Saltar ao contido

Saturnio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O verso saturnio é a forma máis antiga da métrica latina. Os poetas posteriores denominárono así en alusión ás súas remotas orixes (a Idade de Ouro, cando Saturno era rei dos deuses).

Foi o metro que empregaron Livio Andrónico para a súa tradución ou adaptación da Odisea ao latín e Nevio no seu orixinal poema épico sobre a Primeira Guerra Púnica, e é o que tamén aparece na lírica relixiosa tradicional (o himno dos sacerdotes arvais).

Os poetas posteriores sentiron certa reluctancia por el. Non existe acordo en canto ao seu esquema métrico, nin sequera en se é de fundamento cuantitativo ou acentual; só existe acordo en que cada verso se divide en dúas partes, iámbica e trocaica en termos xerais. O exemplo máis usualmente citado de saturnio perfecto é un verso que se supón que utilizou un membro da familia dos Metelos, en resposta aos ataques de que era obxecto por parte de Nevio: dabunt mallum Metelli/ Naevio poetae ("os Metelos castigarán a Nevio o poeta"). Tamén a aliteración parece xogar un papel importante no verso saturnio.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A maioría dos versos saturnios, pero non todos, seguen este esquema:

  • ∪ = sílaba breve.
  • – = sílaba longa.
  • ∪∪ = dúas sílabas breves, equivalentes a unha longa.
  • || = cesura
  • ∪ máis – (x no fin de verso) = posición ambivalente ocupada por sílaba breve ou longa.
  • ∪∪ máis – máis ∪ = posición ocupada por unha calquera das tres.

O epitafio do mesmo Nevio está tamén en saturnios:

Inmortalis mortalis si foret fas flere
Flerent divæ Camenæ Nævium poetam
Itaque postquam est Orchi traditus thesauro
Obliti sunt Romæ loquier lingua Latina

Os poucos versos saturnios que quedan da tradución latina da Odisea por Livio Andrónico (-260 - -207) son estes (a cesura márcase cunha barra vertical):

Virum mihi, Camena, | insece versutum
Tuque mihi narrato | omnia disertim
In Pylum devenies | aut ubi ommentans
Ibidemque vir summus | adprimus Patroclus
Quando dies adveniet, | quem profata Morta est
Atque escas habemus | mentionem
Partim errant, nequinont | Graeciam redire
Apud nimpham Atlantis | filiam Calipsonem