Rexión de Galicia
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
Capital | A Coruña | |||
Contén a división administrativa | ||||
Poboación | ||||
Lingua usada | lingua galega | |||
Datos históricos | ||||
Precedido por | ||||
Creación | 1833 | |||
Disolución | 1981 | |||
Sucedido por | Galicia | |||
Evento clave | ||||
A rexión de Galiza foi unha entidade territorial de carácter clasificatorio pertencente ó Reino de España. Sucesora do Reino de Galiza, foi creada no ano 1833 cando os antigos reinos peninsulares da Monarquía Hispánica foron abolidos para crear un Estado centralizado. Estaba conformada polas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e carecía de calquera tipo de competencias ou órganos comúns ás provincias que agrupaba.
Houbo varias tentativas de dotar de autonomía esta división territorial, primeiro coa proclamación da Xunta Superior de Goberno de Galiza na sublevación de 1846 e despois, como resultado dese movemento autonómico, así como doutros producidos antes no País Vasco, coa promulgación o ano seguinte polo ministro de Gobernación dun decreto polo cal se dividía o territorio peninsular en once gobernos xerais, un deles o de Galicia, con capital na Coruña.[1] Posteriormente, no mesmo século, déronse novas tentativas, tanto co Proxecto de Constitución Federal de 1873 da I República Española, no cal Galiza era recoñecida en calidade dun estado federado,[2] como co Proxecto de Constitución para o futuro Estado galego de 1887 elaborado polo federalismo galego. No século XX seguiu medrando a demanda de autogoberno por parte das diferentes correntes galeguistas, o que, alén dunha efémera República Galega en 1931 e do recoñecemento internacional como nación en 1933,[3] resultou no Estatuto de Autonomía de 1936, aprobado en plebiscito mais frustrado polo inmediato golpe de Estado de Franco e a posterior longa ditadura. Finalmente, trala morte do ditador, aprobouse o Estatuto de Autonomía de 1981, co cal Galiza se dotou dun relativo autogoberno e se constituíu como comunidade autónoma.
O territorio galego foi ampliado no ano 1868 coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864, mediante o cal lle era anexado o Couto Mixto, un microestado independente entre Galiza e Portugal. En contraprestación, a parte galega das denominadas poboacións promiscuas ―Cambedo, Lamadarcos e Souteliño― foi incorporada a Portugal.[4]
O Real Decreto de 2 de febreiro de 1880 determinou a Galiza ―así como a Aragón, Baleares, Cataluña, Navarra e o País Vasco― como rexión foral. Isto repetiuse na Lei de Bases de 11 de maio de 1888 e no Decreto de 23 de maio de 1947, conforme o cal acabou promulgándose a Lei de Compilación do Dereito Civil Foral de Galiza en 1963, antecedente do actual Dereito civil galego.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Molero García, Juan Carlos (2002). "Public Spending and Fiscal Federalism in Spain. Period 1984-1998" (PDF): 42–43.
- ↑ "Proyecto de Constitución Federal de 17 de julio 1873". Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (en castelán). Consultado o 27 de xaneiro de 2021.
- ↑ Pérez Pena, Marcos (13 de setembro de 2013). "80 anos dende que Galicia é, oficialmente, nación". Praza.gal.
- ↑ García Mañá, Luís Manuel (2005). Couto Mixto. Unha república esquecida. Xerais. ISBN 84-9782-325-7.
- ↑ "Derecho foral". Wolters Kluwer (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2021. Consultado o 18 de xullo de 2021.