Diocese de Iria
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Galicia | |||
Provincia | Provincia da Coruña | |||
Concello | Padrón | |||
Parroquia | Iria Flavia | |||
Sucedido por | diocese de Santiago de Compostela | |||
Catedral | Igrexa de Santa María de Iria Flavia (–1095) | |||
A diocese de Iria (en latín: Diocesis Iriensis) foi unha sede territorial galega da Igrexa Católica localizada en Iria Flavia, Padrón, predecesora da Diocese de Santiago de Compostela e finalmente da Arquidiocese de Santiago de Compostela.
Historia
[editar | editar a fonte]O asentamento galaico-romano de Iria Flavia, antiga capital do pobo galaico dos caporos,[1] xa era a finais do século IV un centro económico-social de suficiente relevancia como para conformarse nela un centro eclesiástico.
Durante o Reino Suevo, para restaurar a ortodoxia católica establecéronse en Galiza nove dioceses, entre elas Iria Flavia, mencionadas no Parochiale suevorum. A lista dos bispos de Iria presentes nos concilios e sinalados noutras fontes comeza no século VI con Andreas.[2]
Así pois, a fundación da diocese establecese tradicionalmente entre o século IV e VI. Desde o Primeiro Concilio de Braga asume formalmente un número de parroquias (nome co que se designaban aos antigos arciprestados) que van desde o río Verdugo ata o Arco Ártabro.
Non parece haber ningunha razón comercial ou política para situar un bispo en Iria Flavia, aínda que as escavacións identificaron un santuario que data tamén da segunda metade do século VI. As reliquias que foron identificadas con Santiago o Maior e que foron trasladadas a Compostela puideron determinar orixinalmente a localización da diocese en Iria, para controlar un xacemento xa santificado. De tódolos xeitos, tamén se ten sostido que viría a substituír o antigo bispado de Aquae Celenae (actual Caldas de Reis) que, no seu momento, foi un municipium romano e un centro administrativo con máis importancia que Iria.
Baixo Adaulfus II, a cidade foi destruída polos piratas viquingos, o bispo refuxiouse tras as murallas de Compostela. Pronto solicitaron a Ordoño II e ao Papa Nicolao I que lles permitise trasladar a sé de Iria a Compostela (c. 860), preto da igrexa de Santiago (fundada c. 835). Tanto o papa como o rei consentiron, a condición de que a honra da sé fose repartida entre os dous lugares. A partir da segunda metade do século IX os bispos desta sé son coñecidos como Irienses ou Sancti Jacobi, mesmo ecclesiae apostolicae sancti Jacobi e finalmente como Compostellani.[3]
No 1024 gañou territorio da suprimida Diocese de Tui, só para perdelo en 1069 para (re)establecer a Diocese de Tui.
No 1095, por reverencia ao corpo e ao sepulcro de Santiago, Urbano II, mediante unha bula no 5 de decembro, retirou a Iria ao seu rango episcopal e trasladou a sé na súa totalidade a Compostela, en favor do bispo cluniacense Dalmacio, presente no Concilio de Clermont ese mesmo ano. Ao mesmo tempo Urbano eximíao da autoridade de metropolitano e fíxoo inmediatamente sometido á Santa Sé.
