Arte de Galicia
A arte de Galicia tivo unha evolución paralela á do resto da arte europea, seguindo de formas diversas as múltiples tendencias que se teñen producido no contexto da historia da arte occidental. A historia da arte galega mostra as manifestacións culturais e artísticas ao longo do tempo dende os primeiros asentamentos humanos até a actualidade. Dende o paleolítico á cultura contemporánea, a arte feita en Galicia ten certas características propias, alimentada polas correntes traídas por outros pobos. A arte sempre foi un dos principais medios de expresión do ser humano, a través da cal expresa as súas ideas e sentimentos, o xeito de relacionarse co mundo. A súa función pode variar dende a máis práctica ata a máis ornamental, pode ter contido relixioso ou simplemente estético, pode ser duradeira ou efémera.
Ao longo da historia, Galicia acolleu diversas culturas e civilizacións, que achegaron o seu concepto de arte e deixaron o seu legado. Cada período histórico tivo unhas características concretas e definibles, comúns a outras rexións e culturas, ou ben únicas e diferenciadas, que foron evolucionando co devir dos séculos.
A arte galega é froito da diversa amálgama social e cultural achegada polos diversos pobos que habitaron o seu territorio: os primeiros poboadores prehistóricos deron paso á cultura castrexa xurdida na idade dos metais, estes convivirían máis tarde cos colonizadores romanos procedentes do Mediterráneo, que converterían a Gallaecia nun territorio máis do seu imperio; tras a caída deste, en Galicia os suevos fundaron o primeiro reino medieval europeo, que despois caeu baixo a dominación do reino visigodo. Na Idade Media, durante a invasión islámica da Península Ibérica (que apenas deixou pegada no territorio galego), xorde a cultura galego-portuguesa como entidade propia e definida, cunha lingua propia herdeira do latín e a consolidación do Reino de Galicia. Foi esta unha época de esplendor da arte galega, sendo o románico un período moi frutífero para o desenvolvemento artístico do territorio. Durante a Idade Moderna, baixo o poder da coroa española e a sucesión de crises económicas e culturais, a arte entra en certa decadencia, polo que o renacemento non é un período destacable na historia da arte galega. Todo o contrario sucede co barroco, que tivo en Compostela un desenvolvemento orixinal e xenuíno. Dende o século XIX, coa revitalización cultural que supuxo o Rexurdimento, Galicia é influída polos movementos artísticos e culturais que marcaron Europa, como o modernismo. Finalmente, xa no século XX houbo unha xeración de artistas que crean unha escola galega que conecta coas correntes internacionais, con nomes como os de Francisco Asorey, Carlos Maside, Luís Seoane, Maruxa Mallo ou Isaac Díaz Pardo.
Prehistoria
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Prehistoria de Galicia.
Non é doado determinar con exactitude en que momento o ser humano se asentou no territorio galego, pero moi posiblemente este feito se produciu hai máis de 120.000 anos, o que correspondería co Paleolítico Inferior. Estes primeiros poboadores eran pequenos grupos de cazadores-recolectores que vivían xeralmente en covas, onde se pensa que desenvolveron a arte rupestre, pinturas realizadas nas paredes das covas, que supoñen o primeiro medio de expresión empregado polo ser humano antes da invención da escritura. Estas pinturas están xeralmente ligadas a ritos relixiosos e representan a plasmación nunha linguaxe simbólica do pensamento dos primeiros seres humanos.
Paleolítico
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arte paleolítica en Galicia.
Apenas se conservan restos de arte paleolítica en Galicia por mor da escaseza de covas neste territorio, a excepción da zona oriental, e a que a arte móbel se realizaba fundamentalmente sobre ósos e estes, debido á acidez da terra, non se conservan con facilidade. Porén, pódense distinguir a grandes trazos dúas características da arte galega do paleolítico: a pertenza a unha cultura común na área atlántica europea e o apego ás formas arcaicas. Consérvanse dende instrumentos líticos bifaces moi primitivos ata ferramentas máis elaboradas en pedra e óso.
Ata hai pouco a idea de que en Galicia existira unha arte de tipo rupestre nas covas das zonas montañosas orientais era unha mera suposición, pero nos últimos anos os achados na Cova Eirós (Triacastela) dos primeiros gravados e pinturas rupestres galegos confirmaron esta idea. Este feito abriu un novo camiño na investigación do paleolítico galego que, a pesar de todas as pescudas realizadas ata o momento, segue ofrecendo máis interrogantes que respostas.
O Mesolítico, que tamén é chamado Epipaleolítico, sitúase aproximadamente entre o 8000 a.C. e o 5000 a.C. É a etapa de transición entre o Paleolítico e o Neolítico. Prodúcense importantes cambios no clima, que se fixo máis cálido e húmido, recúan os glaciais e desaparecen a meirande parte dos animais de caza maior, coma o bisonte. Aparecen bosques, sobe o nivel do mar e mudan flora e fauna. Prodúcense aquí os primeiros ensaios da agricultura e da gandería.
Atopáronse asentamentos adxudicados a esta etapa na zona limítrofe entre as provincias da Coruña e Lugo. No val de Arnela existen lugares que proporcionaron burís, perforadores e raspadoiros. Desta época temos arte moble, probabelmente relacionada coa concepción relixiosa que tiñan os habitantes daquela época.
Neolítico e megalitismo
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Megalitismo en Galicia e Megálitos de Galicia.
Nesta etapa, o Neolítico, a agricultura e a gandería aséntase definitivamente e comeza a produción de cerámica. Ao mesmo tempo, prodúcese un aumento da poboación. Galicia, o norte de Portugal até o río Douro, Asturias e o occidente das provincias de León e Zamora formaban parte dunha mesma zona megalítica, con arquitecturas, enxovais, unha organización social e un sistema de crenzas que hoxe estimamos relativamente homoxéneos. Esta área é unha das máis características dentro da cultura megalítica europea.
Desenvólvese a cultura das antas ou dolmens, construcións funerarias feitas con grandes bloques de pedra (de aí o nome de megálitos), que van evolucionando de xeito que reducen o seu tamaño ata converterse en cistas. Estas construcións recubríanse de terra e pedras, formando un túmulo que popularmente se coñece co nome de mámoa ou medoña. A anta máis antiga atopada en Galicia, a Chousa Nova I de Silleda, está datada arredor do ano 4350 a.C. O dolmen de Axeitos (Oleiros, Ribeira), coñecido como o "Partenón galego" e o dolmen de Dombate (Borneiro, Cabana de Bergantiños) son os exemplos máis coñecidos deste tipo de construcións.
Ademais de antas, tamén se realizan nesta etapa menhires rematados en punta e con decoración de cazoletas como a Lapa de Gargantáns, esculturas, pinturas e gravados en pedra.
Tras o Neolítico, entre os anos 2000 e 1800 a.C., desenvólvese un período de transición coñecido como Calcolítico ou Idade de Cobre, o cal fai de ponte coa Idade de Bronce. Cara ao ano 2000 chegan ao territorio galego os primeiros metais e cerámicas campaniformes do sur (hoxe Portugal), xorde a metalurxia e os asentamentos comezan a facerse máis estábeis. Desta etapa consérvanse cistas, puñais de cobre e as primeiras alfaias atopadas en Galicia.
- Véxase tamén: Galería de imaxes de dolmens en Galicia.
Idade de Bronce
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Idade de Bronce en Galicia.
Nesta etapa aumenta o comercio coa Europa atlántica e o Mediterráneo peninsular. Polo tipo de obxectos atopados desta época, sabemos que se desenvolveu unha sociedade na que a guerra tiña unha grande importancia (hachas, lanzas...). Socialmente albíscase unha xerarquización, unha meirande especialización e un incremento da importancia do ligado co mundo bélico e de prestixio. Consérvanse un gran número de pezas de ourivaría, e os petróglifos comezan a facerse moi abundantes (xa se viñan facendo en etapas anteriores), sobre todo a partir do ano 1500 a.C.
