Paleolítico superior
O Paleolítico superior é o período da Prehistoria caracterizado polo dominio do home moderno en Europa (Homo sapiens), con desenvolvemento de novas técnicas (láminas líticas, industria ósea) e a explosión da arte prehistórica. Cronoloxicamente o seu inicio sitúase arredor de 40.000 a.n.e. e o seu final sobre 9.000 a.n.e.
Contexto climático e ecolóxico
[editar | editar a fonte]O clima deste período correspóndese en Europa coa segunda metade da glaciación de Würm, caracterizado por un clima frío, con oscilacións. Nos momentos dos catro máximos fríos predominaba unha paisaxe de tundra e taiga, semellante ao do extremo setentrional de Europa. As temperaturas serían máis baixas aínda nas zonas montañosas, que presentarían condicións de tipo ártico, pola existencia de glaciares, que se atopaban xa desde nunha altura inferior á actual (p.ex. na cordilleira cantábrica desde uns 1.400 m). O xeos eternos ocuparían a toda Escandinavia e os países bálticos, até achegarse ao río Weser; o mar do Norte e o canal da Mancha formaría parte das terras emerxidas. Os veráns serían moi curtos. Un clima como este reduciu a vexetación boscosa a zonas protexidas. Houbo, en contraste, tres períodos interestadiais algo máis temperados[1].
Flora e fauna
[editar | editar a fonte]O clima frío supuxo o desenvolvemento en amplas extensións dunha paisaxe de tundra ou estepa fría, con dominio de liques e musgos e salgueiros ananos. Os bosques desenvolvíanse en forma de taiga, nas zonas pantanosas, con predominio de bidueiros e piñeiros. O bosque típico temperado, con carballos, abeleiras, bidueiros, amieiros etc., ficaba acurrunchado nas zonas máis baixas, como as beiras dos ríos, franxas costeiras e as ladeiras por baixo das linguas glaciares.
A pesar deste contorno ambiental, a fauna non era escasa pero si pouco diversa, como a vexetación, se a comparamos con ambientes máis cálidos. Entre os grandes herbívoros, a especie predominante nos estadios fríos era sen dúbida o reno (Rangifer tarandus), de xeito que o Paleolítico superior foi denominado con frecuencia a Era do Reno. Outros grandes herbívoros eran o mamut, o uro, a vaca, o bisonte, o cabalo, o rinoceronte peludo, o antílope saiga, o cervo, o rebezo, a cabra montesa, a lebre etc. Entre as aves o lagópodo cinsento e o bufo nival, especies árticas. A fauna fluvial era importantísima para a subsistencia do ser humano da época: o salmón e a troita abundaban, e hai probas de consumo de tamén de anguías, percas e lucios.
Xunto estes animais, depredados polos homes da época, vivían algúns carnívoros, destacando o lobo, inseparábel do reno. Estaban tamén variedades de oso: o desaparecido oso das cavernas (Ursus spelaeus) e o oso pardo (Ursus arctus). Máis exóticos eran o leopardo e o león das cavernas. Por suposto, había unha fauna menor de depredadores: raposo, teixugo, donicela, londra, marmota (Arctomys marmota) etc.
En condicións temperadas os bosques acadaban maior espallamento, e desenvolvíanse as pradeiras de herbáceas e gramíneas. Pero, paralelamente, o bosque frondoso non é favorábel para o cazador, por non abundar tanto os grandes rabaños de herbívoros.
