Historia de Galicia
Historia de Galicia | |
Mapa do Reino de Galicia de c. 1603 | |
Historia | de Galicia |
Cronoloxía | Cronoloxía de Galicia |
Categoría | Historia de Galicia |
Prehistoria | |
Prehistoria de Galicia | |
Idade Antiga | |
Historia antiga de Galicia | |
Idade Media | |
Historia medieval de Galicia | |
Idade Moderna | |
Historia moderna de Galicia | |
Idade Contemporánea | |
Historia contemporánea de Galicia | |
Relacionados | |
Historia | Historia da lingua galega Historia de España Historia de Portugal |
Artigos | Pobo galego Reino de Galicia Historiografía do Reino de Galicia |
A historia de Galiza abrangue a historia de Galiza e dos seus estados predecesores. Comeza arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.
O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409, cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro Reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.
A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, coñecida como cultura castrexa, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.
Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e britanos, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional[1] e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.
Prehistoria
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Prehistoria de Galicia.
Paleolítico
[editar | editar a fonte]As primeiras probas líticas de presenza humana en Galiza remóntanse a uns 300.000 anos, no Paleolítico inferior, durante o Plistoceno medio. Apareceron restos destes poboadores por todo o litoral, dende Ribadeo ata A Guarda. Estes restos son instrumentos líticos, que nos amosan unha cultura acheulense a base de bifaces, fendedores, triedros… feitos sobre unha base de cuarzo ou cuarcita. Coñécense dúas culturas, o Paleolítico inferior arcaico (ou "cultura dos cantos tallados") e o Paleolítico inferior clásico ou acheuliano. A técnica é máis simple na primeira delas. As industrias son simples e o número de tipos reducido.
Os seres humanos do Paleolítico inferior vivían en hordas, é dicir, grupos de cazadores-recolectores que practicaban o nomadismo. Alimentábanse dos froitos que recollían e da caza, que practicaban en tribos. Tamén botaban man da pesca e da recollida de marisco, cando vivían en zonas nas que podían facelo.
Xa durante o Paleolítico medio a cultura característica é a musteriense, non homoxénea, elaborada polo home de Neandertal (dos que se documenta a súa presenza no noroeste peninsular grazas ao achado dun asentamento na Cova Eirós, en Triacastela, con materia orgánica e ferramentas do Paleolítico medio[2]).
O Paleolítico superior espállase entre os anos 30.000 e 8.000 a. C., época na que atopamos instrumentos tanto de pedra como de óso, realizándose neste material puñais, arpóns, agullas etc. Contamos en Galiza con abundantes abrigos baixo rocha, nos que atopamos unha industria azilense a base de sílex, cristal de rocha, pórfiros cuarcíticos, cuarzos e cuarcitas máis ocre. As ferramentas máis características son os burís, as tesoiras de dorso rebaixado e as raspadeiras.
Neolítico e o megalitismo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Megalitismo en Galicia.
Desenvólvese entre o 5.000 e o 3.000 a. C. o período chamado Neolítico, caracterizado polo nacemento da agricultura e a domesticación de animais, ademais da cerámica. Co cultivo dos alimentos e a crianza dos animais, aumentaron as posibilidades de se alimentar, co que aumentou a poboación. O clima fíxose aínda máis cálido e húmido, o que favoreceu o crecemento da vexetación, composta principalmente de carballeiras, sobreiras, olmos, freixos, abeleiras… Os habitantes da Galiza desta época ocuparon zonas altas, por teren unha vexetación menos frondosa, e ser a terra menos dura para a traballar.
Desta época data o megalitismo, é dicir, a construción de grandes monumentos de pedra. Estes monumentos existen por toda Galiza, desde a ribeira ata as altas montañas orientais. Calcúlanse no territorio galego máis de tres mil[3] mámoas, que consisten nunha morea de terra e pedras que pode conter un dolmen e que acubilla un lugar de enterramentos colectivos. Poden aparecer enxovais funerarios e pinturas no interior das grandes pedras.
Galiza, entre os anos 5.000 a 2.500 a. C. forma parte do megalitismo atlántico propio dos denominados fisterras. A peculiaridade galega consiste en que as mámoas e os túmulos non son de gran tamaño, pero si moi numerosos e inzan todo o territorio. Obsérvase unha gran relación entre as mámoas e a paisaxe: normalmente atópanse en penichairas de media altura e inseridas nunha economía gandeira. Os milleiros de megálitos fálannos do xenio creativo e da habilidade do manexo das grandes pedras duns seres humanos que buscan identificar o seu territorio con elementos perceptibles que os conecten co mundo dos mortos.
Estariamos ante numerosas unidades sociais que comparten unhas mesmas técnicas e crenzas e que serían relativamente igualitarias.
Idade do Bronce atlántico
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Idade de Bronce en Galicia e Idade do bronce atlántico.
Entre o Megalítico e o Bronce hai unha etapa ponte denominada Calcolítico, datada entre o 2.000 e o 1.800 a. C., e na que se produce a aparición da metalurxia. Increméntase a estabilidade dos asentamentos. As cistas (cámaras de pedra máis pequenas, non soterradas e individuais) substitúen os dolmens, o que indica a existencia dunha certa elite social. Aparecen puñais de cobre, cilindros de ouro, machados e as primeiras xoias.
Adoita falarse de tres períodos cronolóxicos referidos á fundición do bronce no noroeste peninsular:
- Fase inicial: ensaios coa metalurxia (1800 - 1200 a. C.)
- Fase media: eclosión do Bronce (1200 - 1000 a. C.)
- Fase final: difusión (1000 - 700 a. C.)
Xa no Bronce inicial, hai unha conexión intensa coa costa occidental atlántica.[Cómpre referencia] As pezas de tiras e os aros teñen os seus concomitantes nas terras litorais do occidente europeo e nas Illas Británicas. Salienta o tesouro de Caldas de Reis: a maior acumulación de ouro da prehistoria de Europa Occidental.
No segundo milenio antes de Cristo xa existe unha cultura galaica plenamente aberta a occidente cun novo metal: o bronce. Estoques de lingüeta trapezoidal, espadas con empuñaduras de remaches, espadas pistiliformes, machados tubulares e con aneis parécennos falar dunha sociedade de xefaturas onde o espírito bélico condiciona a vida cotiá. Salienta o casco de ouro de Leiro (Rianxo). Galiza aparece plenamente conectada co intercambio atlántico.
Outra manifestación plástica de enorme interese son os gravados en pedra denominados petróglifos, que en Galiza teñen a singularidade dun maior naturalismo ca noutras áreas. Cérvidos, círculos, labirintos, armas, círculos concéntricos, cazoletas conservan unha simboloxía misteriosa (cúltica, cósmica, ou transcendente) indescifrable nalgúns dos casos.
Cultura castrexa
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Cultura castrexa.
A cultura castrexa, ou cultura dos castros, foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a. C.) ata o século I d. C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros). A súa área de extensión chega até os ríos Navia e Cúa polo leste e o Douro polo sur.
Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce. A esta compoñente precastrexa sumáronselle influencias culturais centroeuropeas, atlánticas e mediterráneas. No lento período formativo, que duraría ata o século V a. C. os castros fóronse estendendo de sur a norte e da costa cara ao interior.[Cómpre referencia] Esta cultura desenvolveuse a continuación durante dous séculos e comezou a ser influenciada pola cultura romana no século II a. C. e continuou na forma de cultura galaicorromana despois da conquista e até os séculos III ou mesmo o IV.
Idade Antiga
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia antiga de Galicia.
Pobos galaicos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galaicos.
A finais da Idade de Ferro, as xentes do extremo noroccidental da Península Ibérica conformaban xa unha unidade cultural homoxénea que as diferenciaba do resto e que tempo despois sería percibida polos primeiros autores grecolatinos, denominando a este conxunto de pobos co nome de Gallaeci (galaicos), se cadra pola aparente similitude cos xa coñecidos Galli (galos) e Gallati (gálatas).
Os Gallaeci ou Galaicos foron orixinariamente un pobo indoeuropeo de lingua celta,[4] polo tanto celtas para uns autores, celtizados para outros —sen que exista pleno consenso entre os investigadores— que ocuparon durante séculos aproximadamente o territorio da actual Galicia e norte de Portugal, limitando ó sur cos lusitanos e ó leste cos ástures. Son en si os primeiros "galegos", nome actual que deriva de Gallaeci sendo decote empregado como cultismo para referirse ó relativo a Galicia ou os galegos, non obstante enténdese historicamente a cultura galaica como aquela previa á anexión ó Imperio Romano.
O modo de hábitat dos galaicos baseouse na ocupación do territorio especialmente en poboados fortificados que reciben o nome de castros, podendo variar o seu tamaño dende pequenas aldeas de menos de 1 hectárea máis usuais no norte, e de grandes castros de máis de 10 hectáreas que reciben o nome de oppida ou "citanias", estando estes máis presentes na metade sur do seu poboamento tradicional. Este xeito de habitar o territorio, en castros, foi común en toda Europa durante a Idade de Bronce e de Ferro, recibindo no noroeste da Península Ibérica o nome de '"cultura dos castros" ou "cultura castrexa", que alude a este tipo de manifestación cultural antes da chegada de Roma, con todo os galaicos seguirían a habitar castros ata o século VIII d. C. Só no territorio da Galicia actual chegan a contabilizarse máis de dous mil castros, o que revela unha das maiores dispersións de poboación da Idade de Ferro en toda Europa, que sería en boa medida a orixe da ocupación galega do territorio herdada ata o presente, e caracterizada por pequenas e numerosas poboacións distantes entre si.[Cómpre referencia]
A organización política dos galaicos artellábase en pequenos estados independentes entre si compostos por un número dispar de castros, encabezados estes estados pola figura dun rei local que os romanos denominaron princeps como noutras partes de Europa. Cada galaico identificábase a si mesmo como membro do castro que habitaba (segundo a interpretación máis común do C invertido da epigrafía posterior) así como do estado/pobo ó que pertencía, e que os romanos denominaron populus, entre os que atopamos numerosos nomes como arrotrebi, albioni, celtici supertamarici, lemavi, nemetati etc., do mesmo xeito que ata finais do século XVIII a xente en Galicia se identificaba coa parroquia e a comarca.
Conquista da Gallaecia
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Romanización de Galicia e Gallaecia.
Os intereses de Roma no Noroeste da antiga Hispania supuxeron o comezo dos conflitos armados entre Roma e os galaicos a finais do século I a. C. Aínda que o xeneral Décimo Xunio Bruto Galaico logrou controlar de forma efémera os pobos galaicos máis meridionais na súa campaña do ano 137 a. C., non foi ata a fin das Guerras cántabras (29 a. C.-19 a. C.) cando galaicos, ástures e cántabros foran definitivamente anexionados a Roma.[5]
Ademais da guerra, o Imperio Romano valeuse de tratados de paz (chamados pactos de hospitalidade) cos diferentes pobos galaicos, o que na práctica favorecían a súa integración —sen derramamento de sangue— no Imperio. Conquistado o territorio e as súas xentes —ben pola guerra ou ben por tratados—, o Imperio romano asegurou o seu control militar como era costume con numerosos campamentos onde se albergaban lexións ou cohortes tales como os de Aquis Querquennis, A Ciadella ou o propio Lugo.
Entre os anos 284 e 305, o emperador Diocleciano acometeu a reorganización administrativa do Imperio. Na Península Ibérica créanse dúas novas provincias (Gallaecia e Cartaxinense) a partir das xa existentes: Baetica, Tarraconensis e Lusitania. Así, a nova provincia baixo o nome de Gallaecia ocupou o extremo noroeste da Península que anteriormente pertencera á Tarraconensis, e estivo formada polos territorios da rexión de Asturia e da propia Gallaecia. Cabe destacar que entre todas estas capitais de convento (Lugo, Braga, Astorga) era a cidade de Bracara a que exercía de capital provincial de toda a Gallaecia, organizada administrativamente en tres conventos xurídicos. Esta provincia do noroeste hispánico será, pola súa importancia militar, unha provincia imperial, non senatorial, controlada por unha forte lexión na actual León e con campamentos como o de Aquis Querquennis (mansión na vía Nova), A Ciadella (na vía XX) ou a propia cidade de Lugo.
O Imperio Romano estendeu sobre a Gallaecia a súa rede viaria, conectando as principais poboacións, portos e vilas (villae) con catro grandes vías: a Vía XVII, a Vía Nova ou Vía XVIII, a Vía XIX e a Vía XX.
Xunto ás vías, o imperio de Roma tamén construíu pontes (como a ponte do Bibei e ponte Maior de Ourense), canalizacións, termas, faros (como a Torre de Hércules), portos, grandes murallas como a de (Lugo), así como outras instalacións que favorecían a explotación económica do territorio conquistado e a súa integración no resto o Imperio.
Cultura galaicorromana
[editar | editar a fonte]A conquista e incorporación dos galaicos ao Imperio Romano foi non obstante, un proceso continuo pero lento. A conquista supuxo a chegada dunha cultura —a romana— moito máis avanzada tecnoloxicamente da que se nutriron as clases altas galaicas, motivando o apoxeo económico dos grandes castros como San Cibrao de Las, Santa Trega, Citania de Briteiros e Lanhoso entre moitos outros, durante douscentos anos. Non obstante tras ese momento de esplendor, a ausencia de conflitos bélicos motivou o paulatino abandono dos castros —fortalezas, a fin e o cabo—, e a poboación comezou a instalarse maioritariamente nos vales, preto das novas terras de cultivo, acudindo aos castros só en caso de perigo.
