Métrica grecolatina
A métrica nas linguas grega e latina é cuantitativa, isto é, fúndase na repetición dun determinado patrón de sílabas de duración longa (habitualmente transcritas en métrica co signo de raia longa baixa ou __) ou ben breve (transcrito co signo U) denominado pé. Cada sílaba longa equivalía en duración a dúas breves.
O verso grego, como o latino e o do sánscrito, baséase na cantidade; a súa métrica fúndase na oposición de duración de sílabas longas e sílabas breves. «Longam esse duorum temporum brevem unius etiam pueri sciunt», «Até os nenos saben que unha longa vale dous tempos, unha breve, un», di Quintiliano na súa Institutio oratoria (IX, 4, 47).
Clases de pés
[editar | editar a fonte]O pé é a unidade métrica máis pequena da poesía grecolatina. Existen os seguintes tipos:
- Troqueo ou Coreo: –∪
- Iambo: ∪–
- Anfíbraco: ∪–∪
- Pírrico: ∪∪
- Tríbraco: ∪∪∪
- Proceleusmático: ∪∪∪∪
- Dáctilo: –∪∪
- Espondeo: – –
- Anapesto: ∪∪–
- Crético: –∪–
- Baquio: ∪––
- Peonio (1): – ∪∪∪
- Peonio (2): ∪∪∪–
- Xónico maior: ––∪∪
- Xónico menor: ∪∪––
- Coriambo: –∪∪–
- Moloso: –––
Licenzas métricas
[editar | editar a fonte]- O encontro dunha vogal final coa inicial da palabra seguinte produce a elisión da primeira: atque ego = atqu ego.
- Se unha palabra termina en -m e a seguinte comeza en vogal prodúcese sinalefa: Illum oratorem = Ill'oratorem.
- Sílaba anceps: toda sílaba final de verso é indiferentemente longa ou breve (anceps 'indiferente').
- O verso grecolatino fúndase en:
- Un número fixo de tempos marcados.
- As leis das cesuras ou pausas obrigatorias no interior dun verso.
- A cantidade indiferente da sílaba final.
Os gregos e latinos declamaban os versos indicando a medida co pé. De alí o nome de pés con que se designan as divisións do verso. O pé comprende dúas partes: unha correspondente ao tempo marcado (ou forte) sinalado co acento de intensidade ou ictus, e a outra que coincidía co tempo débil da medida.
O pé, para indicar a medida, baixaba para sinalar o tempo marcado e elevábase na parte débil. O retorno do tempo marcado era sensible ao oído polo golpe (ictus) do pé ou dun bastón no chan.
Clases de versos
[editar | editar a fonte]Segundo o tipo de pé predominante no verso, o ritmo pode ser trocaico, se nel se empregan troqueos; iámbico, se nel se empregan iambos; dactílico, se dáctilos; anapéstico,se anapestos, xónicos, etc.
Polo número de pés de que se compón, este pode ser trímetro ou tripodia (tres pés), tetrámetro ou tetrapodia (catro pés), pentámetro ou pentapodia (cinco pés), etc. Un verso de seis pés dactílicos é un hexámetro dactílico, un de seis pés iámbicos, un senario iámbico.
Os versos da poesía lírica adoitan denominarse segundo os nomes dos poetas que os crearon ou os difundiron: sáficos (Safo); alcaicos (Alceo); falecios (Faleco).
Os versos catalécticos son aqueles nos que o pé final sufriu un acurtamento (katalexis (κατάλεξις) 'terminación brusca') e comprenden unha soa sílaba no canto de dúas ou tres.
A cesura
[editar | editar a fonte]O verso comporta obrigatoriamente no seu interior unha separación das palabras ou pausa nun lugar determinado: é a cesura, que divide o verso en dous membros ou hemistiquios. En xeral, a cesura cae no interior dun pé. Algúns versos teñen dous e mesmo tres cesuras, por exemplo, o hexámetro. En principio, a cesura é independente do sentido, e xustamente porque non sempre coincide con el,contribúe a pór de relevo termos que a sintaxe non desligaría.
O hexámetro
[editar | editar a fonte]Ennio tomou dos gregos o hexámetro para o seu poema épico Annales, achegando unha innovación de gran transcendencia para a poesía latina. Despois del, escribiron en hexámetros, Lucilio, Lucrecio, Catulo, Virxilio, Ovidio e gran número de poetas durante a época imperial.