Adoita falarse de tres períodos cronolóxicos referidos á fundición do Bronce no noroeste peninsular:
- Fase inicial: ensaios coa metalurxia (1800 - 1200 a.C.)
- Fase media: eclosión do Bronce (1200 - 1000 a.C.)
- Fase final: difusión (1000 - 700 a.C.)
- Ourivaría
É na etapa final do Bronce galego cando acontece a engalaxe definitiv da metalurxia do bronce, e prodúcese a introdución do chumbo nas aliaxes e o desenvolvemento de relacións entre os distintos focos atlánticos, ligados comercial e culturalmente (koiné atlántica). Aínda así, a meirande parte dos obxectos de metal son de produción local, aínda que inspirados en modelos foráneos, debido ás relacións culturais e comerciais xa nomeadas. A maioría de achados do Bronce final de Galicia sitúanse ó norte e oeste do río Miño e, aínda que en menor proporción, nas cuncas do Limia, do Támega e do Sil. Desta época son pezas como a espada de Mouruás, a espada de Forcas, o casco de Leiro ou o tesouro de Caldas de Reis.
- Petróglifos
- Artigo principal: Petróglifos de Galicia.
O conxunto de petróglifos (gravados sobre rochas) galegos (Grupo Galaico de Arte Rupestre) é un dos máis ricos e peculiares dentro do marco europeo e incluso mundial. Están realizados sobre granito, agás os máis primitivos conservados, que están gravados sobre lousa e xisto. Os petróglifos galegos presentan unha elevada erosión e, en ocasións, son difíciles de observar.
Os conxuntos de petróglifos sitúanse nas abas das serras, e en ocasións atópanse rodeando brañas e cubetas, así como nas liñas de tránsito que comunican estas zonas cos lugares onde se atopan os poboados, como demarcando un territorio. Nas sociedades prehistóricas a arte sempre estivo relacionada con actividades de carácter ritual e relixioso, é dicir, que ademais de servir como marca territorial, os petróglifos puideron funcionar como lugares de agregación de guerreiros e como indicadores de sitios cunha especial carga simbólica.
Existen dous tipos de deseños: os figurativos ou naturalistas (cervos, cabalos, figuras humanas...) e os xeométricos ou abstractos (como as combinacións circulares). Aínda que son menos abundantes e están menos espallados xeograficamente, os petróglifos naturalistas son os máis característicos da arte rupestre galega. Na meirande parte trátanse de representacións de animais, o que nos fala da importancia cotiá e simbólica que tiñan na sociedade da época. As representacións antropomorfas, que se caracterizan por ser moi esquemáticas e simples, son moito menos abundantes e adoitan representar escenas de caza ou pastoreo. Nas representacións de armas distínguense espadas curtas, puñais e escudos. O feito de que nunha cultura de gandería e agricultura os únicos temas representados sexan a caza e a guerra parece falarnos de que estas se trataban de actividades de prestixio. Entre as representacións xeométricas, as máis abondosas, destacan os círculos concéntricos, os deseños labirínticos (salientando os Labirintos de Mogor), as espirais, os puntos e as cazoletas. O seu significado simbólico é difícil de interpretar a día de hoxe.
Algunhas das estacións arqueolóxicas máis destacadas son o Parque arqueolóxico de Campo Lameiro (Pontevedra), conxunto considerado por moitos autores como a "Capela Sistina" dos petróglifos galegos, os Labirintos de Mogor (Marín) ou o Castriño de Conxo, no concello de Santiago de Compostela.
Idade Antiga
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Idade Antiga de Galicia.
O coñecemento do occidente peninsular para as primeiras civilizacións, que estaban a desenvolverse nesta época, foi extremadamente limitado até a época helenística, momento no que comezamos a ter algunhas referencias escritas sobre o que estaba a acontecer no territorio galego. A indoeuropeización do noroeste da Península Ibérica durante a Idade de Bronce foi continuada por elementos atlánticos, centroeuropeos (se cadra célticos) e mediterráneos durante a Idade de Ferro. Apareceu así a Cultura castrexa, caracterizada pola construción de poboados fortificados que coñecemos co nome de castros ou citanias. Esta cultura, que se estendeu dende o río Navia ata o Douro, vese transformada progresivamente tras a chegada dos romanos cara ao ano 138 a.C., que acaban dominando a totalidade da Gallaecia. Da lenta fusión por aculturación entre os mundos castrexo e provincial romano xorde a cultura galaico-romana.
Cultura castrexa
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Cultura castrexa e Castros de Galicia.
- Véxase tamén: Galería de imaxes de castros galegos.
Adoitan distinguirse tres fases no desenvolvemento da cultura dos castros:
- 1ª fase: dende finais da Idade de Bronce ata aproximadamente o 400 a.C.: é a etapa formativa, cun desenvolvemento que vai cara ao norte e o interior. Desta época é o Castro de Torroso (Mos).
- 2ª fase: dende o fin da etapa anterior ata a chegada de Décimo Xunio Bruto á Gallaecia (ca. 138 a.C.). Nesta etapa desenvólvense novos modelos de castro, en relación coa evolución das explotacións agrícolas.
- 3ª fase: a coñecida como etapa castrexo-romana. A conquista romana non implicou a desaparición desta cultura, senón que a cultura castrexa permanecerá ata a época das reformas flavias (2ª metade do século I d.C.). Nesta etapa constrúense os grandes núcleos de poboación, as edificacións e a arte sofren un importante proceso de romanización e a sociedade xerarquízase cada vez máis. Os castros máis coñecidos, como o de Santa Trega ou o de Baroña, foron ocupados nesta época. Progresivamente, os castros comezan a abandonarse polas villae, aínda que algúns permanecerán habitados ata a fin do Imperio (como é o caso do castro de Viladonga).
-
Castro de Baroña
-
Castro de Viladonga
A sociedade castrexa caracterizábase por ser xentilicia, é dicir, carente de estado. Os habitantes organizábanse en clans familiares, organizacións político-militares cun xefe á cabeza chamadas centurias e populus cuns límites territoriais claramente definidos. Aínda que se traaba dunha sociedade de base agrícola e gandeira, practicaban outras actividades como a caza ou o marisqueo, a metalurxia, a cerámica e o traballo en pedra. Así mesmo, a actividade comercial debía de ser intensa, tanto entre os distintos castros como cara a outras áreas da Península e, xa por vía marítima, cara ao Mediterráneo e o Atlántico Norte.
O metal máis empregado segue a ser o bronce, co que realizaban obxectos como caldeiros con asas, puntas de lanza, empuñaduras de armas, coitelos, contas de colar... A ourivaría castrexa, que parte da tradición da Idade de Bronce, caracterízase pola realización de alfaias como torques (sendo o máis coñecido o de Burela), braceiras, diademas e arracadas (pendentes). Tamén foi importante a realización de armas como puñais e de esculturas, sobre todo na parte sur do territorio.
A cerámica castrexa era diversa en formas, tamaños, técnicas e motivos ornamentais, o que nos fala de pequenas producións rexionais. As decoracións máis características son as triangulacións, os "SS" concentrados, os círculos concéntricos, os cordados... feitos xeralmente a base de incisións.
A pedra empregábase, ademais de nas construcións, para a realización de obxecto de uso cotián como muíños, bebedeiros ou moldes para a fundición. Na plástica comeza a empregarse arredor do cambio de era, desta etapa conservamos varios centos de labras e esculturas que se poden clasificar en:
- Guerreiros: atopáronse algo máis de dúas ducias no norte de Portugal, en Ourense e en Pontevedra. Son esculturas de militares en parada, que poderían ter moi diversos significados (estatuas funerarias, honoríficas...)
- Cabezas humanas: aparecen en todo o territorio da cultura castrexa, serían representacións de persoas inspiradas no modelo romano.