Foi nestes vales máis romanizados onde comezaron a espallarse as que se coñecen como villae (vilas); asentamentos estables con explotacións agrarias, que se expanden sobre todo nos séculos III e IV, e que van cambiando a fisionomía do territorio (28 villae no convento de Braga, 32 no de Asturica e 15 no de Lucus). Outro aspecto económico de interese foi a explotación a grande escala dos recursos mineiros, especialmente o do ouro, explotado co sistema da ruina montium, nas medulas de León e no eixo Miño-Sil.[6]
A administración interna da provincia estaba marca polos conventos xurídicos (Conventus iuridicus) amplos territorios adscritos a unha capital, da que recibían o nome e onde se centralizaban as funcións administrativas propias como as militares, fiscais, financeiras, relixiosas e xudiciais. Deste xeito, a provincia romana de Gallaecia estivo dende un primeiro momento dividida en tres conventos xurídicos a comezos do século IV: o Conventus bracarensis, o Conventus lucensis e o Conventus asturicensis con capitais en Braga, Lugo e Astorga respectivamente. Pouco tempo despois tamén foi anexionado á Gallaecia o Conventus cluniensis.
Cristianismo
[editar | editar a fonte]A conversión dos galaico-romanos á relixión cristiá remóntase ao século IV. Dúas datas marcan o comezo desta cristianización; a primeira no ano 313, cando o emperador Constantino I legalizou a relixión cristiá mediante o edicto de Milán, a segunda en 380 cando o cristianismo foi elevado á consideración de relixión oficial do Imperio Romano de Occidente (edicto de Tesalónica), desde este período as elites galaico-romanas foron adoptando progresivamente o cristianismo e consecuentemente abandonando o culto a deuses romanos —tales como Xúpiter, Minerva ou Marte— e galaicos — Bandua, Reva ou Berobreo— que pese a todo deixaron a súa pegada en mitos, ritos, simbolismos e crenzas de singular riqueza que nalgúns casos chegan aos nosos días.
A expansión do cristianismo —isto é, unha relixión asiática, concretamente semítica— supuxo cambios profundos na Gallaecia romana. Por unha banda, impoñíase unha relixión monoteísta que acabaría por substituír as relixións politeístas, traendo consigo unha simboloxía, culto e arte propia desta relixión que perdurou ata os nosos días e que segue a marcar aspectos sociais tan importantes como o calendario, as leis ou a moral. Por outra banda, a adopción do cristianismo como relixión oficial tamén creou de facto a necesidade de adaptarse á nova rede eclesiástica que se estaba a configurar por todo o Imperio romano con centro en Roma, creando deste xeito unha novedosa organización territorial eclesiástica —as dioceses— que tiñan cadansúa sé episcopal.
No século IV aparecen as primeiras sés episcopais da Igrexa galega que, xa no seguinte século, conectarán coas correntes de pensamento dos Pais da Igrexa. Así Paulo Orosio ou Hidacio manifestarán unha autoconsciencia elevada de cristianismo galaico.
Priscilianismo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Priscilianismo.
Prisciliano defenderá un cristianismo de cariz gnóstico, comunitario e ao mesmo tempo ascético, en confrontación coa instalación urbana da Igrexa católica hispana. O seu simbolismo e cosmovisión semella conectar ben coas tradicións indíxenas. O seu éxito levarao ao martirio en Tréveris, acusado de ritos promiscuos, maleficio e maxia, o que fará del unha figura discutida pero idealizada.
O priscilianismo arraigou ben e de xeito duradeiro na Gallaecia. No ano 396, os bispos galegos no sínodo de Toledo néganse a deixar de considerar os priscilianistas como mártires.
Haberá que esperar á configuración do Reino Suevo para que o cristianismo de obediencia romana xogue como armazón estable dunha nova sociedade de xeito pioneiro entre os reinos xermánicos
Idade Media
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia medieval de Galicia.
Reino suevo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Reino suevo.
A comezos do século V, o Imperio Romano de Occidente experimentou unha grande inestabilidade militar, económica e política. Dende o centro de Europa (especialmente desde o territorio da actual Alemaña), numerosos pobos xermanos —suevos, saxóns, francos, alanos e outros— comezaron atacar os postos fronteirizos romanos no río Rhin, irrompendo finalmente no Imperio o 31 de decembro do ano 406 e asentándose no seu interior polas armas, mais tamén grazas a pactos pacíficos.
Arredor do ano 409, dirixidos polo seu rei Hermerico, gran parte dos suevos (estímase que sobre 40 000 persoas) chegaron á provincia romana da Gallaecia, onde lograron instalarse mediante un posible pacto con Roma, decidindo establecer a súa capital na cidade de Bracara Augusta (Braga, Portugal). Este pacto chamado foedus permitía aos suevos gobernar a provincia da Gallaecia como un reino propio (Galliciense Regnum) mentres que estes aceptasen o emperador romano como o seu superior. O historiador galaico Hidacio narraba entón que os suevos foran ben recibidos pola poboación galaico-romana, pois aliviaron os impostos.
Tras a morte de Hermerico, o seu fillo Requila (438-448) asumiu o trono e dirixiu expedicións de saqueo, anexionando o norte da provincia romana da Lusitania, integrándose suevos e galaico-romanos. Isto pon de manifesto a plena independencia do Imperio.
A Requila sucedérao Requiario (448-456), quen adoptará o catolicismo no 449, manifestación pioneira dunha nacente concepción do goberno apoiada na Igrexa católica. Tamén foi Requiario o primeiro rei europeo en acuñar moeda propia, a cal facía referencia ao carácter galego do reino.[7] Roma enviou un exército integrado por visigodos e no ano 456 ten lugar a batalla do río Órbigo, que enfrontará visigodos contra suevos, coa derrota destes últimos e que terá como consecuencia o asasinato de Requiario.
Tras a derrota fronte aos visigodos, o reino suevo dividirase e gobernarán simultaneamente Frantán e Aguiulfo. Ambos farano dende 456 ata 457, ano no que Maldras (457-459) reunificará o reino para acabar sendo asasinado tras unha conspiración romano-visigoda que finalmente fracasará. A pesar de que a conspiración non conseguiu os seus auténticos propósitos, o reino suevo viuse novamente dividido entre dous reis: Frumario (459-463) e Remismundo (fillo de Maldras) (459-469) que reunificaría novamente o reino do seu pai no 463 e que se vería obrigado a adoptar o arianismo no 465 debido á influencia visigoda.
A época escura rematará co reinado de Carriarico (550-559) que se converterá novamente ao catolicismo no 550, feito que significaba a ruptura cos visigodos. Sucederao Teodomiro (559-570) (non se confunda con Teodomiro, rei dos ostrogodos) durante o reinado do cal terá lugar o Primeiro Concilio de Braga (561), instituíndose esta asemblea como órgano asesor do rei. Salienta neste período a figura de Martiño de Dumio pola súa achega á organización territorial (parroquiale suevum) e á lexitimación cristiá dun goberno estable sobre unha poboación plenamente integrada e fusionada.
A Teodomiro sucédeo Miro (570-583). Durante o seu reinado celebrouse o Segundo Concilio de Braga (572), consolidándose a súa contribución á gobernación e á impartición de xustiza. Aproximadamente no 577 iníciase a guerra civil visigoda na que intervirá Miro, quen no 583 organizará unha expedición de conquista a Sevilla que fracasará. Durante a volta desta expedición o rei atopa a morte. No reino suevo comezan a producirse moitas loitas internas. Eborico (tamén chamado Eurico) (583-584) é destronado por Andeca (584-585) que erra no seu intento por evitar a invasión visigoda dirixida por Leovixildo que se fará efectiva finalmente no 585[8]. En palabras de San Isidoro de Sevilla[9] "destruído o reino dos suevos, pasou a ser dos godos"
Migracións britanas
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Diocese de Britonia e Britanos en Galicia.
A situación política da illa de Gran Bretaña (Britania) entre os séculos IV e VII, mudou completamente co abandono da illa por parte de Roma e o constante establecemento de tribos anglosaxoas —procedentes do norte de Alemaña e Dinamarca— na parte oriental de Britania. As constantes agresións e hostigamentos dos xutos e anglosaxóns contra os nativos —[[britanos— propiciaron que parte da poboación emigrase vía marítima a puntos próximos da costa atlántica, dirixíndose maiormente ás costas da Armórica (que debido a isto acabaron por tomar o nome actual de Bretaña) e en menor medida ao norte da antiga Gallaecia.
Descoñécese a causa do deslocamento dalgúns continxentes britanos cara á costa norte de Galicia e a acollida do seu asentamento polos galaico-suevos, se ben algúns autores poñen de manifesto un posible pacto militar ou, sinxelamente, unha aceptación con condicións descoñecidas actualmente. Organizados nun importante territorio, introduciron a súa senlleira organización relixioso-cristiá algo diferente e fundaron un bispado propio que aparece citado no Parrochiale Suevum ou Divisio Teodomiri, un documento que mostra a organización eclesiástica do Reino de Galicia en época da monarquía sueva datado entre 572 e 573. A súa integración relixiosa foi total, asistindo o seu representante —Maeloc— ao Segundo Concilio de Braga no ano 572.
O territorio da antiga diocese dos britanos —Britonia— ocupou principalmente a franxa costeira da Mariña Luguesa ata a comarca da Terra Chá, chegando a súa influencia ata as costas da comarca do Eo-Navia polo leste, e de Ferrol polo oeste. A súa antiga sede, coñecida co nome de Mosteiro Máximo foi identificado por algúns autores coa Basílica medieval de San Martiño de Mondoñedo, onde se atopan restos dos séculos V-VI d. C. Cambiando de sede e nome en varias ocasións, a actual diocese galega de Mondoñedo é a súa sucesora histórica.
O asentamento desta vaga de emigrantes britanos e a creación dunha diocese relixiosa propia supón o segundo maior asentamento dun pobo estranxeiro en terras galegas, despois dos suevos.
Reino visigodo
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Galicia na monarquía visigoda e Reino visigodo.
No ano 585, o rei visigodo Leovixildo fíxose co control do Reino de Galicia, aproveitando unha disputa interna no reino e derrotando ó derradeiro monarca suevo, Andeca. Deste xeito, o territorio da chamada entón Gallaecia pasou a formar parte dos dominios dos reis visigodos, que tras seren expulsados da Galia polos francos se limitaban a Hispania e a Septimania desde o ano 507. Aceptados polas elites galaico-suevas, os novos monarcas visigodos, que a pesar de teren a súa corte en Toledo, asumían o control político de tres antigos reinos: Hispania, Septimania e Gallaecia. Desta maneira, nos concilios relixiosos como o realizado en Toledo no ano 589 estaban presentes episcoporum totius Hispaniae, Galliae et Gallaetiae[10] é dicir, "bispos de toda Hispania, Galia e Gallaecia", esta concepción tripartita atópase ao longo do goberno visigodo dende o ano 585, diferenciando mediante diversas fórmulas as tres entidades visigodas nos documentos como: fines Spanie, Gallie, Gallecie[11] ou Spaniae et Galliae vel Gallitiae[12], entre outras. Destaca neste contexto a figura de San Froitoso, bispo galaico de ascendencia visigoda,[13] famoso polas numerosas fundacións levadas a cabo por el en todo o occidente peninsular, case sempre en lugares agochados nas montañas e mesmo illas, sobresaíndo a súa austeridade.[14]
O feito de que a Gallaecia seguise a posuír un status especial dentro da monarquía visigoda propiciou que o rei Éxica cedese ao seu fillo Vitiza o goberno de Galicia (antigo reino dos suevos) desde o 698 ata o 702, cando morto o seu pai asumiu o goberno de Hispania e Septimania. Trala súa morte de Vitiza, un sector aristocrático visigodo impediu a subida ao trono do seu fillo Axila, impoñendo pola forza a Rodrigo, o que supuxo un irresoluble conflito civil entre os seus partidarios e os dos fillos de Vitiza.
Invasión musulmá
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Invasión musulmá da Península Ibérica.
Será no ano 711 cando os inimigos de Don Rodrigo logren que un exército musulmán cruce o estreito de Xibraltar e presente batalla a Rodrigo en Guadalete, onde este é derrotado, fito que marca a fin do goberno visigodo en Hispania, e que terá unha transcendencia histórica total para as dúas restantes entidades políticas: Gallaecia e Septimania.
No ano 715 Abd al-Aziz ibn Musa toma por esposa á viúva de Rodrigo, chamada Exilona titulada reginam Spanie,[15] confirmando a continuidade dinástica, transferida así lexitimamente ao gobernador musulmán. Deste xeito, coa conquista de toda Spania polos musulmáns, alén das súas fronteiras, os emires cordobeses serían coñecidos co título de rex Spanie.[16] A partir dese intre comeza unha nova concepción xeográfica, pois España vai ser o nome co que se designe ao territorio musulmán, e Galicia ao territorio cristián. Así o historiador Al-Maqqari deixa claro a extensión do dominio musulmán ao referirse a conquista de comezos do século VIII:
Non quedou lugar sen dominar en Al-Andalus se exceptuamos o país de Galicia.[17]
Reinos cristiáns
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galicia altomedieval.