O "home moderno"
[editar | editar a fonte]O trazo identificativo do Paleolítico superior é a asociación dun novo tipo de ser humano, o neoantropo ou Homo sapiens, ás veces denominado home de Cro-Magnon, por atoparse no sitio de tal nome, os primeiros exemplos descubertos en 1868, que ocupa o continente europeo ao comezo desta época (actualmente todas as variantes antigas son denominados Homo sapiens fossilis). Non obstante hai variantes entre os diferentes fósiles atopados en asentamentos europeos (Grimaldi, Chancelade). Como risco común é destacábel a súa elevada estatura media, entre 1,70 e 1,80 m; o seu cranio, en xeral dolicocéfalo e o rostro alongado; a súa osamenta é máis lixeira que a dos neandertais, cos que non está relacionado. Como fose están xa moi próximos ao ser humano actual.[2]
Durante un tempo, este novo tipo humano convive co anterior, o último paleoantropo, o neandertal (Homo neandertalensis), que acabará por extinguirse sobre o 35.000 a.n.e.[3]. Aínda que se ignora todo sobre o caso, tense insinuado que a chegada dos neántropos, dalgún xeito, acabou cos neandertais. Entre varias hipóteses manéxase, como máis probábel, que a tecnoloxía máis avanzada dos primeiros, acurruncharía os neandertales nos peores territorios dunha contorna dura, onde acabarían por extinguirse definitivamente.
Economía e industria
[editar | editar a fonte]Os homes modernos viven dunha economía de caza e recolección, segundo mostran as investigacións dos numerosos asentamentos dispersos por toda Europa.
O seu material de traballo é obtido do sílex basicamente, como en tempos anteriores, mais a súa técnica móstrase desde as primeiras etapas enormemente perfeccionada. A partir dun núcleo, obtén delgadas láminas de sílex de bordos paralelos, o material básico para obter útiles distintos. Leroi-Gourhan indica as súas vantaxes con toda claridade: a partir dun quilogramo de materia prima, un neandertal do período musteriano (o derradeiro do Paleolítico medio) conseguía uns 2 metros de fío ou gume útil; coa nova técnica, o home moderno logra de 6 a 8 metros de lámina grosa por kg; prepara láminas finas pode obter entre 20 e 25 m de fío. As consecuencias serán transcendentais: independencia das canteiras de sílex e ocupación de practicamente todo o territorio. Os seres humanos non están tan atados como os paleoántropos aos centros produtores do sílex. E aínda, se preciso fose, poderá traballar outras pedras de calidade inferior[4]. Destas follas conséguese unha gran variedade de instrumentos: burís, raspadores, raederas, serras, trades, puntas, punzóns grosos e finos ...[5]
Ademais, aínda que os paleoántropos coñecían o traballo en material óseo, xa desde os inicios do Paleolítico superior, vese o desenvolvemento dunha variada industria que aproveita ósos, hastas ou cornos: punzóns, puntas de azagaias, bastóns de mando, propulsores, anzois, lucernas etc., máis tarde, durante o Solutreano, agullas de coser; no Magdaleniano, arpóns. Parte deste material foi decorado con gravados.[6] Aínda que sempre se supuxo o traballo da madeira e a existencia de utensilios de tal material, non hai probas directas, aínda que si moitísimas indirectas.
Finalmente, non debemos imaxinalos como os "salvaxes espidos" do imaxinario popular. O seu aspecto normal debeu ser semellante ao dos esquimós, vestidos cos seus anoraks. Temos a testemuña da existencia de agullas, aínda que non son indispensábeis, e a arte fornece algúns detalles de roupas e toucados diversos; con seguranza, dispuñan de calzado. Aínda que podían aproveitar covas e abrigos, para os seus movementos sabemos que utilizaron cabanas e tendas de campaña, con diversidade de feituras, e incluso habitacións máis complexas e de permanencia maior[7].
Organización social
[editar | editar a fonte]Só se poden inferir aspectos a partir de fósiles de conduta e a comparación con feitos etnográficos contemporáneos. Desde logo as sociedades do Paleolítico superior sufriron un aumento demográfico[8]. A ocupación de territorios máis amplos, como se indica máis atrás, a partir dunha técnica exitosa é un indicio indirecto. Houbo un alongamento da vida media tamén indubidábel[9].