Sobre o ano 1100 Diego Xelmírez, bispo de Compostela, reconstruíu a antiga igrexa catedralicia de Santa María Adina,[4] que fora destruída por Almanzor. As escavacións revelaron que o xacemento foi construído sobre cimentos romanos e atopouse unha figura votiva romana dun touro.[5]
Necrópole
[editar | editar a fonte]A igrexa, o adro e parte do contiguo cemiterio ocupan unha extensa necrópole datada a partir do século V. No templo está un dos órganos máis valiosos de Galicia. Amais de lápidas e sartegos contemporáneos (como o de Camilo José Cela, nomeado marqués de Iria Flavia por Xoán Carlos I), á beira da igrexa de Santa María consérvase unha ampla colección de sartegos e laudas, en distinto estado de conservación. Son sartegos monolíticos, escavados con forma antropomorfa e tampa tamén monolítica lisa ou en dobre estola. Nalgunhas das laudas aprécianse signos gremiais como nas de Noia. Atopáronse tamén outros construídos con laxes, perpiaños ou ladrillos. Nalgúns casos consta que se trata de elementos construtivos de antigas obras romanas. A documentación histórica do século XII indica que na igrexa existiu un panteón no que estaban sepultados até vinte e oito bispos da diocese.[6]
Lista dos bispos
[editar | editar a fonte]Nome | Período | Notas |
---|---|---|
André | fl. 561 – 572 | Asinou as actas do Primeiro Concilio de Braga e do Segundo Concilio de Braga. |
Domingos | fl. 589 | Asinou as actas do III Concilio de Toledo. |
Samuel | fl. 633 | Asinou as actas do IV Concilio de Toledo. |
Gotomar | fl. 638 – 646 | Asinou as actas do VI Concilio de Toledo e do VII Concilio de Toledo. |
Vincibil | fl. 653 | Asinou as actas do VIII Concilio de Toledo. |
Ildulfo-Felix | fl. 675 – 688 | Asinou as actas do Terceiro Concilio de Braga, do XII Concilio de Toledo, do XIII Concilio de Toledo e do XV Concilio de Toledo. |
Selva | 694 – 702/3 | Durante o reinado de Vitiza. |
Leonesindo | fl. 709 | |
Emila | 718 – 737 | Durante o reinado de Paio. |
Román | 757 – 768 | Durante o reinado de Froila I. |
Agostiño | ? | Durante o reinado de Froila I. |
Honorato | ? | Durante o reinado de Froila I. |
Vincelio | 768 – 774 | Durante o reinado de Aurelio. |
Cresconio I | 774 – 783 | Durante o reinado de Silo. |
Vaula | 783 – 789 | Durante o reinado de Mauregato. |
Quendulfo | fl. c. 790 – 818 | Durante o reinado de Vermudo I. |
Teodomiro | c. 818 – 847 | Descubriu a tumba de Santiago no 830. |
Ataúlfo I | c. 847 – c. 851 | |
Ataúlfo II | c. 851 – c. 867 | Iria foi destruída polos piratas viquingos. Trasladou a sé de Iria a Compostela. |
Bispos de Iria Flavia e da Sé Apostólica | ||
Sisnando I | c. 877 – 920 | |
Gundesindo | 920 – 924 | |
Hermenexildo | 924 – 951 | |
Sisnando II | c. 951 – 958? | Fillo do conde Hermenexildo Alóitez. |
958 – 970/77 | Sé vacante. | |
Rosendo | 970 – 977 | Administrador apostólico. |
Paio Rodríguez | 977 – 985 | |
Pedro | c. 985 – 1003? | |
Paio Díaz | fl. 1007 – 1011 | |
Vímara Díaz | fl. 1011 – 1013? | |
Vistruario | c. 1014 – 1036? | |
Servandus | ? | Existencia en dúbida. |
Cresconio II | 1037? – 1066 | |
Gudesteo | 1066? – 1070? | |
Diego Peláez | 1071? – 1088? | Primeira vez. |
Pedro II | 1088 – 1090 | |
Diego Peláez | 1090 – 1094 | Segunda vez. |
Dalmacio | 1094 – 1095 | Primeiro bispo do rito Latino. Retirouse o rango episcopal a Iria e trasladouse a sé na súa totalidade a Compostela. |
Bispado Titular
[editar | editar a fonte]Na actualidade goza do título de bispo titular desta diocese Ernst Franz Gerd Werner Dicke.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ López Cuevillas, Florentino (1953). La civilización céltica en Galicia. Porto. p. 53. Consultado o 11 de xuño de 2020.
- ↑ "OBISPADO DE IRIA FLAVIA". geocities.com. Archived from the original on 26 de outubro de 2009. Consultado o 2023.
- ↑ Catholic Encyclopedia
- ↑ Gran Enciclopedia Galega, s. v. Adina.
- ↑ "CORPUS ARTIS GALLAECIAE". uc.pt. Arquivado dende o orixinal o 05 de abril de 2005. Consultado o 2023.
- ↑ Carrero Santamaría, Eduardo (2004). "Paraliturgia, ajuar hagiográfico y lugares de enterramiento en torno a los obispos santos de Galicia y de León entre los sgilos IX y XI" (PDF). Porta da aira: revista de historia del arte orensano (10).