Tras a vitoria da coalición visigoda e musulmá contra as tropas de Rodrigo en Guadalete, os exércitos musulmáns decidiron asentarse no sur de Hispania. Axiña comezarían unha exitosa campaña de expansión islámica que acabaría por conseguir a conversión ao islam de gran parte da aristocracia visigoda en Hispania derrocando o goberno de Toledo e chegando no ano 720 mesmo a Septimania. A caída e islamización de Hispania supuxo a fin do control visigodo da Gallaecia, comezando un proceso de reconstrución dunha monarquía propia independente xa de Toledo. No 714 chegan a Galicia algúns bérberes, mais no ano 740 abandónana e recúan para o sur. Afonso I o Católico (739 - 757) foi o primeiro suposto monarca, pero non pasou de ser máis que un Señor Territorial con moito poder e influencia na zona ovetense, ao cal lle inventarán moitos séculos despois en Crónicas unha ascendencia que vai cara aos visigodos para facer valer a súa entidade rexia. Galicia pasa a ser un núcleo cristián integrado nun territorio norteño que ten por cabeza política a Asturias.
Camiño de Santiago
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Camiño de Santiago.
Foi a comezos do século IX, sendo o 813[18] o ano mais xeralmente admitido, cando tivo lugar o acontecemento relixioso máis importante da Europa cristiá medieval: o descubrimento, en Galicia, dunha arca cuxos restos foron atribuídos ao Apóstolo Santiago. Segundo a tradición cristiá, nese ano un ermitán albiscou nas inmediacións do castro Libredón (antiga Compostela) unha estrela sobre unha arca de mármore. Avisado o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, este acudiu axiña ao lugar, identificando os restos atopados como o corpo decapitado do Apóstolo Santiago. Mito ou realidade, este "descubrimento" foi acto seguido, atendido polo monarca galego-ovetense, Afonso II (791-842), quen no mesmo ano ordenaba edificar unha igrexa arredor da tumba "santa", espallando a nova por toda a cristiandade europea. A Diocese de Iria e o seu titular, convertéronse na máis poderosa administración eclesiástica non só da Gallaecia altomedieval, senón de toda a Península Ibérica, acrecentando o seu poder coas constantes doazóns, por parte dos monarcas, á igrexa compostelá. Convertida no terceiro centro de peregrinación da Cristiandade —só despois de Xerusalén e Roma—, foi a partir do século XI e principalmente XII, cando desde numerosos puntos de Europa comezaron a chegar peregrinos, ben desde Occitania, Francia, Navarra ou Aragón-Cataluña vía terrestre, ben desde as Illas Británicas, Escandinavia, ou Alemaña vía marítima.
O fenómeno xacobeo foi decisivo na conformación cultural-económica do Reino de Galicia, debedor en gran medida ao auxe conseguido durante a titularidade de Diego Xelmírez (1100-1136) convertendo a Compostela en sé metropolitana (ano 1122), a máis importante dignidade de todo Occidente despois de Roma. Arredor do sepulcro apostólico medrou non só unha catedral —centro artístico-relixioso de primeira magnitude— senón unha vila e posteriormente unha cidade, perfectamente establecida na Baixa Idade Media, cunha actividade comercial derivada da súa condición de cidade santa, onde se coroarían reis galegos, onde medraría a grande escola galego-portuguesa e onde reside desde a Idade Media a capital de Galicia. Os estudos histórico-arqueolóxicos levados a cabo no século XX na propia catedral revelaron, non obstante, que desde época galaico-romana e sueva, Compostela fora un lugar relevante onde xa se soterraban importantes dignidades civís ou relixiosas moito antes do ano 813, o que motivou a diversos especialistas a defenderen que o corpo atribuído ao apóstolo Santiago fora en realidade o de Prisciliano, patriarca da igrexa galega, decapitado en Tréveris no ano 385.
Invasións viquingas
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Viquingos en Galicia.
Procedentes de Escandinavia —en especial desde Noruega, Suecia e Dinamarca—, viquingos e normandos devastaron e invadiron durante séculos as costas europeas, preferentemente as atlánticas —como as galegas—, chegando tamén ó Mediterráneo oriental. Tradicionalmente considéranse catro os períodos de incursións ou vagadas escandinavas que afectaron ao Reino de Galicia durante a Idade Media; a primeira, arredor do ano 844, a segunda (858-861), a terceira (966-971) e a cuarta —e derradeira— (1008-1038).
A primeira vagada en Galicia rexistrouse o 1 de agosto do ano 844, en pleno reinado de Ramiro I de Oviedo. Procedentes dunha extraordinaria rota de saqueo por terras frisas, francas, bretoas e cantábricas, atacaron o norte de Galicia, instalándose temporalmente nos arredores do Farum Bregatium (A Coruña), dende onde levaron a cabo numerosos asaltos como o que sufriu o mosteiro de San Martiño de Xuvia. A intervención dos exércitos de Ramiro I, comandados polo duque Arximiro conseguiu expulsalos de terras galegas minguando a frota viquinga que pouco despois tomaba rumbo a Al-Andalus.
A segunda incursión escandinava tivo por obxecto as rías baixas galegas entre os anos 858 e 861. Nesta ocasión, vidos desde os seus asentamentos en Irlanda, adentráronse na ría de Arousa con cen naves, acampando nas inmediacións de Iria Flavia (Padrón). Desde os seus postos, arrasaron Iria Flavia e sitiaron a propia Compostela ata a chegada do exército do conde Pedro, que arrasou mais dunha trintena de dracars, obrigándoos a fuxir.
Pouco máis de cen anos despois —no ano 966—, unha nova frota de viquingos daneses encabezada polo nobre Gunderedo, penetrou de novo pola ría de Arousa na que se coñece como terceira vagada viquinga. Dirixidos a saquear Compostela, o bispo Sisnando II saíu ao seu encontro cun grande exército episcopal, librando o 29 de marzo do ano 968 a coñecida como "batalla de Fornelos", onde o propio bispo perdeu a vida dun frechazo e o seu exército foi derrotado. Dispersadas as tropas de Gunderedo polo interior de Galicia (Lugo, Mondoñedo e o Courel), estas foron finalmente rexeitadas por un exército galego ao mando do conde Gonzalo Sanches e do bispo Rosendo de Celanova no ano 971.
Non obstante, foi o intervalo entre 1008 e 1038 cando se sucederon os ataques viquingos máis violentos nas costas de Galicia. Despois de devastar Braga no ano 1008, chegaba ás terras de Tui, unha inxente frota norueguesa ao mando do rei Olavo Haraldson. A pesar da defensa levada a cabo polas tropas do duque galego Mendo Gundisalviz, estas foron aniquiladas —tamén o propio duque— polos atacantes viquingos que asolaron a cidade de Tui e raptaron o seu bispo Afonso. No ano 1028 unha nova frota escandinava entrou pola ría de Arousa, liderada polo nobre Ulf, máis tarde alcumado "o Galego". Lonxe de ser un mero ataque de pillaxe, as tropas de Ulf serviron como mercenarios a aristócratas galegos, permanecendo dez anos no Reino de Galicia ata a súa expulsión.
Enfrontamentos con Al-Andalus
[editar | editar a fonte]No 868 o conde Vimara Pérez conquista Porto[19] e atribúeselle a fundación da cidade de Guimarães, cuestión esta última posta en dúbida pola Historiografía portuguesa.[20]
No 878 o conde galego Hermenexildo Guterrez conquista Coímbra.[21][22] ante a situación o emir de Córdoba envía un poderoso exército que pon sitio á cidade, pero o conde Hermenexildo Gutiérrez resiste valerosamente ata a chegada das tropas do rei Afonso III, inflixindo aos musulmáns unha forte derrota.
No 910 Ordoño II, casado coa princesa galega Elvira Menéndez, convértese en rei de Galiza (ver tamén Reino de Galiza).
No 925 Sancho Ordóñez é coroado en Santiago como rei de Galiza polo bispo Hermenexildo.
No 982 Vermudo II é coroado en Santiago e vence a Ramiro III de León en Monterroso. Vermudo II consolidou a monarquía, mais a nobreza opositora chamou a Almanzor, quen fai unha expedición en terras cristiás e arrebata Coímbra e saquea León, Astorga e Compostela (no 997).
No 1035 Fernando I o Magno herdou o condado de Castela do seu pai Sancho III O Maior, rei de Navarra, e no 1037 a súa esposa Sancha herdou os reinos de León e Galiza do seu irmán Vermudo III.
Tras a morte de Fernando I no 1065, as súas posesións quedaron repartidas entre os seus 3 fillos: entregoulle o condado de Castela ao seu fillo Sancho, o Reino de León a Afonso e o Reino de Galiza a García. Pero no 1072 Afonso VI de León matou a Sancho II de Castela e encerrou de por vida a García de Galiza gobernando así sobre os reinos dos seus irmáns ata a súa morte en 1109.
No 1091 Afonso VI entrega o condado de Galicia á súa filla Urraca, e o condado portucalense á outra súa filla Tareixa. Urraca casa con Raimundo de Borgoña, quen goberna o Reino de Galicia por concesión de Afonso VI como totia Galletie imperator. É entón a finais do século XI cando o Reino de Galicia pasa a ter, aproximadamente, o territorio xeográfico da Galicia actual.
Fragmentación do reino
[editar | editar a fonte]A inseguridade da poboación sometida a saqueos sufridos algunha vez (árabes, normandos) actuou para incrementar as relacións feudo-vasaláticas. Nestes contratos hai unha submisión económica e persoal por parte do campesiñado con respecto á aristocracia, a cal presta a súa protección militar aos seus vasalos. Galicia vaise enchendo por todo o seu territorio de castelos e fortalezas, tanto na costa como no interior, servindo tamén como centros de poder da aristocracia laica e eclesiástica.
Apréciase tamén certa tensión entre nobreza e clero, da que saíra beneficiada o señorío eclesiástico. Os mosteiros e os bispos apoiaban os reis astur-leoneses e recibían a cambio grandes beneficios.
O feito era que Galiza era un reino, mais a corte dos reis acostumaba estar en Asturias (e despois León), motivo polo cal a nobreza galega quedaba marxinada. Houbo varios reis de Galiza, como vimos anteriormente (Ordoño II, Sancho Ordóñez, García), mais o reino sempre acababa sendo integrado na coroa de León ou de Castela.
Era Compostelá
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Era Compostelá.
A Era Compostelá ou Época de Xelmírez foi unha das épocas de maior brillo e de maior desenvolvemento económico da historia de Galiza.[18]
Desenvolveuse durante o século XII, a raíz do período de rexencia do Arcebispo Xelmírez na cidade de Santiago de Compostela.
Tras a morte de Raimundo de Borgoña en 1107, hai un conflito por ter o poder no Reino de Galicia. A nobreza laica autóctona, dirixida por Pedro Froilaz (conde de Traba), apoia a Afonso Raimúndez (fillo de Raimundo de Borgoña) para ser o novo rei; outra parte de nobreza laica, principalmente foránea, defende os dereitos de Urraca de León (apoiada tamén por leoneses e aragoneses); por último, a alto clero —dirixido por Diego Xelmírez— mantén alianzas cos dous sectores anteriores segundo lle conviña, e será o gran gañador.
No 1110 Afonso Raimúndez é coroado como rei de Galicia na catedral de Santiago por Diego Xelmírez e o conde Pedro Froilaz de Traba. Foi este conde quen uniu o reino e Afonso VII foi chamado rei de Galiza e León e emperador de toda España, entendendo daquela a Spania coma a zona descendente da bizantina, é dicir, dende Toledo cara ao sur. O conflito acabará no ano 1126 ao morrer Urraca, de modo que Afonso Raimúndez accede tamén á coroa de Castela e León, para ser chamado a partir de agora Afonso VII o emperador.
Este século XII parte dun contexto de crecemento de poboación e de expansión do fenómeno urbano. Isto propiciou que aparecesen ou que abrollasen con maior forza o artesanado e o comercio, motivado en boa parte polos excedentes motivados pola expansión da agricultura. Tamén durante esta época naceu o Camiño de Santiago como fonte de ingresos e como a ponte que comunicou en case todos os sentidos Galiza co resto de Europa, sendo boa proba disto a magnífica literatura medieval expresada na lingua galego-portuguesa. Así mesmo, acábase a construción da Catedral de Santiago de Compostela e constrúense as de Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui.
No 1156 Afonso VII divide os seus reinos deixando Galicia e León a Fernando II, grande impulsor dos burgos galegos.
Fernando II fai unha política de concesión de cartas-póboas, que xa iniciara o seu pai e funda, entre outras, as vilas de Padrón, Ribadavia, Noia e Pontevedra; tamén deu un pulo fundamental á catedral de Santiago de Compostela. O seu fillo Afonso VIII (computado como IX pola historiografía española), quen sucede a seu pai en 1188 e reinará até 1230, mantivo a mesma política fundando, ao longo da costa, Betanzos, A Coruña, Baiona, Ferrol, Xove e Neda. Estas vilas de reguengo supoñen unha verdadeira revolución na estrutura social da época porque inauguran a diversificación económica, rachando coa autarquía dos séculos anteriores, e ademais facilitan o desenvolvemento das actividades pesqueiras e preindustriais orientadas á elaboración de materias primas —peixe salgado sobre todo, que se comercializa a través dos portos.
