Eladio Rodríguez González
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de xullo de 1864 ![]() San Clodio, España ![]() |
Morte | 14 de abril de 1949 ![]() A Coruña, España ![]() |
![]() | |
19 de xuño de 1944 – 15 de outubro de 1944 ← Manuel Casás Fernández – Manuel Casás Fernández → | |
![]() | |
20 de novembro de 1926 – 3 de abril de 1934 ← Francisco Ponte Blanco – Manuel Lugrís Freire → ![]() | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España ![]() |
Actividade | |
Ocupación | escritor ![]() |
Partido político | Liga Gallega ![]() |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía |
Lingua | Lingua castelá e lingua galega ![]() |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia![]() | |
Fillos | Julio Rodríguez Yordi ![]() |
![]() ![]() |
Eladio Rodríguez González, nado en San Clodio (Leiro) o 24 de xullo de 1864 [1] e finado na Coruña o 14 de abril de 1949, foi un lexicógrafo, xornalista e escritor galego. Foi un dos corenta membros numerarios fundadores da Real Academia Galega, a cal presidiu entre 1926 e 1934; tamén é autor dun dicionario, ó que lle dedicou toda a súa vida, moi valorado polo seu contido etnográfico, que foi editado postumamente. No ano 2001 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Foi fillo dun labrego, Camilo, e unha costureira, Agustina, solteira, que tiveron outros tres fillos: Emilio (que morreu novo), Petra e Matilde. Con sete anos de idade, a nai mandoulle a vivir cun irmán seu na Coruña porque "o neno non serve pra o campo, o neno é de letras", pero volveu pronto ao seu lugar de nacemento, onde traballou de mestre -sen titulación- no convento de San Clodio.
En 1886 escribiu a súa primeira poesía coñecida, A noite de San Xoán, coa que conseguiu un accésit no "Certame gallego literario-musical", celebrado en Pontevedra. Nese mesmo ano publicou outros traballos en revistas como O Galiciano (semanario de Pontevedra que convocara eses xogos florais [2]), O Tio Marcos d'a Portela (Ourense [3]) e Galicia Moderna (editada en Cuba [4]). En 1887 participou noutros xogos florais convocados en Betanzos e conseguiu tres premios [5]; no mesmo ano publicou nas revistas Galicia. Revista Regional (A Coruña) e A Gaita Gallega (Cuba [6]).
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/f/f4/Eladio_Rodr%C3%ADguez_Gonz%C3%A1lez%2C_1904.jpg/220px-Eladio_Rodr%C3%ADguez_Gonz%C3%A1lez%2C_1904.jpg)
De volta na Coruña (1888) comezou a traballar como escribán temporal no concello da Coruña, no que traballou ata a súa xubilación en 1937) como Oficial Maior, aínda que sempre compaxinou este traballo co xornalismo, a lexicografía e a poesía. Froito desta dedicación foron a dirección do xornal La Mañana e continuas colaboracións nas revistas galegas e da emigración da época, como Galicia Humorística (Santiago), El Eco de Galicia (Cuba), A Monteira (Lugo) etc.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/7/77/Revista_Gallega_521_%2811.03.1905%29_-_A_redacci%C3%B3n_da_RG._Arquivo_RAG.jpg/250px-Revista_Gallega_521_%2811.03.1905%29_-_A_redacci%C3%B3n_da_RG._Arquivo_RAG.jpg)
O 28 de marzo de 1891 casou coa coruñesa Josefa Benigna Evarista Yordi Visier, coa que tivo sete fillos: Luís Galo, Arturo, Eladio, Julio, María, Adela e Mercedes. O mesmo ano conseguiu o Premio de Honor nos xogos florais de Tui polo seu poema "Desperta" [7].
En 1894 publicou o seu primeiro libro de poemas, Folerpas, con obras premiadas nos certames literarios nos que se tiña presentado.
O ano 1895 naceu a Revista Gallega, na imprenta de Uxío Carré Aldao, con Eladio Rodríguez como membro da redacción. Constituída como órgano de expresión da Cova Céltica, da que nacerá dez anos despois a Real Academia Galega, Eladio Rodríguez participou nos faladoiros da librería xunto con Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Salvador Golpe, Francisco Tettamancy, Galo Salinas, Manuel Lugrís Freire e, ocasionalmente, Emilia Pardo Bazán. O 22 de setembro dese mesmo ano, os membros da Cova Céltica constituíron a Liga Gallega [8] allea a calquera partido político e co único obxectivo de loitar polos intereses de Galicia. A partir do 14 de novembro de 1897, a Revista Gallega proclamábase Órgano oficial de la Liga Gallega en La Coruña. Eladio Rodríguez foi nomeado bibliotecario da "Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos", máis coñecida como "Círculo de Artesanos da Coruña"; como bibliotecario desta organización, elaborou un "Catálogo de las obras científicas, literarias y musicales" da institución, con máis de 3.300 obras (publicado en 1901 e ampliado en 1907).
