Saltar ao contido

Requeixo, Chantada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Requeixo
Ábsida da igrexa de Santiago de Requeixo.
ConcelloChantada[1]
ProvinciaLugo
Coordenadas42°36′47″N 7°52′09″O / 42.6129664, -7.86925267
Área10,04 km²
Poboación128 hab. (2020)
Densidade12,75 hab./km²
Entidades de poboación17[1]
editar datos en Wikidata ]

Santiago de Requeixo é unha parroquia que se localiza no concello de Chantada. No ano 2020 tiña unha poboación de 128 habitantes (60 homes e 68 mulleres) segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística[2]. Supón un descenso respecto ao ano 2011, cando contaba con 166 veciños, e 2004, cando tiña 192.[3]

Toponimia

[editar | editar a fonte]

O nome da parroquia é un orónimo ben descritivo da súa xeografía, pois se atopa nas abas orientais da serra do Faro que descenden á conca do río Miño.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

A parroquia de Requeixo, con 10,04 km², é a terceira en extensión despois das da Laxe e de Nogueira. Está a 14 km da vila de Chantada, na parte baixa do monte Faro, que acada 1187 metros. A zona habitada da parroquia sitúase a unha altitude de entre 600 e 700 metros.

Dispón de abundantes mananciais e regatos. A montaña do Faro e as súas ladeiras están poboadas de árbores que supoñen unha fonte de riqueza para a zona. Destacan grandes exemplares de castiñeiros. Dende a montaña antes citada pódese gozar de amplas vistas panorámicas. En días claros chega a se albiscar a central térmica de Meirama, na comarca coruñesa de Ordes. Así mesmo esta montaña acubilla distintas especies de caza. Ultimamente pódense encontrar exemplares de caza maior, como o gamo ou o xabaril, entre outros.

Ermida de Nosa Señora do Faro en Chantada.

No monte Faro atópase a ermida dedicada á Nosa Señora do Faro,[4] onde se celebran romarías os días 15 de agosto, e 7, 8 e 9 de setembro, xa descritas polo trobador Xoán de Requeixo nas súas cantigas de amigo no século XIII. O día 7 de setembro sóbese a Virxe en romaría deica a ermida, que dista uns 4 quilómetros da igrexa parroquial de Requeixo, mentres que o día 9 vólvese baixar.

A parroquia de Requeixo no momento de máximo esplendor chegou a ter preto de 1.000 habitantes. O val de Requeixo é moi rico en gandaría polos seus amplos pasteiros.

Economía

[editar | editar a fonte]

Requeixo dispón de medianos saltos de auga onde se produce enerxía eléctrica e que outrora servían para mover as aceas. En tempos recentes descubríronse minas moi abundantes en estaño, as cales atraeron moitos foráneos para a súa explotación.

Tradicionalmente moitas mulleres de Requeixo traballaron como tecelás, entre as que se lembran especialmente as irmás Elvira e Evangelina. Os seus traballos eran coñecidos e apreciados en todo o país e mesmo tamén noutras rexións, como en Madrid. Tamén destacaron artesáns de ebanistaría.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

Entre o seu patrimonio monumental, salienta a igrexa románica de Santiago de Requeixo, do século XII, situada no lugar de Fontela. Nela destaca o tímpano embutido nunha parede lateral, que pertenceu á portada románica actualmente desaparecida. Ten un repertorio variado de canzorros de gran calidade, e no interior, interesantes pinturas murais do século XVI[5].

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Requeixo

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Requeixo no concello de Chantada (Lugo)

Alence | O Cabo | Caíbe | A Campaza | O Campo | Eiravedra | Fondoreses | Fontela | A Lama | O Pacio | O Pereiro | Río | Vila do Monte | Vilasusá | Viloira | Xillán de Abaixo | Xillán de Arriba

Parroquias de Chantada

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Chantada

Adá (Santa Baia) | Arcos (Santa María) | Argozón (San Vicente) | Belesar (San Bartolomeu) | Bermún (Santa María) | Brigos (San Salvador) | Camporramiro (Santa María) | Chantada (Santa Mariña) | Esmeriz (Santa Mariña) | Esmoriz (San Xillao) | Fornas (San Cristovo) | A Grade (San Vicente) | A Laxe (San Xoán) | Líncora (San Pedro) | Mariz (San Martiño) | O Mato (San Xillao) | Merlán (San Tomé) | O Monte (San Miguel) | Mouricios (San Cristovo) | Muradelle (San Paio) | Nogueira de Miño (Santa María) | Pedrafita (Santa Baia) | Pereira (San Mamede) | Pesqueiras (Santa María) | Requeixo (Santiago) | Sabadelle (Santa María) | San Fiz de Asma (San Fiz) | San Pedro de Viana (San Pedro) | San Salvador de Asma (San Salvador) | San Xurxo de Asma (San Xurxo) | Santa Cruz de Viana (Santa Cruz) | Santa Uxía de Asma (Santa Uxía) | Santiago de Arriba (Santiago) | A Sariña (San Vicente) | Veiga (San Xoán) | Vilaúxe (San Salvador)

  1. 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
  2. "Instituto Nacional de Estadística. (Spanish Statistical Institute)". www.ine.es. Consultado o 2021-02-18. 
  3. "www.concellodechantada.org". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2012. Consultado o 29 de decembro de 2012. 
  4. do Faro Requeixo, Chantada na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  5. X. Lois García, Simboloxía do Románico de Chantada, Lugo, 2010, pp. 177-192

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]