediante o Reino de Hawai ou mediante plebiscito ou referendo" (U.S. Public Law 103-150 (107 Stat. 1510)).
A resolución foi promovida o 21 de xaneiro de 1993 por Daniel Akaka e Daniel Inouye, ambos senadores demócratas por Hawai, e foi adoptada por ambas as cámaras do Congreso dos Estados Unidos o 23 de novembro de 1993. A Resolución aprobouse no Senado por un voto de 65 a 34. Na Cámara de Representantes foi aprobada por unha maioría de dous terzos en votación oral. Como Resolución conxunta, foi asinada polo presidente Bill Clinton nese mesmo día.
A Resolución tense citado como un dos principais estímulos para o movemento soberanista de Hawai, e ten sido obxecto de intenso debate.[1][2][3][4][5]
Argumentos a favor
[editar | editar a fonte]Evidencia histórica
[editar | editar a fonte]A Resolución de Desculpa deriva principalmente do Informe Blount, un informe oficial do Comité de Relacións Externas da Cámara de Representantes recollido pouco despois do derrocamento da monarquía hawaiana, na primavera de 1893. Blount estaba firmemente a favor da raíña e dos seus partidarios, e o seu informe constituíu unha crítica oficial do papel dos Estados Unidos no derrocamento. O presidente Grover Cleveland era tamén un firme defensor da raíña, e fixo declaracións oficiais en apoio da posición exposta no Informe Blount. Estas declaracións oficiais do goberno dos Estados Unidos son vistas como evidencias históricas para as afirmacións expostas na Resolución de Desculpa.
Paralelismos entre os nativos hawaianos e os nativos norteamericanos
[editar | editar a fonte]Aínda que as historias dos nativos hawaianos e os nativos norteamericanos difiren notabelmente, hai aínda unha percepción xeneralizada de que os nativos hawaianos recibiron o mesmo tipo de trato discriminatorio por parte do goberno dos Estados Unidos que os nativos norteamericanos. A Resolución de Desculpa é vista polo tanto como un medio para admitir agravios históricos, ou ben como un paso cara á identificación dos nativos hawaianos como un pobo indíxena cuxos dereitos legais baseados na ascendencia deben ser preservados; algúns ven a Resolución como o comezo dun proceso para fornecer compensacións aos nativos hawaianos polas presuntas inxustizas pasadas.
En 2009 o Congreso dos Estados Unidos aprobou unha resolución similar, a S.J.Res. 14, "para recoñecer unha longa historia de depredación oficial e políticas espurias por parte do goberno federal atinxindo ás tribos nativas, e para ofrecer unha desculpa a todos os pobos nativos en nome dos Estados Unidos".[6]
Argumentos en contra
[editar | editar a fonte]Bases históricas en disputa
[editar | editar a fonte]Aínda que o Informe Blount de 17 de xullo de 1893, no que se basea a Resolución de Desculpa, foi un informe oficial do goberno dos Estados Unidos, foi seguido polo Informe Morgan en febreiro de 1894, o cal, tras audiencias públicas e testemuñas baixo xuramento, atopou que o Informe Blount era inexacto en moitos dos feitos relatados. Algunhas das críticas do Informe Blount inclúen o feito de terse producido en segredo, sen oportunidade dun exame por parte das testemuñas, e sen estar as testemuñas sometidas a xuramento. Os opoñentes da Resolución de Desculpa recorren a este repudio oficial do Informe Blount como razón suficiente para desbotar calquera conclusión baseada nel. A pesar de ser un firme partidario da reinstauración da monarquía, o presidente Grover Cleveland tamén se desdixo tras recibir o Informe Morgan, rexeitando as sucesivas solicitudes de axuda da raíña para a restauración da monarquía, e recoñecendo tanto o Goberno Provisional como a República de Hawai como lexítimos sucesores do reino.
O avogado constitucionalista e consultor do Grassroot Institute (laboratorio de ideas ultraliberal con base en Honolulu) Bruce Fein, ten esbozado varios contra-argumentos que desafían a exactitude e integridade histórica das afirmacións feitas na Resolución de Desculpa.[1]
Alegacións de que a Resolución foi aprobada apresuradamente
[editar | editar a fonte]A Resolución foi aprobada tras só unha hora de debate no Senado, coa participación de só cinco senadores, tres deles opostos (Slade Gorton, Hank Brown, John C. Danforth) e dous a favor: os promotores Akaka e Inouye. Aprobouse na Cámara de Representantes o 15 de novembro en aínda menos tempo, sen debate e sen obxeccións. Ten habido críticas á Resolución polo seu uso para apuntalar o proxecto de lei Akaka, que busca un recoñecemento federal dos nativos hawaianos similar ao que teñen os nativos norteamericanos. O senador Inouye dixo a respecto deste tema en 1993:
A respecto da cuestión do status dos nativos hawaianos, como xa sabe o meu colega de Washington, este debate vén desde o tempo da incorporación como estado. ¿Son os nativos hawaianos nativos americanos? Esta Resolución non ten nada que ver con isto.
A xustificación do proxecto de lei Akaka apoiándose na Resolución de Desculpa ten sido visto por algúns como unha contradición destas declaracións de Inouye ante o Senado.
En 1993 os senadores Slade Gorton e Hank Brown non discreparon sobre a exactitude histórica da Resolución, aínda que votaron en contra. Recentemente referíronse a ela como un caso de revisionismo histórico. Escribiron no Wall Street Journal un artigo[7] moi crítico coa veracidade histórica da Resolución de Desculpa.