Foi un dos socios fundadores da Asociación da Prensa da Coruña en 1904, da cal foi tamén presidente.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e2/Sentados%2C_de_e._a_d.%2C_Ojea%2C_Murgu%C3%ADa%2C_Curros_e_Mart%C3%ADnez_Salazar._De_p%C3%A9_Carr%C3%A9_Aldao%2C_Florencio_Vaamonde_Lores%2C_Tettamancy_e_Eladio_Rodr%C3%ADguez.jpg/275px-Sentados%2C_de_e._a_d.%2C_Ojea%2C_Murgu%C3%ADa%2C_Curros_e_Mart%C3%ADnez_Salazar._De_p%C3%A9_Carr%C3%A9_Aldao%2C_Florencio_Vaamonde_Lores%2C_Tettamancy_e_Eladio_Rodr%C3%ADguez.jpg)
En 1905 participou como socio fundador da Real Academia Galega, con Murguía como Presidente. Eladio foi o seu secretario desde 1920 a 1926, e o seu presidente desde esta data ata 1934, ano en que dimitiu por razóns de saúde.
Continuou colaborando con revistas literarias e galeguistas [9], como A Nosa Terra [10], Solidaridad Gallega, Suevia (Buenos Aires), El Compostelano (Santiago [11]) ou o suplemento literario que El Noroeste comezou a publicar en 1918 [12]. No Boletín da Real Academia Galega publicou numerosos ensaios.
En 1916 participou na fundación da Irmandade dos Amigos da Fala (Irmandades da Fala), promovidas por Antón Villar Ponte [13]
En 1917 participou na fundación do coro Cántigas da Terra, que chegou a presidir e para o que escribiu un poema co mesmo título "Cántigas da Terra". En 1918 gañou o primeiro premio da Festa da Poesía e da Música da cidade de Lugo, con "Alma de raza", e o premio especial e extraordinario con "¡Malpocado!".
En 1920, xa secretario da Real Academia Galega, respondeu ó discurso de ingreso de Ramón Cabanillas; en 1926 respondeu igualmente ó discurso de ingreso de Fernando Martínez Morás. En 1922 publicouse o seu segundo libro, Raza e terra [14]. En 1924 gañou co poema "Oraciós campesiñas" o premio de honor na Festa da Língoa Galega, en Santiago.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/b/bf/Elecci%C3%B3n_de_Eladio_Rodr%C3%ADguez_como_presidente_da_Real_Academia_Galega%2C_A_Coru%C3%B1a%2C_20_de_novembro_de_1926.jpg/275px-Elecci%C3%B3n_de_Eladio_Rodr%C3%ADguez_como_presidente_da_Real_Academia_Galega%2C_A_Coru%C3%B1a%2C_20_de_novembro_de_1926.jpg)
O 20 de novembro de 1926 resultou elixido por unanimidade como presidente da Real Academia Galega, para suceder a Francisco Ponte Blanco, cargo que ocupou ata o 4 de marzo de 1934, ano en que foi sucedido por Manuel Lugrís [15]. Por este cargo, colaborou na comisión redactora do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía en 1932.
En 1927 publicou Oraciós campesiñas [16], foi nomeado académico correspondente da Sección Gallega da Real Academia Española e membro do Instituto Histórico do Minho (Portugal). Tamén ingresou no Seminario de Estudos Galegos.
Enfermo desde 1934, renunciou á presidencia da Academia e foi reducindo as súas colaboracións literarias. Finalmente, morreu na Coruña o 14 de abril de 1949 e recibiu sepultura no cemiterio de San Amaro, na Coruña.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 2001.
Obras[editar | editar a fonte]
Poesía[editar | editar a fonte]
- Folerpas. Poesías gallegas (A Coruña: Andrés Martínez Salazar, 1894)
- Raza e terra (Ferrol: Céltiga, 1922)
- Oraciós campesiñas (A Coruña: Lit. e Imp. Roel, 1927)
Prosa[editar | editar a fonte]
- La Ultima broma, con Alfredo de la Fuente (A Coruña, 1897).[17]
Diccionario enciclopédico gallego-castellano[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Diccionario enciclopédico gallego-castellano.
Fóra de toda dúbida, a obra máis coñecida de Eladio Rodríguez foi o seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, considerado o máis importante ata a aparición dos dicionarios monolingües [18] e fonte principal dos dicionarios modernos da lingua galega.
