Sala Calvet
A Sala Calvet foi un célebre ximnasio galego, situado na rúa Galera da Coruña, que funcionou durante a primeira metade do século XX. Fundado en 1901 por Federico Fernández-Amor Calvet, nos seus inicios impartía clases de esgrima, ximnasia e halterofilia, ampliando despois a máis disciplinas. En 1906, Fernández-Amor Calvet e varios dos seus alumnos fundaron no propio ximnasio o Club Deportivo da Sala Calvet, actual Deportivo da Coruña.
Historia
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Foi fundada en 1901 por Federico Fernández-Amor Calvet, quen practicaba diferentes deportes como ximnasia, esgrima e tiro. Membro do Círculo de Artesáns, cumpriu así a petición dos socios da entidade, que levaban un tempo reclamando a construción dunhas instalacións deportivas análogas ás do Club Velocipedista.[1] Situada nos números 47 e 49 da rúa Galera, constaba de dous amplos salóns, nos que se practicaba nos seus inicios ximnasia e esgrima. A maioría dos seus usuarios eran socios do Círculos de Artesáns, pero estaba aberto tamén a outros particulares e tamén a mulleres. Fernández-Amor Calvet exercía como mestre e o local contaba tamén cos servizos do célebre Médico Rodríguez.[1]
O ximnasio gañou popularidade rapidamente e converteuse nunha alternativa popular aos máis elitistas Sporting Club e Casino. Ao ano da súa apertura contaba xa con medio cento de alumnos, entre eles varios nenos,[2] como os futuros futbolistas Félix de Paz e Virgilio Rodríguez.[3] Durante os seus primeiros anos de vida estivo centrado na ximnasia e a esgrima, e os seus alumnos representaban xunto ao seu profesor espectáculos na propia sala e noutros lugares como o Teatro Principal, acompañados en ocasións de agrupacións musicais como a Coral Polifónica El Eco ou unha orquestra dirixida por Castro Chané.[4][5] En maio de 1904, un dos seus alumnos de esgrima, Amadeo Lloris, triunfou no Concurso Nacional disputado en Madrid.[6]
En 1904 celebráronse varias regatas durante as festas de María Pita, participando a Sala Calvet con tres equipos. Na proba máis importante, a Copa de Honra da Liga Marítima, a traiñeira da Sala Calvet ía patroneada por Federico Fernández-Amor Calvet e constaba dos seguintes remeiros: Jesús Longueira, Juan Long, Ramón Moscoso, Juan Antonio Vela, Mariano Paz, Manuel de Diego, Antonio López Perea, José Longueira, Doroteo Fernández, José del Río, Leonardo Moretón e Antonio Fojón.[7][8] Cunha embarcación en malas condicións e que acabou medio asolagada, a Calvet só puido ser cuarta (de cinco participantes), sendo a vitoria para o Sporting Club.[9][10]
Club Náutico e éxitos deportivos
[editar | editar a fonte]O 2 de maio de 1906 fundouse no seo do ximnasio o Club Náutico da Sala Calvet, formado polo propio Calvet e 18 dos seus alumnos.[11] Entre todos xuntaron 1000 pesetas e mercaron unha embarcación, coa que se presentaron en agosto á Copa da Liga de Amigos, regata organizada con motivo das festas de María Pita, logrando a vitoria por diante do Sporting Club.[12]
Ese mesmo mes celebrouse na praza de touros a Festa Romana, cunha serie de probas físicas e atléticas na que participaron a Sala Calvet, o ximnasio Revuelta de Santiago de Compostela e o Lloris de Ferrol. A Sala Calvet foi a gran triunfadora, gañando en seis das dez probas disputadas (pesos, carreira lisa de velocidade, salto con pértega, carreira de obstáculos, carreira lisa de resistencia e tiro de corda).[13] Estes éxitos sumáronse aos conseguidos polos tiradores de esgrima Ramón Moscoso e Francisco Fariña nas festas do Apóstolo en Santiago de Compostela e á vitoria xa en setembro do Club Náutico sobre o Círculo de Artesáns nas festas de Amboage de Ferrol, nas que ademais Juan Long, Ismael Pedregal, Manolo Losada e Jorge Mergault conseguiron triunfos en ciclismo.[14]
Fundación do Deportivo
[editar | editar a fonte]A finais de 1906, un grupo de alumnos da Sala Calvet que eran ademais futbolistas do Club Coruña, foron desafiados por alumnos doutras disciplinas deportivas a dous partidos de fútbol que se xogaron o 8 e o 9 de decembro no Corralón da Gaiteira.[15] O resultado do primeiro encontro foi sorprendentemente favorábel para os atletas, que se impuxeron cun 2-1, con goles de Virgilio e Manuel Álvarez, mentres que o segundo partido rematou sen goles.[16] O afervoamento desatado pola vitoria da Sala Calvet fixo que os alumnos fosen máis alén e fundasen o seu propio club, o Club Deportivo da Sala Calvet, que mantería unha gran rivalidade co Coruña durante os seus primeiros anos de vida.[16]
O 9 de xaneiro de 1907 celebrouse na Sala Calvet unha reunión na que se acordou a disolución do Club Náutico e a cesión da súa traiñeira ao novo Club Deportivo, pasando a ser os socios fundadores do Club Náutico fundadores tamén do Club Deportivo. A eses 18 fundadores sumáronse nove homes máis e entre todos nomearon a primeira directiva da historia do club, presidida polo monfortino Luis Cornide.[17] Ademais nomeáronse os capitáns das tres seccións do club: Juan Long (fútbol), José Martínez Urioste (náutica) e Salvador Fojón (pushball).[17]
O novo club levou durante cinco anos o nome da Sala Calvet, participando en competicións como o Campionato de Galicia e Asturias ou a Copa Gabino Bugallal, e rivalizando fortemente co Coruña. En 1909 recibiu o título de "Real" e en en setembro de 1911 aprobouse o cambio de nome proposto polo seu fundador, substituíndo a "Sala Calvet" polo nome da cidade.
