Sempre en Galicia
Este artigo trata sobre o programa de radio, para o artigo sobre o libro de Castelao véxase Sempre en Galiza.
Sempre en Galicia é un programa de radio en lingua galega realizado no Uruguai, emitido por Radio Oriental os domingos das 9:00 ás 10:00 da mañá (hora do Uruguai). É o programa decano en lingua galega, a primeira transmisión realizouse o 3 de setembro de 1950 e durante moitos anos foi o único programa realizado en galego.
Historia
[editar | editar a fonte]Nace en 1950 por iniciativa de oito galegos residentes no Uruguai: Manuel Meilán, Lois Tobío Fernández, Antón Crestar, Pedro Couceiro, Xesús Canabal, Emilio Pita, Manuel Leiras e Alfredo Somoza. A continuidade e o grao de implicación dos seus promotores sería desigual. Colaborarán nela persoas como Marisa Barrio, Cristina Samuelle ou Iolanda Díaz Gallego.
A posibilidade de facer un programa de radio en galego no exilio para as comunidades galegas no Río da Prata era unha idea que Castelao xa propuxera, máis logo da súa morte, o seu parente Alfredo Somoza decidiu levala a cabo[1]. Manuel Meilán, tirando da amizade que tiña cun dos propietarios[2], conseguiu que Radio Carve albergase o programa.
O programa comezou as súas emisións o 3 de setembro de 1950, Radio Carve[3], unha emisora con alcance en todo o territorio do Uruguai e Buenos Aires e sur do Brasil. O primeiro locutor foi Alfredo Somoza, quen se mantivo ata a súa morte en 1951, sendo substituído por Manuel Meilán. O programa comeza coa Muñeira de Chantada de fondo e o saúdo: "Bos días galegos, aquí Sempre en Galicia"[4]. As emisións duran unha hora na que se fan un repaso por temas que afectan á colectividade galega no Uruguai, comentarios culturais, así como noticias tanto do Uruguai como de Galicia. Durante a ditadura franquista, os locutores fixeron editoriais duras contra as situacións que se vivían en Galicia[4].Tras a morte de Meilán, en 1994, o programa está conducido por Toni de Searez, Ana Lorenzo[4] e Francis Queijo[5].
"Sempre en Galicia" é o programa de radio en galego máis lonxevo e ao longo da súa traxectoria contou coa colaboración e apoio do Patronato da Cultura Galega. As limitacións que para a emisión en lingua galega existían en Galicia por mor da ditadura de Franco ou na Arxentina, cuxa lexislación obriga a emitir en castelán[6], fixeron que este programa fose durante moitos anos o único en ser conducido en galego. En 2006 deixou Radio Carve e pasou a ser emitido por Radio Oriental.
Ao longo das súas décadas de existencia, o programa contou coa colaboración de importante persoeiros da cultura galega como Otero Pedrayo, Sixto Seco, García Sabell, Méndez Ferrín, Fernández del Riego, Filgueira Valverde, Ramón Piñeiro[7], Paz Andade, Suárez Picallo, María Casares, Alonso Ríos, Carballo Calero[8] e entrevistou a todos os Presidentes da Xunta.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Losa Rocha, Manuel (2007). A Galicia de Montevideo. Galaxia. p. 166. ISBN 978-84-9865-291-8.
- ↑ Samuelle Lamela, Cristina (1993). Conversas con Manuel Meilán. Xerais. ISBN 84-7507-754-4.
- ↑ "Radiodifusión galega na emigración". Consello da Cultura Galega. Consultado o 1-4-2021.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Sempre en Galicia / Hemeroteca / Fondos documentais / Consello da Cultura Galega". consellodacultura.gal. Consultado o 2021-04-01.
- ↑ "O programa de radio máis vello en galego cumpre 70 anos". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-09-03. Consultado o 2021-04-01.
- ↑ Rivas, Manuel (1983-09-02). "RNE emite el programa uruguayo 'Sempre en Galiza'". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-04-01.
- ↑ Faraldo, Manuel L. (2020-09-08). "Sempre en Galicia, el programa de radio en gallego más longevo, cumple 70 años en Montevideo". España Exterior (en castelán). Consultado o 2021-04-01.
- ↑ Blanco Campaña, Xosé Luís (1999). Historia da radio en Galicia. Edicións Lea. p. 336. ISBN 84-89947-73-2.