Con estes dous monarcas o centro dos reinos era León, onde residía a corte por norma; mais é certo que Compostela tamén era outro centro vital e na catedral compostelá están ambos enterrados. O esplendor desta cidade ficou perpetuado polo mestre Mateu no granito da catedral e, sobre todo, no Pórtico da Gloria e Praterías. Da prosperidade do reino dan fe tamén as innumerables construcións románicas que aínda salfiren Galiza. A outro nivel menos visible, a cultura galega reflíctese na creación literaria, que ficou plasmada por exemplo na redacción da Historia Compostelá e do Códice Calixtino.
Florecemento e esplendor cultural
[editar | editar a fonte]Ver artigos principais Arte románica e Literatura medieval
Esta é a etapa de maior esplendor da literatura galego-portuguesa. O galego convértese na lingua por excelencia da lírica en toda a Península Ibérica, agás en Cataluña (poesía trobadoresca). Propiamente debemos falar de lírica galego-portuguesa, estando en apoxeo nos séculos XIII e primeira metade do XIV, cando o galego antigo ou galego-portugués acada o rango de lingua internacional, xa que está presente tanto en autores non só galegos e portugueses, senón tamén en casteláns, occitanos, aragoneses, sicilianos etc. coma en cortes reais e señoriais (Santiago, Toledo, Coímbra, Lisboa…).
As Cantigas de Santa María, composicións feitas en loanza da Virxe, son a mostra da vertente relixiosa desta lírica galego-portuguesa e constitúen o corpus de poesía mariana medieval máis relevante de toda a península. Foron compostas na corte de Afonso X o Sabio, quen se encargou da dirección e, en ocasións, da propia elaboración. Exemplifican o prestixio acadado polo idioma galego como lingua literaria a finais do século XIII.
En comparación coa lírica, a prosa literaria medieval en galego é escasa e tardía. Cómpre ter en conta que os centros culturais da época eran os mosteiros e escolas monacais, nos que imperaba o uso do latín eclesiástico. Aínda así, a partir de fins do XIII, e máis significativamente nos séculos XIV-XV, os temas de maior difusión na Europa medieval recóllense en lingua galega. Mostra son os relatos do ciclo britano arredor da figura do rei Artur, os textos referentes á historia e destrución de Troia, como a Historia Troiana e a Crónica Troiana; e os Miragres de Santiago, conxunto de relatos que contan desde a destrución de Xerusalén ata a milagrosa intervención do Apóstolo en diferentes situacións. Inclúense algúns textos dentro da prosa, que son traducións ou traslacións doutras linguas con elaboración propia: Crónica Xeral Galega, General Estoria, Crónica Galega de 1404 e Crónica de Santa María de Iria.
Fin da monarquía galego-leonesa
[editar | editar a fonte]O feito de que no ano 1230 o rei castelán Fernando III se apoderase dos reinos de Galicia e León tras a morte do seu rei, Afonso VIII, marcou un dos acontecementos políticos máis decisivos en toda a historia de Galicia.
En realidade o conflito remóntase anos atrás, cos dous matrimonios do rei Afonso VIII de Galicia e León; o primeiro, coa princesa portuguesa Tareixa Sanches (1191) —do que naceron tres fillos; Fernando, Aldonza e Sancha— e o segundo, coa princesa castelá Berenguela (1197) —do que naceu entre outros Fernando III. A morte inesperada do herdeiro e futuro rei de Galicia e León; Fernando, irmán de Aldonza e Sancha, e a coroación de Fernando IIII como rei de Castela, impulsada pola súa nai Berenguela e os nobres casteláns en contra da vontade de Afonso VIII, abriu unha fonda disputa sobre quen debía ser o novo herdeiro de Galicia e León.
Xa no seu leito de morte en Sarria, o rei Afonso VIII selaba un testamento de herdanza onde se plasmaba a súa última vontade; as súas fillas, Aldonza e Sancha serían as raíñas lexítimas de Galicia e León tras a súa morte, protexendo deste xeito a independencia política destes reinos e impedindo sobre todo que caeran nas mans do seu fillo, o rei castelán Fernando III. Lonxe de acatar este testamento, e seguindo coa súa política expansionista, Fernando III reclamou os reinos de Galicia e León para si, ameazando con tomalos pola forza nunha guerra aberta. Se ben a nobreza galega e asturiana estaba disposta a defender coas armas o cumprimento do testamento real e a proclamación de Aldonza e Sancha como raíñas, a aristocracia leonesa —xunto os bispos de Lugo, Oviedo e Mondoñedo—, máis achegada xeográfica e culturalmente a Castela, apoiou maioritariamente as pretensións do rei castelán, inclinando a balanza cara a Fernando. A sombra dunha guerra civil e o inminente conflito armado contra León e Castela forzaron un pacto diplomático entre as viúvas de Afonso VIII, motivo polo que o rei castelán se apoderaba do trono a cambio de non invadir Galicia nin León e pagar unha renda anual a Aldonza e Sancha en concepto de compensación pola privación dos seus dereitos reais.
Galicia (tamén León) perdía desde este momento unha casa real propia que garantira a súa soberanía e unira a súa nobreza; en troques, convertíase nun reino periférico, gobernado desde e por Castela e cuxas cidades foron perdendo poder en detrimento das cidades castelás. Tal situación levou aos nobres galegos a alzárense en numerosas ocasións contra Castela, proclamando un novo rei, e mesmo coroando a Fernando I de Portugal, e ao inglés John of Gaunt, como soberanos lexítimos de Galicia.
Guerras coa coroa de Castela
[editar | editar a fonte]Tras cinco anos cos reinos de Galiza-León e Castela separados, co rei Fernando IV (1301-1312) vólvense a unir os dous reinos, que xa quedarán unidos case definitivamente. Tras morrer Fernando IV, o seu fillo Afonso XI (1312-1350) aínda era moi novo e comezaron algunhas loitas, de maneira que en Galiza pasou a gobernar o infante Filipe (mais sen adoptar o título de rei) apoiado polos Concellos das cidades galegas e enfrontado aos bispos.
Os Castro, sucesores dos Traba, conservan a preeminencia en Galicia e unha máis que decisiva influencia na Corte castelá. A guerra civil entre o rei lexítimo Pedro I e Henrique de Trastámara, o bastardo, cambiará os liderados. A derrota dos petristas en Castela non é aceptada en Galicia e os Castro fan que neste reino se recoñeza como monarca ao rei Fernando I de Portugal, emparentado co asasinado Pedro I (1369). Tras uns anos de presenza en Galiza, a retirada do portugués non evita o enquistamento do conflito.
Vexamos os efectos da peste negra no ano 1352: “Os herdamentos, vinnas, casas e casares, cortinnas et chousas que som en termino desta çidade dourense et o redor dela et ennos coutos do dito sennor o bispo que son foreiras e tributarias ao dito sennor o bispo se herman e despobran e se van a monte et os omes non as poden nen queren lavrar por estas rasoes que se seguen et outras moytas que serian longas de diser: a huna rason he por que os omes lavradores et aqueles que eran deles teedores como foreiros morresen na mortaydade et pestilençia que foy enno anno da era de mill e tresentos e oytenta e seys annos en guisa que ficaron poucos para lavrar segundo he notorio por todo o bispado dourense” —(Extracto do Arquivo da Catedral de Ourense escrito polo bispo).
|
A viaxe á corte inglesa, do conde coruñés Xoán Fernández de Andeiro conseguiron tempo despois que os intereses galegos e ingleses confluisen nunha alianza militar contra os trastamaristas. Así en 1386 desembarcaba na Coruña, aclamado como rei, o inglés Xoán de Gante, duque de Lancaster, casado con Costanza (filla do defunto Pedro I e sobre a cal caían os dereitos dinásticos). Tras unha campaña vitoriosa, axudado por galegos e portugueses, Xoán de Gante logra controlar todo o Reino de Galicia ata que gran parte das súas tropas son decimadas pola peste, obrigando a un acordo definitivo cos Trastámara. A gran nobreza galega, como os Castro ou os Andeiro, paga cara a derrota; os que poden exílianse na corte do rei de Portugal. Os Trastámara desposúen a vella nobreza galega e reparte os seus bens (e títulos) a unha pequena nobreza foránea, máis desarticulada, autónoma e depredadora que medra grazas ás mercedes enriqueñas polo seu apoio. Así, agroman os Andrade no noroeste, os Moscoso no centro, Lemos na Galicia oriental, e os Sarmiento e os Soutomaior no sur. Tamén se viu beneficiada a nobreza eclesiástica galega —partidaria dos Trastámara—, que recibiu privilexios fiscais. Tamén sufriron consecuencias negativas os concellos galegos, aos que os Trastámara lles anulan moitas conquistas.
O século XIV é crítico na historia de Europa, con guerras (ex. a guerra dos Cen Anos) que cortaban as relacións comerciais, cunha crise demográfica provocada pola peste negra, ao que lle hai que sumar as malas colleitas polo clima, a fame e as guerras internas xa descritas. E ademais, a nova nobreza que medra incrementa a presión sobre as xentes dos burgos e fidalgos, os prelados e os campesiños. Nunha Galiza abandonada á súa sorte pola monarquía castelá, estoupará a finais da Idade Media unha gran revolta das clases medias-baixas para acabar cos constantes abusos de gran parte da alta aristocracia galega.
Sociedade baixomedieval
[editar | editar a fonte]Na primeira metade do século XV obsérvase unha recuperación de poboación, debido a moitos foros que recuperaban parcelas incultas e volvían a render, e un crecemento dos inmóbeis das cidades e da inmigración chegada do rural. De maneira similar, nestes primeiros cincuenta anos aparece certa recuperación económica cunha revitalización no campo, cun protagonismo do viñedo (principalmente o Ribeiro), e nas cidades cunha artesanía e comercio en expansión. Expórtase peixe desde Pontevedra a Europa por vía marítima, Ourense comercia co viño, e na artesanía téxtil do liño e da la sobresaen Compostela e Ourense. Porén, na segunda metade do s. XV pásase da recuperación ao declive: hai unha forte recesión económica e un estancamento do crecemento da poboación e nalgunhas cidades hai un claro descenso (como en Ourense, cuxos padróns indican un importante descenso).
Gran Guerra Irmandiña
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Gran Guerra Irmandiña.
A crise social e económica que sufriu Europa durante o século XV motivou no Reino de Galicia a constante perda de influencia e poder económico das clases altas, tanto aristocráticas como clericais. Ante tal situación, os grandes nobres e bispos co obxecto de manter o seu privilexiado status, comezan a agravar os seus abusos sobre as clases máis desfavorecidas. A resposta das clases baixas galegas —entre elas a pequena nobreza, o baixo clero e especialmente os campesiños— foi a conformación dunha gran Santa Irmandade que impartise xustiza no Reino de Galicia, capaz de agrupar exércitos, axustizar á alta nobreza, e derrubar aqueles castelos que acolleran aos nobres malfeytores, é dicir, a defensa dos seus intereses fronte aos abusos dos señores.
Cada un dos miles de membros desta Santa Irmandade recibiu o nome de irmandiño, en base á idea de igualdade deste grupo, polo que as guerras civís nas que interviñan pasaron a denominarse Guerras Irmandiñas.
A orixe da confrontación foron os constantes atropelos de Nuno Freire de Andrade sobre a vila de Ferrol, cidade de reguengo na que estoupou a chamada Irmandade Fusquenlla no ano 1431, e que tivo por obxecto o apresamento, así como o derrubamento dos castelos pertencentes á casa de Andrade, encabezados polo fidalgo Roi Xordo. Nesa ocasión a Irmandade foi finalmente derrotada en pouco tempo por tropas dos Andrade, do arcebispo de Compostela (pois ata aquí chegou a revolta) e mais do correxedor do rei.
Anos máis tarde baixo as presións dos señores comezou unha revolta de dimensións moito maiores, que foi organizada por Afonso de Lanzós e Diego de Lemos, baixo o lema Deus fratresque Galliciae (Deus e os irmáns de Galicia) e que contaba co apoio das principais vilas do reino así como dos monarcas de Castela. Era en si mesma, unha Irmandade Xeral do Reino de Galicia, que logrou derrubar máis de 130 fortalezas e controlou a totalidade de Galicia entre os anos 1465 e 1469, facendo fuxir os grandes propietarios galegos a Portugal e Castela. Non obstante, o apoio dos monarcas de Castela non procuraba acabar cos abusos económicos sobre os clases baixas galegas, senón o esmagamento total da nobreza galega e o control directo do Reino de Galicia pola monarquía castelá. Derrubadas moitas das fortalezas e axustizados moitos nobres, os acontecementos obrigaron a actuar aos monarcas de Castela, virando a súa posición e apoiando incondicionalmente aos nobres galegos así coma ao arcebispo de Compostela. En 1469 o exército do arcebispo e Pedro Madruga, apoiados por tropais reais castelás e portuguesas, poñía fin á derradeira Guerra Irmandiña.
