Ritchie Valens
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Richard Steven Valenzuela Reyes 13 de maio de 1941 Pacoima, Estados Unidos de América |
Morte | 3 de febreiro de 1959 (17 anos) Clear Lake, Estados Unidos de América (pt) |
Causa da morte | morte accidental, accidente ou incidente de aviación |
Lugar de sepultura | Cemitério San Fernando Mission (pt) |
Outros nomes | Ritchie Valens Richard Valenzuela Ricky Ricardo Little Richard |
Relixión | Catolicismo |
Educación | San Fernando High School (en) |
Actividade | |
Ocupación | cantante, guitarrista, compositor, cantautor, compositor de cancións |
Período de actividade | 1957 - |
Xénero artístico | Rock and roll e Chicano rock (en) |
Instrumento | Guitarra e voz |
Selo discográfico | Del-Fi |
Cronoloxía | |
3 de febreiro de 1959 | The Day the Music Died (pt) |
Premios | |
Páxina web | ritchievalens.com |
|
Richard Steven Valenzuela, nado en Pacoima, Os Ánxeles, o 13 de maio de 1941 e finado en Clear Lake, Iowa, o 3 de febreiro de 1959, foi un cantante, compositor e guitarrista estadounidense coñecido como Ritchie Valens. Pioneiro do rock and roll e predecesor do movemento do rock chicago, Valens faleceu nun accidente aéreo oito meses despois de iniciar as súas gravacións.[1]
Valens tivo varios éxitos, especialmente "La Bamba", que adaptou dunha canción folclórica mexicana, transformándoa nunha canción con ritmo de rock que se converteu nun éxito en 1958,[2][3] o que converteu a Valens nun pioneiso do rock en castelán.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Ritchie Valens naceu en Pacoima, distrito do condado dos Ánxeles (California), en 1941. Os seus pais, José Esteban Valenzuela (1896–1952) e Concepción Reyes (1915–1987),[4][5] eran de México. Foi o segundo de cinco fillos, o máis velo Bob Morales e os máis novos Connie, Irma e Mario Ramirez.
Medrou escoitando música mariachi tradicional mexicana, así como a guitarra flamenca,[6] rhythm and blues e blues.
Valens expresou interese en facer a súa propia música aos cinco anos. O seu pai foi quen o alentou a que aprendese a tocar a guitarra e a trompeta, e posteriormente fixo o mesmo de xeito autodidacta coa batería. Aínda que Valens era manicho, estaba arelaba tanto aprender a tocar a guitarra que dominou a versión destra do instrumento. No tempo en que asistiu ao Pacoima Junior High School, o seu dominio da guitarra era tal que levaba o instrumento á escola e cantaba para os seus compañeiros nas bancadas.[7]
Cando tiña dezaseis anos, Valens foi convidado a unirse como guitarrista a unha banda local chamada The Silhouettes. Cando o cantante principal abandonou o grupo, Valens asumiu o posto e o 19 de outubro de 1957 debutou con eles. Ademais de actuar con The Silhouettes, tocaba como solista en festas e outras reunións.[8]
Carreira
[editar | editar a fonte]En maio de 1958, foi descuberto por Bob Keane, propietario e presidente da compañía Del-Fi Records, unha pequena discográfica de Hollywood. Chegáralles a información dun novo talento de só dezaseis anos do Val de San Fernando que era alcumado o "Little Richard da rexión". Un sábado pola mañá, Keane viu por primeira vez unha actuación de Valens nun local de cinema de San Fernando. Impresionado, decidiu convidalo á súa casa de Silver Lake, onde Keane tiña un pequeno estudio de gravación no soto. O equipo constaba dun antigo gravador portátil Ampex 6012 de dúas canles e un par de micrófonos Telefunken U-87.
Gravaron varias cancións, en que Valens tocou e cantou, que logo regravaron nos estudios Gold Star. Algunhas desas maquetas foron rescatadas para o disco Ritchie Valens — The Lost Tapes. Dese día son dúas cancións que logo foron melloradas en Gold Star engadíndolles outros instrumentos; unha delas foi "Donna" (que cantara por primeira vez nun teléfono público, dedicándolla á súa moza Donna Ludwig[9]), e a outra a instrumental "Ritchie's Blues", que executaba nunha parte empregando un lapis.
