Rickettsia prowazekii
Rickettsia prowazekii | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Rickettsia prowazekii' da Rocha-Lima, 1916 |
Rickettsia prowazekii é unha especie de bacterias gramnegativas parasita intracelular obrigada, aerobia, que é o axente causante do tifo exantemático epidémico, transmitido polas feces dos piollos. A célula de R. prowazekii está con frecuencia rodeada por unha capa microcapsular mucosa, e non é flaxelada. Os reservorios principais son certos mamíferos, como o esquío voador en Norteamérica. O ciclo de vida natural da bacteria comprende xeralmente un hóspede vertebrado e outro invertebrado, normalmente un artrópodo, tipicamente o piollo humano. Unha forma de R. prowazekii que existe nas feces dos artrópodos permanece infectiva durante meses. Os piollos que foron infectados ao picar a un enfermo de tifo pasan a un novo hóspede, e nel o piollo elimina o microorganismo nas súas feces, que penetra na pel ao rañarse e despois chega ao sangue e penetra nas células endoteliais nas que se divide e causa vasculite, trombose, febre e exantemas na pel.
A súa secuencia xenómica indica que R. prowazekii parece estar moi relacionada co suposto antepasado de vida libre que orixinou as mitocondrias por endosimbiose.
Descubrimento
[editar | editar a fonte]Esta bacteria descubriuna en 1916 o doutor brasileiro Henrique da Rocha Lima, que traballara con Stanislaus von Prowazek. Henrique da Rocha Lima nomeou a bacteria dándolle o nome do seu colega S. von Prowazek, que morrera de tifo en 1915. Tanto Prowazek coma da Rocha Lima infectáronse con tifo mentres estudaban o seu axente causante nun hospital penitenciario en Hamburgo, Alemaña.[1]
Evolución
[editar | editar a fonte]O xenoma de R. prowazekii proporciona moitos datos sobre a orixe das actuais mitocondrias. Porén, R. prowazekii non é o único parente próximo coñecido das mitocondrias segundo a secuencia xenómica, xa que o seu xenoma é moi derivado, igual ca o da mitocondria, polo que deben ter un antepasado común. O xenoma deste organismo ten un tamaño de máis de 1 millón de pares de bases e contén 834 xenes que codifican proteínas. Os datos da súa secuencia suxiren que todas as mitocondrias existentes derivan dun antepasado de R. prowazekii como resultado dun só evento de endosimbiose. A fagocitación transitoria de células procariotas por células máis grandes non é algo raro no mundo microbiano. No caso das mitocondrias, esta relación transitoria fíxose permanente ao perder a célula bacteriana parte do seu ADN, o que fixo que a partir de entón fose incapaz de manter unha vida independente, e a célula hóspede fíxose dependente do ATP xerado polo seu hóspede.[2] Como os dous son similares deberon ter unha historia evolutiva similar.[3] Crese que as mitocondrias evolucionaron por endosimbiose, e R. prowazekii puido evolucionar da mesma maneira. Tamén é posible que unha bacteria similar a R. prowazekii fose quen iniciase a endosimbiose.[4][5]
Tratamento
[editar | editar a fonte]Desenvolvéronse vacinas contra R. prowazekii na década de 1940, e foron moi efectivas na redución das mortes por tifo entre os soldados norteamericanos durante a segunda guerra mundial. A inmunidade que se adquire coa vacina ou por anteriores infeccións por R. prowazekii dura toda a vida na maioría dos casos. Porén, R. prowazekii pode orixinar unha infección latente asintomática, que pode reactivarse anos ou décadas despois (denominándose nese caso enfermidade de Brill-Zinsser). O tratamento con antibióticos do tipo das tetraciclinas é xeralmente efectivo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Henrique da Rocha Lima". www.whonamedit.com. Consultado o 2021-04-03.
- ↑ Berg, Jeremy; Tymoczko, John; Stryer, Lubert (2007). Biochemistry, 6th ed. New York: W. H. Freeman and Company. pp. 505. ISBN 978-0-7167-8724-2.
- ↑ Voet, Donald; Voet, Judith (2004). "21: Citric Acid Cycle". Biochemistry 3. Hoboken, New Jersey: John Wiley & Sons. p. 770. ISBN 978-0-471-19350-0.
A observación de que os PDCs [complexos da piruvato deshidroxenase] de eucariotas e das bacterias grampositivas teñen forma dodecaédrica suxire que as mitocondrias son descendentes de bacterias grampositivas. Pero as mitocondrias están envoltas por dúas membranas como as bacterias gramnegativas, mentres que as bacterias grampositivas teñen unha soa membrana. Porén, demostrouse recentemente por comparacións das secuencias do xenoma que as mitocondrias están, de feito, moi relacionadas co parasito intracelular obrigado Rickettsia prowazekii, o axente causante do tifo. Estas bacterias son gramnegativas pero teñen a forma dodecaédrica do PDC.
- ↑ Cavalier-Smith, T. (1975). "The origin of nuclei and of eukaryotic cells". Nature 256 (5517): 463–8. PMID 808732. doi:10.1038/256463a0.
- ↑ Kurland, Charles G.; Andersson, Siv G. E.; Zomorodipour, Alireza; Andersson, Jan O.; Sicheritz-Pontén, Thomas; Alsmark, U. Cecilia M.; Podowski, Raf M.; Näslund, A. Kristina; Erikson, Ann-Sofie (1998). "The genome sequence of Rickettsia prowazekii and the origin of mitochondria". Nature 396 (6707): 133–40. PMID 9823893. doi:10.1038/24094.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Rickettsia prowazekii::Taxon Overview". PATRIC. Virginia Bioinformatics Institute. Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2012. Consultado o 21 de xullo de 2013.
- NIAID Biodefense Research Agenda for Category B and C Priority Pathogens (PDF). National Institutes of Health, National Institute of Allergy and Infectious Diseases. 2003.