Guerra polo trono de Castela
[editar | editar a fonte]En 1474 morre o rei Henrique IV e xorden dous bandos para a sucesión da coroa de Castela:
- Partidarios de Sabela: ademais da nobreza castelá e aragonesa, e con Alonso II de Fonseca ao mando, tomaron partido por Sabela o conde de Lemos, o vizconde de Monterrei, o conde de Benavente, os Pardo de Cela, Saavedras, Bolaños e Ribadeneiras. En realidade, a maioría da nobreza laica e eclesiástica apoiaba a Sabela.
- Partidarios de Xoana: a coroa de Portugal, Pedro Madruga e algúns nobres laicos galegos apoiaban a causa da infanta Xoana a Beltranexa.
En realidade, os dous bandos tiñan no fondo un resultado político distinto: a unión de Castela-León con Aragón (se gañaba Sabela) ou a unión de Castela-León con Portugal (se gañaba Xoana). A guerra comezou en 1475, con dous bandos dirixidos por Pero Alvares por un lado e o arcebispo de Santiago (Alonso II de Fonseca) polo outro, e acabará catro anos despois co tratado de Alcáçovas, de maneira que Sabela era quen ascendía ao trono. Os nobres partidarios de Xoana tiveron que exiliarse ou caer en desgraza e comeza a política autoritaria de Sabela e Fernando, chamados os Reis Católicos. Estes reis aínda tiveron algúns nobres que se opuxeron ao seu control, como foi o caso de Pedro Álvarez Osorio, Rodrigo Enríquez de Castro e o mariscal Pero Pardo de Cela.
Reis Católicos
[editar | editar a fonte]Cando xa non había oposición nobiliar, os Reis Católicos pretenden someter definitivamente o Reino de Galiza baixo a súa autoridade, e para isto toman determinadas medidas que marcarán os séculos futuros:
- Nomeamento dun gobernador-capitán xeneral foráneo plenipotenciario (auténtico vicerrei).
- Creación dun órgano xurisdicional para a impartición da xustiza no nome da monarquía: a Real Audiencia del Reyno de Galicia, presidida polo gobernador-capitán xeneral.
- Orde de non reconstruír os castelos derrubados polos irmandiños.
- Integración dos mosteiros galegos nas congregacións de Castela e Valladolid.
- Descabezamento da nobreza levantisca: Pardo de Cela é decapitado en Mondoñedo; Pedro Madruga, conde de Camiña e Soutomaior, arrecunchado en Portugal e, posteriormente, asasinado; o conde de Lemos é acantoado na Galicia oriental.
- Creación da Santa Hermandad, institución policial moi mal recibida pola nobreza e que se impón en 1483 coa axuda do arcebispo Alonso II de Fonseca, como podemos comprobar nas palabras do cronista Jerónimo Zurita:
contra voluntad de todo aquel reino, estando todos en resistencia, recibió la hermandad en Santiago; y en un día la hizo recibir y pregonar desde el Miño hasta la mar, que fue hacer al rey y a la reina señores de aquel reino.
Idade Moderna
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia moderna de Galicia.
Galicia baixo o imperio dos Habsburgo
[editar | editar a fonte]A doma do Reino de Galicia supuxo a desaparición ou sometemento definitivo da grande aristocracia galega oposta á política castelá-aragonesa. A orde de derrubamento de multitude de fortalezas señoriais, e o desterro de nobres galegos enmarcase dentro dunha política de desarme do reino co obxecto de obter un maior control sobre el por parte da coroa de Castela, emerxendo desta situación unha fidalguía rendista que conseguiu sosterse co cobramento dos foros ao campesiñado, producíndose unha certa ruralización das elites sociais e o espallamento de novos pazos por toda a xeografía galega.
A política dos Reis Católicos no Reino de Galiza concentrouse en medidas agresivas para a economía galega tales como a ordenanza de arrincar todas as oliveiras existentes [Cómpre referencia]no reino —poñendo fin a un próspero mercado cos países do norte— favorecendo á produción andaluza-castelá, así como o mantemento da prohibición de que Galiza tivese voz e voto propio dentro das Cortes Castelás, demanda que nas décadas posteriores focalizou a Xunta do Reino de Galicia onde se representaban ás sete principais cidades do reino, Santiago de Compostela, A Coruña, Mondoñedo, Betanzos, Ourense, Tui e Lugo.
No terreo relixioso, os mosteiros e congregacións galegas pasan a estar por decreto real baixo o control das congregacións de Castela e Valladolid; así mesmo, comézase a introducir abades e abadesas castelás ao tempo que se instaura a Santa Inquisición por primeira vez no reino (asentándose definitivamente en 1574 en Santiago). De 1560 a 1700 o tribunal inquisitorio do Reino de Galicia realizou 2023 procesos (sendo o máis inactivo).
Durante esta época, o Reino de Galiza pasa a ser un estado máis na lista de reinos detentados pola monarquía castelá-aragonesa, e máis tarde pola dos Habsburg.
O monopolio indiano radicado en Sevilla, deixa fóra a Galicia das transaccións económicas con América. Só A Coruña e Baiona obtiveron algúns dereitos que ficaron frustrados pola esixencia de retornar por Sevilla.
O comercio co Mediterráneo e o mar do Norte de produtos como o viño do Ribeiro, a pesca do congro e a sardiña e o dinamismo dos mareantes fan de Pontevedra a cidade máis dinámica da Galicia do século XVI.
Deste momento son as expedicións dos navegantes galegos a destinos remotos. En 1545 parte dende A Coruña a expedición de García Jofre de Loaisa que chegará ás illas Molucas. Álvaro de Mendaña e Pedro Sarmiento de Gamboa acadan as illas Salomón (1568).
Por contra, as guerras dos Habsburgo contra Inglaterra trocan as nosas costas en inseguras e o comercio marítimo de escala europea declina, e con el cidades como Pontevedra. Xa no período anterior ataques a Vigo e á Coruña (1589), como o de Francis Drake, favorecen as fazañas populares como a de María Pita, pero acaban danando a dinámica das vilas e cidades costeiras. Despois dos ataques ingleses virán os ataques turcos (resistencia de María Soliña) en Cangas e o acoso dos holandeses. Ferrol co seu arsenal convértese nun asentamento militar de primeira orde chegando á cifra sen precedentes de 25.000 habitantes. En xeral, as cidades perden peso; se no século XVI vivían nelas o 7,2% da poboación, a mediados do XVIII só acollerán o 4% dos galegos.
Aparece un renacemento artístico con arquitectos traballando en Galicia do talle de Rodrigo Gil de Hontañón (obras na catedral de Santiago); Martín Blas e Guillén Colás (Hostal dos Reis Católicos); Mateo López (Mosteiro de San Martiño Pinario); Diego de Isla (mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil); Hernando e Pedro de la Sierra (mosteiro de San Clodio de Leiro) etc.
Evolución demográfica de Galicia e de España [24] | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1591 | 1630 | 1700 | 1752 | 1787 | 1800 | ||||||||||||||
Galicia | 630.000 | 560.000 | 1.000.000 | 1.300.000 | 1.350.000 | 1.400.000 | |||||||||||||
España | 8.000.000 | --------- | 8.000.000 | 9.400.000 | 10.000.000 | 11.000.000 |
O Antigo Réxime é o termo usado para denominar a organización social e política da Europa Moderna, e abrangue os séculos XVI, XVII e XVIII. O historiador Francisco Carballo fala de catro fases económicas en Galiza durante o Antigo Réxime:
- 1ª fase, 1500-1580: leve expansión, beneficiada pola abertura comercial a América (desde 1529 dáselles o dereito comercial con América a Baiona e á Coruña), cun sistema agrario encadrábel nos sistemas europeos coetáneos e cunha Galicia comercial na costa e nas vías fluviais.
- 2ª fase, 1580-1630: contracción, debida a cuestións monetarias, a causas climáticas, á perda do dereito comercial con América (retirado en 1753 por presións de Sevilla) e aos saqueos de Drake (na Coruña e Vigo) e dos piratas berberiscos (en Cangas).
- 3ª fase, 1631-1753: expansión constante, ralentizada durante as guerras de independencia de Portugal e tamén no século XVIII. Galicia exporta cereais, ademais están os campesiños en auxe ao seren artesáns e comerciantes á vez.
- 4ª fase, 1753-1813: preocupante recesión, debido ao descenso da produción agraria (aínda que parcialmente compensada polo auxe comercial a partir de 1764), á alza de prezos e descenso dos salarios reais, á emigración e ás guerras de Carlos IV.
A Universidade de Santiago de Compostela, fundada como tal en 1526 coa axuda de Alonso III de Fonseca, conecta a Galicia coa intelectualidade europea (Gallecia fulget). Esta universidade, dotada dun número reducido de cátedras durante o reinado de Filipe II, vai gañando novas cátedras co tempo e no XVIII ten Artes, Teoloxía, Canons, Medicina, Leis, Anatomía e Matemáticas. A lingua das aulas universitarias era o latín, despois sumáselle tamén o castelán, mais sen acceder o galego. A dita Universidade dependía do Arcebispo e do Cabido, até secularizarse no XVIII. O certo foi que os xesuítas buscaban unha universidade propia en Monterrei e Monforte (non o conseguindo), e algo similar facían os monxes nalgúns mosteiros e os mendicantes dominicos, e resultou que houbo máis intelectuais dos centros monásticos e conventais que da propia Universidade durante o Antigo Réxime.
A incorporación de novos cultivos vidos de América, o millo contra 1630, e máis serodiamente a pataca (tubérculo que se estenderá por toda Galiza a partir de 1770 en substitución das castañas, que antes se comían a diario), produce unha fonda transformación agrícola, debido a que estes cultivos se adaptaron moi ben e melloraron a alimentación da poboación. Consecuencia directa será unha explosión demográfica precoz. A poboación galega duplicouse entre mediados do século XVI e a metade do século XVIII. O modelo demográfico galego resulta ser enormemente orixinal con permanencia no tempo das fases alcistas. Deste xeito, a mediados do século XVIII Galicia terá 44 habitantes por quilómetro cadrado fronte aos 18 de Castela.
Aumenta a superficie cultivada e o número de aldeas, porén a tecnoloxía agraria mantén uns niveis semellantes aos medievais. Os labregos traballaban a terra baixo determinados tipos de cesión que lles detraían parte da produción: os foros e os subforos. Os grandes beneficiados dos foros eran o clero (beneficiado dobremente, tanto polas rendas da terra como do décimo, de maneira que este grupo sumaba máis da metade da riqueza agraria) e a nobreza laica (a que maiores ingresos logrou); dentro desta última había unha nobreza menor chamada fidalguía —desde mediados do século XVII—, que era intermediaria das rendas agrarias e grandes beneficiados dos foros eclesiáticos. Os labregos era a base fundamental desta sociedade polo número (ao redor do 80% da poboación) e pola riqueza agraria xerada. Outros grupos sociais conformábano mariñeiros, artesáns e comerciantes.
En 1623, por influencia do conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña, e tras un século de peticións, mediante a Real Cédula de 5 de febreiro de 1623 Filipe IV de España concedeu o voto a Galicia nas Cortes de Castela. Galicia estivera integrada este tempo na provincia de Zamora, e foi a primeira en romper a resistencia dos privilexiados nas Cortes de Castela. Galicia inaugurou un sistema de voto plural e alternativo, pois este voto para a nova provincia galega non se concedeu a unha única cidade, senón ás capitais das sete provincias: Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui. Unha característica propia da representacion galega sería a súa acentuada natureza aristocrática, nunha asemblea onde non era habitual a presenza da alta nobreza. Este sería o caso, nas Cortes de 1649, cos condes Altamira e Monterrei[25].
En 1640, Portugal proclama a súa independencia definitiva. As décadas nas que se prolongou a guerra entre a coroa española e portuguesa, supuxeron un grave prexuízo para o crecemento económico galego. A Xunta do Reino de Galicia oporase ás levas con pouco éxito.
Os Borbóns. A creación da coroa das Españas
[editar | editar a fonte]Morto sen herdeiro Carlos II de Habsburgo en 1700, estalou unha guerra entre os que apoiaban ao francés Filipe V de Borbón como sucesor (principalmente a coroa de Castela e Francia) e os que apoiaban ao arquiduque austríaco Carlos VI de Habsburgo (a coroa de Aragón, Inglaterra e Países Baixos entre outros). En realidade a loita entre estes dous pretendentes reais supuña na práctica, a loita entre dúas concepcións políticas: o centralismo absolutista —de corte francés— representado por Filipe V de Borbón e o federalismo monárquico de Carlos VI de Habsburgo. Nesta longa guerra peninsular (1701-1714) entre as coroas de coroa de Castela e Aragón, o Reino de Galicia non puido dispor dunha política propia ao estar desde 1486 ferreamente controlado por Castela, polo que as tropas e prazas galegas tiveron que servir ao pretendente apoiado pola coroa castelá, é dicir a Filipo V de Borbón que gañou finalmente 1714.
Empeza a agromar unha industria familiar téxtil, os curtidos e as ferrarías e acontecen os primeiros asentamentos cataláns na beiramar que poñen os alicerces da industria conserveira e novas técnicas de pesca.
