Sancho Ordóñez (conde)
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XI |
Morte | 1080 (Gregoriano) |
Actividade | |
Ocupación | aristócrata |
Outro | |
Título | Conde |
Familia | Dinastía ástur-leonesa |
Fillos | Fronilde Sánchez |
Pais | Ordoño Vermúdez e Fronilde Peláez |
Irmáns | Ximena Ordóñez |
Sancho Ordóñez, nado antes do 1042[Notas 1] e morto c. 1080, foi un conde que viviu no século XI. O seu pai era Ordoño Vermúdez, fillo ilexítimo do rei Vermudo II, e a súa nai era Fronilde Páez,[1][2][3] tamén membro da alta nobreza como filla do conde Paio Rodríguez e da súa muller Gotina Fernández de Cea, filla do conde Fernando Vermúdez de Cea e Elvira Díaz. e irmá de Ximena Fernández, nai do rei Sancho III, e de Xusta Fernández, casada co conde Flaín Muñoz.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi nomeado conde entre 1059 e 1061 cando aparece co título en varias transaccións familiares e cartas reais, como unha datada en 1061 no Mosteiro de Samos cando confirma como Sanctius proles Ordonii comes (Sancho, fillo de Ordoño, conde).[2] O conde Sancho foi membro da Curia regis dos seus curmáns o rei Fernando I e Sancha I e en 1059 confirmou unha transacción privada entre estes monarcas e Fronilde Ovéquiz.[Notas 2][2] Tamén aparece nas cartas emitidas polo rei Afonso VI, incluída unha datada en 1071 cando confirma como Sancio Ordoniz Comes[2] unha doazón feita polo rei a Velasco Vela, e en 1073 no Mosteiro de Samos cando o rei o nomeou un dos xuíces encargados de resolver un litixio entre o abade do mosteiro e Ero Páez. En 1077, o conde Sancho doou á catedral de León as propiedades de Villarín de Campos, na actual provincia de Zamora, que herdara do seu avó, o conde Paio Rodríguez.[2]
Matrimonio e descendencia
[editar | editar a fonte]Antes de 1082, o conde Sancho casou con Onega Ovéquiz,[2] filla do conde Oveco Vermúdez e da súa muller Elvira Suárez, e irmá dos condes Vermudo, Vela e Rodrigo Ovéquiz.[3] Os descendentes deste matrimonio foron:
- Oveco Sánchez (morto c. 1116), conde, casou con Elvo Álvarez antes de 1085, con descendencia.[2]
- Vermudo Sánchez,[3] citado pola súa nai e o seu irmán Vela nunha carta da Catedral de Lugo.
- Vela Sánchez[2] (morreu antes de 1109), os seus irmáns, Oveco e Ximena, aparecen na Catedral de León en 1109 facendo unha doazón en memoria do seu irmán Ueila Sanxis.
- Fronilde Sánchez (morta antes de 1108), esposa do conde Nuño Velázquez. En 1108, o seu irmán Oveco fixo unha doazón ao Mosteiro de Samos pola alma da súa irmá domna Fronilli. Un dos seus fillos, Melendo Núñez, era pai de Nuño Meléndez, primeiro marido da raíña Urraca López de Haro, e o seu primoxénito, o conde Afonso Núñez,[3] era pai de Tareixa Afonso, muller de Egas Moniz, o titor do rei Afonso I de Portugal. Tamén foron pais de Sancho Núñez que casou coa infanta Sancha Henriques, filla de Henrique, conde de Portugal.[1] O 15 de xullo de 1129, Sancho Núñez e a súa muller, xunto co seu irmán Melendo Núñez, venderon varias propiedades ao Mosteiro de Ferreira de Pantón.[4]
- Ximena Sánchez,[2] que aparece a partir do 10 de agosto de 1093 como monxa no mosteiro cisterciense de San Salvador en Ferreira de Pantón. A súa filiación consta nunha carta do 26 de xaneiro de 1108 cando se declara filla do conde Sancho e neta de Ordoño Vermúdez, e fai doazón dalgúns dos seus bens en Sarria, Lemos e Asma,[1] que foi confirmada polo rei Afonso VI e por varios bispos.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Xa vivía no ano 1042 cando os seus pais, o 18 de setembro dese ano, aparecen cos seus fillos, citados como Vermudo, Sancho Fernando e Ximena Ordóñez, facendo unha doazón ao mosteiro de Santa María que fundaran en León.
- ↑ Sancho Ordóñez era primo da raíña Sancha, ambos netos do rei Vermudo II, e primo segundo do rei Fernando I, sendo ambos descendentes de Urraca Fernández, filla de Fernán González, conde de Castela.
Referencias
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Enriqueta, López Morán (2005). "El monacato femenino gallego en la Alta Edad Media (Lugo y Ourense) (Siglos XIII al XV)" (PDF). Nalgures (Asociación Cultura de Estudios Históricos de Galicia) (II): 49–142. ISSN 1885-6349. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de febreiro de 2011. Consultado o 04 de abril de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Torres Sevilla-Quiñones de León, Margarita Cecilia (1999). Linajes nobiliarios de León y Castilla: Siglos IX-XIII. Junta de Castilla y León, Consejería de educación y cultura. ISBN 84-7846-781-5.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Salazar y Acha, Jaime de (1985). Una Familia de la Alta Edad Media: Los Velas y su Realidad Histórica. Asociación Española de Estudios Genealógicos y Heráldicos. ISBN 84-398-3591-4.
- ↑ 4,0 4,1 Fernández de Viana y Vieites, José Ignacio (1994). Colección diplomática del Monasterio de Santa María de Ferreira de Pantón. Excma. Diputación Provincial de Lugo. ISBN 84-8192-061-4.