Sigrid Buschmann
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de abril de 1937 Düsseldorf, Alemaña |
Morte | 25 de xullo de 2011 (74 anos) Bochum, Alemaña |
Lugar de sepultura | cemiterio de Germersheim |
Educación | Rheinische Friedrich-Wilhelms-Universität Bonn |
Actividade | |
Ocupación | lingüista |
Familia | |
Fillos | R. Gaston Gelos |
Sigrid Buschmann, coñecida tamén como Sigrid Gelos ou como Sigrid Buschmann de Gelos, nada en Düsseldorf o 27 de abril de 1937 e finada en Bochum o 25 de xullo de 2011,[1] foi unha lingüista alemá especializada nas áreas da lingüística e literatura española e portuguesa. É autora do único intento publicado de realizar un dicionario etimolóxico da lingua galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Sigrid Buschmann estudou Lingüística Románica e Inglesa nas universidades de Bonn, Friburgo e Montevideo, entre os anos 1956 e 1964. Neste último ano graduouse na Universidade de Bonn. Nese mesmo ano comezou a traballar como axudante do profesor Harri Meier. Ao tempo foi preparando, e publicou no ano 1965, a súa tese que lle valeu o título de doutora, e que constituía unha aproximación etimolóxica á lingua galega, co título de "Beiträge zum etymologischen Wörterbuch des Galizischen" (Contribución ao Dicionario etimolóxico do Galego).
O seu traballo como axudante rematou en 1967. Nese ano entrou como profesora no Goethe-Institut de Montevideo, Uruguai, onde exerceu até o ano 1972. Os dous anos seguintes pasounos como investigadora nas universidades de Bonn e Colonia. No ano 1975 volveu para ao Goethe-Institut de Montevideo, do que regresou a Alemaña en 1982.[2] Desde ese ano traballou como profesora no Instituto de Lingüística da Universidade Johannes Gutenberg de Maguncia-Germersheim am Rhein, até a súa xubilación en 2002.
O Dicionario Etimolóxico de Buschmann
[editar | editar a fonte]As "Beiträge" de Buschmann, obra ambiciosa, seguían as pautas do Romanisches etymologisches Wörterbuch ou REW de Wilhelm Meyer-Lübke. Malpocadamente correspondía aos verbetes A-F, e aínda que parece que se prometía un segundo volume para o ano 1978[3], este non veu a luz. Incorporaba os resultados de dicionarios anteriores para o castelán e o portugués, alén das propias contribucións da autora, daquela aínda moi nova, e que desde entón semella que abandonou as investigacións sobre o galego. Porén a súa obra foi unha moi salientábel contribución aos estudos sobre o idioma galego, que por entón nin tan sequera contaba con dicionarios ordinarios científicos, pois os máis próximos no tempo como eran os de Leandro Carré Alvarellos e o de Eladio Rodríguez González non eran tal.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Filla de Hermann Buschmann e Martha Buschmann (nacida Dehler). Casou co uruguaio Rafael Gelos, e foi nai de Rafael Gaston Gelos (n. 1969).
Obra publicada
[editar | editar a fonte]- Beiträge zum etymologischen Wörterbuch de Galizischen. Bonn. Romanisches Seminar der Universität Bonn. 1965, 314 páxs (Contribución ao dicionario etimolóxico do galego).
- Bezeichnungen für "sich Niederhocken" in der Iberoromania, in rev. Romanischen Forschungen, Frankfurt am Main, vol. 85, 1973, páxs. 532-545 (Denominacións para "pórse de crequenas" na Iberorromania).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Matthias Perl (29 de xullo de 2011). "Frau Dr. Sigrid Gelos (geb. Buschmann)" (PDF) (en alemán).
- ↑ "Sigrid Gelos". SciPort RLP (en alemán).
- ↑ Segundo escribía Antón Santamarina na Gran Enciclopedia Gallega, t. IX, s.v. Diccionarios