O ensino (igualmente a asistencia hospitalaria, beneficiencia e acollida de peregrinos) estaba maioritariamente en mans da Igrexa. As escolas de avezar estaban bastante espalladas e desorganizadas, mais no século XVIII comezaron a ter un status regulado. As escolas de Gramática (unha especie de ensino medio) estiveron case totalmente en mans dos xesuítas desde 1556 até 1767, mais tras a expulsión desta orde relixiosa comezou unha desorde até mediados do século XIX. As escolas dos xesuítas obrigaban a usar o latín, aínda que no século XVII había teatriños trilingües (latín, castelán e galego).
Xa a finais do século XVIII, Antonio Raimundo Ibáñez levantou unha importante siderurxia en Sargadelos, e contaba cun contrato do Estado para producir municións no ano 1794. Esta experiencia consistiu nos primeiros altos fornos de España e dela saíron moitos dos canos, cadeas, rodas hidráulicas, útiles de cociña e demais ferramentas das empregadas na España do século XVIII. Así mesmo, chegaron a crearse fermosos conxuntos escultóricos, fontes públicas e balaustres decorativos que aínda se poden ollar nalgunhas cidades galegas. Posteriormente, xa a inicios do século XIX, creará na mesma parroquia unha fábrica de louza.
Os excedentes agrarios que benefician aos cabidos catedralicios e aos mosteiros fan xermolar o esplendor barroco: Melchor Velasco traballa en Celanova; Domingo de Andrade é mestre de obras da catedral de Santiago de Compostela. Tomaralle o relevo Fernando de Casas Novoa artífice dun barroco con sentido da elevación na fachada do Obradoiro da mesma catedral, modelo que ensaiara en Vilanova de Lourenzá. Clemente Fernández Sarela cambiará a fasquía urbana de Santiago. Outra manifestación orixinal da arquitectura galega neste estilo será o barroco de placas de Simón Rodríguez. A solemnidade dun Pedro de Monteagudo terá en Sobrado dos Monxes un magnífico exemplo. Todos eles forman un elenco de talle mundial que nunca volverá a igualarse.
Na escultura barroca existen tamén figuras de primeira liña como Francisco de Moure; Gregorio Fernández; Castro Canseco; Mateo de Prado ou Xosé Gambino.
Ilustración galega
[editar | editar a fonte]Fronte ao inmobilismo da sociedade tradicional empezan a levantarse voces autorizadas. Frei Martín Sarmiento trata cuestións sobre agricultura, emigración, historia e propón medidas culturais e educativas, entre as que están a dignificación do galego:
No sé como toleran los obispos que curas que no son gallegos ni saben la lengua, tengan empleo ad curam animarum y, sobre todo, la administración del santo sacramento de la penitencia. ¿Qué es el coloquio de un penitente rústico y gallego y un confesor no gallego, sino un entremés de sordos?[26]
Outro ilustrado que realiza unha fonda crítica social foi o Padre Feijoo, que equiparou a lingua galega á portuguesa e á castelá. Outras figuras como José Cornide Saavedra, Lucas Labrada ou Pedro Antonio Sánchez Vaamonde incorporan o espírito das luces na busca de solucións á problemática social e económica de Galicia. Os ilustrados teñen o mérito de impulsaren a constitución de Academias e Sociedades como a Sociedad Económica de Amigos del País (en 1784 a de Santiago, e en 1785 a de Lugo, as cales se preocuparon do perfeccionamento da industria do liño) ou o Real Consulado Marítimo da Coruña para regular o comercio con América.
José Cornide Saavedra é un dos primeiros en denunciar a situación de colonización económica e cultural que Galicia sufría, así como o desdén que Galicia recibía polo poder central da monarquía española:
No hay provincias en España que no tengan sus fábricas de algún género de paños; solo Galicia se ha contentado con las chapuceras fábricas de buriel tosquísimo (…). Los que ya hicieron callos en esta máxima diabólica (…) son los que más se han de oponer a todo cuanto de bueno y útil se propone en favor de Galicia, porque quieren que Galicia sea país de Indias
Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia contemporánea de Galicia.
- Véxase tamén: Xunta Suprema do Reino de Galicia.
Crise do Antigo Réxime
[editar | editar a fonte]Evolución demográfica de Galicia e porcentaxe con respecto ao total estatal[27] | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1787 | 1860 | 1877 | 1887 | 1897 | 1900 | ||||||||||||||
Poboación | 1.355.299 | 1.799.224 | 1.848.027 | 1.894.559 | 1.941.023 | 1.980.515 | |||||||||||||
Porcentaxe | 12,97% | 11,50% | 11,10% | 10,81% | 10,72% | 10,64% |
Vexamos o estancamento agrario en 1802: "Se se destinasen os solos de boa calidade, uns para sementar de trigo, centeo ou millo, outros para prados, variando o seu cultivo; se nos solos arxilosos e areniscos se plantasen viñas; se as oliveiras, castiñeiros, nogueiras, substituísen os pouco útiles piñeiros, desterrándoos aos montes para que a súa veciñanza non prexudicase os mellores plantíos; se as ribeiras dos nosos ríos en vez de cubertas de infrutíferos chopos o fosen de limoeiros, laranxeiras, moreiras etc., quen podería calcular as avantaxes do país…” —(Extracto dunha circular do bispo de Tui, Xoán García Benito, aos curas do seu bispado).[28]
|
Na primeira metade do século XIX a poboación galega segue medrando por riba da española e representa case un 12% da mesma. Pero este crecemento da poboación realízase sobre un modelo económico insostible. A consecuencia será a sangría humana da emigración, feito que levará á perda de medio millón de persoas na segunda metade do século XIX[28] (principalmente homes e nenos a partir dos 12 anos), aínda que algúns autores dan a cifra de 900.000 emigrantes (Bustelo) para todo o século XIX. Será este un fenómeno que desarticulará a sociedade parroquial galega e que a privará dos seus mellores fillos. Moitos destes emigrantes enviarán recursos para a redención dos foros e a creación de escolas e outras iniciativas sociais que fixeron avanzar a alfabetización e o benestar.
Neste século fracasan os intentos de diversificación económica, e pódese falar propiamente de ausencias industriais:
- A política do Goberno central deu entrada ás importacións dos produtos ingleses e, sumada á competencia interior catalá, supuxo a fin da industria doméstica téxtil do liño.
- Existencia dunha agricultura atrasada: técnicas de explotación pouco modernizadas, permanencia do sistema foral, trabucos (impostos á facenda estatal, provincial e municipal, pois na segunda metade do século XIX chegaron a triplicarse). A agricultura é a principal fonte de riqueza, mais segue sendo de autoconsumo con poucos produtos comercializábeis.
- O proteccionismo do Goberno español para o trigo castelán ten como reverso os obstáculos para a exportación do gando galego.
- As ferrarías galegas son incapaces de competir cos altos fornos vascos.
- As demoras na conclusión das redes ferroviarias mantén a Galicia illada do nacente mercado único nacional. Galicia non ficará incorporada á rede ferroviaria española até 1883. As conexións interiores serán moi serodias: A Coruña-Vigo non chegará até 1943.
No caso galego, a desamortización tivo un impacto relativo para o mundo monacal e campesiño. A estrutura social de Galiza non sufriu mudanzas significativas. O sistema foral preocupou aos economistas e á sociedade decimonónica, mais só se produciu un intento exitoso de modificación do réxime da propiedade: a lei de redención de foros de 1873 (defendida por Paz Novoa nas Cortes da I República). Durante seis meses uns miles de campesiños acomodados puideron libertarse das rendas forais. O clero tamén perdeu algúns privilexios anteriores ás desamortizacións dos anos 40, 50 e 60, mais non é o campesiñado o beneficiado, senón comerciantes, nobres fidalgos e profesionais urbanos.
Con todo, a peculiaridade de Galicia foi que non se transferiron terras, senón dereitos a rendas forais. Deste xeito non se altera a estrutura xurídica da propiedade. A estrutura social ten nun primeiro plano a rendistas (vellos fidalgos ou novos adquirentes da desamortizacion) e rendeiros (campesiños, a maioría da poboación); nun segundo plano están artesáns, mariñeiros, funcionarios e profesións liberais (os cales eran rendistas en moitos casos).
Movementos socio-políticos e caciquismo
[editar | editar a fonte]Galicia semella espertar coa invasión das tropas e Napoleón Bonaparte. A Xunta Suprema do Reino de Galicia proclámase soberana en ausencia de Fernando VII. Organizou un exército e despregou un importante labor diplomático. O Reino de Galicia foi o primeiro territorio liberado do exército francés. As alarmas populares ao mando de guerrilleiros como Cachamuiña causan estragos nas forzas de ocupación.[29][30] Serán fitos importantes dese ano 1809 a batalla de Ponte Sampaio e a reconquista de Vigo.[31]
Nunha sociedade de base agraria en desarticulación, a práctica política dexenera nun profundo caciquismo que todo o abrangue. Redes de influencia, tecidas dende as elites empoleiradas na administración, cambian por votos favores particulares sen proxección xeral e contrarios ao ben común. O galeguismo político, cristalizado xa nun rexionalismo, precursor do nacionalismo, fará do combate a estas prácticas unha das xustificacións máis claras a prol da autonomía política.
En 1833 é disolto para sempre o Reino de Galicia. A reforma territorial de Javier de Burgos configura as provincias consonte o modelo liberal francés. Trataranse de departamentos administrativos dependentes directamente do Goberno central.
Durante o século desenvólvense en Galicia determinados movementos sociopolíticos:[32]
- O carlismo: que busca a recuperación do Reino de Galicia dende unha perspectiva absolutista e tradicionalista. Non acadou un dominio xeral debido á puxanza liberal de cidades como A Coruña.
- O provincialismo: movemento de raíz liberal, nacido en 1840, que pretende acadar unha cota de autogoberno galego a través dunha Xunta Superior de Goberno de Galicia. Os provincialistas querían que Galicia fose unha soa provincia e que non fose dividida nas catro que hoxe coñecemos. O movemento provincialista desapareceu co fracaso do levantamento de 1846 e os fusilamentos de Carral.
- O federalismo: que chega a redactar un proxecto de Constitución para un Estado Federado Galaico, pero que arrastra o fracaso da experiencia federal da caótica I República. O federalismo galego vai desde 1865 ata 1875, e logrará o seu cumio coa Primeira República Española. Os federalistas propugnaban que Galicia ficase como un cantón dentro do estado español e que fose rexida pola súa propia Constitución cantonal. Esta etapa, non obstante non é demasiado importante e non perviviu de ningún xeito.[33]
- O rexionalismo (1875-1907): que ten en Alfredo Brañas a súa faciana conservadora e en Manuel Murguía a súa fasquía progresista. Desenvolven ideas articuladas sobre a autonomía política e o decorrer histórico da identidade galega, e teñen como acontecemento destacado é a fundación da Asociación Regionalista Gallega.
- O agrarismo: movemento de masas campesiñas que se levantan contra o foro e as medidas tributarias do Goberno Central que non se acomodan á realidade labrega do país. Cabe dicir que este movemento xa é propio do século XX.
Dende o ámbito estritamente cultural e lingüístico, merece mención especial o Rexurdimento con figuras como Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal que devolven o prestixio á literatura en lingua galega.
Século XX
[editar | editar a fonte]Evolución demográfica de Galicia e porcentaxe con respecto ao total estatal[34] | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1857 | 1887 | 1900 | 1910 | 1920 | 1930 | 1940 | 1950 | ||||||||||||
Poboación | 1.776.879 | 1.894.558 | 1.980.515 | 2.063.589 | 2.124.244 | 2.230.281 | 2.495.860 | 2.604.200 | |||||||||||
Porcentaxe | 11,49% | 10,79% | 10,64% | 10,32% | 9,93% | 9,42% | 9,59% | 9,26% | |||||||||||
1960 | 1970 | 1981 | 1991 | 1996 | 2001 | 2006 | 2008 | ||||||||||||
Poboación | 2.602.962 | 2.583.674 | 2.753.836 | 2.720.445 | 2.742.622 | 2.732.926 | 2.767.524 | 2.794.796 | |||||||||||
Porcentaxe | 8,51% | 7,61% | 7,30% | 6,90% | 6,91% | 6,65% | 6,19% | 5,99% |
No século XX distínguense tres períodos na historia de Galiza:
- 1900-1936: un primeiro terzo no que se frustraron as tentativas modernizadoras.
- 1936-1960: un segundo período de regresión durante o autarquismo franquista.
- 1960-2000: unha modernización lenta a partir de 1960.
Primeiro terzo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: O inicio do século XX dende Galicia.
Poboación activa [Cómpre referencia] | ||||
---|---|---|---|---|
Ano | Residencia urbana |
Sector primario |
Industria | Servizos |
1900 | 9,9 % | 85,9 % | 5,9 % | 8,1 % |
1930 | 13,5 % | 65,3 % | 14,7 % | 20 % |
Durante todo o século XX emigraron un millón de persoas.[35] A emigración supuxo a fundación de comunidades galegas nos principais países iberoamericanos (América Latina foi o destino até 1960: Venezuela, Arxentina, Uruguai, Brasil, Cuba…) e europeos (desde 1960, Suíza, Alemaña…), que co tempo serían refuxio e foco da cultura e a literatura galegas.