- Cabezas zoomorfas: encóntranse na zona sur. Algunhas semellan representar porcos, cans, cabras ou touros, polo que poderían cumprir un papel protector do gando.
- Sedentes: menos abundantes, parecen ser representacións funerarias de tradición mediterránea.
- Figuras diversas: iconas, figuras femininas, estatuíñas... que se conservan en gran cantidade e que apareceron por todo o territorio castrexo. Son de moitas e moi variadas interpretacións.
- Decoracións arquitectónicas: pedras decoradas pertencentes a frisos, ombreiras, amarradoiros, remates circulares... A súa decoración é moi sinxela: cordados, espirais, trísceles, tetrasqueis, "SS" concentrados, oitos entrelazados, puntas de frecha,...
- "Pedras formosas": Son un tipo especial de decoración arquitectónica. Pertencen a uns edificios cunha estrutura e funcionalidade específicas: son pequenos, con distribución axial, un forno extremo e a continuación unha cámara, logo unha antecámara e finalmente un recinto sen teito no que hai unha pía á que chega unha canle de auga. A chamada "pedra formosa" separa a cámara da antecámara. Estes edificios serían saunas ou baños de tipo romano, o que indica que puideran ser posteriores á romanización.
-
Torque de Burela, ca. ss. III-II a.C., Museo de Lugo.
-
Cabeza de Rubiás, Bande, s. I d.C., Museo de Ourense.
-
Pedra castrexa reutilizada en Fontefría, Amoeiro
Arte romana
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arquitectura romana en Galicia.
- Véxase tamén: Romanización de Galicia.
O territorio galego actual foi conquistado polos romanos definitivamente entre o 26 e o 19 a.C. no contexto das guerras cántabras e da man do emperador Augusto. Trala conquista, Augusto inclúe o territorio da actual Galicia na Lusitania, pero xa no 13 a.C. pasa á Hispania Citerior. Na reforma de Diocleciano —quen dividiu Hispania no ano 298 en sete provincias— constitúese a Provincia da Gallaecia.
Durante a época Flavia (69 - 96 d.C.) prodúcense unha serie de decisións que tiveron un profundo calado político. A concesión do Dereito Latino trouxo consigo un profundo cambio tanto no ámbito urbano, co incremento da poboación nos núcleos urbanos xa existentes e a creación de novos, como no rural. Porén, hoxe en día, non se pode falar para Gallaecia da existencia dunha economía baseada no uso cotián da moeda. Galicia viviu fundamentalmente sobre a base dunha economía natural baseada no troco ata mediados do século III e, máis claramente, ata o século IV.
Trala conquista de Galicia, os pobos que a habitaban axiña asimilaron a cultura do imperio, producíndose deste xeito a romanización de Galicia que se prolongaría durante os seguintes catro séculos. Esta política de asimilación comezou oficialmente entre os anos 64 e 70 cando Vespasiano converteu en pobo romano aos 451.000 gallaicoi. Coa chegada dos romanos os castros transformaríanse en villae (como a Vila romana de Cambre). Por outra banda a poboación incorporaría as novas tecnoloxías, como as técnicas romanas de arquitectura, a agricultura baseada no arado ou a minería. Neste senso cabe destacar o sistema de extracción de metais denominado ruina montium, que consistía en escavar túneles nos outeiros, polos que se introducía de súpeto a auga de encoros preparados, estoupando o monte e rescatando augas abaixo os minerais valiosos, como no caso das Médulas (na comarca do Bierzo). Montefurado (Quiroga) tamén é un exemplo de como a cultura romana aproveitaba os recursos naturais para a extracción do ouro.
Os antigos campamentos militares e asentamentos romanos acabaron converténdose en grandes cidades, como por exemplo Lucus Augusti. Estas vilas foron unidas por unha serie de vías construídas polos romanos para facilitares a súa comunicación e fomentar o seu comercio con outras vilas do imperio. A enxeñería civil está representada en Galicia por impoñentes construcións como a muralla de Lugo, a torre de Hércules na Coruña e pontes como a do río Bibei na Pobra de Trives ou a do Freixo en Celanova. Estas construcións civís víronse impulsadas sobre todo baixo o poder do emperador Traxano (98-117 d.C.). Tamén destacan na xeografía galega as mansións, os castros romanizados, os campamentos romanos (como Aquis Querquennis en Bande ou A Ciadella en Sobrado), as termas de Lugo ou os santuarios (como Santalla de Bóveda ou o adicado ao deus Berobreo en Cangas).
Época tardorromana
[editar | editar a fonte]A pesar de que a cristianización total da poboación do territorio galego se produciu en época Altomedieval, xa nos derradeiros anos de dominio do imperio romano aparecen as primeiras sinais que indican a chegada da relixión cristiá a Galicia. Algúns exemplos da produción artística paleocristiá galega son a estela de Vitorino descuberta en Tines (unha das primeiras lápidas cristiás de Galicia, datada no século IV, na que se distinguen gravados un rostro humano e inscricións) ou o Crismón de Quiroga, datado no século V e conservada no Museo Diocesano de Lugo, coas iniciais gregas de Cristo na parte central e unha inscrición en latín que di "o ouro é cousa ruín para ti non digamos xa a prata / é moito máis o que brillas pola túa propia felicidade" ("AVRVM VILE TIBI EST ARGENTI PONDERA CEDANT PLVS / EST QVOD PROPRIA FELICITATE NITES").
-
Estela de Vitorino
Idade Media
[editar | editar a fonte]Arredor do ano 409 gran parte do pobo xermano dos suevos, dirixidos polo seu rei Hermerico, chegaron á provincia romana da Gallaecia onde, mediante un pacto con Roma, puideron gobernar o territorio como un reino propio (Galliciense Regnum). No ano 585 o rei visigodo Leovixildo fíxose co control do reino de Galicia, comezando un período que duraría ata comezos do século VIII, cando o goberno de Toledo é derrocado pola expansión islámica. No 714 chegan a Galicia algúns bérberes, que a abandonan no ano 740, pasando Galicia entón a ser un núcleo cristián integrado nun territorio norteño que ten por cabeza política a Asturias. No ano 813 ten lugar o descubrimento da arca cuxos restos foron atribuídos ao Apóstolo Santiago, e Afonso II manda edificar unha igrexa nese lugar, sendo esta a orixe da Catedral de Santiago e as peregrinacións xacobeas. Este feito foi decisivo para a conformación cultural do reino de Galicia, que alcanzou un grande auxe durante o período de rexencia do Arcebispo Xelmírez (s. XII). O camiño de Santiago foi a ponte que comunicou Galicia co resto de Europa, e a través da cal chegaron as novas ideas, aparecendo así a literatura galego-portuguesa ou o románico, que se viña espallando dende Francia dende o século XI. A arte románica logrou en Galicia un arraigamento profundo e unha permanencia longa, polo que as formas góticas tiveron dificultades á hora de aclimatarse nesta terra. A Idade Media remata en Galicia a finais do século XV, co sometemento definitivo de Galicia baixo a Monarquía Hispánica.
Prerrománico
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arquitectura prerrománica en Galicia.
Enténdese por prerrománica calquera manifestación artística que sexa posterior ao período clásico romano e que preceda temporalmente á arquitectura románica, sendo esta unha definición aplicable a toda a arte e arquitectura da Europa occidental. No caso galego, polo tanto, o termo prerrománico pódese aplicar a todas aquelas producións de carácter artístico que se levaran a cabo dende a formación do Reino Suevo no século V ata o espallamento das formas románicas nos séculos XI e XII. Polo tanto, podemos incluír aquí a arte suevo-goda, a denominada asturiana e a de repoboación levada a cabo no territorio galego.
Aínda que sabemos que as edificacións prerrománicas foron numerosas no seu momento, hoxe en día son poucos e moi espallados os vestixios que nos quedan, tendo sufrido todos eles numerosas intervencións ao longo dos séculos. Ademais, moitas construcións románicas (como a propia Catedral de Santiago), foron construídas sobre estas estruturas prerrománicas.