A partir destes datos, estímase a existencia de clases de idade, de xeito que algúns santuarios puideron ser utilizados para ritos de iniciación. Existencia de "veciñanzas" relacionadas, que formarían "comunidades de culto e economía", con desenvolvemento de autoridades en relación con determinados saberes: curandeiros, "sacerdotes", artistas etc. Son posíbeis as xefaturas, talvez ocasionais e informais, na caza. Esta actividade puido propiciar, de por si, cando menos, xefaturas ocasionais. Están fóra de toda dúbida os contactos entre comunidades, mais como eran é imposíbel dicilo, pero a difusión de estilos artísticos e técnicos, semella probalo. Non se dubida da existencia da pequena familia, e parece haber indicios doutros tipos de organizacións familiares máis amplos. Pódese mesmo imaxinar a existencia dunha sociedade cupular, é dicir, globalizadora, pero sen saber como funcionaría, que tendencialmente agruparía as comunidades con técnica industrial semellante ou con crenzas comúns[10]. Estes datos sobre organización son mínimos, pois existe o perigo de transpor fenómenos observados en grupos de cazadores-recolectores actuais, como no pasado se fixo cunha certa displicencia.
Arte
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arte paleolítica.
Talvez o carácter máis salientábel do Paleolítico superior, sexa a aparición da arte. Antes deste período como moito fálase de "coleccionismo" de obxectos raros e rechamantes, atopados nos asentamentos de neandertais[11]. Se no pasado a precedencia das artes estaba asignada á escultura, pola datación dos máis antigos exemplos das denominadas Venus paleolíticas, o descubrimento da Cova de Chauvet, cambia a cronoloxía, de modo que na actualidade, as artes visuais nacen plenas nos albores do período. En conxunto áchanse tres campos de actuación artística ou decorativa dos que nos chegaron testemuñas:
- Obxectos persoais: azagaias, lámpadas, arpóns, bastóns perforados (antes denominados bastóns de mando).
- Espazos domésticos: aínda que teñan desaparecido certos obxectos confeccionados con materiais perecedoiros, fican exemplos nas osamentas que conformaban as cabanas da Europa oriental.
- Espazos de uso colectivo: son os tamén chamados "santuarios", até ha poucos anos identificábeis exclusivamente con covas e abrigos, mais desde o descubrimento do vasto sitio arqueolóxico de Foz Côa, no nordeste de Portugal, está a mudar a nosa perspectiva.
Períodos
[editar | editar a fonte]Desde os inicios case da investigación prehistórica, comezou a división en períodos, ao recoñecerse estratos e culturas diferentes. A división básica foi dada por Gabriel de Mortillet en "Musée préhistorque" (1881), aínda que sería o abade Breuil en 1910, quen clarificaría a ordenación tripartita máis divulgada: auriñaciense, solutreano, magdaleniano, con posteriores precisións. Actualmente identifícanse os seguintes períodos:
- Chatelperroniense (-50.000 a -38.000), fase de transición entre o Musteriano e o propio Paleolítico superior.
- Auriñaciense (-38.000 a -25.000), comeza arte figurativa: figuras das Venus paleolíticas; gran pintura na cova de Chauvet.
- Gravetiense (-25.000 a -18.000), segue a eleborarse estauíñas de Venus.
- Solutreano (-18.000 a -15.000), caracterizado pola industria de puntas de "folla de loureiro"; cova de Cosquer, actualmente en parte asolagada polo mar Mediterráneo.
- Magdaleniano (15.000 a -9.000), uso do arpón; apoxeo da arte parietal cova de Altamira.
- Epipaleolítico (-9.000 en adiante), fase de transición cara ao Mesolítico[12].