O hexámetro holodactílico consta só de dáctilos, salvo o pé final; o holoespondaico só de espondeos salvo a cláusula final de dous pés; o hexámetro latino baséase na alternancia de pés dáctilos e espondeos, aínda que a cláusula final é sempre a mesma: __UU / __U. O ideal para o poeta é incluír o máximo número de dáctilos e o mínimo de espondeos, pero como é practicamente imposíbel soster un ritmo continuo de hexámetros holodactílicos e o ritmo sería moi monótono, a convención admite a substitución de dúas breves por unha longa para formar un espondeo salvo na cláusula final.
O esquema do hexámetro é, por tanto, o seguinte:
__(UU ou __) / __(UU ou __) / __(UU ou __) /__(UU ou __) /__UU / __U
- A cesura pentemímera localízase despois do quinto semipé, e con ela soa o hexámetro xa está correcto: __UU __ __ __ || __ __ UU __UU __ U Nos patriae fines || et dulcia linquimus arva.
- Denomínase cesura heptemímera á que cae despois do sétimo semipé.
- É cesura trocaica é a que cae entre as dúas breves do terceiro dáctilo.
Estas dúas últimas cesuras han de aparecer xuntas ou o hexámetro non está correcto. Existen outras combinacións de cesuras pero aparecen moi raramente.
Os gramáticos antigos como Servio no seu De centum metris clasificaban tamén outras formas de hexámetro que non se tratan de métrica como se entende agora. Por exemplo, os seguintes versos rhopalicos de Ausonio:
En cada verso, cada palabra crécese dunha sílaba. Na mesma maneira, o verso áureo (vid. golden line) trátase das partes da oración, especificamente como os adxectivos, nomes, e verbos atópanse dentro do hexámetro.
O hexámetro noutras literaturas
[editar | editar a fonte]A métrica das distintas literaturas europeas tentou imitar a andaina do hexámetro grecolatino con desigual sorte; tentárono sobre todo os poetas alemáns; na literatura en español, Rubén Darío compuxo un famoso hexámetro holodactílico: «Ínclitas razas ubérrimas, sangue de Hispania fecunda» e Agustín García Calvo reproduciu na súa tradución parcial do De rerum natura de Lucrecio o ritmo do hexámetro procurando tan só imitar a cláusula final co ritmo acentual.
Dístico elexíaco
[editar | editar a fonte]Chámase dístico elegíaco á combinación entre un hexámetro e un pentámetro da seguinte forma:
__(UU ou __) / __(UU ou __) / __(UU ou __) / __(UU ou __) /__UU / __U
__(UU ou __) / __(UU ou __) / __ || __UU / __UU / __
Cada dístico elegíaco debe formar unha unidade de sentido completo. Un exemplo de Catulo:
Prosa métrica
[editar | editar a fonte]Na prosa tamén se practicaba un certo tipo de métrica, con fundamento nas sílabas tónicas contadas a partir do final do período.
- O cursus planus acentuábase na 2.ª e na 5.ª sílabas (contando desde o final).
- O cursus dispondaicus tiña acentos na 2.ª e 6.ª sílabas.
- O cursus velox contaba como tónicas a 2.ª e 7.ª sílabas.
- O cursus tardus acentuaba na 3.ª e 6.ª sílabas, contando desde o final.
Esta técnica, aínda que xa fose de uso corrente, foi explicada no século XII por Alberto Morra, quen viría ser o Papa Gregorio VIII, nunha obra titulada Forma dictandi quam Rome notarios instituit magister Albertus qui et Gregorius VIII, papa.
Métrica grega
[editar | editar a fonte]Evolución da métrica latina
[editar | editar a fonte]O máis antigo verso latino é o saturnio, de orixe moi escura. Livio Andrónico usou o saturnio como verso épico, é dicir, narrativo. A métrica de Plauto, caracterizada por unha rica polimetría, é de orixe popular e remóntase á tradición itálica e etrusca, pero pódese dicir sen equivocarse moito que a excepción do saturnio os latinos tomaron dos gregos todos os versos que empregaron, adaptándoos levemente á súa lingua, máis pobre en sílabas breves. Os esquemas métricos gregos naturalizáronse con rapidez e xa Ennio utilizou o hexámetro como verso épico. O hexámetro foi máis tarde perfeccionado por Lucrecio no século I a. C. e os poetas neotéricos (Catulo, Cinna etc.) terminaron de puílo imitando á escola alexandrina e engadindo o cultivo do dístico elexíaco (hexámetro + pentámetro) dos poetas helenísticos. Horacio codificou esta métrica de forma definitiva. Durante o reinado de Adriano (117–138), o gusto arcaizante liberalizou aínda máis a métrica e esta volveuse máis caprichosa. Por fin, durante o reinado de Comodiano (século III), comparece por primeira vez a primeira métrica acentual, que aos poucos irá suplantando á cuantitativa.
Na Idade Media a métrica clásica caeu no esquecemento e foi redescuberta polos humanistas.