Santiago Morán Cisneros
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1610 |
Morte | 1663 (52/53 anos) |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | pintor |
Período de actividade | 1634 - 1673 |
Movemento | Pintura do Barroco |
Familia | |
Pai | Santiago Morán |
Santiago Morán Cisneros foi un pintor barroco español, activo en Madrid entre 1634 e 1673.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Santiago Morán, pintor de cámara de Filipe III, e da súa segunda esposa, Catarina de Cisneros, parece probable que se formase no taller paterno, como podería comprobarse na Presentación da Virxe no templo, depósito do Museo do Prado no Museo de San Telmo de San Sebastián, obra que, pese a estar asinada en 1654, manifesta características propias da pintura de principios de século, coa descrición minuciosa do vestido da Virxe.
A primeira noticia documentada deste pintor é a súa sinatura en 1634, xunto con outros pintores, comprometéndose por si e «os que serán de aquí adiante» a sacar en procesión o paso das Sete Dores na procesión de Venres Santo, orixe dun longo preito que enfrontaría ao gremio de pintores de Madrid por cuestións de honra profesional. Aínda en 1662 afectaríalle unha das últimas rabexadas dese preito, cando foi designado para sacar o paso ao negarse a facelo polas súas moitas obrigacións Francisco Rizi, a quen lle correspondía. En 1658 casou a súa filla, dona María González Muñiz, con don Agustín Muñoz de Rojas. O título do xenro, cabaleiro da Orde Imperial Anxélica de San Xurxo, e as elevadas cantidades achegadas como dote, indican que o pintor gozaba dunha posición social e económica respectable. En 1663 debía de encontrarse gravemente enfermo, pois ditou o seu testamento en Valladolid, pero en 1670 publicáronse as Tres últimas Musas Castelás de Francisco de Quevedo con estampas de Marcos Orozco segundo debuxos proporcionados por Morán, e en 1673 asinou o San Pedro liberado polo anxo da igrexa de San Pedro de Ávila.
Na produción de Morán destacan os tres lenzos de historias mercedarias pintados para a Capela do Cristo de Rivas-Vaciamadrid, asinados en 1656: Aparición da Virxe a San Ramón Nonato, A Virxe entre San Pedro Nolasco e San Ramón Nonato e Cristo levando o viático a San Ramón Nonato, de color lixeira e unha preocupación espacial nova que puido ter tomado de Velázquez.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Angulo Íñiguez, Diego, y Pérez Sánchez, Alfonso E. Pintura madrileña del segundo tercio del siglo XVII, 1983, Madrid: Instituto Diego Velázquez, CSIC, ISBN 84-00-05635-3
- Pérez Sánchez, Alfonso E. (1992). Pintura barroca en España 1600-1750, pág. 257. Madrid : Ediciones Cátedra. ISBN 84-376-0994-1.
- Cruz Valdovinos, José Manuel «Sobre el pintor de cámara Santiago Morán el Viejo (1571-1626)»