Do tempo no que o Reino Suevo mantivo a súa independencia (séculos V e VI) pouco se conserva no campo da arte. Non se observa innovación artística nin de formas respecto aos séculos anteriores, senón que se manteñen os valores estéticos tardorromanos, desaparecendo algunhas formas en extinción e potenciándose outras xa preexistentes. Chegáronnos algunhas pezas de ourivaría, vestixios de construcións reaproveitados con posterioridade e os relevos das coñecidas como laudas sepulcrais de estola (tapas de sartegos cunha forma que recorda ás estolas eclesiásticas) como a lauda de Modesa, procedente de San Bartolomeu de Rebordáns (Tui). Ademais, sabemos que nesta época está a orixe de San Pedro de Rocas (Esgos), o mosteiro máis antigo de Galicia, en cuxa lápida fundacional indícase o ano 573.
Na época na que o reino suevo cae baixo a dominación visigoda a continuación das formas tardorromanas é tamén evidente[3]. Nesta época podemos situar a Igrexa de Santa Comba de Bande (s. VII), a única igrexa deste período que se conserva na súa integridade. Trátase do único edifico que se conservou dun mosteiro prerrománico a onde se trouxeran as reliquias de San Trocado, a quen estivo dedicada. Outra construción interesante é a Capela de San Xes de Francelos, na que se conservan elementos decorativos e arquitectónicos prerrománicos procedentes das edificacións anteriores á actual, destacando a súa fachada principal con ornamentacións de carácter visigodo.
Estas formas tan apegadas á tradición comezan a variar tras a invasión musulmá, pois a nova situación política dentro do marco da monarquía galego-asturiana fai que cheguen a Galicia as formas do prerrománico asturiano, así como a da coñecida como arte de repoboación, con influencias árabes. Nesta época podemos situar edificacións como a Santuario de Santa María a Real do Cebreiro (s. IX), Santa Eufemia de Ambía (s. IX) ou Santa María de Mixós (s. X). A Capela de San Miguel de Celanova, do século X, trátase dunha xoia extraordinaria da arte de repoboación, na que se poden apreciar as influencias mouriscas. Situada no recinto do antigo xardín do Mosteiro de San Salvador de Celanova, é o único vestixio arquitectónico da construción orixinal do conxunto monástico fundado por San Rosendo.
-
[[Arco visigótico de Panxón
-
Interior da capela de Santa Eufemia de Ambía
-
Santuario de Santa María do Cebreiro
Románico
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arquitectura románica en Galicia.
Primeiro románico
[editar | editar a fonte]A tradición do prerrománico local na área galego-asturiana foi determinante para o desenvolvemento da primeira fase da arte románica no noroeste peninsular, que se sitúa en torno ao século XI. Nesta etapa mantense a planimetría prerrománica á que se lle engaden elementos identificables como románicos na escultura e decoración arquitectónica. Simultaneamente introdúcense en Galicia as formas do románico lombardo (o coñecido como primeiro románico), que se poden apreciar por exemplo na Basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz) ou na Igrexa de San Xoán de Vilanova (Miño).
San Martiño de Mondoñedo é o exemplo máis destacado desta etapa do románico galego, sendo ademais a catedral máis antiga da península, pois xa no século IX foi sé de dous bispados do Reino de Galicia, o de Dumio e o de Britonia. O edificio actual data de finais do século XI, aínda que os contrafortes exteriores son un engadido do século XVIII[4]. Aséntase sobre unha antiga construción prerrománica do século VI, pero nesta época do primeiro románico foi reedificada, non sendo rematado o peche das naves ata o século XIII. Segue, como a Igrexa de Santo Antoniño de Toques, as formas do románico lombardo-catalán, podendo destacar por exemplo a decoración dos capiteis con escenas como o banquete de Herodes ou a historia de Lázaro.
-
Ábsida de S. Martiño de Mondoñedo, Foz
-
Igrexa de San Xoán de Vilanova
-
Detalle da ábsida da igrexa de Santo Antoniño de Toques
A Catedral de Santiago e o románico pleno
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Catedral de Santiago.
No ano 997 Santiago de Compostela foi atacada por Almanzor e as súas hostes musulmás queimaron o templo prerrománico dedicado a Santiago, pero respectaron o sepulcro do apóstolo, o que permitiu a continuidade das peregrinacións. Cara ao ano 1000 o bispo Pedro de Mezonzo mandou a súa reconstrución, pero resultou insuficiente para atender ao gran número de peregrinos. No ano 1075, baixo o impulso do rei Afonso VI e do bispo Diego Páez iniciáronse as obras dunha gran catedral románica, a cargo dos mestres de obra Bernaldino o Vello (quen concibe e deseña o proxecto) e o seu axudante Galperinus Robertus con medio centenar de canteiros, segundo o Códice Calixtino. As obras son continuadas por Diego Xelmírez, e no ano 1101 o Mestre Estevo abandona a cidade de Compostela deixando completadas as capelas do deambulatorio e iniciadas as obras da fachada das Praterías.
Diego Xelmírez foi a figura máis importante na tarefa de impulsar a actividade construtora en Santiago. Aínda que houbo diversas paradas durante a súa construción, a gran cantidade de esmolas conseguidas fixo posible a súa consagración en 1128. En torno ao ano 1140 comeza a terceira etapa construtiva baixo dirección do mestre Mateu, que respectou a organización arquitectónica precedente e, en 1168, inicia o Pórtico da Gloria. Aínda que continuaron as obras ata boa parte do século XIII, a Catedral consagrouse definitivamente o ano 1211. Nos motivos esculpidos nos capiteis da nave pódese confirmar esta evolución dos directores da obra: nos primeiros -a contar dende o cruceiro- aparecen parellas de animais fantásticos ou reais e, ocasionalmente, figuras humanas; nos catro últimos tramos xa son claramente da man do taller de Mateu: follas lisas ou rizadas, ás veces con figuras humanas asomando entre elas; monstros, leóns, dragóns e lobos.
- Artigo principal: Pórtico da Gloria.
O elemento máis destacado da catedral románica é o Pórtico da Gloria, que foi rematado, como indica unha inscrición, o 1º de abril do 1188. Está erixido sobre unha novidosa cripta que salva o desnivel entre as naves e a Praza do Obradoiro. O Pórtico actual non é realmente o resultado da obra do mestre Mateu, xa que algunhas das súas figuras foron retiradas ó construír a actual fachada da Catedral no século XVIII e consérvanse no Museo Catedralicio. Tampouco é obra súa exclusivamente, xa que os especialistas distinguen a man de catro escultores diferentes, como mínimo. A obra orixinal estaba ricamente policromada, como era habitual na imaxinería relixiosa do románico. O pórtico divídese en tres arcos de medio punto que se corresponden con cada unha das tres naves da igrexa, sostidos por grosos piares con columnas encostadas. O arco central posúe tímpano e está dividido por un parteluz coa figura de Santiago. Verticalmente, a franxa inferior está formada polas bases das columnas, decoradas con animais fantásticos, a franxa media está formada por columnas que sustentan as estatuas encostadas dos profetas e apóstolos e a superior polos arcos que coroan as tres portas. No tímpano central represéntase a figura de Cristo en maxestade presidindo o conxunto. Trátase dunha representación iconográfica da historia da Redención ata a súa consumación final[9] a través de diferentes símbolos tomados principalmente da Apocalipse de San Xoán. Este conxunto monumental, creado como entrada principal da catedral, é un dos máis importantes monumentos medievais do mundo e paradigma da evolución que durante a segunda metade do século XII sofre o románico cara ao naturalismo gótico.
- Véxase tamén: Galería de imaxes da catedral de Santiago de Compostela.