Partidarios da independencia de Hawai
[editar | editar a fonte]Algúns grupos partidarios dun nacionalismo hawaiano non baseado na ascendencia acusaron os senadores Akaka e Inouye de actuar como cómplices dos Estados Unidos nunha estratexia anti-hawaiana de longo prazo. Estes grupos ven a linguaxe da Resolución de Desculpa como unha linguaxe que confunde enganosamente a forte e internacionalmente recoñecida soberanía que o reino de Hawai posuía como nación-estado internacionalmente recoñecida, cunha noción inconmensurabelmente máis feble de "soberanía inherente" dun pobo "indíxena" ou "nativo" dentro de, e subordinado a, os Estados Unidos. Eles razoan que a cidadanía do reino non estaba definida pola ascendencia; que un país enteiro foi vítima das felonías dos conspiradores, e non só certos individuos ou grupos do país; e que todos os leais nacionalistas hawaianos foron privados do seu dereito á autodeterminación, non só os "nativos" hawaianos. Tamén destacan que foi o Congreso dos Estados Unidos quen introduciu o requirimento das cotas de sangue (non menos dun 50% de sangue das razas que habitaban Hawai desde antes de 1778) na Hawaiian Homelands Commission Act (Lei da comisión das terras nativas hawaianas) de 1921, aínda vixente, contra a oposición dos propios nativos hawaianos, que solicitaban un requirimento moito menos restritivo de non menos de 1/32 de sangue hawaiano.[8] Por todo isto, a maioría destes grupos tamén rexeitan o proxecto de lei Akaka como fórmula soberanista, e defenden que este tema debe solucionarse no ámbito internacional.
Efectos legais prácticos
[editar | editar a fonte]Nunha resposta á apelación da Decisión Arakaki polo Estado de Hawai[9], os demandantes argumentaron que os "considerandos" da Resolución de Desculpa non deben ter efectos legais.
- As declaracións lexislativas nun preámbulo poden axudar a un tribunal a interpretar as cláusulas operativas dunha lei particular ao clarificar a intención lexislativa, pero non lexislan feitos nin confiren dereitos. Singer, Sutherland on Statutory Construction, §20.03 (5ª ed. 1993). A Resolución de Desculpa non contén provisións operativas legais. De feito, rexeita expresamente estar establecendo demanda algunha. 107 Stat. 1510 §3. O informe do comité di que a Resolución carece de impacto regulatorio e non cambia ningunha lei. S. Rep. 123-126. Os seus promotores aseguraron ao Senado que é tan só "unha simple resolución de desculpa" e que "non ten nada que ver co status dos nativos hawaianos". 139 Congressional Record S14477, S14482 (October 27, 1993), SER 14. O Tribunal Supremo, en Rice v. Cayetano, demostrou como tratar coa Resolución de Desculpa: o tribunal citouna, pero decidiu o caso baseándose nos feitos do expediente.
Dando testemuña ante o Comité Xurídico do Senado dos Estados Unidos, o 17 de abril de 2002[10], o profesor de dereito Michael Glennon deixa claro que os "considerandos" en xeral non poden ter "efectos legais vinculantes":
- Baixo os principios tradicionais da construción das leis, estas provisións non teñen efectos xurídicos vinculantes. Só o material que vaia após a chamada "cláusula de resolución" ("Resolto polo Senado e a Cámara de Representantes dos Estados Unidos no Congreso en asemblea") pode ter algún efecto operativo. O material presentado nunha cláusula "considerando" é puramente apelativo. Pode ser relevante para o propósito de clarificar ambigüidades nos termos legalmente operativos dunha lei, pero, en e por si mesma, tal provisión non pode conferir dereito ou obriga legal algunha.
O efecto legal da Resolución de Desculpa foi abordado na decisión do Tribunal Supremo dos Estados Unidos de 31 de marzo de 2009, que declara que os 37 "considerandos" da Resolución de Desculpa non teñen efectos xurídicos vinculantes, nin transmiten ningún dereito ou supoñen base legal algunha para as reclamacións dos nativos hawaianos.[11] O Tribunal concluíu que a Resolución non cambia nin modifica o carácter "absoluto" do dereito sobre as terras públicas do Estado de Hawai. A decisión afirma tamén que a lexislación federal non pode ofuscar retroactivamente os dereitos adquiridos como parte da incorporación como Estado.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Bruce, Fein (6 de xuño de 2005). Lycos, ed. "Hawaii Divided Against Itself Cannot Stand". Angelfire on Lycos. Waltham, MA, USA. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de febreiro de 2007. Consultado o 4 de setembro de 2012.
- ↑ The Opposite Of Progress, Slade Gorton e Hank Brown
- ↑ No Freedom to Celebrate Statehood Arquivado 22 de decembro de 2007 en Wayback Machine., Andrew Walden, FrontPageMagazine.com, 29 de agosto de 2006
- ↑ alohaquest.com, páxina pro-soberanía
- ↑ "The Rape of Paradise: The Second Century Hawai'ians Grope Toward Sovereignty As The U.S. President Apologizes", Perceptions Magazine, March/April 1996, p. 18-25
- ↑ McKinnon, John D. (22 de decembro de 2009). "U.S. Offers An Official Apology to Native Americans". Blogs.wsj.com. Consultado o 21 de febreiro de 2011.
- ↑ The Opposite Of Progress
- ↑ Van Dyke, Jon M.: "Who Owns the Crown Lands of Hawaii?"[1]. University of Hawai'i Press, 2008, p.280
- ↑ Resposta á apelación da Decisión Arakaki polo Estado de Hawai
- ↑ testemuña ante o Comité Xurídico do Senado dos Estados Unidos, o 17 de abril de 2002
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 27 de maio de 2015.
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Resolución de Desculpa |