Despois de varias sesións no seu estudio privado, de escribir letras e arranxar cancións, Keane considerou a Valens preparado para gravar nun estudio cunha banda que o acompañase. Por suxestión de Keane, cambiou o seu nome polo de "Ritchie" e adoptou o apelido "Valens" en lugar de Valenzuela, para causar mellor efecto perante o público de lingua inglesa.[10] As primeiras cancións que gravou, unha tarde de xullo de 1958, foron "Come On, Let's Go", acreditada a Valens/Kuhn (nome real de Keane) e "Framed", acreditada a Jerry Leiber e Mike Stoller.
O seguinte disco que gravou foi o derradeiro da súa vida, o dobre sinxelo que incluía "Donna" e "La bamba".
Morte
[editar | editar a fonte]A comezos de 1959, Valens participaba na chamada "Winter Dance Party", unha xira de grandes estrelas do rock and roll polo centro dos Estados Unidos. No medio da xira, a calefacción do autobús en que viaxaban os artistas estradouse, e a mala organización da xira non previra algo así e non contratara ninguén que fose quen de amañala. Para evitar unha noite máis de viaxe nesas condicións, Buddy Holly, outra das estrelas da xira, tivo a idea de alugar unha avioneta para catro persoas despois do seu concerto no Surf Ballroom de Clear Lake, Iowa, para chegar cunto antes a un hotel para descansar comodamente. Á parte de Holly había sitio para outros dous músicos máis, entre eles Valens, que lle gañara o posto a cara ou cruz a outro artista, Tommy Allsup. Valens tiña quince anos cando se produciu a colisión aérea de Pacoima no patio do seu instituto. El non estaba ese día en clase porque era o funeral do seu avó,[11][12] mais pesadelos recorrentes da traxedia provocáranlle medo a voar.[13]
A avioneta era unha Beechcraft Bonanza pilotada por un mozo con pouca esperiencia, e partiu na madrugada do 3 de febreiro de 1959 en medio dunha gran nevarada. Pénsase que o piloto non tiña coñecementos suficientes e desconcertado pola neve que cubría todo, equivocaríase ao ler os instrumentos, único xeito de voar entre nubes e campos absolutamente brancos. Por iso, en lugar de subir a avioneta baixou e estrelouse a oito quilómetros do lugar de engalaxe, nun campo próximo ao aeroporto. Non houbo superviventes.[14]
Ritchie Valens foi enterrado no San Fernando Mission Cemetery de Mission Hills, California.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Ritchie obtivo de forma póstuma unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood en 1990,[15] e en 2001 foi incluído no Rock and Roll Hall of Fame. O seu traballo pioneiro tamén é lembrado no Rockabilly Hall of Fame.
En 1987 estreouse o filme A bamba, que narraba a súa vida. O actor Lou Diamond Phillips interpreou a Valens, mentres que o grupo Los Lobos se encargou da banda sonora.
En 1988, Ken Paquette, artista e admirador da música dos anos cincuenta, erixiu un monumento no campo onde se estrelou o avión. A escultura de aceiro representa unha guitarra e tres dicos cos nomes dos artistas que faleceron no accidente. Localízase nun sector privado, no 315th Streety Gull Avenue, aproximadamente a 13 km ao norte de Clear Lake. Tamén ser realizou outros segundo monumento en Riverside Ballroom en Green Bay, Wisconsin, inaugurado o 17 de xullo de 2003.[16]
En 2019, a vesión de Valens de "La Bamba" foi seleccionada pola Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos para a súa conservación no National Recording Registry como "cultural, histórica e esteticamente significativa".[17][18] Ironicamente, a familia Valenzuela só falaba na casa en inglés, e Valens aprendeu a letra foneticamente para gravar "La Bamba" en castelán.