A construción da Catedral de Santiago de Compostela supuxo, como é lóxico, un referente para todo o románico galego. Debido a esta centralidade cultural do programa artístico en torno á catedral, a fase central do románico galego recibe a denominación de románico compostelán. Numerosas construcións rurais, menos ambiciosas, reproducen ou imitan formas e estruturas complexas como o falso triforio (dobre piso ou tribuna que non leva chan, a diferenza do modelo imitado). Ademais, a raíz dos traballos nas portas da catedral, especialmente do realizado polo mestre Mateu no Pórtico da Gloria, esténdese un xeito de decorar con gran cantidade de esculturas monumentais as portadas, como no caso da Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao).
Polo xeral, as construcións desta época caracterízanse por presentar grosos muros graníticos con abovedamentos nos que adoitan aparecer materiais máis lixeiros como o ladrillo, tal como se viñera facendo na Galicia altomedieval. Porén, o xeito de artellar a composición do edificio é novidosa, con grande abundancia de arcos de medio punto e columnas acaroadas. Se o presuposto o permitía, o abovedamento levábase a cabo mediante bóvedas de canón, aresta ou forno. En canto ás columnas, raramente aparecen illadas e poden ter decoración tanto vexetal e xeométrica como historiada. A fachada acostuma ser simple, cunha portada constituída por arcos semicirculares (arquivoltas) pousados sobre columnas. En Galicia non abundan as torres-campanario, senón que é máis común a espadana.
Débese ter en conta que estas igrexas non se presentaban tal e como hoxe as podemos apreciar. Do mesmo xeito que na época clásica, os edificios non se consideraban acabados se os muros non estaban recubertos por cal ou pinturas murais. Na Idade Media, a experiencia de entrar nunha igrexa era moi distinta á da actualidade, atopando numerosa pintura tanto en muros como en escultura e columnas (sempre que o orzamento o permitise), así como teas e outras decoracións que colaboraban na experiencia relixiosa. A visión do románico a pedra vista, sinxelo e monocromo é produto da visión romántica do século XIX, e segue moi presente na mentalidade actual.
En Galicia, ao contrario que noutros lugares (como Aragón ou Cataluña), consérvanse escasos restos destas pinturas. Entre eles pode citarse o mapamundi de San Pedro de Rocas e as pinturas do muro sur do cruceiro de San Martiño de Mondoñedo, con escenas dos Avanxeos. Ambos exemplos estarían datados no século XII.
En canto á arte da pintura de miniaturas, destaca o obradoiro que traballou arredor da figura de Diego Xelmírez en Compostela, que realizou obras como o coñecido como Tombo A da Catedral, documento administrativo que inclúe retratos idealizados de reis.
Tardorrománico
[editar | editar a fonte]Na segunda metade do século XII comezan a aparecer unha serie de novidades na arquitectura que anuncian a gran transformación que suporá o gótico, como a bóveda de canón apuntada, os nervios (como na igrexa de San Lourenzo de Carboeiro) ou a falsa bóveda de crucería baixo unha de canón (San Xoán de Portomarín).
Nesta época constrúense tamén as grandes edificacións cistercienses, cun estilo particular, moi austero. Un exemplo é o Mosteiro de Santa María de Oseira, no que aínda se aprecia a influencia compostelá.
-
Interior da Igrexa do Mosteiro de Carboeiro
-
Ábsida de San Xoán de Portomarín
Gótico
[editar | editar a fonte]Non é doado datar a aparición deste estilo en Galicia. Por un lado, algunhas das primeiras formas protogóticas e góticas da Península Ibérica aparecen en territorio galego, como é o caso das esculturas e a cripta do Pórtico da Gloria ou o pórtico occidental da Catedral de Tui. Pero por outro lado, a submisión total á monarquía castelá producida tras a unificación de Castela e León-Galicia en 1230 e a perda de importancia do Camiño de Santiago provocarán unha certa inercia das formas románicas que contaminarán ás góticas e atrasarán moito a difusión deste novo estilo.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]O feito de que as grandes catedrais xa foran comezadas en época románica implica que non se chegou a realizar ningunha en estilo gótico, aínda que si que aparecen elementos deste en construcións románicas que aínda non estaban rematadas (como os casos das catedrais de Tui e Mondoñedo). Así, as formas góticas aparecen sobre todo en conventos e parroquias durante os séculos XIV e XV. Destacan sobre todo a arquitectura das ordes mendicantes (Dominicos e Franciscanos), como o Convento de San Domingos de Bonaval, o de San Francisco de Ourense ou o de San Domingos de Pontevedra.
-
Ruínas de San Domingos de Pontevedra
-
Tímpano gótico do convento de San Domingos de Bonaval
Escultura
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Escultura gótica en Galicia.
O pórtico occidental da Catedral de Tui é o primeiro exemplar de escultura plenamente gótica na Península Ibérica. Ademais de pola súa datación, a gran calidade artística desta obra fai que sexa considerada unha das pezas fundamentais da historia da arte galega. A meirande parte da produción escultórica desta época é de carácter relixioso, como a porta do Colexio de San Xerome na praza do Obradoiro (século XV), pero tamén conservamos grandes pezas de escultura gótica civil, como o sepulcro de Fernán Peres de Andrade o Boo, conservada na Igrexa de San Francisco de Betanzos (s. XIV).
-
Sartego de Nuno Freire de Andrade, o Mao (s. XV), conservado no mosteiro de Monfero
-
Detalle do pórtico da Catedral de Tui (s. XIII)
Pintura
[editar | editar a fonte]Xunto de imaxes ben coñecidas, como as pinturas de Vilar de Donas, obras de conservación realizadas desde finais do século XX en distintas igrexas, en especial de ámbito rural, permitiron rescatar pinturas ao fresco do período tardomedieval (séculos XIV-XVI).
Estas pinturas poden ser case sempre adscritas ao estilo gótico. As da primeira metade do século XV, como Vilar de Donas, deben relacionarse co gótico internacional, mentres as da segunda metade do XV e as dúas primeiras décadas do XVI teñen máis relación coa pintura gótica flamenga. Dentro deste último grupo estarían as pinturas de Santa María de Nogueira de Miño ou a Catedral de Mondoñedo.[10]
Idade moderna
[editar | editar a fonte]A Idade Moderna comezou en Galicia a finais do século XV coa súa inclusión definitiva dentro do proceso de construción do estado absolutista español. o reino de Galicia perdeu iniciativa política e autonomía económica e a súa historia debe ser considerada a partir de entón dentro do marco da española. Ademais, o poder absoluto que tivo a Igrexa Católica sobre o pensamento foi parello ao progresivo afianzamento dos métodos do absolutismo. Empeñada nun intenso programa de moralización, dela dependían o ensino, a asistencia hospitalaria e a beneficencia. Este será o contexto no que se desenvolverá a arte dos séculos XVI, XVII e XVIII no territorio galego.
Renacemento
[editar | editar a fonte]Arquitectura
[editar | editar a fonte]A arquitectura do Renacemento en Galicia está especialmente vinculada ao ámbito relixioso. Isto verémolo incluso cando os promotores sexan civís, como as vellas familias da aristocracia como os Andrade ou os Lemos, sendo este o caso por exemplo do Colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte. É unha época de crecemento dos grandes mosteiros cistercienses e beneditinos, que promoverán grandes remodelacións arquitectónicas das súas vellas fábricas. A fundación dun Hospital Real en Santiago promovida polos Reis Católicos marcou definitivamente a chegada do Renacemento a Galicia (1499), con planta de Enrique Egas. Coa chegada de artistas de Castela, lugar onde o Renacemento estábase a desenvolver en maior medida, chegou tamén o influxo italianizante e clasicista, como é o caso do Claustro da Catedral de Santiago, deseñado por Xoán de Álava. Co remate das obras, Rodrigo Gil de Hontañón levanta a Fachada do Tesouro cara á praza de Praterías. Nesta época podemos salientar tamén a construción do Pazo de Fonseca e, posteriormente, a da Igrexa do Mosteiro de Santa María de Montederramo ou o xa nomeado Colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos (nun estilo que avanza cara ao manierismo).