En 1916 Antón Villar Ponte funda as Irmandades da Fala, primeira experiencia dun galeguismo nacionalista e que desembocaría na fundación do Partido Galeguista. Alicerce deste movemento será a Xeración Nós dinamizada por inquedos intelectuais nas máis variadas disciplinas con raíces fundamentalmente nun catolicismo avanzado e maioritariamente republicano.
O agrarismo acadou na década dos vinte un gran poder de mobilización e conseguiu que en 1926 se aprobase unha lei que permitía a redención dos foros, aínda que mediante o pagamento de sumas ás que se aplicou unha parte significativa do aforro dos emigrantes. Foron os anos 1918/1923 os de maior número de redencións forais, de maneira que o campesiño foreiro vaise convertendo agora en propietario cultivador, racionalizándose a produción agraria e penetrando o capitalismo. Os fidalgos e os recentes adquiridores de rendas coa desamortización perderon as súas rendas, tendo que ver moito con esta conquista o movemento agrarista e as remesas do diñeiro que enviaban os emigrantes. Tamén debemos salientar que neste período se conseguiron melloras técnicas agrícolas.
Así mesmo, foi importante neste período a consolidación da industria conserveira nas rías galegas, pasando de 11 fábricas en 1886 a 106 no ano 1907, converténdose Vigo no primeiro centro conserveiro da Península Ibérica e pasando a ter Galiza un importante papel na produción da conservas en España (o 59 % do total). O aspecto negativo foi que case non houbo máis iniciativas industriais, salvando os casos dalgunha industria mineira (ferro, cobre, volframio e antimonio) e algunha empresa ou sociedade para levar os servizos de auga, electricidade e tranvía ás cidades de Vigo e A Coruña.
Segunda República
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Segunda República Española.
Coa chegada da República, o galeguismo republicano acada un éxito electoral [36] e obtén 15 escanos —dos 47 deputados que lle correspondían a Galicia— a través da Organización Republicana Gallega (ORGA). Ao redor do chamado Pacto de Lestrobe, pásase a redactar un proxecto de Estatuto de Autonomía aprobado polo 77% dos concellos de Galicia na chamada Asemblea de Santiago, os días 17 a 19 de decembro de 1932.
A fagocitación de ORGA por Izquierda Republicana de Manuel Azaña fai que sexa o Partido Galeguista de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Alexandre Bóveda o que asuma a bandeira do autonomismo. Este partido será a partir de entón o promotor do proceso estatutario que será exitosamente plebiscitado o 28 de xuño de 1936.
Réxime ditatorial
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Guerra civil española e Franquismo.
A guerra civil e a posterior represión franquista acaba cos partidos, o movemento galeguista e de esquerdas, os sindicatos e toda sospeita de pluralismo e liberdade de expresión e asociación. Mostra da falta de liberdades foron editoriais e publicacións requisadas, así como a instalación da censura para non transmitir nos medios de comunicación ningunha outra ideoloxía que a do propio réxime franquista. Galeguistas —como Alexandre Bóveda ou Ánxel Casal—, esquerdistas, anarquistas, alcaldes republicanos e sindicalistas son fusilados, mentres que outros son encarcerados, silenciados e apartados de calquera traballo público. En paralelo, para moitas persoas vinculadas á República comeza a etapa do exilio. Os exiliados foron persoas que ou ben estaban en territorio republicano co estalido da guerra —nesta situación estaría Castelao— ou ben conseguiron escapar de Galicia, xeralmente despois dunha época de fuxidos, sendo un dos casos máis célebres o de Antón Alonso Ríos, aínda que tamén outros puideron saír xa nos primeiros días da guerra.
Os primeiros vinte anos de ditadura son de miseria e fame[37] nunha poboación que subsiste sobre a base do racionamento da comida (para o cal se usaba unha cartilla, que durou desde o ano 1936 ao 1953), o estraperlo e o autoconsumo dunha economía maioritariamente rural. Alimentos básicos como a fariña ou o aceite eran moi escasos. Movementos de esquerda resistente crean pequenos grupiños de guerrillas, con líderes como o Piloto ou Foucellas, que acaban sendo detidos e executados[38].
Nos anos 60, ministros como Manuel Fraga introducen certas reformas aperturistas ao tempo que os tecnócratas do Opus Dei modernizan a administración e abren a economía española ao capitalismo. Galicia, porén, xoga un papel de fornecedora de materias primas e enerxía ao resto de España con grandes estragos ecolóxicos e humanos (terceira vaga migratoria, agora co destino de Venezuela e Europa). É a época do monopolio de Fenosa e o asolagamento dos grandes vales fluviais galegos.
Van aparecendo iniciativas dinamizadoras como a instalación da factoría de Citroën en Vigo, a modernización da industria conserveira e a frota pesqueira de grande altura, o desenvolvemento da construción naval e un esforzo do campesiñado por modernizar as súas cativas explotacións volcándose especialmente na produción do leite e da carne. As labranzas galegas seguen sendo pequenas, mais modernízanse, crecendo de maneira espectacular a maquinaria agrícola —nos anos 60 e con maior intensidade nos 70. Na provincia de Ourense Eulogio Gómez Franqueira dinamiza o sector agropecuario cunha experiencia cooperativista que catapulta a produción e comercialización agroalimentaria (Coren). Galiza comeza a posuír un mínimo tecido industrial: Alúmina, Citroën, Petrolíber, Pescanova, xunto á industria derivada da agricultura.
Avanzados os anos sesenta, o galeguismo, que se refuxiara nun tímido traballo editorial e cultural á sombra das pequenas aperturas do réxime con políticos como Manuel Fraga, empeza a sementar un cambio cualitativo coa creación de forzas interiores dispostas á loita frontal contra a ditadura: a Unión do Povo Galego de Bautista Álvarez, de ideoloxía comunista e soberanista, e o PSG de Xosé Manuel Beiras aberto ao socialismo democrático europeo.
Os anos setenta entran pois nunha fase de axitación universitaria, agraria e obreira. En 1972, as folgas xerais de Vigo e Ferrol cústanlle a vida a Amador Rei e Daniel Niebla. Sectores da Igrexa católica e personalidades eclesiais como o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Araúxo Iglesias maniféstanse contrarios á represión e a falla de liberdades. Un líder da UPG, Moncho Reboiras é asasinado pola policía franquista.[39]
Transición e camiño á autonomía
[editar | editar a fonte]Morto Franco, Arias Navarro é o primeiro presidente da Monarquía restaurada. Os intentos de reforma democrática de Areilza e Manuel Fraga nese primeiro goberno de Xoán Carlos I acaban en fracaso. Será Adolfo Suárez quen dende o poder e mediante a fundación da coalición UCD congregue a forzas galeguistas como o Partido Gallego Independiente de José Luis Meilán Gil ou os centristas de Franqueira de cara a abrir un proceso constituínte e de réximes preautonómicos. O nacionalismo galego optou por posicións de ruptura e non de transición democrática automarxinándose do proceso. A UPG, o PSG e o Partido Galego Social Demócrata, reunidos no Consello de Forzas Políticas Galegas propuxeron as denominadas Bases constitucionais como exercicio do dereito de autodeterminación.[40]
Antonio Rosón, presidente preautonómico, ao abeiro da Constitución española de 1978 chama ás forzas democráticas galegas para redactaren un proxecto de Estatuto no que participarían UCD, AP, PSOE, PCE e, como únicas forzas nacionalistas, un renacido pero minoritario Partido Galeguista e un emerxente Camilo Nogueira Román á fronte do Partido Obreiro Galego, unha escisión da UPG. Aproban un proxecto avanzado de autogoberno coñecido como o Estatuto dos dezaseis, que é recortado na tramitación nas Cortes. Prodúcense entón mobilizacións nas principais cidades galegas contra este texto, que algúns denominaron Estatuto da aldraxe.[41] Isto provoca unha revisión de última hora capitaneada polos sectores autonomistas de UCD, que é aceptada polo PSOE, AP, PCE e PG. O plebiscito estatutario tivo unha escasa participación pero uns resultados de apoio da proposta.
Nas primeiras eleccións autonómicas (1981), AP incorpora notables galeguistas como o cabeza de lista Xerardo Fernández Albor que acada un inesperado triunfo fronte a unha UCD en proceso de descomposición. Póñense as bases do ordenamento autonómico coa Lei da Xunta e o seu Presidente, a Lei de símbolos, a reguladora do Valedor do Pobo, a do Consello da Cultura Galega e a Lei de normalización lingüística, recorrida polo Goberno socialista español por recoller o deber de coñecer o galego. Créanse, así mesmo, a Radio e a Televisión públicas galegas que empregan como idioma preponderante o galego.
Nas segundas eleccións autonómicas (1985) emerxe unha forza de centro galeguista Coalición Galega que se converte en chave pero que acaba tamén dividida e colonizada por tránsfugas de AP liderados por Xosé Luís Barreiro Rivas. Estes propician unha moción de censura que lle dá o poder a un tripartito (PSOE, Coalición Galega, Partido Nacionalista Galego) á fronte do cal está Fernando González Laxe nun contexto no que os Gobernos de Felipe González en Madrid estaban poñendo en marcha o peche dos estaleiros galegos, as cotas lácteas e a marxinación da frota pesqueira galega como condicións para a integración no Mercado Común Europeo. Créanse as Universidades da Coruña e Vigo.
Nesta conxuntura, en 1989 Manuel Fraga, á fronte dun refundado Partido Popular en coalición cunha forza nacionalista moderada Centristas de Galicia, acada unha axustada maioría absoluta que inaugura un longo mandato. Fraga acadaría catro maiorías absolutas consecutivas. Este período caracterízase por un avance na transferencia de competencias, o desenvolvemento do sector turístico, a redución dos incendios forestais, a diminución das carencias na distribución de enerxía eléctrica (plan MEGA),[42] o saneamento gandeiro, a regulación do sector pesqueiro, unha reforma electoral e do regulamento parlamentario reducindo a presenza das minorías,[43] a mellora das estradas interiores e a conexión con Castela a través de autovías.
Pola súa banda, o nacionalismo de centro representado por Coalición Galega desaparece desprazado polo Partido Popular que realiza un discurso galeguista (proposta de autoidentificación en 1990, proposta de administración única en 1993…). O nacionalismo de esquerdas acaba aglutinándose ao redor do BNG liderado por Xosé Manuel Beiras que pasa de un a 5, 13, 18 e 17 escanos, sendo nas dúas últimas lexislaturas de Fraga a segunda forza política de Galicia. Nas primeiras eleccións autonómicas o seu antecesor, o BNPG, acadara 3 escanos, pero os seus deputados foron expulsados debido a que se negaron a xurar a Constitución.
Continuidade e renovación das elites políticas
[editar | editar a fonte]En Galicia a continuidade das elites políticas locais do último período do franquismo está centrada sobre todo nos partidos estatais da dereita (AP/PP) e o centro (UCD e CDS), e nas formacións nacionalistas moderadas (CG/CPG/CNG e CoG) e nas Agrupacións Electorais de Independentes en especial durante catro primeiros períodos de eleccións locais (1979, 1983, 1987, 1991). Esta persistencia das elites políticas locais do franquismo nos gobernos locais democráticos está relacionada tanto coas propias redes de poder político, social e económico nas comunidades locais como en tendencias conservadoras do electorado. Esta persistencia na política local tamén transcende, de forma decisiva, noutro marco da dinámica política, como son as institucións autonómicas.[44]
Nova economía
[editar | editar a fonte]Os anos 90 foron tamén os do desenvolvemento de sectores como o téxtil (Inditex, Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Florentino…), o vitivinícola (denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras) e a consolidación do sector da automoción.
Galicia converteuse tamén nunha das principais produtoras de enerxía eólica mediante o investimento de capital foráneo (Iberdrola, Endesa, Gamesa, Eurovento…).
O proceso de peche das pequenas explotacións agrogandeiras supuxo un declive do peso do sector primario (do 41% ao 16,9% da poboación ocupada) e a definitiva terciarización da economía galega (un 53% da poboación activa).[Cómpre referencia]
Século XXI
[editar | editar a fonte]En 2002, o naufraxio do petroleiro Prestige fronte á Costa da Morte provoca unha marea negra que coloca a Galicia no punto de mira internacional. Isto desata unha división no goberno Manuel Fraga que se salda coa saída do gabinete de Xosé Cuíña, ata entón considerado como o delfín de Fraga.
En 2004, a Xunta de Galicia impulsa un acordo entre as tres forzas políticas parlamentarias (Partido Popular, PSOE, BNG), o cal permite aprobar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega por unanimidade.
En 2005, Fraga non acada a maioría absoluta por un escano, o que permite acceder á Xunta de Galicia a un PSOE en ascenso e a un BNG reducido de 17 a 13 escanos. Será investido presidente o candidato socialista Emilio Pérez Touriño. En 2006 Galicia padeceu unha vaga de lumes sen precedentes dende 1989. A reclamación por parte do Parlamento de Galicia de lle permitir a Ferrol volver á construción naval civil caeu en saco roto. Frústrase o intento de reforma estatutaria e fréase o proceso de asunción de competencias. Apróbase a lei de protección do litoral (coa prohibición de construír a menos de 500 metros con respecto á costa) e revísase o plan de acuicultura do goberno popular.