Sinxelos
[editar | editar a fonte]- Come On, Let's Go (POP n.º 42, R&B n.º 27) / Framed -- Del-Fi 4106 (novembro de 1958)
- Donna (POP n.º 2, R&B n.º 11; UK n.º 29) / La Bamba (POP n.º 22) -- Del-Fi 4110 (novembro de 1958)
- Fast Freight / Big Baby Blues -- Del-Fi 4111 (xaneiro de 1959, a edición orixinal foi presentada como "Arvee Allens", mentres que as edicións posteriores se presentaron como "Ritchie Valens")
- That's My Little Suzie (POP n.º 55) / In A Turkish Town -- Del-Fi 4114 (marzo de 1959)
- Little Girl (POP n.º 92) / We Belong Together -- Del-Fi 4117 (xuño de 59) (A&A) 26-12-18
- Big Baby Blues / Stay Beside Me -- Del-Fi 4128 (outubro de 59)
- The Paddiwack Song / Cry, Cry, Cry -- Del-Fi 4133 (febreiro de 60)
- La Bamba 1987 / La Bamba (versión orixinal) -- Del-Fi 1287 (1987)
- Come On, Let's Go / La Bamba -- Del-Fi 51341 (1998)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ritchie Valens - the Pioneer of Rock and Roll". EF News International. 16 de decembro de 2011. Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2012. Consultado o 22 de agosto de 2021.
- ↑ Letivan, Corey (5 de xullo de 2005). "Latino rockers no longer lost in translation". Daily Breeze. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 22 de agosto de 2021.
- ↑ "TEMAS | Rock en Venezuela" (en castelán). Mipunto.com. Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2012. Consultado o 12 de setembro de 2013.
- ↑ Ritchie Valens, estrella fugaz de legado eterno Arquivado 03 de xullo de 2015 en Wayback Machine. Consultado o 2 de xullo de 2015
- ↑ Ritchie Valens por Dwight D. Lane[Ligazón morta] Consultado o 2 de xullo de 2015 (en inglés)
- ↑ City News Service (13 de maio de 2016). "LA declares Ritchie Valens Day on 75th anniversary of his birth". Los Angeles Daily News (LDN). Los Angeles Daily News (LDN). Consultado o 25 de novembro de 2018.
- ↑ Keane, Bob (6 de outubro de 2006). The Oracle of Del-Fi. Del-Fi International Books. ISBN 978-0976810513.
- ↑ Biografía de Ritchie Valens Consultado o 2 de xullo de 2015
- ↑ McIntosh, Barbara (4 de setembro de 1987). "The Reveries of Valens' Donna". The Washington Post. Consultado o 30 de maio de 2020.
- ↑ "Valens, Ritchie." Encyclopedia of Popular Music, 4th ed. Ed. Colin Larkin. Oxford Music Online. Oxford University Press. Web. 15 Feb. 2016.
- ↑ CECILIA RASMUSSEN (28 de xaneiro de 2007). "The day fiery disaster fell from the sky". Consultado o 15 de maio de 2021.
- ↑ Allen, David (19 de febreiro de 2021). "Childhood pal recalls Ritchie Valens as 'sweet,' 'tough' from California home". Consultado o 15 de maio de 2021.
- ↑ Kahler, Karl (29 de decembro de 1988). "On Pacoima Playground With Ritchie Valens : Grief Moves Him to Save Lives". Consultado o 15 de maio de 2021.
One student developed an intense fear of flying after the accident--Ricardo Valenzuela, who later adopted the name Ritchie Valens.
- ↑ The day the music died Consultado o 2 de xullo de 2015
- ↑ Spencer, Starr (1990). "Ritchie Valens Finally Gets His Star". Chicago Tribune.
- ↑ Jordan, Jennifer (11 de abril de 2007). "The Day the Music Died". ArticlesTree. Arquivado dende o orixinal o 7 de febreiro de 2012.
- ↑ Andrews, Travis M. (20 de marzo de 2019). "Jay-Z, a speech by Sen. Robert F. Kennedy and 'Schoolhouse Rock!' among recordings deemed classics by Library of Congress". The Washington Post. Consultado o 25 de marzo de 2019.
- ↑ "Ritchie Valens' 'La Bamba' Inducted Into National Recording Registry of the Library of Congress". Billboard.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ritchie Valens |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial
- RAB Hall of Fame: Ritchie Valens Arquivado 09 de maio de 2017 en Wayback Machine.
- Profile, history-of-rock.com
- Profile, tsimon.com
- Tribute: The Day the Music Died, angelfire.com