-
Portada do Hospital Real, dos franceses Martín de Blas e Guillén Colás
-
Colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos, ss. XVI-XVII
-
Parte superior da fachada da Basílica de Santa María A Maior de Pontevedra, de Cornielles de Holanda e João Nobre (s. XVI)
-
Pazo dos Condes no castelo de Monterrei
Escultura
[editar | editar a fonte]A escultura do Renacemento en Galicia deuse principalmente na realización de retablos. Pero moi poucos deles chegaron até hoxe; en primeiro lugar, porque despois das reformas litúrxicas moitos foron desmontados, levando as esculturas a outros lugares e, en segundo lugar, porque o estilo barroco entrou con moita forza en Galicia e case todos os retablos foron cambiados. A escultura renacentista comeza no primeiro cuarto do século XVI, pero os retablos que mellor se conservan datan entre 1590 e 1605.
Foi o mestre Cornielles de Holanda quen achegou coas súas obras unha importante influencia nórdica. Traballou desde finais do gótico, estilo que sempre estará presente na súa obra. Entre as súas obras podemos destacar o gran retablo da Catedral de Ourense, rematado en 1520 ou o da catedral de Lugo, en 1534.
Como grande exemplo do Renacemento escultórico en Galicia pódense citar as estatuas da fachada do Mosteiro de San Martiño Pinario, do escultor portugués Mateo López. Esta fachada, comezada en 1598 e rematada en 1645, presenta gustos platerescos e ten estrutura de retablo dividido en tres plantas construídas en ordes corintia e composta. Mostra as figuras da Virxe co Neno e varios santos e abades da orde beneditina. No período romanista houbo tamén unha grande actividade. En Ourense traballou a partir de 1587 Juan de Angés el Mozo, escultor leonés, seguido por Gregorio Español que fixo un gran traballo no retablo maior da igrexa de Santa María de Castro Caldelas. Este período chegou ata os primeiros anos do século XVII.
-
Detalle das esculturas de Mateo López no Mosteiro de San Martiño Pinario
-
Retablo maior da catedral de Ourense, de Cornielles de Holanda
Pintura
[editar | editar a fonte]Continuando a tradición das pinturas ao fresco tardomedievais, a partir de 1520 comezarían a introducirse elementos do gusto renacentista e manierista, como un maior detalle anatómico ou elementos decorativos como grotescos e candelieri. Así por exemplo, en Santiago de Requeixo, a musculatura e a disposición dos corpos ten unha clara inspiración miguelanxelesca, mentres en Santa Baia de Banga ou Santa María de Mugares úsanse motivos alegóricos extraídos dos Emblemas de Alciato.
Fóra da pintura relixiosa non conservamos máis restos que os da torre da homenaxe do pazo de San Miguel das Penas. No primeiro e segundo andar da torre conservamos escenas pastorís e de caza, motivos heráldicos e mesmo un Xuízo de París.[11] Así mesmo, sabemos que na terceira e cuarta década do XVI se decorou con motivos vexetais a sala grande do pazo de Fonseca ou do pazo de Altamira en Compostela. A partir destes restos é posible deducir que a decoración pictórica sería habitual tamén nas residencias da nobreza.[12]
Barroco
[editar | editar a fonte]O contexto económico dos séculos XVII e XVIII fixo deste momento un dos períodos álxidos da historia da arte galega, ben baixo o amparo do sector eclesiástico, ben en forma de pazos rurais para a baixa nobreza. O centro de creación artística do momento será Santiago de Compostela, cidade que foi barroquizada en gran medida ata acadar boa parte do aspecto que conserva hoxe en día o seu centro histórico. Os sucesivos arcebispos e cabidos promoverán un engrandecemento artístico da catedral para devolver o culto xacobeo ó lugar que fora perdendo ao longo dos séculos. Destaca sobre todo a figura de Antonio de Monroy, quen gobernou a diocese entre 1686 e 1715. Os mosteiros da cidade, como San Martiño Pinario, San Paio de Antealtares, Santa Clara ou Belvís tamén promoven unha renovación das súas fábricas.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Durante o século XVIII desenvolveuse o barroco compostelán, que se caracteriza, entre outras cousas, pola busca da inestabilidade nas superficies, a sensación de profundidade, a importancia da masa das placas graníticas ou a creación de fachadas-telón. Un dos persoeiros fundamentais para comprender este desenvolvemento da arte barroca na cidade compostelá é José Vega y Verdugo, quen en 1658 redacta o informe sobre as reformas que precisaba a Catedral. As reformas da basílica foron levadas a cabo por varios arquitectos como José de la Peña de Toro, Domingo de Andrade (o máis importante dos arquitectos do momento), Fernando de Casas Novoa, Simón Rodríguez, Lucas Ferro Caaveiro ou Clemente Fernández Sarela. Ademais, estes arquitectos foron os que levaron a cabo as máis importantes construcións do barroco galego como o Claustro da Catedral de Lugo, a Casa do Cabido ou a fachada do Convento de Santa Clara.
-
Torre da Berenguela ou do Reloxo da Catedral de Santiago, de Domingo de Andrade (1676-80)
-
Escaleira tripla de San Domingos de Bonaval (ca. 1700)
-
mFachada do convento de Santa Clara de Santiago de Compostela, de Simón Rodríguez (1719)
-
Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, de Juan Vázquez de Samos e Fernando de Casas Novoa (1735)
-
Casa do concello de Lugo, de Lucas Ferro Caaveiro (1736-1744)
-
Casa do Cabido, de Clemente Fernández Sarela (1758)
Escultura
[editar | editar a fonte]A escultura tamén acadou un gran desenvolvemento durante a época barroca en Galicia. A figura de Francisco de Moure implica a transición dende o manierismo cara ao barroco, a través dunha grande expresividade en rostros e xestos. O escultor de Sarria Gregorio Fernández é quen determina o rumbo estilístico que o barroco pleno tomará en Galicia. Mateo de Prado realizaría obras de grande importancia como o retablo maior da igrexa de Montederramo (ca. 1666) ou varias imaxes para a Catedral de Ourense ou o convento de San Domingos da Coruña. Créase neste momento un estilo que será seguido por artistas posteriores como Pedro Taboada, Miguel de Romay e Diego de Sande, sobre todo en ámbito compostelán. Xa do século XVIII foron Benito Silveira ou Xosé Gambino, sendo este último o que marca a etapa final do barroco galego na escultura.
-
Retablo de Nosa Señora do Socorro en San Martiño Pinario (1668), no que traballaron algúns dos artistas máis destacados do momento
-
Coro do mosteiro de San Martiño Pinario, de Mateo de Prado
-
Cristo xacente, de Gregorio Fernández (1627)
-
San Roque de Gambino, de Xosé Gambino
Pintura
[editar | editar a fonte]A falta de escolas e de tradición pictórica provocaron que as pinturas deste período sexan escasas e de non moita calidade. Exceptuando pinturas murais en catedrais e igrexas e algunhas partes pintadas de retablos e relicarios, non hai moitos nomes salientábeis. Antonio Puga, por exemplo, tiña orixe galega pero desenvolveu o seu labor en Madrid, dentro dun estilo moi semellante ao de Velázquez. Por outro lado, Xoán Antonio García de Bouzas era o pintor máis recoñecido do momento en Galicia, sendo as súas pinturas máis famosas as que realizou na catedral compostelá.