Aínda que se anunciou a súa publicación en 1928 e 1933, non foi posible levalo ó prelo ata 1958, case 20 anos despois da morte do autor.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/1a/Recepci%C3%B3n_de_Castelao_na_Real_Academia_Galega%2C_A_Coru%C3%B1a%2C_25_de_xullo_de_1934.jpg/800px-Recepci%C3%B3n_de_Castelao_na_Real_Academia_Galega%2C_A_Coru%C3%B1a%2C_25_de_xullo_de_1934.jpg)
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Data tomada da biografía publicada por Teresa Monteagudo (px. 21), que transcribe o certificado de bautismo asinado o 27 de xullo: "...baptizo solemnemente y pongo los santos óleos a un niño que dijeron había nacido el veinte y cuatro antecedente a las doce del día". A Gran Enciclopedia Galega dá a data do 27 de xullo como a do nacemento.
- ↑ "Presentementos", "Catro verdades" -asinado como Mingos Reza- e "Or'o demo".
- ↑ "Os gallegos fora d'os lares". Co tempo publicaría moitas máis colaboracións no Tío Marcos.
- ↑ "Os gallegos fora d'os lares" e "El toque de Alba".
- ↑ Premio de Honor por "Os orfos da emigración", Caravel de prata por "O puzo d'o barco" e o primeiro accésit por "¡Arrenégote moda!".
- ↑ "Presentimentos".
- ↑ Neste acto, Alfredo Brañas pronunciou un discurso no que falou destes actos literarios como unha manifestación práctica do rexionalismo, unido así cultura e política no movemento rexionalista.
- ↑ Fundada formalmente en novembro de 1897, con Salvador Golpe como presidente, Lugrís como secretario e Eladio Rodríguez entre os vocais.
- ↑ En total, hai catalogadas colaboracións en, canto menos, 45 periódicos e revistas.
- ↑ Na que escribiu case 30 colaboracións desde o primeiro número ata 1927, xa na segunda época da revista. Nesta segunda época, que comeza en 1916, publicou a sección "Pintores d'almas" na que escribiu sobre Castelao, Asorey, Sotomayor, Sobrino, Lloréns etc. Con estes artigos tiña pensado publicar un libro co título Terra a miña, que nunca chegou ó prelo.
- ↑ No que publicou ata 79 colaboracións entre 1925 e 1941.
- ↑ Do que Eladio Rodríguez foi primeiro xefe de redacción e logo director desde a segunda entrega. Neste suplemento volveu a publicar algúns artigos da serie Pintores de almas.
- ↑ En novembro dese ano, Eladio Rodríguez foi nomeado "Iº Mestre da Fala" no primeiro concurso literario que convocan as Irmandades, polo seu poema "Orballeiras".
- ↑ Doce poesías, das que oito foron incluídas posteriormente dentro do seu terceiro libro Oraciós campesiñas.
- ↑ Volveu ocupar o cargo de forma provisional entre o 19 de xuño ó 15 de outubro de 1944.
- ↑ No libro, o autor anuncia un próximo libro, Sementadores de ideal, que nunca chegaría a ser publicado.
- ↑ "La Ultima broma". Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2016. Consultado o 27 de xaneiro de 2015.
- ↑ Ernesto Xosé González Seoane: "Sobre as fontes lexicográficas galegas do DEGC" en Ramón Lorenzo (coord.): Homenaxe a Fernando R. Tato. Universidade de Santiago de Compostela, 2002, p. 145.
- ↑ Recepción de Castelao na Real Academia Galega na Coruña o 25 de xullo de 1934.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eladio Rodríguez González ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- "Rodríguez González, Eladio". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 189.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Álvarez, V. (2001). "Eladio Rodríguez González e a Real Academia Galega. Crónica e epistolario". Boletín da RAG (362): 9–67. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2018. Consultado o 24 de setembro de 2018.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) III. Bibliófilos Gallegos. p. 216.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 384. ISBN 84-7492-465-0.
- Montagudo, Teresa. "Cronobiografía de Eladio Rodríguez González", en García, C. (coord.): Eladio Rodríguez González. Escolma, CIRP, Santiago, 2001.
- Otero Fernández, David (2001). A vida de Eladio Rodríguez. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-424-0.
- Santamarina, Antón. O Diccionario de Eladio. Algunhas reflexións sobre o seu significado na lexicografía galega. Vieiros.com Arquivado 09 de abril de 2012 en Wayback Machine.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Biografía na páxina web da Real Academia Galega Arquivado 08 de abril de 2012 en Wayback Machine.
- Artigos de Eladio Rodríguez Arquivado 11 de abril de 2018 en Wayback Machine. publicados no Boletín de la Real Academia Gallega.
Predecesor: Francisco Ponte Blanco |
Presidente da RAG 1926 - 1934 |
Sucesor: Manuel Lugrís Freire |