Esta clasificación é sobre todo válida para os asentamentos franceses, mais presenta problemas noutros países e continentes, de xeito que poden aparecer outras denominacións segundo os lugares.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bosch Gimpera, Pedro, Prehistoria de Europa, páx. 7-111 Leroi-Gourhan, A., Los cazadores de la Prehistoria, 107-108; Jordá Cerdá, Francisco, Guía de las cuevas prehistóricas asturianas, páxs. 51-52, 62-72
- ↑ VV. AA., Los orígenes, páxs. 170-171
- ↑ Datos recentes, porén, indican existencia de neandertais na cova de Gorham, en Xibraltar, nun horizonte de C14 de -24.000, cfr. http://www.arte-sur.com/gorham.htm
- ↑ Leroi-Gourhan, Los cazadores de la prehistoria, páxs. 111-112
- ↑ cfr., Pericot, Luís e Maluquer de Motes, Juan, La humanidad prehistórica, páx. 58; Bordes, François, La vida cotidiana en la antigua edad de piedra, páxs. 98-99
- ↑ Leroi-Gourhan, op. cit., páx. 116; Bordes, op. cit., páxs. 98-102; Pericot e Maluquer, op. cit., páx. 90, sinalan que Sonneville-Bordes clasificou 96 utensilios de pedra diferentes e que Ignacio Barandiarán sinalou un centenar e medio de instrumentos óseos, dos que uns 60 son tipos fundamentais.
- ↑ cfr., Pericot e Maluquer, op. cit., páx. 91, indican a existencia de chozas en Dolni-Vestonice e Novgorod-Seversky no Oriente europeo; cabanas en Arcy-sur-Cure e Pincevent, no que é hoxe Francia; por outros investigadores sábese da existencia de vivendas de madeira de até 10 m de lonxitude, semienterradas no chan, en Malta, ás beiras do lago Baikal
- ↑ Os datos están en relación a períodos anteriores, porque as densidades eran baixísimas; para España téñense calculado uns 100.000 habitantes; só 50.000 para Francia, segundo, Nougier, 50.000, cfr. Pericot e Maluquer, op. cit., páx. 91, que critican a última cifra.
- ↑ A vida media superaba os 40 anos de idade, Bordes, op. cit., p. 104, fala de que a vida do home apenas superaba a cincuentena de anos, con alta mortalidade infantil e de parturientes; segundo J. Lawrence Angel ca. -30.000 a vida media era de 28,7 anos para mulleres e 33,3 anos para os homes, citado por Marvin Harris, Asesinatos en el Paraíso, in Caníbales y reyes: Los orígenes de las culturas. Madrid. 1999, páx. 27, Harris opina que a mistura de datos de África e Europa por Angel, desvirtúa os datos para os grandes cazadores do Paleolítico Superior europeo.
- ↑ Cfr., Alonso del Real, Carlos, Nueva sociología de la prehistoria, páxs. 170-174
- ↑ Leroi Gourhan, op. cit., 97-98, 100 figura, 101; é posíbel que exemplares como a denominada Venus de Tan-Tan, poidan contribuír a mudar as ideas sobre a orixe da arte.
- ↑ cfr. Leroi Gourhan, Los cazadores de la prehistoria, páxs. 110-111.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pericot, Luís e Maluquer de Motes, Juan, La humanidad prehistórica. Madrid. Salvat-Alianza. 1969
- Bordes, François, La vida cotidiana en la antigua edad de piedra, in VV. AA., El origen del hombre. Barcelona. Ed. Promoción Cultural. 1973, trad. española dun orixinal en francés - ISBN 84-300-5944-X
- Bosch Gimpera, Pedro, Prehistoria de Europa. Madrid. Istmo. 1975 - ISBN 84-7090-066-8
- Alonso del Real, Carlos, Nueva sociología de la Prehistoria. Santiago de Compostela. Pico Sacro, 1977 - ISBN 84-85170-17-2
- Jordá Cerdá, Francisco, Guía de las cuevas prehistóricas asturianas. Salinas (Asturias). Ayalga Edic. 1979 - ISBN 84-7411-008-4
- Leroi-Gourhan, André, Los cazadores de la prehistoria. Barcelona. Argos-Vergara. 1984, trad. española do francés - ISBN 84-7178-788-1
- VV. AA., Los orígenes, in Historia Universal, t. 1. Madrid. Salvat-El País. 2004 - ISBN 84-345-6230-8
Outros artigos
[editar | editar a fonte]