-
Pinturas sobre a bóveda do altar maior da Catedral de Lugo, de José de Terán (1778)
-
Aprobación da regra de San Francisco polo papa Inocencio, de Xoán Antonio García de Bouzas
-
A nai do pintor, de Antonio de Puga
Neoclasicismo
[editar | editar a fonte]O estilo neoclásico foi realmente prematuro en Galicia por unha serie de casualidades de carácter máis administrativo que artístico. A chegada de enxeñeiros técnicos da Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid a Santiago de Compostela significou o comezo da imposición deste estilo academicista fronte ao barroco propiamente autóctono e xenuíno.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]O arquitecto galego Domingo Lois Monteagudo foi o encargado de rematar a Porta de Acibechería (1769) e a Capela da Comuñón da Catedral compostelá, sendo este o primeiro momento no que aparecen elementos neoclasicistas na arquitectura galega. Porén, o estilo realmente comezou a estenderse e a ter privilexio no país grazas a un grupo de enxeñeiros pertencentes ao corpo militar que se encontraban en Galicia por mor das empresas reformistas borbónicas (construción de fortificacións, redes viarias, o arsenal de Ferrol...). Estes enxeñeiros tiñan unha importante formación técnica e unha marcada estética racionalista. Ademais das construcións de carácter técnico militar, foron os quen realizaron algúns dos proxectos máis singulares do momento en Galicia. Dous dos máis destacados enxeñeiros pertencentes a este grupo son o francés Carlos Lemaur (autor dos planos do Pazo de Raxoi de Compostela) e o conquense Julián Sánchez Bort (quen deseñou a fachada da Catedral de Lugo).
-
Pazo de Raxoi (1772), actual Casa do Concello de Santiago de Compostela
-
O enxeñeiro militar Eustaquio Giannini acometeu entre 1788 e 1790 a restauración da Torre de Hércules da Coruña en estilo neoclásico
-
Fachada da catedral de Lugo
-
Fachada da Acibecharía da catedral de Santiago
Escultura e pintura
[editar | editar a fonte]No eido da escultura, ademais de nomes como os de Antonio Fernández o vello ou Manuel de Prado Mariño, cómpre destacar sobre todo o de Xosé Ferreiro, autor de numerosas obras que se poden atopar sobre todo en igrexas compostelás. Na pintura volve haber unha ausencia de nomes importantes e de grandes encargos, aínda que se poden destacar os traballos de artistas como Manuel Arias Varela, Gregorio Ferro, Agustín Robles ou Juan José Cancela del Río.
-
"San Mateu", obra de Xosé Ferreiro situada na sancristía de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela
-
"A Virxe co Neno e San Xoaniño", de Gregorio Ferro (seguindo a Hans Rottenhammer), colección particular
Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]Século XIX
[editar | editar a fonte]Arquitectura
[editar | editar a fonte]Na primeira metade do século o estilo predominante continuará a ser o estilo neoclasicista e académico que se impuxera a finais do século anterior. Non é unha época de gran desenvolvemento da arquitectura, xa que as continuas crises cambiaran o panorama respecto ás décadas anteriores. Porén, a partir de mediados do século, comezará a desenvolverse o estilo eclecticista, en ocasións de carácter historicista, que transformará notablemente o panorama da arquitectura galega do momento. Neste novo estilo escolleranse elementos arquitectónicos de diferentes épocas para unilos cunha liberdade que era impensable durante o período neoclasicista. Algúns dos nomes máis destacados da arquitectura deste momento son os de Faustino Domínguez, Rodríguez Sesmero ou Manuel Felipe Quintana Ochaita. É un estilo que tivo grande fortuna, e que se desenvolverá ata a primeira metade do século XX, xa en convivencia co modernismo.
-
Casa do Concello de Pontevedra, de Rodríguez Sesmero, 1880
-
Palacio Provincial e Teatro Principal (actual Teatro Rosalía de Castro) da Coruña, de Faustino Domínguez Domínguez (1865)
-
Igrexa de Santo André da Coruña, de Faustino Domínguez Coumes-Gay (1884-1890)
-
Edificio El Moderno en Vigo, Michel Pacewicz (1897-1902)
Pintura e escultura
[editar | editar a fonte]De novo, é na segunda metade do século cando podemos falar de certo avance no eido artístico. Na escultura destacará a tendencia naturalista de artistas como Juan Sanmartín, Isidoro Brocos, Ramón Núñez ou Rafael de la Torre.
É neste século cando xorde a primeira xeración de pintores galegos, comezando a tradición que chega ata os nosos días. É o caso de Jenaro Pérez Villaamil e Juan José Cancela del Río, enmarcado dentro da corrente romántica; Serafín Avendaño, cunha pintura de carácter naturalista; Modesto Brocos, na vertente do realismo costumista e Dionisio Fierros, precursor da pintura rexionalista. Este aumento de pintores no contexto da arte galega explícase polo cambio social que supuxo a aparición dunha pequena burguesía cuns valores diferentes aos da pequena aristocracia tradicional.
O século péchase coa coñecida como Xeración Doente, un grupo formado por Jenaro Carrero, Ovidio Murguía, Parada Justel e Joaquín Vaamonde, promesas da pintura galega no auxe do realismo que finaron todos prematuramente en torno ao ano 1900 por mor da tuberculose.
-
Villaamil: O Pórtico da Gloria (1849)
-
Ovidio Murguía de Castro: Rosalía morta (1885)
-
Paisaxe con galega, de Serafín Avendaño (1891)
-
Concepción Arenal (1896), por Isidoro Brocos, Museo de Pontevedra
Século XX
[editar | editar a fonte]Arquitectura
[editar | editar a fonte]A comezos de século desenvólvese xunto ao eclecticismo de arquitectos como Pedro Mariño a corrente modernista, especialmente nas cidades como A Coruña, onde tivo gran desenvolvemento. Pódense destacar os nomes de Julio Galán Carvajal, Rafael González Villar e Antonio López Hernández. Por outro lado destacan Antonio Palacios, Leoncio Bescansa e Manuel Gómez Román cun estilo historicista moi particular e autóctono.
Na obra de Antonio Tenreiro obsérvase a transición dende o modernismo, o eclecticismo e o art-nouveau cara a unha arquitectura de carácter máis racionalista, coa que a arquitectura galega entra plenamente na modernidade. Foi o encargado de deseñar o edificio do Banco Pastor da Coruña, o cal foi o primeiro rañaceos do país.
Desde entón apareceu un conxunto de arquitectos que en maior ou menor medida intentaron achegar a liña moderna da arquitectura internacional ao contexto galego, como Xosé Bar Boo, César Portela, Carlos Fernández Gago, Franco Taboada ou Iago Seara. Cabe destacar o pulo que a creación do Colexio de Arquitectos de Galicia (1973) e a Escola Superior de Arquitectura da Coruña (1975) supuxo para a creación arquitectónica galega.