A Sala Calvet seguiu funcionando como ximnasio e como sede do Deportivo, que continuou realizando alí as súas xuntas nas seguintes décadas.[18] Durante a Segunda República acolleu tamén asembleas da Federación Republicana Gallega e da ORGA.[19][20] O ximnasio perdeu peso tralo suicidio de Federico Fernández-Amor Calvet en 1933, pero volveu gañar protagonismo co auxe do boxeo a finais da década de 1930. Nas súas instalacións adestrábanse os púxiles e celebrábanse combates e exhibicións de xeito semanal.[21][22] Pechou as súas portas en 1944 e posteriormente os seus locais foron adquiridos polo contiguo restaurante Lhardy.[23]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Ventureira 2022, pp. 28-30.
- ↑ "Gimnasio Calvet". Revista Gallega (en castelán) (380). 29 de xuño de 1902. p. 2. Consultado o 19 de decembro de 2024.
- ↑ Ventureira 2022, p. 34.
- ↑ Ventureira 2022, p. 36.
- ↑ "La Coruña". El Miño (en castelán) (1540). 10 de xaneiro de 1904. p. 2. Consultado o 19 de decembro de 2024.
- ↑ "Concurso Nacional". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de maio de 1904. p. 3.
- ↑ Ventureira 2022, p. 40.
- ↑ "De regatas". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de agosto de 1904. p. 2.
- ↑ Ventureira 2022, p. 41.
- ↑ "La historia del Real Club Deportivo (1904-1923)". El Ideal Gallego (en castelán) (1864). 19 de agosto de 1923. p. 12. Consultado o 28 de decembro de 2024.
- ↑ Ventureira 2022, p. 46.
- ↑ Ventureira 2022, pp. 47-48.
- ↑ Ventureira 2022, pp. 48-49.
- ↑ Ventureira 2022, p. 50.
- ↑ Ventureira 2022, pp. 50-51.
- ↑ 16,0 16,1 Ventureira 2022, pp. 51-52.
- ↑ 17,0 17,1 Ventureira 2022, p. 62.
- ↑ "Club Deportivo". El Ideal Gallego (en castelán) (4106). 3 de novembro de 1933. p. 5. Consultado o 28 de decembro de 2024.
- ↑ "Asamblea de la Federación Republicana Gallega". El Pueblo Gallego (en castelán) (2265). 9 de xullo de 1931. p. 7. Consultado o 28 de decembro de 2024.
- ↑ "La junta general de Orga". El Ideal Gallego (en castelán) (3742). 3 de xaneiro de 1932. p. 3. Consultado o 28 de decembro de 2024.
- ↑ "Mañana habrá velada de boxeo". El Ideal Gallego (en castelán) (6259). 24 de novembro de 1939. p. 3. Consultado o 28 de decembro de 2024.
- ↑ "Exhibiciones pugilísticas". El Ideal Gallego (en castelán) (7866). 11 de novembro de 1941. p. 4. Consultado o 28 de decembro de 2024.
- ↑ "Restaurante "Lhardy"". La Noche (en castelán) (9108). 5 de agosto de 1950. p. 3. Consultado o 28 de decembro de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ventureira, Rubén (2022). De la Sala Calvet al título olvidado [Da Sala Calvet ao título esquecido] (en castelán). A Coruña: Fundación Real Club Deportivo de La Coruña SAD. ISBN 978-84-09-46119-6.