Satyrium ilicis
Satyrium ilicis | |||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Satyrum ilicis sobre unha flor de silva. | |||||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||||
'Satyrium ilicis' Esper, 1779 |
Satyrium ilicis é unha pequena bolboreta marrón da familia Lycaenidae que habita nas carballeiras e aciñeirais do occidente eurasiático. Foi descrita por Eugenius Johann Christoph Esper en 1779 como Papilio ilicis.[1]
Descrición
[editar | editar a fonte]Son pequenas, de case 3 a 3,5 cm de envergadura, ás anteriores entre 14 e 16 mm, máis grandes as femias que os machos. O anverso das ás dos machos presenta unha cor marrón escura, cunha pequena mancha androconial escura case inapreciable nas ás anteriores e nas posteriores unha mancha laranxa no vértice anal e un apéndice caudal abrancazado en V2. As anteriores das femias adoitan posuír unha gran mancha postdiscal laranxa ou ocre. O reverso en ambos os sexos é tamén de cor marrón, aínda que máis claro, cunha liña descontinua bicolor —branco e marrón— na zona postdiscal das ás anteriores. Nas posteriores, ademais desa mesma liña na zona postdiscal, posúe cinco lúnulas alaranxadas submarxinais bordeadas de negro.[2][3]
Como o resto de especies da súa familia as eirugas son algo aplanadas, con finos pelos, cabeza retráctil e aspecto de lesma. Os imagos presentan nas súas cabezas palpos longos e brancos, ollos grandes e escuros e antenas aneladas en branco. Ambos os sexos posúen tres pares de patas funcionais para camiñar ou agarrarse, con ás fortes e ben proporcionadas que lles permiten voar rapidamente, pousándose en bebedoiros ou charcas nos calorosos días de verán.[4]
Ciclo biolóxico
[editar | editar a fonte]É unha especie univoltina, superando a diapausa en estado de ovo. As larvas eclosionan ao principio da primavera e comezan a alimentarse das follas de aciñeira ou carballo, desde a nervadura central cara á periferia. Tamén se poden alimentar de Rhamnus catharticus ou de cerdeira de acios.[5] É mirmecófila coa especie Camponotus aethiops. A finais da primavera transfórmase en crisálide. Os imagos voan ao principio do verán, nos meses de xuño e xullo, cando se reproducen e depositan os ovos.[6]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/f3/Satyrium_ilicis_y_Heliotaurus_ruficollis_01_by-dpc.jpg/220px-Satyrium_ilicis_y_Heliotaurus_ruficollis_01_by-dpc.jpg)
Poden ser vistas en poboacións dispersas pero abundantes en aciñeirais, carballeiras e monte baixo, así como en baldíos secos cubertos de maleza e en ladeiras abruptas entre carballeiras, desde baixa altitude até os 1500 m.[7][8][3]
Ten unha distribución eurasiática occidental.[8] Ocupa toda Europa, desde os países bálticos e sur de Suecia até a Península Ibérica, Asia Menor e Líbano; faltando das illas, tanto mediterráneas como atlánticas; na Península Ibérica é máis abundante nos aciñeirais e carballeiras dos Pireneos e cornixa Cantábrica, norte do Sistema Ibérico, norte e suroeste de Portugal e norte do Sistema Penibético, aínda que pode ser atopada tamén en zonas intermedias.[3][7]
Sinonimia
[editar | editar a fonte]- Papilio ilicis Esper, 1779;
- Papilio lynceus Fabricius, 1787
- Thecla caudatula Zeller, 1847
- Thecla bischoffii Gerhard, 1850
- Thecla bischoffii cilicica (Holtz, 1897)
- Thecla syra Pfeiffer, 1932
- Thecla syra pinoptas (Zerny, 1932)
Pero a especie tamén pode verse escrita como Fixenia ilicis ou Nordmannia ilicis.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Esper, E. J. C. (1779) Ademais pode observarse unha ilustración en Schmetterlinge in Abbildungen nach der Natur
- ↑ Aguado Martín, O. L. (2007), p. 567
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Higgins, L. G. y N. D. Riley (1980)
- ↑ Aguado Martín, O. L. (2007), pp. 537-538
- ↑ 5,0 5,1 Savela, M. (2011)
- ↑ Aguado Martín, O. L. (2007), pp. 567-568
- ↑ 7,0 7,1 Aguado Martín, O. L. (2007), p. 568
- ↑ 8,0 8,1 Leraut, P. (2007)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aguado Martín, O. L. (2007). Las mariposas diurnas de Castilla y León (Lepidópteros ropalóceros) Especies, biología, distribución y conservación II. Valladolid: Junta de Castilla y León. p. 1041. ISBN 978-84-9718-474-8.
- Esper, Eugenius Johann Christoph (1779). "Schmetterlinge in Abbildungen nach der Natur (Bolboretas nas ilustracións da natureza)" (en alemán). Consultado o 6 de xaneiro de 2011.
- Higgins, L. G. y N. D. Riley (1980). Guía de campo de las mariposas de España y Europa. Barcelona: Omega. p. 452. ISBN 84-282-0327-X.
- Leraut, Patrice (2007). Insectos de España y Europa. Barcelona: Lynx Edicions. p. 528. ISBN 978-84-96553-27-9.
- Savela, Markku (2011). "Lepidoptera and some other life forms" (en inglés). Consultado o 6 de xaneiro de 2011.