-
Pazo Municipal da Coruña, de Pedro Mariño (1914)
-
Banco Pastor da Coruña, de Antonio Tenreiro Rodríguez (1921)
-
Fábrica de Coca-Cola na Coruña, de Fernández-Albalat e Antonio Tenreiro (1960)
-
Faro de Punta Nariga, de César Portela (1995)
Escultura e pintura
[editar | editar a fonte]A principios do século XX, destacaron algúns pintores alleos ás vangardas e máis próximos ao modernismo e ao impresionismo como Fernando Álvarez de Sotomayor, Francisco Lloréns, Alfredo Souto, Xesús Corredoyra, Felipe Bello Piñeiro ou Germán Taibo.[13] Nesta época foi importante tamén a ilustración, tanto en revistas como en carteis e publicidade, faceta en que traballaron Máximo Ramos, Álvaro Cebreiro, os debuxantes da revista Alfar Luís Huici e Francisco Miguel e especialmente Daniel Rodríguez Castelao.[14]
No século XX houbo unha xeración de artistas que crean unha escola galega que conecta coas correntes internacionais, chamados Os Novos ou Renovadores da arte galega, con nomes como os de Francisco Asorey, Arturo Souto, Camilo Díaz, Carlos Maside, Luís Seoane, Laxeiro, Colmeiro ou Isaac Díaz Pardo. Dentro do movemento surrealista destacaron Maruxa Mallo e os irmáns Eugenio e Mario Granell, que marcharon de Galicia, ou Urbano Lugrís.[15]
Na posguerra apareceron pintores como Manuel Pesqueira, Manuel Prego de Oliver, José Frau, Xulia Minguillón, Felipe Criado e Isaac Díaz Pardo, que serviron de ponte ás correntes xurdidas a partir da década dos sesenta como a abstracción e a pintura neofigurativa, nas que destacaron Antonio Lago Rivera, Luís Caruncho, Leopoldo Nóvoa, Xosé Lodeira, Alfonso Abelenda, Reimundo Patiño, Xaime Quessada, Elena Gago, Alberto Datas, Rafael Baixeras, Antón Lamazares, Menchu Lamas, Xabier Correa Corredoira.[16]
A escultura das décadas de 1950 e 1960 ampliou a linguaxe tradicional con autores como Xoán Piñeiro, Buciños, Xosé Cid, Camilo Otero, Acisclo Manzano, Silverio Rivas e Leopoldo Nóvoa. Escultores posteriores foron Mon Vasco, Ramón Conde, Juan Oliveira e Elena Colmeiro.[17]
-
Monumento a Curros Enríquez na Coruña, de Francisco Asorey (1934)
-
Cartel a prol do Estatuto de Galicia de 1936
-
Vista da Coruña 1669, de Urbano Lugrís (c. 1950-1959)
-
Aperta na Coruña, de Mon Vasco
-
Monumento a Concepción Arenal en Ferrol, de Xosé Cid (1987)
-
Monumento ao traballo en Vigo, de Ramón Conde (1991)
Outras manifestacións artísticas
[editar | editar a fonte]No século XX desenvolvéronse novas manifestación artísticas (fotografía, cinema, deseño, banda deseñada...) que tamén se viron reflectidas na arte galega:
- Desde mediados do século distintos fotógrafos traballaron especialmente nas cidades, moitos deles con intencións artísticas, como Luís Casado, Manuel Ferrol, Virxilio Viéitez ou Manuel García Ferrer.[18]
- O cinema, á marxe de pioneiros como Xosé Gil ou José Signo non tivo unha grande importancia ata as décadas de 1970 e 1980, cando xurdiron figuras como Xavier Villaverde, Chano Piñeiro ou Jorge Coira.[19]
Século XXI
[editar | editar a fonte]-
Carapuchiña feroz de Susana Llorente e Carlos Fernández en Carballo (2014)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Manuel A. Castiñeiras González e Fátima Díez Platas, Profano y pagano en el arte gallego SEMATA N.º 14, USC, 2003 (en castelán).
- ↑ Museo Diocesano Catedralicio de Lugo Arquivado 09 de decembro de 2013 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Collins. La España Visigoda, 409 -711. Barcelona, Crítica, 2005. páx. 202.
- ↑ Sistema Galego de Museos. «Museo Parroquial de San Martiño de Mondoñedo». Consultado o 13 de maio de 2014.
- ↑ Moralejo, Serafín: "ADÚLTERA, A", na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
- ↑ "En todos eles salienta o naturalismo que, na face de Daniel, acada a representa-lo sorriso, o que permite comparalo coas mellores esculturas do gótico francés de entón... ". Yzquierdo Perrín, Ramón. Artigo "PÓRTICO" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
- ↑ "El maestro Mateo es la figura decisiva de los primeros momentos, el creador de la obra más valiosa hecha en Galicia, el Pórtico de la Gloria, inaugurado en 1188. Encasillado erróneamente en el románico...". Cegarra Martínez, Basilio. Atlas Arte. Galicia. Capítulo 16 ESCULTURA GÓTICA, páx. 40.
- ↑ "A arte francesa, en especial a procedente de Saint-Denis e da Borgoña, inflúe no mestre Mateu e nas súas execucións, no século XII, á fronte do Pórtico da Gloria... Reflíctese aquí, pois, o xermolo do gótico, o gótico temperán ou protogótico, no que aínda aparecen elementos da tradición románica..." Sicart Giménez, Ángel. Artigo "GÓTICO" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
- ↑ Moralejo, Serafín: O pórtico da Gloria. Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2008.
- ↑ Suárez Ferrín, Alicia (2005). "La iconografía medieval en los murales gallegos de los siglos XIV, XV y XVI. Una vista panorámica". Anuario Brigantino (28): 303–350.
- ↑ "Pinturas de San Miguel das Penas". Fundación Casa Ducal de Medinaceli. Consultado o 13/5/2023.
- ↑ Suárez Ferrín, Alicia (2005). "La iconografía medieval en los murales gallegos de los siglos XIV, XV y XVI. Una vista panorámica". Anuario Brigantino (28): 303–350.
- ↑ Cegarra 1999, pp. 131-133.
- ↑ Cegarra 1999, pp. 133-134.
- ↑ Cegarra 1999, p. 138.
- ↑ Cegarra 1999, pp. 139-142.
- ↑ Cegarra 1999, pp. 124-128.
- ↑ Cegarra 1999, pp. 143-145.
- ↑ Cegarra 1999, pp. 145-146.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Galicia |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arte de Galicia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alonso Rial, Eugenio; Pallares, Carmen; Portela, Ermelindo e outros. Atlas histórico. Galicia. Vigo (1998): Nigra Trea.
- Bango Torviso, I.G. (1987). Galicia románica. Vigo: Editorial Galaxia. (trad. de Pepe Carballude).
- Bonet Correa, Antonio e Bouza Álvarez, José Luis, artigo "Arte", sección "Historia da arte galega", na GEG.
- Cegarra Martínez, Basilio (1992). Guía da Arte de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. p. 507. ISBN 84-7154-847-X.
- —————— (1995). Atlas Arte. Galicia. Vigo: Nigra. p. 104. ISBN 84-87709-43-5.
- —————— (1999). Guía e rutas da arte. Épocas e estilos. Vigo: Editorial Galaxia. p. 178. ISBN 84-8288-324-0.
- García, Valle e López (1990) (en castelán). Enciclopedia temática de Galicia. Arte (vol. 5). Barcelona: Ediciones Nauta. pp. 240, ISBN 84-278-1210-8
- González, Meijide, Acuña, Pita, Valle, Caamaño, García, Ríos, Vigo, González et alii (1990). A arte galega. Estado da cuestión. A Coruña: CCG. ISBN 978-84-87172-57-1.
- López Bernárdez, Carlos (2005). Breve historia da arte galega - Breve historia del arte gallego (en bilingüe). Nigra Trea.
- López Carreira, Anselmo (2019). Arte e escritura na Galicia medieval. Xerais. ISBN 978-84-9121-561-5.
- Valle Pérez, Xosé Carlos (1991). Imaxes da arte en Galicia. A Coruña: Fundación Barrié. p. 277. ISBN 84-87819-11-7.
- Vázquez Varela, J.M.; García Iglesias, J.M. e outros (1982) (en castelán). Historia del Arte Gallego. Madrid: Editorial Alhambra.
- Vázquez Varela, J.M.; Yzquierdo, Ramón; García, José Manuel e Castro, X. (1996)(en bilingüe). 100 obras mestras da Arte Galega. Nigra Arte. ISBN 84-87709-50-8
- Vilar Álvarez, M. (coord.) (1998): Historia da Arte Galega (I). Prehistoria. Arte Castrexa. Arte da Romanización. Vigo: A Nosa Terra
- Yzquierdo Perrín, Ramón (1993 e 1996). Arte Medieval (I e II) na colección "Galicia Arte", Tomos X e XI. A Coruña: Hércules.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Museo Carlos Maside Arquivado 21 de setembro de 2015 en Wayback Machine.
- Museo de Belas Artes da Coruña
- Museo Provincial de Lugo
- Museo de Pontevedra
- Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
- Museo do Pobo Galego
- Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León"
- Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)
- Fundación Luis Seoane
- Museo Centro Gaiás
- Colección Afundación