En marzo de 2009 gaña as eleccións autonómicas o Partido Popular, o que permite a elección de Alberto Núñez Feijóo como Presidente da Xunta. Feijoo apártase das políticas do bipartito en temas como o sistema de adxudicación de parques eólicos, a gratuidade dos libros de texto ou a protección de espazos naturais como o cabo Touriñán.[Cómpre referencia] Tamén se aparta das políticas de Fraga relativas ao consenso lingüístico sobre a normalización do idioma galego ou as medidas lexislativas de Fraga contra o caos urbanístico elaborando un anteproxecto de reforma da Lei de ordenación urbanística e do medio rural máis permisiva.[Cómpre referencia]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ríos, Xulio (2010). Galicia e a sociedade das nacións. Galaxia. ISBN 978-84-7154-839-9.
- ↑ "Hallados en Triacastela los mejores restos neandertales en Galicia". El Progreso de Lugo (en castelán). 2 de setembro de 2008. Consultado o 10 de xullo de 2018.
- ↑ Senén, F. "Prehistoria e Idade Antiga". En Carballo et al. (1991). Historia de Galicia. A Nosa Terra. p. 20.
- ↑ Luján Martínez, Eugenio R. (3/5/2006). "The Language(s) of the Callaeci" (PDF). E-Keltoi: journal of interdisciplinary Celtic studies. (en inglés) 6: 715–748. ISSN 1540-4889. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09/04/2014. Consultado o 02/06/2018.
- ↑ Solar Sánchez, Ramón (2014). "Las Guerras Cántabras". Historia Rei Militaris: Historia Militar, Política y Social (7): 71–75. ISSN 2254-7681.
- ↑ Villares, R., Galicia. A historia, BBdCG, Galaxia, 7ª ed., 1992, p. 48.
- ↑ López Carreira 1998.
- ↑ de Diego Núñez, Miguel Ángel; Béjar Trancón, María Belén (1988). "Reseña histórica del Reino Suevo". ANUARIO 1992. INSTITUTO DE ESTUDIOS ZAMORANOS "FLORIÁN DE OCAMPO" (C.S.I.C.). ISSN 0213-8212.
- ↑ López Carreira, Anselmo (2016). Historia de Galicia. Xerais. p. 134. ISBN 978-84-9121-124-2.
- ↑ Biclarensis. Chronicon Iohannis Biclarensis 590.1 = vv 330-341.
- ↑ Wamba Lex
- ↑ Synodus Toletana tertia.
- ↑ Juan Llorens, Vicente Rafael (2007). San Fructuoso de Braga: vida y novena. p 21. V.J. ISBN 978-84-96741-52-2.
- ↑ Cardoso, J., S. Valerio (623-695): Vida de S. Frutuoso, Arcebispo de Braga, Braga, Oficina S. José, 1996, p. 24.
- ↑ López Pereira, J. E. (ed.) (1980). Crónica mozárabe de 754, p. 76-79: "cum reginam spanie in coniugo copulatam".
- ↑ Lafuente Alcántara, E. (1867), p. 166.
- ↑ Al-Maccari, Histori, ed. Gayangos, P., 2002, v. I, p.291.
- ↑ 18,0 18,1 Villares Paz, Ramón (2004). Historia de Galicia. Galaxia. p. 95. ISBN 978-84-9865-672-5.
- ↑ Isla Frez, Amancio (1992). La sociedad gallega en la Alta Edad Media. Madrid: Consello Superior de Investigacións Científicas. p. 47. ISBN 84-00-07215-4.
- ↑ da Costa, Avelino de Jesús (1981). Congresso Histórico de Guimaraes e a súa colegiada: 850.º Aniversario da Batalha de S.Mamede (PDF). Povoamento e colonizaçao do território vimaranense nos séculos IX a XI. (III ed.). Actas. p. 152.
- ↑ "Hermenegildo Gutiérrez". Real Academia de la Historia. Consultado o 12/10/2023.
- ↑ De Gouveia, Mario (2010). "O limiar da tradição no moçarabismo conimbricense: os “Anais de Lorvão” e a memória monástica do território de fronteira (séc . IX -XII).". Revista Medievalista. ISSN 1646-740X.
- ↑ Extracto dos Anales de la Corona de Aragón, ZURITA, J., lib. XX, cap. XLVI
- ↑ Carballo, F., "Idade Moderna" en Historia de Galicia de VV.AA., Ed. A Nosa Terra, 1991, p. 128
- ↑ Domínguez Martínez, Antonio (1961). “Concesiones de votos en Cortes a ciudades castellanas”. En: Anuario de Historia del derecho español, nº 31, pp.175-186.
- ↑ Sarmiento, Martín, Catálogo de voces y frases de la Lengua Gallega, ed. de José Luis Pensado, Salamanca, 1975, pp. 17-18.
- ↑ Poboación de feito segundo o Instituto Nacional de Estadística. Datos en INE. Censo de 1857, Poboación de España por provincias desde 1787 a 1900, Series de población de hecho en España desde 1900 a 1991, Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine. e Series de poboación de España desde 1996. Arquivado 18 de abril de 2010 en Wayback Machine.
- ↑ 28,0 28,1 Obelleiro, L. Idade contemporánea. En Carballo et al. (1991). Historia de Galicia. A Nosa Terra.
- ↑ González López 1980, p. 564.
- ↑ Estévez Rodríguez, Emilio (2002). El coronel "Cachamuíña": su carrera y campañas militares, sus vivencias, su hacienda y su madre (en castelán). IEV. ISBN 978-84-89599-21-5.
- ↑ Álvarez Blázquez, J. M. (1980). "La invasión francesa y la reconquista". Vigo en su historia (en castelán). Caja de Ahorros Municipal de Vigo. pp. 362–370. ISBN 84-7231-494-4.
- ↑ Cal, Rosa (1998) "Origen de la prensa nacionalista gallega: Apuntes divulgativos" Arquivado 11 de novembro de 2009 en Wayback Machine. Revista Latina de Comunicación Social, 11 (en castelán).
- ↑ Obelleiro, M. (27/7/2007). "A República non foi o sistema perfecto". A Nosa Terra (1282).
- ↑ Poboación de feito segundo o Instituto Nacional de Estadística. INE. Censo de 1857, Poboación de España por provincias desde 1787 a 1900, Series de población de hecho en España desde 1900 a 1991, Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine. y Series de poboación de España desde 1996. Arquivado 18 de abril de 2010 en Wayback Machine.
- ↑ Alonso, Bieito, "Idade contemporánea (século XX)" en Historia de Galicia, Ed. A Nosa Terra, 1991, p. 228. A suma dos emigrantes do cadro dá 1.360.000 durante o século XX.
- ↑ Monteagudo, Henrique (2000): "Castelao: a fábula da súa vida", en Para ler a Castelao 2. Estudios sobre a obra escrita (Henrique Monteagudo, coord.), Galaxia 2000, px. 60.
- ↑ Fernández Prieto, Lourenzo: "No Estado español houbo moita fame tras o golpe de estado e viviuse a posguerra máis longa de Europa, onde as cartillas de racionamento duraron dende o 36 ata o 53. Non había aceite, non había azucre, nin fariña, nin gasolina. Non había nada" Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.
- ↑ Martínez-Risco Daviña, Luís (2002). "La realidad en la ficción: una aproximación a la realidad de la frontera luso-ourensá en el primer franquismo". Actas del IV Simposio de Historia Actual. ISBN 84-95747-79-0.
- ↑ Martínez González, Xurxo; Pereiro, Xosé Manuel (2021). Reboiras, o camiño da rebeldía. Aira editorial. ISBN 978-84-123849-2-5.
- ↑ Beramendi (2007). A gran historia de Galicia 31, T. 14, vol. 1, p. 76.
- ↑ Toro, Suso de (1991). Camilo Nogueira e outras voces. Unha memoria de esquerda nacionalista. Xerais. p. 239 e 245. ISBN 84-7507-601-7.
- ↑ Galicia 1997. Xunta de Galicia. p. 271. ISBN 84-453-1915-9
- ↑ Beramendi (2007). A gran historia de Galicia. Opus cit. p 118, 119, 127 e 129.
- ↑ Márquez Cruz, Guillermo (abril-xuño 1993). "La transición local en Galicia: Continuidad de las élites políticas del franquismo y renovación de los gobiernos locales". Revista de Estudios Políticos (80).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia de Galicia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- AA.VV. (2007). A gran historia de Galicia. La Voz de Galicia. ISBN 978-84-96931-00-8.
- AA.VV. (2003-2004). Diccionario enciclopédico galego universal. La Voz de Galicia. ISBN 84-7680-429-6.
- AA.VV. (2006). Diciopedia do século 21. Do Cumio, Galaxia e do Castro. ISBN 978-84-8288-942-9.
- AA.VV. (1999-2002). Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. ISBN 84-7680-288-9.
- AA.VV. (2005). Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- AA.VV. (1991). Historia de Galicia (en castelán). Faro de Vigo. ISBN 84-404-9520-X.
- AA.VV. (1995-96). Historia de Galicia. A Coruña: Vía Láctea Editorial. ISBN 84-89444-11-0.
- Barreiro; Carballo; López; Senén (1979). Historia de Galicia. Asemblea Nacional-Popular Galega.
- ———— (1981). Historia de Galicia IV. Edade contemporánea. Galaxia. ISBN 978-84-7154-389-9.
- ———— (1982). Temática gallega. Historia política (en castelán). 4 vol,s. A Coruña: Gamma.
- Beramendi, J. (2008). De provincia a nación: historia do galeguismo político. Xerais. ISBN 978-84-9782-640-2. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 04 de xuño de 2018.
- ———— (2016). Historia mínima de Galicia (en castelán). Turner. ISBN 978-84-16354-07-8.
- Bermejo; Pallares; Pérez; Portela; Vázquez; Villares (1980). Historia de Galiza. Alhambra. ISBN 84-205-0758-X.
- Calo; López; Carballo; Obelleiro; Alonso (1997). Historia xeral de Galicia. A Nosa Terra. ISBN 84-89138-99-0.
- Carballo; Senén; López; Obelleiro; Alonso (1991). Historia de Galicia. Edicións A Nosa Terra.
- ———— (2000). Breve historia de Galiza. Vigo: Edicións A Nosa Terra. ISBN 84-95350-57-2. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 02 de xuño de 2018.
- Dubert, I; (coord.) (2012). Historia de la Galicia Moderna (en castelán). USC. ISBN 978-84-9887-844-8.
- ———— (2006). Historia das historias de Galicia (en castelán). Xerais. ISBN 978-84-9121-001-6.
- Elías de Tejada, F. (1966). El Reino de Galicia hasta 1700. Col. Murguía (en castelán). Galaxia.
- González López, E. (1980). Historia de Galicia. Serie Nova (en castelán). La Voz de Galicia. ISBN 84-85287-22-3.
- Juana, J. de; Prada, (coord.) (2005). Historia contemporánea de Galicia (en castelán). Ariel. ISBN 84-344-6790-9.
- López Carreira, Anselmo (1998). O reino de Galiza. Edicións A Nosa Terra. ISBN 84-89976-43-0.
- ———— (2003). Os reis de Galicia. Vigo: Edicións A Nosa Terra. ISBN 84-96203-44-1.
- ———— (2013). Historia de Galicia. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-532-7. Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2016. Consultado o 01 de xuño de 2018.
- Martínez Padín, L. (1849). Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia (en castelán). Madrid.
- Míguez Macho, A. (2011). Historia breve de Galicia (en castelán). Sílex. ISBN 978-84-7737-507-4.
- Pérez López , David (2015). Historia de Galicia. Edicións do Cumio. ISBN 978-84-8289-491-1.
- Ramos, Carlos Rafael et al. (2008-09). Historias de Galiza. Xunta. ISBN 978-84-936673-3-7. T1 T2 T3
- Recuero, M.; Barreiro, B. (2008). História da Galiza (en portugués). Sílabo. ISBN 978-972-618-492-8.
- Saavedra, P. (1994). La vida cotidiana en la Galicia del Antiguo Régimen (en castelán). Crítica. ISBN 84-7423-672-X.
- Sobrado Correa, Ortensio (2004). Historia de Galicia (en castelán). Nigra Trea. ISBN 84-95364-22-0.
- Vázquez; Bermejo; Portela; Pallares; Villares; Fernández; et al. (1996). Nova Historia de Galicia. Tambre. ISBN 84-88681-27-5.
- Verea y Aguiar, José (1838). Historia de Galicia (en castelán). Ferrol: Imp. de Nicasio Taxonera.
- Villares Paz, Ramón (1984). Galicia. A Historia. BBdCG. Galaxia. ISBN 84-7154-463-6.
- ———— (1992). Historia de Galicia. I (e II). Biblioteca 114 (en castelán). El Correo Gallego.
- ———— (2003). Breve historia de Galicia (en castelán). Alianza. ISBN 978-84-206-5642-7.
- ———— (2004). Historia de Galicia. Manuais. Galaxia. ISBN 84-8288-655-X.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Historiadegalicia.gal
- Nación de Breogán, capítulo 13 de Historias de Galicia na TVG.