Saltar ao contido

Xiba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sepia»)
Xiba / Choco
Sepia officinalis

Sepia officinalis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Cephalopoda
Orde: Sepiida
Familia: Sepiidae
Xénero: Sepia
Especie: S. officinalis
Nome binomial
Sepia officinalis
Linnaeus, 1758
Sinonimia
  • Sepia rugosa Bowdich, 1822
  • Sepia vicellius Gray, 1849
  • Sepia zebrina Risso, 1854
  • Sepia filliouxi Lafont, 1869
  • Sepia officinalis mediterranea Ninni, 1884 [1]

A xiba[2], choco[3], chopo[4][5] ou sepia[6], de nome científico Sepia officinalis, é un molusco cefalópodo mariño da familia dos Sepiidae, dentro da orde dos Sepiida. É a especie máis coñecida do seu xénero.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]
S. officinalis

Ten un corpo ancho, oval, aplanado, de ata 30–40 cm de lonxitude. Presenta dúas expansións laterais a modo de aletas que percorren todo o corpo. O bordo anterior do manto presenta na zona dorsal un lóbulo triangular, obtuso, que avanza entre os ollos. O sifón é ventral e pequeno.

A cuncha é interna, de forma ovoide, laminada e con estrías. Cando se encontran varadas nas praias, os nenos (e os mariñeiros) chámana pan de gaivota, debido ao costume destas aves de picar nelas para conseguiren o carbonato cálcico que precisan para fabricaren a casca dos seus ovos.

Teñen oito brazos e dous tentáculos. Os primeiros son curtos, retráctiles e con catro filas de ventosas; os segundos son tres veces máis longos e só presentan algunhas ventosas, ensanchadas, no extremo final ou maza; só se utilizan para a reprodución ou para agarrar as presas.

A cor é moi variable, en función das circunstancias biolóxicas e o substrato no que se pousan. Adoitan ser de cor moura ou gris apardazada, con puntos de distinto tamaño ou bandas de cor. A zona ventral é abrancazada.[7]

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Distribúese amplamente no Atlántico e no Mediterráneo.

Vive na franxa sublitoral, ata os 250 metros de profundidade, sobre area ou sedimentos onde se pode enterrar parcialmente.

Aliméntase de crustáceos e peixes. A posta faina sobre algas, corais ou cunchas abandonadas[8] e hai veces que inxecta tinta nos ovos para escurecelos e facilitar a camuflaxe e o ocultamento fronte aos depredadores.

Interese pesqueiro e comercial

[editar | editar a fonte]
Nomes que recibe Sepia officinalis na costa galega.
Pan de gaivota, a cuncha interna da xiba.

En Galicia é unha especie de grande interese comercial. Péscase con diversas artes e en todas as épocas do ano aínda que a súa mellor época vai de decembro a febreiro.

Cocíñase de diferentes formas (cocida, á prancha, na súa tinta, á romana).

[editar | editar a fonte]

Filgueira recolleu tamén a denominación popular de galiña do mar, que Ríos Panisse explica pola preseza do bico córneo, que pode semellar ó dunha galiña.

Á xiba pequena chámana chopo e choquiño (que non hai que confundiur cos verdadeiros choquiños, especies do xénero Sepiola e outros, da familia dos Sepiolidae).

A cuncha de xiba recibe os nomes populares, entre outros, de pan de gaivota e pan senso.

En Redondela celébrase unha afamada Festa do choco. Di Eladio Rodríguez que os chocos "Abundan ... muy especialmente en Redondela, que vulgarmente se llama en todo su contorno a vila dos chocos" [9].

Fraseoloxía

[editar | editar a fonte]
  • Mazado coma un choco: moi canso
[editar | editar a fonte]
  • Ofrecécheme unha tunda,/ choqueira de Redondela,/ ofrecécheme unha tunda,/ agora veño por ela (Bouza Brey 1929, 178)
  • Para peixe fresco Vigo,/ para chocos, Redondela, / para camaróns Moaña,/ para marisco Cedeira
  1. Sepia officinalis en ITIS.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xiba.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para choco.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chopo.
  5. Ríos Panisse (1977), pp. 80-82.
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sepia.
  7. Ramonell, Rosa (1985), pp. 144-146.
  8. Nos acuarios poden facelo sobre ramas de árbores que lles botan na piscina.
  9. Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961, s.v. choco.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bouza Brey, Fermín (1929): "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 153-204 [en facsímile II].
  • Dirección Xeral de Formación Pesqueira (1999): Guía do consumidor de peixe fresco. Santiago: Xunta de Galicia.
  • Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-560-3
  • Ríos Panisse, Mª del Carmen (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]